O consumidor, protagonista principal do IPC
Periodicamente os medios de comunicación fanse eco da subida do IPC (Índice de Prezos ó Consumo) como un dato que afecta directamente ó cidadán e que transcende, por iso, a teoría económica. E, efectivamente é así, aínda que ás veces se presenta como un concepto que resulta difícil de entender. O IPC é un indicador ou variable estatística que permite coñecer cánto encareceu ou se abaratou co paso do tempo o prezo do conxunto de artigos que constitúen o consumo familiar. O IPC refírese á alimentación, transporte, educación, prendas de vestir, etc., non ós productos industriais como ferramentas ou maquinaria. Afecta, polo tanto, ó conxunto de artigos de consumo, non a unha selección deles e non especifica cál é o prezo do conxunto destes productos senón soamente cánto varía no tempo.
O IPC no orzamento familiar
Se, por exemplo, o Índice é hoxe un 3% maior ca hai un ano, ese aumento indica que para mercar hoxe os mesmos artigos de consumo ca hai un ano temos que gastar un 3% máis de diñeiro. Polo tanto, que para non empobrecérmonos deberiamos gañar un 3% máis ca hai un ano. De aí a aplicación do Índice nos convenios salariais, nas rendas das vivendas, na política de pensións e, en xeral, en negocios privados ou públicos nos que importe o mantemento do nivel de vida. (Cómpre lembrar que antes de asumi-la súa actual denominación o Índice chamábase Índice do custo da vida).
O seu cálculo responde a un sistema economicista complexo
En España o Índice obtíñase ata o ano 2001 mediante o Índice dos prezos de oito grupos de bens de consumo: productos de alimentación, artigos de vestir, o alugueiro das vivendas, enxoval doméstico, medicinas, transporte, educación e bens culturais e resto de artigos de consumo. Cada un destes Índices elabórase a tres niveis: provincial, autonómico e nacional, de xeito que é posible coñecer non só cánto variou o prezo do conxunto dos bens de consumo en España en dous, tres, trinta ou os meses que sexan (Índice xeral nacional), senón tamén cánto encareceu, por exemplo, durante o último ano a compra de prendas de roupa e calzado en Valencia (Índice para esa provincia de prezos de artigos de vestir).
A cesta da compra
É o Instituto Nacional de Estatística quen determina, mediante enquisas chamadas de orzamentos familiares, qué productos consumen as familias e cánto representa cada un deles no gasto total familiar. Deste xeito coñécense os artigos típicos que compoñen a alimentación da familia española, os artigos cos que se viste, os que constitúen o seu enxoval doméstico, etc. e a porcentaxe do gasto total que destina a familia tipo española para alimentarse, vestirse ou para paga-la súa vivenda. Co resultado desas enquisas fórmase a cesta da compra representativa do consumo familiar, que, na actualidade, polo que se refire ó noso país, comprende 57 artigos. Logo de ser confeccionada, anótanse os prezos que os seus artigos teñen nuns puntos de compra determinados (comercios, farmacias, escolas, etc.) de cada provincia. O momento no que se realiza esta primeira observación denomínase período base. A partir de entón, cada mes, vólvense toma-los prezos dos mesmos artigos nos mesmos establecementos ou puntos de compra, observando cánto variaron con respecto ós anotados no período base; e é esta variación a que recolle o Índice.
¿E se perde importancia ou desaparece do mercado un producto?
En realidade, como vemos, o que os técnicos do Instituto Nacional de Estatística que elaboran o Índice observan é cómo evolucionan os prezos duns bens concretos nuns establecementos igualmente concretos. Así e todo, trátase dun dato extrapolable ó conxunto do gasto familiar de tódolos cidadáns, se a elección de productos e de establecementos se realiza acertadamente. Ademais, se os seus pesos ou importancias relativas se estableceron con bo criterio, esa evolución será tamén, por lei estatística, a do prezo do conxunto de tódolos artigos de consumo.
Pero ás veces acontece que artigos sometidos a observación mensual deixan de se venderen porque o consumidor prefire outros novos; tamén acontece que perden importancia algúns puntos de venda nos que se facían as medicións dos prezos e gáñana outras tendas. No primeiro caso, substitúese o artigo abandonado polo que o substitúe no consumo, e para que a substitución non afecte ó Índice, non se compara o prezo do novo artigo co do antigo senón co que tiña o artigo novo nos meses precedentes á súa inclusión na cesta da compra. No segundo, búscase un establecemento con características semellantes á tenda na que anteriormente se efectuaban as medicións e confíreselle unha ponderación equivalente.
Se cambian os gustos do consumidor…
Ata hai relativamente pouco, o cambio de gustos era lento e bastaba con renova-la cesta da compra cada doce ou quince anos. Hoxe considérase necesario confeccionar unha nova cesta cada catro ou cinco. Para axustar en profundidade a cesta da compra ó consumo real, non hai outro procedemento có de volver realizar enquisas de orzamentos familiares e confeccionar cos seus resultados unha nova cesta.
