Enfermidades, fármacos e condución, un triángulo perigoso
Abrir a porta, meter a chave, colocar os espellos e arrincar. Esta é a rutina cotiá para millóns de condutores en todo o mundo que, máis preocupados ao saíren da casa de non esqueceren a chave do coche, descoidan outros aspectos que poden supor un risco para a súa propia vida e para a doutras persoas, como os efectos do fármaco que acaban de tomar ou as consecuencias que para un diabético pode ter circular pola mañá sen almorzar. En xeral, poucos condutores e acompañantes asumen que colocarse diante do volante é unha acción que esixe a perfecta integración de múltiples funcións de carácter sensorial, cognitivo e motor. Por esta razón, os procesos agudos ou crónicos que alteran a saúde poden influír na capacidade para conducir, aumentando o risco de sufrir un accidente. Estudos realizados pola Asociación Española de Centros Médicos Psicotécnicos (ASECEMP) cifran en 37.000 as persoas ás que se lles subtrae o permiso de conducir por razóns médico-sanitarias, o que representa un 0,94% dos case catro millóns de condutores que se someten cada ano a un recoñecemento.
A maioría das enfermidades crónicas con risco de reducir as capacidades para conducir un vehículo débense ás súas manifestacións agudas ou á deterioración derivada da súa evolución. Segundo os datos revelados no proxecto europeo IMMORTAL, levado a cabo en Noruega polo Instituto de Economía do Transporte (TOI), os trastornos neurolóxicos e as enfermidades mentais son as patoloxías que maior risco de accidentalidade representan. Estes trastornos van seguidos, en orde de influencia, polos medicamentos e pola diabete. En menor grao atópanse as enfermidades cardiovasculares, as afeccións do sistema locomotor e artrite, amais dos problemas de audición e oftalmolóxicos.
Os danos colaterais dos fármacos
En España, e segundo datos da DXT, o 77% dos condutores ponse ao volante baixo estados de estrés, e o 22% faino en episodios depresivos, trastornos que poden xerar ideas suicidas e que interveñen no 2,6% dos accidentes graves. A mesma situación preséntase ante o tratamento farmacolóxico que se segue, e é que un 15% dos condutores recoñece estar medicándose para tratar a depresión, a ansiedade, os trastornos do sono ou para relaxarse ou durmir. Vaídos, somnolencia, atordamento, irritabilidade, nerviosismo, espasmos musculares, visión borrosa, diminución da atención, desmaios e maiores tempos de reacción son só algúns dos efectos secundarios aos que se enfrontan.
As medicinas, por mor da súa capacidade depresora do sistema nervioso central, dos seus efectos secundarios ou pola interacción con outras substancias como o alcohol, son un dos factores que máis poden afectar a capacidade para conducir un vehículo de xeito seguro. Segundo datos da Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria, un 30% dos condutores españois toma de xeito habitual algún medicamento, e as estatísticas da DXT (Dirección Xeral de Tráfico) especifican que entre o 5% e o 10% dos finados por accidente de tráfico consumiron algún tipo de fármaco con efecto psicoactivo.
Pero o máis alarmante é que en numerosos casos o paciente descoñece o risco potencial dos medicamentos que inxire durante a condución. Xa sexa por falta de información por parte do persoal sanitario, ou por non ler polo miúdo o prospecto do fármaco en caso de automedicarse (costume espallado entre o 25-30% da poboación), case tres cuartas partes dos condutores non se decatan da súa influencia na condución de vehículos e descoñecen os riscos que pode supor a combinación de fármacos co volante.
- Analxésicos opiáceos. Somnolencia, sedación, confusión, vertixe, etc.
- Antidepresivos. Somnolencia, visión borrosa, etc.
- Antidiabéticos. Hipoglicemia.
- Antiepilépticos. Somnolencia, vaídos, trastornos da visión, diminución da capacidade psicomotriz.
- Antihistamínicos. Sedación, somnolencia, visión borrosa, alteracións psicomotrices.
- Antiinflamatorios non esteroideos. Somnolencia e mareo.
- Ansiolíticos. Somnolencia, mareo, diminución da concentración.
