ADSL

Pola vía rápida

O ADSL é unha alternativa veloz ás lentas conexións por modem convencional
1 Xaneiro de 2002
Img internet listado

Pola vía rápida

En 1975 coidábase que a máxima velocidade de transmisión de datos a través de liñas telefónicas convencionais era 1,5 kilobits por segundo. Un cuarto de século despois, o fluxo de 56 kilobits por segundo (o que se coñece como 56k) que chega á maioría dos fogares conectados a Internet sabe a pouco. E é que 56k resultan abondos para enviar e recibir textos e fotografías non demasiado grandes, pero converten nunha desesperante e lenta tortura descargar música e vídeos da Rede.

Os científicos seguen espremendo o fío de cobre para que nel viaxen apiñados máis e máis datos e non haxa que cambia-lo cable que chega ata cada fogar. Así naceu a tecnoloxía ADSL, que fai uso de frecuencias ata o de agora desaproveitadas nas transmisións telefónicas para conseguir unha conexión de maior calidade.

Velocidade asimétrica

A velocidade do ADSL é asimétrica, é dicir, traer algo de Internet resulta moito máis rápido que enviar algo á Rede. Lonxe de ser un contratempo, este esquema de traballo adáptase ós hábitos dos máis dos internautas. Faga a proba: a vindeira vez que corte a conexión repare no contador de bytes recibidos e enviados. Verá que as máis das veces o primeiro é moito maior có segundo. No caso de ter máis dun ordenador na casa non fai falta contratar varias liñas ADSL, pódese comparti-lo fluxo de datos dunha soa conexión en tódolos equipos. A velocidade que ofrecen as operadoras é decote a máxima teórica, que só se alcanza en condicións ideais (máis ben utópicas). Á hora de contratar ADSL comprobe que lle garanten un caudal mínimo. Se non, quizais acabe cun deportivo que se mova só entre atascos. Comprobe tamén que non limitan ningún servicio. Aínda que a maioría dos internautas unicamente utiliza unha serie concreta de protocolos e portos, quizais algún día decida utilizar eses que, de entrada, están bloqueados.

Vantaxes si, pero tamén inconvenientes

As vantaxes do ADSL son notables: o usuario está sempre conectado, e navegue o que navegue paga un fixo mensual, que en España anda arredor dos 40 euros (6.655 pesetas) para os fogares. Isto fai que sexa unha tecnoloxía especialmente indicada para os internautas que fan un uso intensivo da Rede. Este tipo de conexión é, ademais, substancialmente máis veloz cá dun modem convencional. En España, a máxima velocidade comercializada é de 2.000 kilobits por segundo (2 megabits/s), aínda que este torrente de datos só está dispoñible para empresas. Os fogares teranse que conformar con fluxos máis modestos, entre 128 e 256 kilobits por segundo. Con esa velocidade pódense escoitar xa actuacións en vivo coa calidade dun CD.

¿Os inconvenientes? Se non se utiliza moito Internet a conexión por ADSL custa máis cá tradicional. É preciso un novo modem (bastante máis caro cós de 56k) para funcionar. Ademais, esta tecnoloxía non se pode instalar en calquera fogar: o usuario debe estar a menos de tres quilómetros dunha central telefónica que ofreza este servicio (non todas o fan). O ADSL é incompatible con outros servicios como o fío musical, polo que cada usuario deberá informarse da particularidade da súa instalación.

Longa vida ó cobre

Pero, ¿por que desenvolve-lo ADSL no canto de potencia-la fibra óptica, da que oímos tantas bondades os últimos anos? É certo que a fibra óptica ten teoricamente un potencial maior có cobre. Nela pode viaxa-lo teléfono, os datos e mesmo a televisión e a radio dixital. Non obstante, o cobre é practicamente ubicuo, xa que se trata da tecnoloxía que se usa na telefonía convencional. O custo da súa instalación é, polo tanto, moito menor. Ademais, mante-lo canleado tradicional é estratéxico: o cobre non precisa electricidade para transmitir. Por iso, nas catástrofes, aínda que se corte a subministración eléctrica, os teléfonos continúan servindo de nexo entre as persoas.

Pero, o ADSL non é, nin moito menos, o derradeiro paso. Do mesmo xeito en que mes a mes ordenadores máis potentes fan quedaren obsoletos ós que parecían os máis modernos, novas conexións aínda por chegaren acabarán permitindo que o fluxo de datos non impida que os usuarios fagan un uso verdadeiramente multimedia e interactivo de Internet.

Banda Ancha
www.bandaancha.com


Portal en español sobre os diferentes accesos de banda ancha que existen no mercado. Permite compara-las diferentes alternativas para escolle-lo tipo de acceso que máis se axeita ás nosas necesidades.

Asociación de Internautas
www.internautas.org/


A Asociación de Internautas puxo en marcha unha sección na súa web onde se esmiúzan as últimas novidades sobre o ADSL en España. Inclúe textos de referencia e un enlace á páxina do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía onde podemos comprobar se o noso número de teléfono soporta ADSL.

Noticias 3D
www.noticias3d.com


Sitio-web dedicado á información sobre os compoñentes do ordenador con información actualizada sobre as últimas tarxetas de vídeo e placas base. Inclúe un completo e accesible artigo sobre as características do ADSL e as súas semellanzas e diferencias con outras conexións de banda ancha.

A seguridade, cuestionada

Se non se toman as debidas precaucións o ADSL pode converterse na fenda pola que se filtren no noso ordenador os habitantes máis indesexables da Rede. Non se trata de que a conexión por ADSL sexa máis insegura cás tradicionais. Pero a alta velocidade de conexión fará que se o equipo cae en malas mans, os estragos sexan maiores.

  • Non deixe o ordenador todo o día aceso coa conexión aberta á Rede. Se o fai, usuarios sen escrúpulos terán todo o día para proba-las fendas de seguridade do seu equipo e acceder á súa información.
  • Non abra ningún correo que non lle inspire confianza nin instale nada descoñecido. O mellor antivirus é a prudencia.
  • Instale regularmente os parches que sacan os fabricantes de programas. Adoitan tapa-las vulnerabilidades coas que os venderon.
  • Instale un antivirus. Os danos que pode facer un destes bichiños electrónicos nun ordenador cunha conexión de banda ancha como o ADSL son maiores.
  • Coloque unha devasa (firewall). Non permite que saia ou entre un só dato non autorizado no ordenador, é dicir, comproba se un programa oculto tomou o control do sistema e se dedica a usa-la conexión ó seu antollo.
  • Sexa realista, ¿que ten vostede que lle poida interesar a un pirata informático?