Os beneficios do vapor de auga
Sen embargo, para tirarlle o máximo proveito e evitar posibles riscos hai que coñecer moi ben o seu funcionamento e se se ten algunha dúbida sobre a conveniencia do seu uso, débese pedir consello médico.
Os característicos baños sauna tómanse en cuartos de madeira (tanto as súas paredes coma os asentos constrúense deste material), que conteñen unha estufa alimentada orixinalmente con leña, hoxe con electricidade. Esta quece pedras, ás que se lles bota auga para xerar vapor, intensifica-la calor e estimula-la transpiración. A calor dilata os vasos capilares da pel para mante-la presión sanguínea, que nun principio tende a diminuír. O ritmo cardíaco aumenta ata multiplicarse por dous e ata por tres. Isto tradúcese nun incremento da circulación na superficie da pel, semellante ó que se orixina cando camiñamos rápido.
Encontro con numerosos beneficios
Desde o momento no que entramos na sauna, o corpo experimenta unha serie de reaccións. As primeiras son a transpiración e a hidroforese (apertura dos poros da pel). Como consecuencia prodúcese a eliminación de toxinas e unha limpeza da epiderme en profundidade. Despois, a elevada temperatura e o grao de humidade estimulan a rega sanguínea e a rexeneración das células, o que significa que a sauna pode axudar a aliviar varias enfermidades cutáneas e respiratorias. A concentración de calor resulta tamén positiva para o sistema cardiovascular, dado que o corazón, ó adaptarse á vasodilatación, bombea máis forte e polo tanto favorécese a circulación. De igual maneira, as altas temperaturas inflúen nas terminacións nerviosas, provocando un retardo dos impulsos sensitivos que van da pel ó cerebro. Resultado: o individuo experimenta unha relaxación, na que radica o efecto antiestrés da sauna. Para rematar, a combinación de calor cun aceite de acción terapéutica (mentol ou eucalipto), actúa de xeito moi positivo nos bronquios e o sistema respiratorio en xeral.
Non é recomendable para todos
A sauna pode resultar ser perigosa para quen padece determinadas enfermidades do corazón, xa que suar abundantemente provoca que se concentren tamén os fluídos corporais, polo que o sangue se torna máis denso e isto pode provocar un ataque cardíaco. Por iso, os especialistas recomendan tanto no caso de hipertensión coma nas persoas cardiópatas consultar co médico a conveniencia ou non de acudir a unha sauna. Ademais, hai estudios médicos que advirten de que o abuso das sesións de sauna pode ser nocivo para a vida sexual. Esta conclusión fundaméntase en que o calor dunha sauna pode reducir drasticamente a cantidade e calidade do seme masculino, e no caso das mulleres, ocasionar fortes hemorraxias menstruais e mesmo interrompe-la ovulación. Outro dato moi importante proporciónano estudios realizados nos EEUU, que demostran que os bebés nacidos de mulleres que utilizan a sauna con frecuencia presentan o dobre de probabilidades de padeceren espiña bífida, a consecuencia do excesivo quentamento do útero. Por iso, advírtese de que a muller embarazada non debe acudir á sauna e a que pense quedar embarazada debería limitar cada sesión a 15 minutos entre períodos de arrefriamento.
Beneficios terapéuticos da sauna
- Melloría da circulación. A medida que o corazón acelera os seus latexos para levar sangue ata a superficie da pel co fin de arrefriala, a velocidade circulatoria elimina máis á présa os productos de refugallo do corpo.
- Melloría da resposta da suor. O corpo quente respira para arrefriar, adestrando as glándulas sudoríficas e mantendo funcional a resposta da suor para favorece-la regulación termal fóra da sauna, especialmente durante o exercicio e o tempo cálido.
- Eliminación de toxinas. Sabíase que na sauna se eliminan minerais do corpo, pero o seu papel de axudar á expulsión de toxinas era descoñecido, ata que se efectuou unha análise e a lista de chumbo expulsado durante unha sesión de sauna resultou impresionante. É certo que os minerais positivos para o organismo tamén se eliminan cando suamos moito, polo que debemos asegura-la súa substitución cunha dieta sa e non arriscarnos a perder líquidos que non nos sobran.
- Alivio da dor. A combinación de calor corporal, melloría da circulación, emisións de endorfinas e quecemento das articulacións ríxidas alivia a dor e as molestias. Un corpo quente tamén é menos sensible á dor.
- Axuda para o sono. Ó relaxa-lo corpo e eliminar moitas das dores, a sauna permítenos durmir mellor.
- Melloría da función cardiovascular. Os investigadores xaponeses din que o uso da sauna pode axuda-las persoas con fallos cardíacos conxestivos, xa que mellora a súa eficiencia de bombeo cardíaco e o fluxo sanguíneo. A súa investigación utilizou unha sauna morna, a temperaturas duns 60 graos.
