A comodidade comeza polos pés
Os pés dos nenos medran. Os seus zapatos non. Por iso, a elección e renovación do calzado dende os primeiros anos de vida son determinantes para garantir unha protección e coidado axeitado dos protagonistas que aturan día a día o peso do resto do corpo. O pé dun neno, ao ser un órgano en evolución, precisa moitos coidados e unha atención especial para asegurar un crecemento axeitado. Co fin de non interferir nesa evolución é moi importante que, dende o intre en que o cativo comeza a camiñar se coiden os seus primeiros pasos protexendo a fisioloxía e a biomecánica dos seus pés co calzado máis adecuado. É o mellor xeito de previr a chegada de molestas lesións.
Características dun calzado axeitado
- O material do zapato debe ser flexible para facilitar os movementos naturais do pé e poroso para permitir a eliminación da humidade, co que se evita a aparición de fungos.
- A sola debe de ser lixeira, flexible e antiesvaradía, co fin de favorecer a normalidade da marcha. Débese poder dobrar doadamente a parte dianteira cara a arriba coa man.
- A forma debe ser ancha, que non aperte os pés do neno nin o obrigue a superpor os dedos.
- O interior non debe ter incómodas costuras en relevo, e a soleta debe ser plana e flexible.
- O talón debe de estar reforzado -cun contraforte- de xeito que manteña o pé ben amarrado.
- Tente que o calzado sexa pouco escotado para que non se lle saia cando estea a xogar.
- O talón non debe bailar no interior, xa que se lle pode saír o zapato.
- O calzado debe deixar libre a articulación do nocello, xa sexa unha bota ou unha sandalia. Se é un zapato debe quedar por baixo dos maléolos (os ósos laterais do nocello) e, se é unha bota, debe ser o flexible abonda como para permitir o movemento completo da articulación do nocello.
- Debe incorporar peches que permitan regularse segundo a anchura do pé e o groso do calcetín. As cremalleiras, os cordóns ou os sistemas mixtos garanten un peche perfecto. O sistema de velcro permite que os nenos poñan e quiten os zapatos eles sós, e á vez aseguran a suxeición do pé.
O tamaño xusto, nin máis nin menos
- Os pés dos nenos medran uns sete ou oito milímetros cada tres meses. Unmodo moi sinxelo de comprobar se o calzado lles queda pequeno é apertar a punta do zapato co polgar para comprobar que o dedo gordo do pé do neno non chega a tocala.
- Mídalle os dous pés, xa que é habitual que un pé se máis longo ca o outro. O tamaño hai que elixilo tomando como referencia o pé máis longo.
- Os talles varían entre as distintas marcas e estilos do calzado. Escolla o calzado en relación á correcta adaptación aos pés do neno, non o faga tomando unicamente como referencia o talle que se marca no zapato. Dende a punta dos dedos ata o extremo dianteiro do zapato debe sobrar, polo menos, un centímetro. Esta mesma folgura debe darse na zona do talón.
- Un zapato pequeno dana tanto o pé do neno coma outro grande demais no que lle baile o pé ou que se lle saia decontino, impedíndolle camiñar con soltura.
- Se os zapatos non se acomodan correctamente aos dous pés do rapaz, non os merque. Non confíe en que cedan e se adapten co paso do tempo.
- Antes de saír da tenda, pídalle ao seu fillo que camiñe varios minutos para se asegurar de que a adaptación dos zapatos aos pés é a axeitada.
- Repare en se o seu fillo quita os zapatos con frecuencia. Nese caso, pode que lle resulten incómodos, polo que debe asegurarse de que non lle van demasiado xustos. Fíxese en se ten zonas avermelladas nos pés, ou se aparecen calos ou bochas.
Os erros máis habituais
- As chanclas e mais os zocos non son unha boa opción para calzar os máis pequenos porque a percepción de que o calzado sae do pé a cada paso obriga os dedos a faceren un traballo extra de “agarre” innecesario.
- No caso do calzado deportivo é importante que o tenis sexa de pel. Deste xeito evitaranse rozamentos e problemas de transpiración que poden provocar feridas.
- Calquera tipo de tacón é inadecuado para bebés ou nenos.
- Evite no posible que os irmáns pequenos herden o calzado dos maiores. Os pés son anatomicamente diferentes e cada neno ten un xeito distinto e de seu de camiñar. Aínda que os zapatos estean novos, teñen marcada a forma particular da pegada de quen o usou con anterioridade.
Os primeiros pasos do neno
Ata os 9 meses. O calzado debe ser livián, delicado e moi cómodo, confeccionado de materiais lixeiros e suaves como a tea, o punto ou a la. Tamén poden ser de pel ou lona. A sola do zapato debe ser o máis fina posible para que non moleste nin roce o peíño do bebé.
Entre os 9 e os 12 meses. Cando o neno comeza a andar a gatas, o zapato debe protexelo e darlle seguridade. Nesta etapa dan os seus primeiros pasos, polo que é moi importante que o calzado lles ofreza seguridade, adherencia e agarre. Os zapatos de aprendizaxe deben ser liviáns, hipoalerxénicos, realizados con teas suaves, pero deben levar un reforzo na punteira para protexeren os dedos do cativo do rozamento e dos golpes. Ademais, deben ter forma ergonómica e darlle liberdade de movemento á articulación do nocello e levar sola antiesvaradía.
Entre os 12 e os 18 meses. O neno comeza a andar, polo que o zapato debe incluír reforzos laterais e posteriores que eviten que o pé ladee en calquera sentido. Amais da calidade, comodidade e confort deben ter aireación e solas grosas pero non demasiado altas, flexibles e antiesvaradías.