Os factores de risco non son unha enfermidade
Durante a década dos anos 50 as compañías de seguros estadounidenses comezaron a elaborar estatísticas baseándose nas súas pólizas de seguros e observaron que as persoas obesas e hipertensas tiñan máis problemas cardiovasculares e morrían antes. Comezouse a perfilar así o concepto moderno de “factor de risco”, que se desenvolvería con posterioridade a través de estudos epidemiolóxicos e comunitarios como o informe FRAMINGHAN, que identificou múltiples situacións de risco para as enfermidades cardiovasculares. Dende aquela, a investigación desenvolveuse ininterrompidamente e xa se coñecen centos delas para diversas enfermidades, en especial para as crónico-dexenerativas.
Defínese como factor de risco toda circunstancia ou característica, ben sexa conxénita, hereditaria, derivada dunha exposición ambiental ou dos hábitos de vida, que se asocia, por medio dun estudo estatístico, á aparición dunha enfermidade. Unha alimentación inadecuada, a idade, o sexo ou o sobrepeso son algúns deles. Trátase, xa que logo, dun elemento que implica certo grao de risco ou de perigo que aumenta as probabilidades de contraer unha enfermidade. En todo caso, o seu fundamento limítase ao ámbito estatístico e, nos máis dos casos, non implica relación de causalidade.
De feito, as últimas evidencias dispoñibles sinalan que o valor preditivo dos factores de risco é máis ben escaso e que as táboas de cálculo do risco individual teñen un poder de predición clinicamente irrelevante. Un seguimento de dez anos sobre individuos etiquetados de alto risco por ser simultaneamente fumadores, hipertensos e hipercolesterolémicos evidenciou que o 87% non tivo ningún infarto de miorcardio. Se ben é certo que neste grupo a taxa de infartos foi maior ca entre os que non fumaban, eran normotensos e non tiñan alto o colesterol, as probabilidades de padecer un problema coronario calculadas para o grupo de alto risco non se cumpriron. Un estudo sobre persoas diabéticas e a estimación do seu risco coronario realizado en Cataluña deu resultados semellantes.
A súa identificación serviu para asentar a prevención no seu sentido máis actual: se se elimina o factor de risco, as probabilidades de contraer a enfermidade desaparecen ou diminúen. Iniciouse, así, o costume das revisións destinadas a identificar os portadores de determinados factores. Máis tarde incluíuse na medicina preventiva o diagnóstico precoz baseado en probas e en exploracións, coñecido como “cascada diagnóstica”, ás veces complexa e non exenta de risco que, amais dun enorme custo, require importantes recursos de profesionais.
Pero os expertos avisan de que hai que ser moi prudentes: someter cidadáns sans a todo tipo de exames preventivos sobre factores de riscos pode ocasionar un sobrediagnóstico. Este problema maniféstase no diagnóstico de procesos que non van ter repercusión na saúde do paciente; que non poden ser tratados ou que orixinan tratamentos en ocasións pouco xustificados que tamén teñen os seus efectos secundarios. Estas consecuencias indesexadas comezan a preocupar a moitos profesionais da saúde. E máxime cando se descoñece o máis importante: a historia natural da enfermidade.
Tanto é así que se creou e desenvolveu o concepto de “Prevención Cuaternaria”. Con ela preténdese que a actividade sanitaria non sexa un axente pernicioso cando, en nome da prevención ou curación, se establecen diagnósticos ou terapias innecesarias ou imprudentes que acaban causando dano. Pódese considerar como un capítulo dentro dos programas de seguridade do paciente. Do mesmo xeito, o mero feito de que a alguén lle identifiquen algún factor de risco pode facer que unha persoa sa pase a estar preocupada polo propio factor de risco ou pola probabilidade de caer enfermo e xerar ata algún tipo de neurose.
Por iso é conveniente aclarar algúns conceptos:
- O factor de risco asóciase estatisticamente á enfermidade, pero non é a súa causa. A súa presenza ou ausencia non asegura nin exclúe o episodio.
- Se a asociación estatística é admisible dende un punto de vista biolóxico pode suxerir un nexo causal, que só se obtén e se demostra mediante experimentación.
- Aínda que se supón que evitar o factor de risco elimina ou minimiza a posibilidade da enfermidade e se acepta que a presenza do factor de risco leva consigo o desenvolvemento futuro da enfermidade, ningunha destas aseveracións é certa.
- Non hai que confundir factor de risco e enfermidade: unha persoa con factores de risco non é unha persoa enferma, nin o factor de risco é unha enfermidade.
Hai que evitar caer na tentación de asociar a medicina preventiva unicamente coas revisións, a identificación de factores de risco, o diagnóstico precoz e os tratamentos preventivos. Poden estar indicados nalgúns casos e só cando os beneficios potenciais superen aos posibles inconvenientes. Nun sentido estrito e clásico, medicina preventiva significa promoción e adopción de condutas e estilos de vida saudables para manter afastada a enfermidade: dieta saudable e equilibrada, exercicio físico habitual e moderado e evitar o tabaquismo. A prevención non debe entenderse, de xeito exclusivo, como medicalización da existencia.