Electricidade contra a migraña
A dor de cabeza é unha das molestias universais. Este síntoma, que a maioría de persoas experimentaron nalgunha ocasión, pódese limitar a unha afección pasaxeira que mellora espontaneamente ou con calquera analxésico. Pero tamén se pode transformar nunha dor de grande intensidade e longa duración contra a que o tratamento analxésico non é abondo, xa que pode retornar unha e outra vez sen que os afectados o dean freado e ata facerse crónico.
Cando a dor de cabeza é frecuente, intensa e impide o desenvolvemento normal das actividades da vida cotiá e mingua a calidade de vida, cómpre acudir ao médico para que identifique o tipo de cefalea que se padece. Hai unha razón de peso para facelo: identificáronse máis de 300 tipos e distintos tratamentos para cada unha delas. Entre os múltiples tipos destacan as primarias e as secundarias. As primarias, como a migraña, son as máis frecuentes, constitúen unha enfermidade per se e non están causadas por lesións do sistema nervioso. En cambio, as secundarias son consecuencia de enfermidades que afectan ao cerebro (tumores, meninxite ou hemorraxias) e nas que a dor de cabeza é só un síntoma dun proceso máis grave. Este tipo representa entre o 1% e o 2% de todas as cefaleas, segundo a Unidade de Cefalea que dirixe Pablo Irimia no Servizo da Clínica Universitaria de Navarra (CUN). A migraña, coñecida popularmente como xaqueca, caracterízase por dores moi intensas, de varias horas de duración, localizadas na metade da cabeza. Esta dor, que se describe como latexo ou pulsación e que pode estar acompañada por náuseas, vómitos e hipersensibilidade á luz e ao ruído, empeora coa actividade física e, a miúdo, obriga a deitarse. Dentro das xaquecas distínguense a xaqueca con aura e a xaqueca sen aura, que supoñen o 20% e o 80% das xaquecas, respectivamente. Os síntomas de aura máis frecuentes son de tipo visual, a xeito de visión borrosa e luces ou liñas brillantes. As xaquecas aparecen na maioría dos casos na adolescencia, cun pico máximo de incidencia entre os 25 e 55 anos.
Tratamentos do futuro
Na actualidade, seguen aparecendo novos fármacos preventivos para a xaqueca. Para as crises agudas estanse ensaiando fármacos similares aos triptanos, pero sen que teñan efecto vasoconstrictor e que, a diferenza destes, poderíanselles administrar ás persoas que sufriran un infarto de miocardio ou un ictus. Á marxe de todos eles, unha das estratexias máis innovadoras é a estimulación nerviosa occipital, que consiste en conectar cun dispositivo similar a un marcapasos uns electrodos que se sitúan na parte posterior da cabeza, cun procedemento sinxelo e que entraña pouco risco. A estimulación realízase sobre un nervio superficial que se localiza baixo a pel, na rexión occipital, de xeito que os electrodos implantados transmiten unha corrente eléctrica coa que se pretende previr ou aliviar a dor.
Este sistema estase a utilizar en cefaleas que non responden ao tratamento habitual e o resultado demostrou ser, en xeral, moi bo, aínda que polo momento non hai demasiada experiencia no caso da xaqueca.
Outro sistema que se está a ensaiar é a Estimulación Magnética Transcranial (EMT), que se basea na presión que exerce un dispositivo magnético contra a parte posterior da cabeza. Este aparello libera unha forte corrente eléctrica coa que se crea un intenso campo magnético de case un milisegundo. A descarga eléctrica irrompe na fase da aura da xaqueca e altera a actividade eléctrica do cerebro, o que permite freala antes de que a aura provoque unha crise. Por esta razón, a EMT estudouse en pacientes con xaquecas que comezan cunha aura ou con alteracións visuais.
Un estudo da Universidade do Estado de Ohio, nos EE.UU, demostrou que a EMT é efectiva no tratamento das náuseas e da sensibilidade ao ruído e á luz. Neste estudo, un 69% dos pacientes tratados dixo non ter dor ou tela moderada dúas horas despois do tratamento, fronte ao 48% do grupo placebo; a maioría non amosaron sensibilidade ao ruído e máis da metade non tivo problemas coa luz. E as náuseas reducíronse no 88% dos tratados con EMT, fronte ao 56% no grupo placebo. Por iso, estratexias coma esta poderían ser novas armas contra a xaqueca.
Os piares do tratamento actual
No tratamento das xaquecas, o primeiro paso é evitar os factores que poden desencadear ou empeorar as xaquecas, como o estrés, certos alimentos, bebidas (como o alcohol e o café) e medicacións, entre outros. Isto non significa que todas as persoas afectadas teñan que seguir unha dieta e evitar múltiples alimentos, senón que deben identificar os que, en cada caso concreto, poden favorecer as crises. Esta identificación non é sinxela, xa que a xaqueca non sempre aparece inmediatamente logo de consumir o alimento. Ademais, poden influír outros factores que actúan de xeito simultáneo e que son en realidade os verdadeiros responsables das crises. Cando xa se desencadeou a crise, recórrese aos fármacos, que se seleccionan en función de cada paciente e que se administran sempre ao comezar a dor. Pódense utilizar antiinflamatorios ou paracetamol, aínda que os máis comúns son os triptanos; sumatriptán, zolmitriptán, rizatriptán, naratriptán, almotriptán, frovatriptán e eletriptán, son algúns dos que se comercializan na súa forma oral. Tamén hai outras presentacións útiles para persoas que sofren vómitos, como a inxección subcutánea (sumatriptán) ou as inhalacións (sumatriptán ou zolmitriptán).
