Bibliotecas públicas: analizadas as instalacións e servizos de 100 centros en 18 cidades españolas

Unha de cada catro bibliotecas suspende en calidade por mor de carencias nos servizos ofrecidos e na seguridade

Limpeza e mantemento, información e atención aos usuarios e mais accesibilidade para minusválidos, puntos fortes das bibliotecas
1 Febreiro de 2009
Img tema listado

Unha de cada catro bibliotecas suspende en calidade por mor de carencias nos servizos ofrecidos e na seguridade

/imgs/20090201/tema1.jpg
A extensión das novas tecnoloxías obrigou a que as bibliotecas públicas se tornen algo máis ca o lugar onde só se consultan, se preservan e se prestan os libros. Fonotecas, videotecas, salas de ordenadores ou conectividade wifi comparten espazo e protagonismo con andeis inzados de novelas, ensaios, enciclopedias… Agora ben, esa transformación non é, nin moito menos, homoxénea. Así o puido comprobar CONSUMER EROSKI, que visitou 100 bibliotecas de 18 capitais españolas. Só unha de cada catro ofrece salas de estudo para grupos, o 27% carece de zona wifi e as consignas só están dispoñibles e de xeito gratuíto en 22 dos 100 centros estudados. Ademais, o 40% non está dotada de postos para ver arquivos de vídeo ou de audio. Estas carencias conviven, non obstante, coa boa información e atención ofrecida nestas instalacións públicas (no 87% das visitadas atopáronse carteis claramente visibles con indicacións sinxelas sobre como e onde atopar as diferentes salas da biblioteca), con correctas medidas para garantir a accesibilidade destes recintos e coa excelente limpeza observada nas bibliotecas do estudo (no 90% dos espazos analizados, os materiais de empréstito e de consulta estaban en correcto estado e ordenados nos estantes).

/imgs/20090201/tema2.jpg
Unha de cada catro bibliotecas non dá aprobado o exame de CONSUMER EROSKI, tal e como comprobaron os seus técnicos logo de realizaren unha visita como usuarios a mediados de decembro a 17 bibliotecas universitarias, a 14 bibliotecas públicas do Estado e a 69 bibliotecas municipais ou rexionais de 18 cidades: Barcelona, Madrid, Murcia, Bilbao, Málaga, Sevilla, Valencia, Zaragoza, Alacante, Pamplona, San Sebastián, Vitoria, A Coruña, Córdoba, Valladolid, Cádiz, Granada e Oviedo. Inspeccionáronse as instalacións para valorar o estado xeral de cada unha delas en materia de información, servizos, accesibilidade, seguridade e limpeza. Ademais, solicitouse información sobre como tramitar o carné, para coñecer, así, o funcionamento do sistema de empréstito e de consulta. A valoración final do servizo que ofrecen as bibliotecas queda nun ‘aceptable’, que é tamén a cualificación que merecen os apartados de servizos e seguridade das instalacións. Pola súa banda, a información e mais a accesibilidade acadan un ‘ben’ e destacan a limpeza e o mantemento das bibliotecas, cun ‘moi ben’. Por cidades, as mellores foron as visitadas en Bilbao, que reciben un ‘moi ben’, seguidas das da Coruña, Barcelona, Córdoba, Granada, Madrid, Murcia, San Sebastián e Vitoria, cun ‘ben’. En ‘aceptable’ quedan as bibliotecas analizadas en Cádiz, Málaga, Oviedo, Sevilla, Valencia e Valladolid. Os suspensos, aínda que cun ‘regular’, foron parar as examinadas en Alacante, Pamplona e Zaragoza.

