O paciente, protagonista do coidado da súa saúde
¿E quen non mercou un medicamento receitado en anteriores ocasións polo doutor para esa doenza banal (gorxa, oído…) que padece inverno tras inverno pero sanda con fármacos que non precisan receita? No primeiro caso, estamos ante unha persoa que opta pola autoprescrición. No segundo, temos a un usuario que, recoñecendo os síntomas da enfermidade que sofre periodicamente e sabendo o xeito de combatelos, se decanta pola automedicación responsable.
Aínda que a automedicación entraña connotacións negativas para boa parte da poboación e mesmo para os propios médicos, a Organización Mundial da Saúde (OMS) ve na automedicación responsable unha fórmula válida de atención á saúde nas sociedades desenvolvidas.
A automedicación responsable refírese principalmente ó uso de medicamentos de libre acceso (non requiren receita médica) e contraponse á autoprescrición, ou uso indiscriminado de fármacos sen indicación nin supervisión facultativa.
Automedicación versus autoprescrición
A automedicación responsable sufriu unha evolución moi significativa nos últimos anos. Se ben nunha fase inicial o seu ámbito se circunscribía ó alivio de síntomas pouco graves (doenzas leves de gorxa, estómago, oído, tose…), na actualidade abrangue a prevención e alivio de problemas agudos de saúde e dalgúns síntomas de enfermidades crónicas (reuma, artrose…). A automedicación responsable non pretende deixar a un lado o estratéxico papel do médico: o contacto co paciente non debe desaparecer. A autoprescrición, pola contra, deixa a un lado ó facultativo: é o paciente quen decide qué medicamento tomará: “funcionou cun parente nunha doenza semellante”, ou “oín falar moi ben dese fármaco”…, polo tanto “vouno tomar eu tamén”.
Consecuencias da autoprescrición
As consecuencias poden ser importantes: enmascaramento da enfermidade, aparición de efectos adversos, prolongación ou agravamento da enfermidade, propensión ou resistencia ós medicamentos empregados, facilita-lo contaxio e fomento da drogodependencia…
A autoprescrición agacha a miúdo a dependencia psíquica ou física a determinados medicamentos empregados para producir cambios no estado de ánimo. Os factores que condicionan e favorecen o consumo de medicamentos sen prescrición son: a escasa accesibilidade ó facultativo, o pouco tempo libre dos usuarios, e a excesiva lasitude no cumprimento, por parte das farmacias, da lexislación sobre dispensación de especialidades que esixen receita médica. Os farmacéuticos, é preciso recoñecelo, son rigorosos na venda de psicótropos (sedantes, hipnóxenos, tranquilizantes, antidepresivos…), pero decote son menos estrictos cando se trata de dispensar outro tipo de medicamentos.
Erros no uso de fármacos
Poderíase pensar que os medicamentos máis dispoñibles para a automedicación en España, as Especialidades Farmacéuticas Publicitarias (EFP), que non requiren receita médica, deberían se-los medicamentos máis consumidos polos usuarios que se automedican, pero non é así. Estas EFP constitúen só unha pequena parte dos medicamentos empregados con este fin.
O groso da automedicación constitúeno fármacos que precisan receita médica. E os erros de utilización nesta práctica, que comportan efectos secundarios e outros problemas a medio prazo, constitúen o aspecto máis negativo da automedicación indesexable, diametralmente oposta á automedicación responsable e positiva que propugna a OMS.
Educa-lo paciente
A OMS considera positivo fomenta-la participación dos cidadáns en todo o relacionado coa súa saúde, e ve nisto un xeito de reduci-las visitas ós centros de asistencia sanitaria, ó tempo que un xeito de economizar no gasto da sanidade pública. Para iso, a OMS avoga por formar á poboación no uso de fármacos. Trátase de complementa-lo binomio diagnóstico-receita coa tríade información-consello terapéutico-educación. Un paciente ben informado de por qué se lle receita un medicamento, aceptará de mellor grao as decisións do doutor. O consello terapéutico refírese ás condicións de uso de fármacos (doses, duración do tratamento…). Se o médico nos prescribe un fármaco ante un síntoma habitual no noso organismo e nos explica os porqués, nunha circunstancia semellante poderemos solicitar na farmacia ese tratamento ou outro semellante sen necesidade de consultar co galeno.
¿Automedicación responsable?
Tal e como a contempla a OMS, a automedicación responsable xera beneficios a nivel persoal e social:
- O alivio ou solución de problemas de saúde pódese realizar de maneira autónoma e complementaria ó labor profesional dos médicos.
- Increméntase a autonomía e a responsabilidade das persoas no coidado da súa saúde.
- Evítanse esperas, desprazamentos, perdas de tempo, etc.
- Contribúese ó desafogo para o sistema sanitario, conxestionado por doenzas susceptibles de se trataren de xeito autónomo.
- A automedicación é unha realidade que debe asumirse. A información e a educación sanitaria poden axudar a que se faga de xeito responsable e positivo. E a que se consiga erradica-la automedicación indesexable e perigosa.
Algúns grupos de medicamentos merecen especial atención, porque son obxecto de consumo indiscriminado e poden carrexar serios problemas.
1. Antibióticos. Agárdase deles a curación definitiva dos procesos infecciosos, do tipo que sexan. Son os que máis expectativas xeraron nos últimos anos. O 88% da poboación española toma antibióticos polo menos unha vez ó ano, e un 25%-30% dos envases vendidos son pura autoprescrición, é dicir, sen control médico. Pero o peor é que, na maioría das ocasións, non están indicados nin se toman nas doses axeitadas nin coa duración precisa. O resultado é que amais doutros efectos indesexables, España é un dos países con maiores taxas de resistencia bacteriana. Os xermes tórnanse resistentes ós antibióticos, o que en breve prazo constituirá -advirten os especialistas- un grave problema de saúde pública.
2. Analxésicos. Os datos sobre o seu consumo refiren un emprego masivo de analxésicos en tódolos grupos de idade. Nos últimos seis anos, a súa venda subiu un 25%. Un dos riscos do uso habitual de analxésicos é a Nefrite Intersticial, que pode evolucionar moi desfavorablemente. Se se abusa da aspirina, os problemas son as hemorraxias dixestivas, as reaccións alérxicas e outras enfermidades, máis frecuentes do que se coida.
3. Antiinflamatorios non esteroideos (AINEs). O seu consumo crecente, asociado ou non a analxésicos, afecta fundamentalmente ás persoas de máis idade, que sofren máis procesos inflamatorios crónicos e dexenerativos. A gastrite e as hemorraxias dixestivas, amais doutros efectos adversos, son os riscos máis habituais.