- Mellor respiración. Investigadores holandeses preocupados porque a sauna puidese producir broncoconstricción (e dificultades respiratorias) descubriron que acontecía exactamente o contrario. Comprobaron que os pacientes con enfermidades pulmonares obstructivas melloraban transitoriamente as súas funcións pulmonares.
- Alivio da artrite. A sauna pode reduci-los efectos da artrite reumatoide. Investigadores rusos descubriron que a sauna exerce un efecto positivo sobre o sistema locomotor e o estado psicoemocional amais de alivia-la dor.
O baño turco ou hamam
Unha alternativa á sauna que cada vez recolle máis adeptos é o baño turco. Aínda que os que se poden atopar nestas latitudes raramente coinciden coa fórmula orixinal, que destina un edificio para alberga-lo hamam e o seu sistema de salas de calor dotadas de diferentes temperaturas: a primeira, a 45 graos; a segunda, a 55º e a terceira a 70º, si respectan os catro elementos básicos: a calor seca, a calor húmida, o frío e a masaxe. Estes elementos estimulan e limpan o corpo amais de melloraren a saúde de xeito parecido á sauna, pero non hai dúbida de que o impacto é menor. De novo cómpre previr a aquelas persoas que teñen a tensión alta, algunha enfermidade cardíaca ou un trastorno de circulación, que deberán consultar un médico antes de entrar.
- É moi recomendable tomala despois dun esforzo, por exemplo, tras practicar deporte, pero aconséllase descansar entre 15 e 30 minutos antes, para que o corpo poida reaccionar sen problemas á calor.
- Se transcorreu moito tempo desde a última comida, débese tomar un pouco de pan ou un doce para que o sangue conteña glicosa.
- Por hixiene, deberá ducharse a fondo con auga morna antes de entrar e secar, xa que a pel seca súa máis. Ó saír cómpre secarse ben, se non retense suor na pel, irritándoa e provocando, en última instancia, un eccema.
- As persoas con pés fríos deben introducilos en auga quente durante 4-5 minutos antes (ou despois) dunha sauna. Acelera a irrigación sanguínea e saca a calor cara ó exterior.
- É preferible non se colocar no nivel inferior (só se consegue sobrecarga-lo corazón) senón no banco intermedio ou superior. Déitese ou sente cos pés sobre o asento para que todo o corpo permaneza á mesma temperatura.
- Asegúrese de que a temperatura da sauna é axeitada (entre 80 e 90 graos centígrados) para que a pel alcance os 39-40 graos, mentres se mantén o interior do corpo entre 38 e 38 graos e medio.
- O normal é que ós 8-12 minutos o corpo sinta xa ganas de refrixerarse. E nese momento cómpre saír, sen tomar en consideración se se transpirou abondo ou non. As persoas moi afeitas poden permanecer ata 15 minutos, pero recoméndase descansar despois dese período.
- Antes de abandona-la cabina, sente cos pés colgando no banco para que a circulación se adapte de novo á posición vertical. Ó incorporarse de súpeto, o sangue pode acumularse e producir unha especie de vertixe ou síncope. Érgase a modiño.
- Ó saír, é importante permanecer uns minutos (poucos, para non chegar a tiritar) fóra da sauna (se se pode, ó aire libre) para arrefria-las vías respiratorias. Os pulmóns precisarán aire exterior.
- Despois, dúchese con auga fría (se a presión sanguínea é alta, que sexa morna). Dirixa o chorro desde as extremidades cara ó centro do corpo, na dirección do corazón, para devolverlle o ritmo.
- Se aínda lle queda tempo -e ganas- un baño de inmersión en auga fría fará reacciona-los vasos sanguíneos e aumentará a presión arterial.
- Tomar un baño de sauna significa “quecer” e “arrefriar”, de forma alterna, polo menos dúas veces. Quen acabe de iniciarse nestas cuestións non debería repetir máis ca unha vez o ciclo calor-frío, mentres que os máis experimentados xa poden facer unha segunda, e ata unha terceira entrada na sauna.
- O arrefriamento axeitado despois da última “visita” tórnase fundamental para non suar despois de vestirse e previr arrefriados. Descansar deitado 30 minutos tamén evitará un arrefriamento forte.
- Entrar na sauna con fame, co estómago cheo (deixe que transcorra como mínimo unha hora desde a comida) ou en estado de esgotamento. Pode sufrir un colapso.
- Durante a sesión non beba líquidos, xa que non se produciría a desintoxicación corporal. Despois, tome zumes de froita diluídos en auga ou simplemente auga mineral.
- Non realice exercicios de ximnasia dentro da cabina, nin lle dea conversa ós seus veciños porque deste xeito “carga” a respiración e a circulación.
- Non refregue a suor. Só conseguirá provocar proídos.
- Non alongue nunca a sesión máis de 15 minutos, nin realice máis de tres “visitas”.
- Non se duche despois da sauna con auga quente. Tampouco debe colocarse envolturas para seguir suando porque interfiren no bo ritmo que se acada na sauna.