/imgs/20090201/tema3.jpg
Os tradicionais lugares de consulta e de empréstito de libros evolucionaron para se tornaren modernos centros de información, cultura e educación con puntos de auto préstamo, salas de exposicións e consulta de Internet, aínda que persisten carencias na súa dotación que xustifican o pobre ‘aceptable’ que obtiveron de nota media as 100 bibliotecas estudadas. En unha de cada catro non se atoparon salas de estudo persoal e só tres de cada dez ofrecían salas de estudo para grupos. Ademais, o 27% das bibliotecas carecía de zona wifi, o 17% non contaba con salas de ordenadores con acceso a Internet e só o 22% delas dispuña de puntos de auto préstamo e mais de servizo gratuíto de consigna para os usuarios. Ademais, outro servizo moi útil, o de fotocopistería, só se atopou en dúas de cada tres bibliotecas. No 40% non se atoparon postos para visionar arquivos de vídeo ou de audio. Non obstante, oito de cada dez si contaban con videoteca, fonoteca ou hemeroteca.

No tocante á tramitación do carné de usuario das bibliotecas, constatouse que en 99 dos 100 centros comparados a tarxeta de identificación era gratuíta. Agora ben, só na metade dos centros o carné se entregaba no momento. En dúas de cada tres bibliotecas non cómpre renovar ese documento (entre as que si o solicitan, o máis común é que o período de validez sexa de cinco anos). Xa co carné na man, o usuario pode, entre outras posibilidades, reservar uns minutos para navegar en Internet nos puntos habilitados para iso. Así acontece en case a metade das bibliotecas que contaban con esta opción. Tamén se poden reservar as salas de traballo en grupo, aínda que só acontecía en catro das 30 que dispuñan deste servizo.

O empréstito é un dos principais labores das bibliotecas. En todas as que se visitaron préstanse libros, no 40% préstanse revistas e no 6% tamén xornais. Salvo en unha das estudadas en Bilbao, era posible obter ao mesmo tempo materiais en distintos formatos. Os usuarios das bibliotecas de Barcelona son os que poden levar á casa o maior número dunha soa vez, unha ducia (a media anda entre cinco e seis) por un prazo de 3 semanas (o máis común é 15 días); pola contra, na maioría das analizadas en Zaragoza esa cantidade redúcese a dous materiais. Cando o tempo de empréstito non é abondo, pódese prorrogar o prazo: Madrid e San Sebastián son as que ofrecen máis facilidades neste aspecto (ata un mes complementario). A modificación do empréstito pódese facer presencialmente (44%), a través dun correo electrónico (20%), chamando por teléfono e facilitando os datos do carné de usuario (30%) ou a través de Internet (non chega a un 5%).

Se o libro que desexa o usuario non se atopa nos andeis da biblioteca, o centro dispón dun servizo de empréstito interbibliotecario. Oito de cada dez bibliotecas ofrecen esta posibilidade, o que non acontece nas máis das examinadas en Madrid e en Pamplona. Por outra banda, só hai que pagar en concepto de traslado de material (entre 1 e 23 euros) en 14 bibliotecas de Alacante, Barcelona, Cádiz, Málaga e Vitoria.

As bibliotecas tamén teñen que responder á demanda crecente de libros en idiomas distintos ao castelán ou ás linguas autonómicas. Os usuarios do 92% dos centros visitados contan con esta posibilidade, aínda que a cantidade e variedade dos títulos difire moito duns centros a outros. A oferta máis completa atopouse en Barcelona, Madrid, Bilbao, Valencia, San Sebastián, Vitoria, A Coruña e Granada. Os idiomas máis comúns son o inglés e mais o francés e, en menor medida, o alemán, italiano e portugués. Así e todo, nalgunhas bibliotecas pódense atopar libros escritos en árabe, chinés, ruso, romanés, croata ou xaponés.