- Benzodiazepinas. Somnolencia, sedación, aumento do tempo de reacción, debilidade muscular.
- Betabloqueantes. Somnolencia, vertixe, fatiga, diminución da concentración.
- Bupropión. Insomnio, vaídos, tremor.
- Estimulantes centrais. Excitación, euforia, insomnio, nerviosismo.
- Neurolépticos. Somnolencia, apatía, confusión, alteracións visuais, axitación.
- Relaxantes musculares. Somnolencia, vertixe, mareo.
O perigo das alteracións mentais, enfermidades psicolóxicas e apneas
Apnea, unha perigosa compañeira de viaxe
Bocexos, nerviosismo, cambio de posición das mans, erros frecuentes… Os pacientes que sofren apnea do sono teñen entre 7 e 10 veces máis risco de sufriren un accidente de tráfico do que a poboación xeral. Diversos estudos científicos constatan que o excesivo sono diúrno causa ata un 30% destes accidentes. Segundo datos da Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), entre cinco e oito millóns de persoas en España sofren apnea do sono, aínda que só están diagnosticadas e seguen tratamento entre un 5% e un 9% delas. A apnea do sono é unha enfermidade moi frecuente entre a poboación que afecta ao 4-6% dos varóns e entre o 2% e o 4% das mulleres de idade media, e a súa frecuencia aumenta coa idade. Non obstante, o retrato-robot dun afectado por este trastorno é o dun varón, obeso, de entre 45 e 55 anos, con pescozo curto, ancho e papada, de aspecto conxestionado e roucador habitual.
O Regulamento de Condutores establece que non pode obter ou renovar o permiso de conducir quen padeza apnea do sono. Así e todo, se achega un informe favorable dunha Unidade do Sono no que conste que segue un tratamento e controla a sintomatoloxía diúrna, pode obter ou prorrogar o permiso de conducir por un período de dous anos para os condutores non profesionais, e dun ano para os profesionais.
Conducir coa mente noutra parte
Determinadas enfermidades mentais e alteracións psicolóxicas como a esquizofrenia, depresión, demencia, trastornos amnésicos, trastornos do ánimo, disociativos, delirium ou os trastornos da personalidade invalidan o afectado para conducir, sobre todo durante os brotes agudos. A razón é que os efectos de moitas destas enfermidades producen unha importante alteración das capacidades cognitivas, motrices e condutuais.
Por iso, no momento de obter ou prorrogar o permiso ou a licenza de condución, a lexislación vixente esixe nestes casos un diagnóstico clínico, amais de información adicional sobre a deterioración funcional da persoa e sobre como esta deterioración afecta ás capacidades particulares en cuestión. Co fin de garantir estes extremos requírese o ditame favorable dun neurólogo, dun psiquiatra, dun psicólogo e de determinados facultativos, en función do tipo de trastorno. En moitos destes casos é preciso ir prorrogando o permiso de conducir cada ano.
Segundo se desprende dun estudo de Attitudes, a iniciativa social da empresa Audi en programas de educación viaria, os condutores que asumen máis riscos na condución forman parte, en maior medida ca o resto de condutores, dos grupos con sintomatoloxía de ansiedade, estrés e depresión. Estas alteracións do ánimo modulan en boa medida o xeito de conducir das persoas, e son a causa dun número considerable de accidentes. Quen padece estrés ou ansiedade pode xerar maiores niveis de hostilidade, de agresividade e de comportamentos competitivos e provocadores, amais dunha maior impaciencia e tendencia a aumentar a velocidade e dunha menor capacidade de anticipación e valoración do risco. Doutra banda, os condutores con cadros depresivos enfróntanse a numerosas dificultades para se concentraren, e mesmo pensan na morte e no suicidio.
- Consúltelle ao seu médico antes de se pór ao volante se pode conducir. É quen mellor o vai asesorar e indicaralle cando pode facelo.
- Infórmese sobre os efectos secundarios dos medicamentos que lle prescribiu o especialista. Lea o prospecto antes de comezar un tratamento e repare en se especifica que interfire na capacidade de condución.
