Teléfono móbil: maior prezo non significa maior utilidade
Atinar na compra dun teléfono móbil, xa sexa para regalar ou para uso persoal, non é unha tarefa sinxela. A variedade de modelos e de prezos é tan ampla como cambiante. A maioría dos consumidores decántase por móbiles subvencionados que ofertan as operadoras de telefonía, co que o seu custo, en aparencia, é menor. En realidade, as subvencións das compañías telefónicas aseméllanse aos créditos dos bancos e non saen baratos. Cando adquirimos un terminal subvencionado comprometémonos a permanecer coa operadora durante polo menos un ano e medio, e se as súas tarifas son moi altas -aínda que non o parezan a simple vista-, é probable que o móbil nos acabe saíndo máis caro que se se optase por un terminal libre de compromisos. De feito, unha tarifa de móbil barata sae máis a conta que o mellor dos terminais de regalo.
Non convén deixarse levar polas modas e elixir por sistema o modelo máis caro, ou o máis popular; pero tampouco hai que pensar que, na actualidade, un teléfono móbil só serve para facer chamadas. O máis recomendable é, antes de realizar a compra, pensar que funcións nos gustaría que tivese o noso teléfono móbil ideal. Con este punto de partida é máis doado acudir ao vendedor para que nos asesore e nos ofreza o modelo máis indicado. Sempre, iso si, sen obviar a capacidade do noso peto.
Cada usuario ten unhas necesidades moi concretas, determinadas pola súa idade, a súa formación tecnolóxica, as súas capacidades físicas, as súas necesidades profesionais ou de lecer, as súas posibilidades económicas e as súas inclinacións estéticas. A unha persoa maior que descoñeza as novas tecnoloxías, o máis probable é que non lle compense un aparello das características dun iPhone ou dunha Blackberry, terminais moi completos, moi caros e con multitude de funcións. Se cadra é mellor pensar nun terminal enfocado exclusivamente a chamar e a enviar mensaxes SMS. Pola contra, un profesional cun traballo que o obrigue a unha mobilidade continua vai precisar un teléfono moi completo que lle permita enviar e recibir correos electrónicos, fotografar e gravar vídeos e mais navegar por Internet. E entre estes dous perfís atópanse, a bo seguro, a maioría das persoas.
Un móbil de última xeración pode ter unha chea de funcións, e de feito só unha minoría de usuarios as aproveitan na súa totalidade no caso dos aparellos máis complexos. Deseguido descríbense as máis populares, cunha valoración dos seus pros e das súas contras e cunha indicación dos perfís de usuarios para os que poden ser máis aconsellables.
- Enviar e recibir chamadas: É a esencia do teléfono móbil, aínda que está a deixar de ser a súa función máis importante. Hai solucións no mercado específicas para a xente maior ou que non quere complicar a vida, como o teléfono Emporia Life ou a liña Vodafone Simply, que comercializa a operadora do mesmo nome. O importante nestes aparellos é que o proceso de facer e recibir chamadas sexa rápido e sinxelo, ao igual ca o acto de engadir contactos á lista.
- Mensaxes de texto: Os SMS son a segunda función máis popular no móbil, xa que, ben utilizados, permiten un importante aforro nas comunicacións e xeraron mesmo unha subcultura xuvenil cunha linguaxe propia. Para poder utilizar esta función é importante que o teclado sexa o máis grande posible. Se se pode optar por un teclado QWERTY (con todas as letras, como o dos ordenadores), aínda mellor. Se non, hai que mirar que as opcións de escritura e borrado non sexan demasiado complicadas. Os teclados táctiles achegan moitas vantaxes en simplicidade, pero non son especialmente precisos.
- Facer fotografías: Os máis dos móbiles actuais permiten facer fotografías, o que non quere dicir que á maioría dos usuarios lles interese esta posibilidade. Un bo terminal para capturar imaxes debe ter unha cámara fotográfica con máis de tres megapíxeles de resolución que incorpore un flash. Pero, ademais, debe ir acompañado dunha tarxeta de memoria abonda para gardar varias fotos (por riba dun ‘xiga’) e debe posuír métodos para pasar as imaxes a outros dispositivos como o ordenador. É interesante que dispoña de conectividade bluetooth ou acceso a Internet, xa sexa por wifi ou por redes 3G. En calquera caso, unha cámara dun móbil de tres megapíxeles obterá fotos dunha calidade moi inferior a unha cámara dixital da mesma resolución, porque na nitidez de imaxe inflúen moitos outros aspectos, como a óptica do obxectivo.
- Gravar vídeos: Tamén precisa dunha boa tarxeta de memoria e conectividade. De tódolos xeitos, polo de agora non se poden agardar resultados de calidade.
- Escoitar música: ao igual que coas fotos, o terminal debe ter unha tarxeta de memoria de polo menos un ‘xiga’ para que caiban unhas cen cancións, e unha boa conectividade para poder recibir e mandar os arquivos multimedia. Pero o máis importante é que teña saída de audio “normal” (jack de 3,5 mm) para poder usar cascos de calquera marca e non estar atado aos do fabricante do móbil.
- Gravar voz e sons: O terminal debe dispor dunha entrada de audio e dun programa que xestione a gravación. É unha prestación que só será de utilidade en ámbitos profesionais moi concretos.
- Enviar e recibir correo electrónico: A esencia é a mesma ca a que compete aos SMS (teclado o máis grande posible e modelo QWERTY -con todas as letras-), pero a súa complexidade é maior. Xunto cunha lista de contactos telefónicos, manexarase unha de direccións de correo electrónico. A xestión de ambas as dúas listas pode ser conxunta ou non, pero requirirá dun programa de xestión de datos potente, que permita actualizar con rapidez as modificacións que se poidan facer e sincronizalas entre varios aparellos, como o móbil e o ordenador. O terminal tamén deberá dar aberto os documentos adxuntos que se envíen cos correos. Ademais, non hai que esquecer que o uso de correo electrónico require o pagamento dunha tarifa de datos adicional á de chamadas.
- Usar Internet: Precisa un teléfono de gama alta e cun sistema operativo complexo, o que repercutirá no prezo. Ademais, é necesario contratar unha tarifa plana de datos para non pagar cantidades desorbitadas. Outra opción é que o terminal dispoña de conectividade wifi para conectarse gratuitamente ás redes abertas que se vaian atopando, pero estas redes non abundan.
- Usar como GPS: Pode resultar moi interesante dispor de GPS no móbil, en especial se se combina con Internet. Deste xeito, o usuario pode determinar a súa posición e en función desta realizar na Rede buscas de servizos e comercios que se atopen preto. É o que se coñece como “buscas xeolocalizadas”, sistema que se presume como o gran negocio publicitario do futuro.