Seguridade, horarios e servizos dixitais

Seguridade e horarios mellorables

O edificio da biblioteca debe contar con sistemas que garantan a seguridade dos usuarios, tal e como o esixe a normativa. Non obstante, anotáronse carencias na maior parte das instalacións. No 75% delas non se viron cámaras de seguridade dentro do edificio e case no 70% das bibliotecas, nin sequera fóra. Só había vixilantes nas entradas dun 28% das bibliotecas e nunha cuarta parte do cento de edificios visitados non se atoparon saídas de emerxencia. E entre as que contaban con estas saídas, case a metade estaban pechadas, se ben case ningunha presentaba obstáculos. No positivo, cómpre indicar que o 90% das bibliotecas estaban dotadas con iluminación de emerxencia e con extintores en todas as súas dependencias. Con todo, percibiuse unha falta de portas que funcionasen de devasa (nun 76% non a había), de bocas de incendio (nun 70% de carecía delas), de esparexedores de auga (nun 62%), de mangueiras (nun 35%) e de detectores de lume (nun 18%).

Das cen bibliotecas visitadas, só abren de xeito ininterrompido (mañá e tarde) os cinco días da semana as visitadas en Cádiz, A Coruña, Córdoba e Madrid. A maioría delas pecha as súas portas entre as 19.00 e as 22.00 horas, mentres que 37 dos 100 centros pechan o sábado e só unha abre as súas portas en domingo.Por bibliotecas, unha das dúas universitarias de Barcelona permanece en activo unhas 87 horas semanais (de 8.00 da mañá a 1.30 da madrugada), o que contrasta cunha municipal de Valladolid que só abre 12 horas de luns a domingo e outra de San Sebastián que o fai 15 horas á semana.

Bibliotecas dixitais

/imgs/20090201/tema5.jpg
Ninguén pode discutir que as tecnoloxías da información forman parte xa da vida cotiá, e o coñecemento que atesouran as bibliotecas non pode ser unha excepción. Dende hai uns anos, institucións educativas e organismos públicos e privados preocúpanse por trasladar obras, artigos e contidos impresos ao formato dixital. Os proxectos de bibliotecas dixitais perfílanse como un dos instrumentos que axudarán a universalizar o coñecemento. Dende o 2007, pódense consultar gratuitamente e a través de Internet todos os fondos de lexislación histórica española dende as Cortes de Cádiz de 1810, custodiados na biblioteca do Congreso dos Deputados. Deste xeito garántese o seu acceso público e mais a súa preservación e coidado, xa que se evita a manipulación física deses valiosísimos documentos. Pero a intención de unir o coñecemento coas novas tecnoloxías non remata aquí. A UE pretende crear unha biblioteca dixital que en 2010 terá seis millóns de libros á disposición de todos os cidadáns. De xeito paralelo, e dende o 2006, UNESCO está a traballar nun proxecto semellante, nunha especie de Biblioteca Dixital Mundial. Preténdese crear un depósito en Internet, libre e gratuíto, de materiais culturais “frecuentes e únicos” dispoñibles en múltiples idiomas.

A dixitalización é o segundo paso, logo da introdución das novas tecnoloxías na xestión e funcionamento das bibliotecas públicas, un fenómeno recente. Así o amosa o informe ‘As Bibliotecas Públicas en España. Dinámicas 2001-2005’ da Fundación Germán Sánchez Ruipérez. Hai catro anos, só un de cada dous puntos de servizo das bibliotecas públicas usaban estas ferramentas para a catalogación dos seus fondos bibliográficos; apenas o 37% dispuña dun catálogo automatizado e dispoñible en formato web e a mesma proporción carecía dun servizo de acceso a Internet para os usuarios das bibliotecas.

