A moda das porcións individuais
Arroz cocido individual, tortilla de patacas individual, ensalada de pasta individual… Son só tres exemplos dunha listaxe crecente de comida preparada ou precociñada, doada e rápida de elaborar que vai destinada a un só consumidor. O cambio social nos estilos de vida e de alimentación, nas relacións sociais e mais o crecemento de modelos de fogar distintos aos tradicionais (unipersoais, monoparentais ou de parellas sen fillos) reflíctese nunha transformación do modelo de consumo alimentario. Estas circunstancias servíronlle á industria do sector para adaptaren a presentación dos seus produtos. A tendencia a elaborar e a presentar pratos cociñados ou precociñados en formatos individuais comezou na década de 1990 coas ensaladas enlatadas e consolidouse nos últimos anos.
Mercar só o que cómpre
Esta nova oferta alimentaria facilita a posibilidade de mercar xusto o que se vai consumir. Ademais, pode servir como incentivo para un consumo responsable e razoable, xa que se reduce a cantidade de comida que acaba estragada. Segundo unha recente enquisa nacional sobre hábitos de conservación de alimentos, o 15% das familias españolas guindan ao lixo uns 240 euros en comida cada ano. Segundo este estudo, as perdas económicas débense, as máis das veces, a unha mala conservación da comida, pero tamén se pode atribuír a que se adquire máis cantidade de alimentos dos que en realidade se consomen na data axeitada. Así e todo, cómpre decatarse tamén dos inconvenientes das “porcións individuais”: algúns dos envases inclúen unha cantidade de alimento que non se corresponde coa aconsellada como saudable e razoable, ben sexa por conteren unha cantidade moi xusta ou por ser desproporcionada. Ademais, teñen un maior custo ecolóxico pola cantidade de embalaxes que xeran.
Tarefa pendente: unificar modelos
A clave para que o consumidor poida alimentarse dun xeito correcto se opta polos formatos individuais baséase en que coñeza a cantidade razoable e saudable que corresponde a unha porción segundo cada produto. A industria alimentaria, pola súa banda, deberá facer o esforzo de unificar as porcións de alimentos que ofrece e axustalas á cantidade recomendada. Unha boa mostra atópase nos arroces brancos (bomba ou basmati) que se venden en formato individual. Estes ofrecen, polo xeral, unha cantidade media de 125 gramos por porción. Segundo as indicacións do fabricante o arroz xa cocido tan só require quecer durante un minuto no microondas para que estea listo. Considérase que a porción de arroz por persoa é de entre 60 e 80 gramos pesada en cru. Esta cantidade equivale a uns 180-240 gramos de arroz cocido, xa que se trata dun alimento que ao se hidratar durante a cocción case triplica o seu peso. Xa que logo, a porción individual de arroz cocido debería andar arredor dos 200-240 gramos, o dobre da que conteñen.
Se se trata de pratos preparados con distintos ingredientes (paella, lasañas, espaguetes á boloñesa, garavanzos con verduras…), todos eles deben incluírse en cada porción dun xeito proporcional (cachos de carne e peixe da paella, carne picada da lasaña e da boloñesa, ou verduras dos legumes). Neste caso, a unha porción corresponderíanlle, por unha banda, uns 180-240 g de arroz ou de pasta, ou ben 120-160 g de legumes (peso en cocido), e, por outra, uns 60-80 gramos (peso en cru) correspondentes aos ingredientes engadidos ao alimento principal.
No caso das tortillas de tamaño individual sería unha información moi útil para o consumidor que o fabricante informase da cantidade de ovo e de pataca que engaden. Do mesmo xeito, os pratos preparados de peixe ou de carne con gornición ou salsa e mais os que ofrecen unha combinación de diferentes verduras deberían especificar na lista de ingredientes a porcentaxe correspondente a cada un. Ademais, deben indicar o peso total e mais o peso escorrido, para saber a cantidade real que se está a consumir de cada alimento.
Na sección de carnes envasadas podemos atopar paquetes acompañados da lenda “formato individual” cun contido que supera con moito a porción individual de carne; dous filetes cun peso total de 350 g, case tres veces a cantidade recomendada. O sentido común pódenos alertar de que a cantidade é esaxerada para unha porción, pero, en calquera caso, a mensaxe é incorrecta. Esta tendencia de presentación comparte espazo co fenómeno oposto: as versións xigantes de alimentos, coñecidas como porcións XXL. Véndense refrescos dun tamaño cada vez meirande, bolsas enormes de patacas frixidas e outros snacks, pan de molde con rebandas máis grandes ou iogures de medio quilo. Os establecementos de comida rápida ou fast-food ofrecen porcións demasiado grandes de hamburguesas, patacas frixidas, refrescos ou de tortas e doutras sobremesas doce.
Ración individual saudable
Pero, que cantidade equivale a unha porción? É a pregunta obrigada de quen se propón practicar unha alimentación equilibrada (ou comprobar se o fai ben) acorde coas porcións diarias de alimentos recomendadas en nutrición. O concepto de “porción recomendada” pode parecer ambiguo se se atende á definición consensuada como “a cantidade habitual destes alimentos que se consome decote”. Para despexar a dúbida e poder incluír as diferentes porcións de alimentos que, combinadas con tino, cubran as necesidades enerxéticas e nutricionais de cada individuo segundo o seu sexo, idade, actividade física e etapa da vida, estableceuse un peso medio para cada porción. A Sociedade Española de Nutrición Comunitaria (SENC) desenvolveu un documento de consenso sobre “porcións de alimentos recomendadas para adultos” no ano 2004 e estas porcións quedaron plasmadas na “Guía da alimentación saudable”. Esta información sérvelle ao consumidor para ter unha idea clara e exacta das cantidades e proporcións convenientes dentro de cada grupo de alimentos; aos distintos profesionais sanitarios para unificaren as recomendacións dietéticas que lles dan aos pacientes; e á industria alimentaria para orientar as cantidades dos seus produtos cara a unha alimentación saudable. O establecemento do peso medio das porcións permítelle ao consumidor decidir que cantidade debe tomar de cada alimento e dálle á industria unha pauta para ofrecer a súa oferta de envases individuais. Agora ben, amais de coñecer as porcións diarias de alimentos, tamén cómpre saber cal é a frecuencia de consumo recomendada de alimentos para facer un plan semanal de menús equilibrado (ver cadro).