- Se constata que a medicación afecta á súa capacidade para manexar un coche, non conduza ata que finalice por completo o tratamento. Se o fai acotío, dígallo ao seu médico para que lle receite ou cambie o medicamento por outro máis suave.
- Extreme as precaucións e mesmo evite conducir na fase aguda da enfermidade ou no inicio dun tratamento, sempre que engada outro medicamento aos xa habituais, ou cando se produza un cambio de dose, xa que o risco de afección é maior.
- Teña coidado coas menciñas que se utilizan para combater as alerxias, catarreiras ou gripes, xa que a maioría da poboación se automedica nestes casos e moitas delas están compostas por antihistamínicos e/ou codeína -depresores do sistema nervioso central-.
- Non mesture os medicamentos con alcohol ou drogas. A interacción entre eles pode aumentar os efectos destes últimos ou os do medicamento na capacidade para conducir.
Riscos en embarazadas e en persoas maiores
Embarazo sen riscos
A condución é unha actividade que non está contraindicada para as mulleres embarazadas sempre que se leve unha xestación sen problemas e se tomen as debidas precaucións, entre elas evitar os desprazamentos longos, descansar periodicamente e aproveitar as pausas para camiñar ou practicar algún exercicio. Así e todo, hai que ter en conta unha serie de factores que poden alterar a capacidade de concentración durante a condución e pór en perigo a futura mamá e o feto. Un dos máis frecuentes é o sono que sofren algunhas mulleres neste estado.
A xestación pode producir cambios no nivel de azucre no sangue, modificacións da tensión arterial, alteracións na visión e edemas nos membros inferiores. Durante os últimos meses de embarazo o tamaño da barriga pode obstaculizar os movementos e reflexos, impedindo que se poidan realizar manobras con seguridade, polo que nas últimas semanas do embarazo o máis aconsellable é que a futura nai deixe de conducir e ocupe algunha das prazas destinadas aos pasaxeiros.
Como medida de prevención de males maiores en caso de accidente, é obrigatorio o uso do cinto de seguridade en todos os desprazamentos, salvo que o médico ou a comadroa o desaconsellen expresamente. Nestes casos, deberíanse evitar ou limitar as viaxes en coche. O máis recomendable é utilizar o cinto de tres puntos de ancoraxe -aqueles que dispoñen de banda pélvica ou inferior, e banda torácica ou superior- fronte ao de dous puntos. No tocante ao seu modo de emprego, colócase a banda superior de xeito que esta se sitúe entre os dous peitos, e a banda inferior tan abaixo como sexa posible, evitando a presión directa sobre o abdome e o peito.
Vellos ao volante
Coa idade aumentan os síntomas que indican unha deterioración cognitiva, sensorial e motriz que, combinada con algunha patoloxía, poden dificultar a capacidade de atención e, polo tanto, a condución. Segundo datos da Asociación Española de Centros Médicos Psicotécnicos (ASECEMP), denégaselles máis a miúdo a renovación do carné aos maiores de 65 anos (2,75%) ca aos demais grupos de idade (menos do 1%). Salvando as particularidades de cada un, a deterioración progresiva das capacidades psicomotrices faise máis evidente a partir dos 65 e multiplícase logo dos 75 anos.
Aínda que para moitos automobilistas as persoas de máis idade representan un perigo ao volante, os expertos indican que cada persoa avellenta dun xeito diferente, e este estado non é incompatible, en principio, cos principios máis elementais de seguridade viaria. De feito, nin España nin os países da UE establecen límites á condución por idade. Segundo datos da DXT, menos do 5% dos implicados en accidentes de tráfico supera os 64 anos. Esta situación reflíctena as compañías de seguros, que non lles cobran recarga ningunha aos maiores de 65 anos, mentres que si o fan cos máis novos. Os indicadores máis habituais de que algo non vai ben fanse evidentes cando a persoa maior non respecta os sinais, non fai o stop nin cede o paso, vira sen avisar, invade de xeito continuado o carril contrario e sofre golpes frecuentes por erros de cálculo ao circular ou aparcar. Outros síntomas son as dificultades para seguir unha traxectoria en liña recta.