Atención aos usuarios, limpeza, accesibilidade y táboa comparativa

Atención axeitada

Os técnicos de CONSUMER EROSKI realizaron unha proba práctica de busca dun libro nos ordenadores-catálogo (elixiuse ‘A orixe das especies’, de Charles Darwin, para as bibliotecas universitarias e ‘O Perfume’, de Patrick Süskind, para o resto). En sete bibliotecas, máis da metade das visitadas en Alacante, dúas de Zaragoza e outras dúas de Murcia e Valladolid, os usuarios non podían acceder a un catálogo informatizado. Entre as que si dispuñan deste servizo, en 9 de cada 10 casos os técnicos comprobaron a sinxeleza do seu manexo e a posibilidade de saber se o libro xa llo prestaran a outro usuario ou a localización exacta dese material dentro da biblioteca. Como excepcións, os únicos terminais dispoñibles en tres centros de Cádiz, Zaragoza e Murcia estaban estragados. A mesma proba repetiuse solicitándolles axuda aos empregados. O servizo recibido foi correcto en seis de cada dez centros. Salientan de maneira positiva os visitados en Bilbao, Granada e Oviedo. Pola contra, nalgunhas bibliotecas de Alacante, Cádiz, Madrid, Málaga e Valladolid, o funcionario limitouse a proporcionar indicacións sen especificar onde se atopaba o libro nin acompañar o usuario a buscalo.

Outra proba práctica consistiu en solicitar información para converterse en socio das bibliotecas. Pois ben, só no 47% ofreceron información documental sobre o funcionamento da biblioteca. As que o facían indicaban as condicións de uso do carné de usuario e do servizo de empréstito e mais as sancións impostas polo atraso na entrega dos materiais prestados. Por outro lado, oito de cada dez non avisan os seus socios das novas adquisicións, se ben o 68% das bibliotecas colócanas nunha sección especial para que os usuarios se poidan decatar da súa existencia. Todas as bibliotecas alacantinas analizadas, amais de varios centros de San Sebastián, Granada, Oviedo, Vitoria, Valladolid, Sevilla e Valencia si lles notificaban aos seus socios a chegada deses novos materiais por carta ou mediante correo electrónico.

Un dos puntos febles das bibliotecas españolas é a sinalización. No 79% das estudadas non había follas informativas que indicasen a existencia dun libro de reclamacións, no 63% non se viu unha nota que informase da existencia dunha caixa de suxestións e no 67% tampouco había carteis sobre que facer en caso de emerxencia ou incendio. Ademais, unha de cada cinco carecía de paneis indicadores da situación das saídas de emerxencia e en unha de cada oito nin sequera se anunciaban as normas da biblioteca (apagar o móbil, non comer nin beber dentro das instalacións…).

Limpeza e accesibilidade, boas

Para que unha biblioteca lles ofreza un bo servizo aos usuarios debe velar pola limpeza e polo bo mantemento das súas instalacións. O exterior e mais a fachada do 90% das bibliotecas visitadas atopábase en moi bo estado de conservación e o 75% dos edificios estaba en moi boas condicións de mantemento e limpeza (sobresaen as de Cádiz, Córdoba, Oviedo, San Sebastián e Vitoria). A comodidade das instalacións vén dada en parte pola climatización e pola iluminación, correctas na gran maioría. Observouse, ademais, que os aseos estaban limpos en nove de cada dez bibliotecas.

Os usuarios minusválidos, por outra banda, deben ter asegurado o acceso, nas mesmas condicións ca o resto dos cidadáns, ás iniciativas de carácter cultural, informativo ou educativo. O 84% das bibliotecas contaban con portas interiores e exteriores cunha anchura que permite o paso de persoas en cadeira de rodas. Tamén se comprobou se as dimensións destes cuartos eran amplas e espazosas para que os usuarios minusválidos se poidan mover con comodidade. Constatouse tamén que un de cada catro aseos non cumpría coas normas de accesibilidade. En Pamplona, ningún dos baños das cinco bibliotecas visitadas estaban acondicionados. Comprobouse ademais que só no 10% das bibliotecas había carteis escritos en braille. Menor aínda, un 6%, é a proporción de bibliotecas con libros en braille. Só se atoparon nalgún dos centros visitados en Sevilla, Murcia, Granada, Madrid, Bilbao e Barcelona.