As crises de xaqueca de intensidade moderada ou grave que imposibilitan o desenvolvemento das actividades habituais deben tratarse con algún dos triptanos dende o comezo da dor. Existe no mercado unha forma oral de triptanos, denominada liotab, que consiste nun comprimido que se disolve na boca sen necesidade de tomar auga. Esta presentación é ideal cando a dor comeza de súpeto e hai que tomalo discretamente. Os triptanos teñen un efecto vasoconstrictor e non se lles poden administrar a persoas con antecedentes de infarto de miocardio ou un ictus, nin ás que teñen a tensión arterial alta e mal controlada nin tampouco ás embarazadas. Cando os ataques de xaqueca son frecuentes (máis de tres veces ao mes), duran moito ou non responden á medicación, recórrese ao tratamento preventivo, que, aínda que non sexa curativo, consegue reducir a frecuencia, intensidade e duración da cefalea e mellorar a resposta ao tratamento para a dor. Este tratamento tómase a cotío entre tres e seis meses ao ano e comeza a facer efecto varias semanas despois de o comezar. Estes fármacos pretenden diminuír a actividade do xerador de xaquecas no sistema nervioso central, aínda que cada un ten o seu peculiar mecanismo de acción.
Entre estes medicamentos figuran os antihipertensivos (como os betabloqueantes ou os calcioantagonistas) que se lles administran aos hipertensos con xaquecas; os antidepresivos (tricíclicos, inhibidores selectivos da recaptación da serotonina), para pacientes con xaqueca e depresión que teñen insomnio; e os antiepilépticos (valproato sódico, gabapentina e topiramato), para pacientes nos que se asocia xaqueca e epilepsia. Outros fármacos con efecto preventivo son o magnesio, a vitamina B2 a doses altas, o coenzima Q10 ou a inxección da toxina botulínica.
Relacionado con esta toxina, nos últimos anos impulsáronse ensaios clínicos para tratar con ela as xaquecas crónicas, que funcionaron nun 70% dos casos, segundo o Grupo de Estudo de Cefaleas da Sociedade Española de Neuroloxía. Consiste en infiltrar bótox no perímetro cranial a persoas con dores de cabeza que persisten máis de 15 días ao mes e sen resposta a outros tratamentos preventivos. Non obstante, esta técnica non está aprobada en España e utilízase como uso compasivo, é dicir, en casos excepcionais a pacientes illados e baixo responsabilidade médica.
Para decidir o tratamento máis axeitado en cada tipo de cefalea e xaqueca, convén efectuar previamente un diagnóstico preciso, tendo en conta que unha persoa pode sufrir varios tipos de cefaleas e precisar unha medicación diferente para cada un deles. O paciente debe describir os síntomas para que o médico saiba cal é a localización da dor, a súa duración, os síntomas asociados, que incapacidade produce para desenvolver os labores habituais, se hai desencadeantes da dor e como se pode aliviar. Ademais, cómpre realizar unha exploración neurolóxica completa e tomar a temperatura e a tensión arterial.
Cando a exploración neurolóxica é normal, non é necesario realizar máis estudos, xa que a maioría das cefaleas son primarias (non asociadas a lesións do sistema nervioso). Con todo, nalgúns casos pódense requirir máis probas analíticas, ou de imaxe cerebral, como a tomografía computerizada (TAC) ou a resonancia magnética (RM), sobre todo en pacientes con síntomas ou signos “de alarma”. O documento Clasificación Internacional das Cefaleas, elaborado polos expertos máis relevantes na materia, recolle polo miúdo as características de cada tipo de dor de cabeza. É a ferramenta que empregan todos os médicos para poderen clasificar e diagnosticar axeitadamente cada tipo de cefalea.
- Acudir ao médico cando a dor de cabeza sexa frecuente, intensa e incapacitante.
- Identificar os factores desencadeantes das crises migrañosas.
- Seguir o tratamento preventivo das crises e evitar a automedicación.
- Acudir ao médico se se observa que os fármacos perden eficacia e a dor aparece de xeito máis frecuente. Córrese o risco de sufrir cefalea crónica diaria debido ao abuso de medicación.
- Iniciar o tratamento da cefalea con calquera medicamento o máis precozmente posible, cando a dor estea a comezar e sexa leve.
- Non agardar a que a cefalea alcance o pico máximo de dor para tomar a medicación.
Fonte: Unidade de Cefaleas do Departamento de Neuroloxía da CUN