Peixes de piscifactoría sans | Que son os micronutrientes | A morcilla, rica en ferro | Propiedades das froitas desecadas | Características da carne de cabalo
Actualidade: AQUAMAX, peixes sans de piscifactoría
AQUAMAX é un proxecto europeo que ten como obxectivo substituír a fariña e mais o aceite de peixe que se emprega nos pensos para os peixes de piscifactoría por un tipo de alimentación alternativa máis sostible. Ademais, pretende deseñar un tipo de alimentación animal na que se reduzan a niveis mínimos as substancias contaminantes, como as dioxinas, que poden afectar á saúde humana.
Segundo datos da Organización da Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), o consumo mundial de mariscos estimouse no 2001 en 100 millóns de toneladas e espera un aumento adicional de 65 millóns de toneladas para o ano 2030. Segundo a organización, a este ritmo de crecemento, o consumo de peixe salvaxe tamén será insostible. Parece evidente que este tipo de pesca non poderá satisfacer a demanda, de xeito que o crecemento da acuicultura como recurso alternativo será pronunciado.
Para que esta industria poida producir produtos mariños seguros e saudables, o sector enfróntase a retos importantes, entre eles satisfacer a suficiente fariña e aceite de peixe para a crecente produción. O desenvolvemento do proxecto levarase a cabo por medio de catro programas interrelacionados.
- Alternativas á fariña de peixe e ao aceite de peixe. O obxectivo é buscar dietas alternativas nutritivas sen comprometer o crecemento, a saúde e o benestar dos peixes nin tampouco os seus beneficios para a saúde.
- Beneficios para a saúde do consumo de peixe de acuicultura. As investigacións centraranse en estudar a fondo a relación entre o consumo de ácidos graxos omega 3 (abundantes nos peixes azuis) durante o embarazo e os primeiros anos de vida e o desenvolvemento do sistema inmunolóxico, así como a prevalencia de enfermidades alérxicas nos nenos (eccema, rinite, asma ou alerxias).
- A seguridade dos peixes de cría. Os peixes salvaxes e mais os de acuicultura poden conter certos contaminantes. Grazas ao proxecto preténdese avanzar na metodoloxía analítica co fin de detectar niveis moi baixos de contaminantes tanto na alimentación animal como na carne dos propios peixes.
- Percepción dos peixes de piscifactoría por parte dos consumidores. Información ao consumidor dos riscos e dos beneficios do consumo deste tipo de peixe.
O ABC da Nutrición: Micronutrientes
Son un tipo de nutrientes, substancias químicas, que conteñen os alimentos. Considéranse micronutrientes as vitaminas e os minerais, xa que o organismo os necesita en pouca cantidade (miligramos ou microgramos -a millonésima parte do gramo). O seu aproveitamento non xera enerxía, polo que se considera que non achegan calorías. As 13 vitaminas clasifícanse en dous grupos: vitaminas hidrosolubles ou solubles en auga (B1, B2, B3, B5, B6, B8, B9, B12 e C) e liposolubles ou solubles en graxa (A, D, E, K). Os minerais clasifícanse segundo a súa presenza nos tecidos corporais en macrominerais (xofre, calcio, cloro, fósforo, magnesio, potasio e sodio) e macrominerais ou elementos traza (cinc, cobalto, cobre, cromo, fluor ou ferro).
O dato: 20
Son os miligramos de ferro que conteñen 100 gramos de morcilla. Debido a que se elabora con sangue (elemento rico en ferro), está considerado un dos alimentos con máis concentración deste mineral. A súa deficiencia pode desembocar en anemia ferropénica. Esta cantidade de morcilla satisfai os requirimentos diarios de ferro que precisa unha persoa adulta.
Consultorio
As froitas desecadas caracterízanse por acumular e conservar os nutrientes da froita fresca, como vitaminas, minerais, fibra e azucres, aínda que case non teñen graxa. Ao se desecaren perden auga e concéntranse as calorías. Por iso, este tipo de froitas son tan enerxéticas (dende as 163 calorías cada 100 gramos das ameixas secas ás 264 calorías das uvas pasas).
Amais das calorías e dos azucres, as froitas desecadas axuntan en pouco volume moitos e variados nutrientes, como potasio, calcio, ferro, provitamina A (betacaroteno), niacina ou B3. Constitúen unha fonte por excelencia de fibra soluble e insoluble, o que lles confire propiedades saudables para mellorar o tránsito intestinal, polo que o seu consumo está especialmente indicado en caso de estrinximento.
As froitas desecadas pódense considerar, ademais, un bocado de enerxía saudable en etapas como a infancia e a adolescencia ou se se practica un deporte. Tamén son un aperitivo que non se debe esquecer na dieta de persoas convalecentes ou con falta de apetito, xa que proporcionan unha boa dose de nutrientes e enerxía, aínda que se coma pouca cantidade.
A carne de cabalo é moi nutritiva e doce, aínda que o seu consumo non é moi popular. Dende o punto de vista nutritivo destaca pola súa moderada achega calorífica en comparación co resto de carnes, por mor dun contido en graxa inferior e case equiparable ao da peituga de polo. Por este motivo, tras o seu consumo non se ten a sensación de saciedade propia doutras carnes con máis graxa. O contido en proteínas deste tipo de carne é similar ao do vacún. Da súa achega vitamínica destacan as vitaminas hidrosolubles, sobre todo B1, B2, B3, B6 e B12. No tocante aos minerais, a carne de cabalo considérase unha das maiores fontes de ferro de orixe cárnica despois do sangue, dos despoxos e das vísceras que, xunto á elevada cantidade de mioglobina (pigmento que dá cor) lle confiren a intensa cor vermella característica.
O ferro é necesario para a formación da hemoglobina (proteína que transporta o osíxeno dende os pulmóns a todas as células) e a súa achega axeitada prevén a anemia ferropénica. Por iso, o consumo de carne de cabalo ou de poldro está particularmente indicado en caso de anemia ferropénica ou tendencia a esta deficiencia mineral.
Como dato curioso cómpre dicir que o sabor doce da carne de cabalo se debe a que contén máis azucres ca outras carnes, aínda que se poden perder pola fatiga do animal durante o sacrificio ou se se conserva durante días. Se se atende ás calidades nutritivas da carne de cabalo, esta considérase un alimento recomendable para persoas de todas as idades, en particular para quen teña exceso de peso, problemas de colesterol ou triglicéridos elevados en sangue, pola súa baixa achega graxa, e mais para persoas que sofren de anemia. Pódese cociñar ao forno ou á prancha para non aumentar as calorías. Para os que sofren de problemas estomacais, a carne de cabalo tamén resulta moi axeitada, xa que é máis tenra e contén menos coláxeno ca a doutras especies. A única contraindicación relevante é que, como todas as carnes vermellas, inclúe purinas, polo que o seu consumo está restrinxido en caso de hiperuricemia ou gota.