E este é, precisamente, o caso do Índice actual do noso país, que se fundamenta en consultas estatísticas realizadas entre abril de 1990 e marzo de 1991, sendo o seu período base o ano 1992. Chegaba, polo tanto, a hora de actualiza-la cesta do consumo español; e niso se está agora; as oportunas enquisas realizáronse ó longo do 2001, que será tamén o período base para a nova cesta. Ademais, vanse introducir no Índice reformas técnicas de consideración, algunhas externas, como a súa estructuración en doce Índices parciais no canto dos oito sinalados enriba, outras que afectan ós sistemas de valoración, como as referentes á actualización permanente do peso dos Índices parciais, ó dinamismo na substitución de consumos, e outras, para rematar, nos métodos que permiten a comparación do Índice español cos Índices de prezos dos distintos países da Unión Europea. Pero cómpre agardar á súa construcción definitiva para glosármo-las novidades que achegue este novo Índice.
Entende-lo IPC
Son moitos os modos nos que se adoita presentarlle o Índice ó lector. O máis sinxelo é aquel que lle outorga valor 100 ó Índice no período base e de seguido valora sobre 100 o dos meses sucesivos. Deste xeito, o valor 103, por exemplo, para unha data determinada significa que os prezos aumentaron nun 3% entre o período base e esa data, e o valor 105 para outra, que aumentaron os prezos nun 5% entre o período base e a nova data. Outro modo de presenta-lo Índice consiste en ofrecer para cada mes o incremento ou decremento que experimentou con respecto ó mes anterior. E outro moi usual, aínda que de lectura algo máis complicada, é o que amosa para cada mes o tanto porcentual no que variou o Índice desde o mesmo mes do ano anterior. A súa utilidade deriva de que se acostuma aprecia-la taxa de inflación de prezos por períodos anuais.
IPC de novembro, desde 1962 ata 2001
1979 | 15,5 |
---|---|
1980 | 15,3 |
1981 | 14,3 |
1982 | 13,2 |
1983 | 13,0 |
1984 | 10,0 |
1985 | 8,5 |
1986 | 8,2 |
1987 | 4,7 |
1988 | 5,4 |
1989 | 7,3 |
1990 | 6,7 |
1991 | 5,7 |
1992 | 5,1 |
1993 | 4,7 |
1994 | 4,4 |
1995 | 4,4 |
1996 | 3,5 |
1997 | 2,0 |
1998 | 1,4 |
1999 | 2,7 |
2000 | 4,1 |
2001 | -0,1 |
É o sentido común o que leva a elixi-los productos dos que se anota tódolos meses o prezo para calcula-lo IPC. Sempre son productos que se consumen a cotío nunha familia. Ademais, a importancia de cada un na cesta tamén a marca o sentido común: a ponderación, é dicir, a porcentaxe que supón de gasto determinado producto no peto doméstico calcúlase pola importancia dese producto dentro do gasto total. Todas estas compras e productos non responden exclusivamente a un criterio de necesidade senón de gasto. Aínda que non sexa necesario, vital, ir ó cine, o custo das entradas si representa un gasto habitual nunha familia.
Por outra banda, pode chama-la atención a ausencia do gasto que unha familia fai na compra, xeralmente a través dunha hipoteca, da vivenda. Pero a non presencia deste gasto ten unha explicación rotunda: a compra da vivenda considérase un investimento, e non un gasto. Pola contra, si que aparece o gasto que se fai polo alugueiro dunha vivenda, imputación que se fai xenérica para tódalas familias e por iso aparece na cesta da compra mensual, aínda que a súa ponderación non é excesiva xa que o habitual é ter casa en propiedade.
Houbo tamén discusións pola presencia ou ausencia de determinados productos no IPC, concretamente no mes de maio do 2001 xurdiu unha polémica sobre se o tabaco debería saír da cesta, ou sobre qué peso deberían te-las bebidas alcohólicas. Xa que a elección dos artigos non se debe a criterios arbitrarios nin políticos, e aínda que se trate de productos que as autoridades desexarían que se deixasen de consumir, non hai dúbida de que unha familia tipo no noso país realiza un gasto máis ou menos representativo ó mes de tabaco e alcohol. De tódolos xeitos, detrás desta proposta non só hai vontade pola saúde e desexo de que o tabaco deixe de formar parte da cesta da compra, tanto o tabaco coma o alcohol están gravados por uns impostos indirectos altísimos que loxicamente alteran o IPC cara á alza, polo que ó sacalos darían a fórmula que permitiría seguir gravando o consumo de ámbolos productos sen que afectase á inflación. Por iso sería facer trampa, porque os españois seguen fumando e destinando parte do seu orzamento mensual a ese vezo.