Fronte ao paro, emprego 'verde'
“Precísase experto en enerxías…” En poucas ocasións o significado dunha palabra, oposta á máis escoitada nos últimos meses -“búscase”-, proporcionou tanto aire fresco nunha situación tan contaminada polo desemprego e pola inestabilidade económica como a actual, na que máis de tres millóns de persoas están sen traballo. Nesta conxuntura, o medio natural e os traballos relacionados con este sector -un dos máis prósperos- poden supor para moitas familias unha solución aos seus problemas económicos, ao mesmo tempo que contribúen a protexer o contorno. A concienciación cidadá, a lexislación ambiental, as políticas de prevención e de conservación ou o desenvolvemento tecnolóxico son algúns dos factores que permitiron a consolidación dun sector en expansión no que se crearon 2,3 millóns de empregos nos últimos anos, segundo o Ministerio de Traballo e Inmigración (MTIN).
As institucións xa salientaron que se trata dun ámbito polo que cómpre apostar, non só para mellorar os problemas do ambiente, senón tamén os do emprego. Así, os responsables da Secretaría de Estado de Cambio Climático lembraron que a Estratexia europea contra o Cambio Climático fará aumentar os empregos nos sectores relacionados co ambiente, polo que solicitan a colaboración das institucións, das empresas, dos sindicatos e dos cidadáns. En España, seguindo este ronsel, acaba de se aprobar unha partida de 600 millóns de euros destinados a desenvolver actuacións vinculadas co mantemento e coa xeración de emprego relacionado co ambiente.
Como parte do mercado laboral que proporciona o medio natural, as enerxías renovables destacan polo espectacular crecemento experimentado nos últimos anos e as súas óptimas perspectivas de futuro. O desenvolvemento destas tecnoloxías, sobre todo da eólica (co 37% de total de empregados neste sector), da solar térmica e da fotovoltaica permitiron a creación en España dun milleiro de empresas que ofrecen 89.000 postos de traballo directos e 99.000 indirectos, segundo un informe do Instituto Sindical de Traballo Ambiente e Saúde (ISTAS). Ademais, trátase de ocupacións estables, xa que os contratos indefinidos supoñen o 82% do total.
O Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM) destaca que España é líder mundial nestas tecnoloxías renovables e que o Goberno seguirá a lles dar pulo co Plan de Enerxías Renovables. O obxectivo desta iniciativa é que no 2010 o 12% do total da enerxía proveña de fontes renovables, o que permitirá desenvolver ata 217.000 postos de traballo directos.
Pola súa banda, as comunidades autónomas, que tamén contan con competencias ambientais, súmanse a esta nova corrente enerxética. En Andalucía, onde no 2008 se crearon 15.000 novos contratos no sector das renovables, a consellería de emprego prevé que se alcanzarán 105.000 novos traballos ata o 2013. Dentro das iniciativas para acadar esta cifra, este departamento conta co Plan de Medidas Extraordinarias para o Mercado de Traballo Andaluz (MEMTA), no que se fomentará a formación profesional intensiva en actividades emerxentes, como as renovables, para demandantes de emprego procedentes de sectores en recesión, como a construción.
Empregos alén das renovables
O sector das renovables é unha mostra do que pode ofrecer o emprego “verde”, pero non é a única: máis de 150.000 persoas afiliáronse á Seguridade Social no 2008 en actividades relacionadas coa reciclaxe de refugallos e coa depuración de augas, segundo o MARM. Dende o Ministerio de Traballo e Inmigración (MTIN) asegúrase que, amais das actividades tradicionais nos ámbitos da enerxía, da auga, do sector forestal e dos residuos, as desenvolvidas por empresas de consultoría e as relacionadas coa xestión ambiental dentro da empresa, como a certificación, a avaliación de impactos, a prevención e as auditorías, rexistran as maiores expectativas de crecemento.
Os responsables do portal Ambientum, especializado en formación e emprego ambiental, afirman que amais dos sectores de maior crecemento nestes momentos, como o das renovables e o sector da recollida, xestión e tratamento de residuos específicos, as empresas solicitan dous tipos de perfís. Por unha banda, técnicos de calidade, ambiente e prevención de riscos laborais, xa que poden traballar en calquera empresa de calquera sector. Entre eles destacan os técnicos de ambiente especializados nun ámbito determinado, como a avaliación de impacto ambiental, xestión de residuos, etc. Por outra banda, tamén está moi valorado o carácter comercial: a maioría das empresas de ambiente -consultoría, proxectos de enxeñería, etc.- precisan “ambientólogos comerciais” para lles daren a coñecer os seus produtos aos posibles clientes.
Consellos para lograr unha busca efectiva en “verde”
Como as posibilidades son infinitas no rastrexo dun sector como o ambiente, é aconsellable ter claro o eido concreto no que se desexa traballar. Mostra diso é que ao realizar unha busca mediante este concepto no portal de emprego Infojobs, aparecen 400 traballos, aínda que os seus responsables constatan que son moitos máis os que se demandan, xa que as ofertas levan outro tipo de palabras, como enxeñeiro ambiental, enerxías renovables, etc.
Nesta mesma liña, os responsables do portal Educaweb enumeran 54 posibles perfís profesionais, se ben os sintetizan en oito grandes grupos: asesoramento e xestión ambiental; mantemento, control e inspección de instalacións contaminantes; análise medición, instalación, mantemento e explotación de instalacións descontaminantes; recollida, reciclaxe, transporte e tratamento de residuos e doutros contaminantes; investigación, estudos e proxectos ambientais; mercadotecnia, vendas; comunicación e información ambiental, e formación e educación ambiental.
Aínda que o Ministerio de Traballo e Inmigración non publicou unha lista de traballos relacionados co ambiente, o máis recomendable é irse informar ás oficinas do Instituto Nacional de Emprego (INEM) e consultar o catálogo nacional de ocupacións da devandita institución e mais o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais do Instituto Nacional das Cualificacións (INCUAL).
O Ministerio de Medio Ambiente tamén ofrece na súa páxina web información sobre emprego público neste sector e, dentro dos apartados de Calidade Ambiental e Formación e Educación Ambiental, enumera os datos de organismos ou fundacións que fomentan o emprego e a formación relacionada co ambiente, como o Centro Nacional de Educación Ambiental (CENEAM), a Fundación Entorno, a Fundación Biodiversidade, etc. Esta última puxo en marcha o Programa “empregaverde”, co obxectivo de crear proxectos que ascendan e melloren o emprego e a formación. Unha iniciativa á que poderán acceder máis de 50.000 persoas.
A importancia da formación
Hai que ter en conta, non obstante, que contar cunha formación axeitada é fundamental para optar a un posto de traballo destas características. Por exemplo, o informe do Instituto Sindical de Traballo Ambiente e Saúde (ISTAS) lembra que as empresas de enerxías renovables empregan traballadores moi cualificados: a metade deles son técnicos, ben sexa titulados superiores (32%) ou medios (18%).
Aínda que nestes intres se está a impartir formación de grao medio e superior en ambiente, son maioría os profesionais que proceden do campo das enxeñerías, da química ou da bioloxía. En concreto, para os postos de técnicos de calidade, ambiente e prevención de riscos laborais, amais de formación xeral sobre medio, requírense coñecementos específicos das normas ISO 9001 (calidade), 14001 (ambiente), 19011 (auditorías) e lexislación de prevención de riscos laborais.