Ante o fracaso, convén que nos preguntémo-lo "porqué" no canto do "quén"
Cando acontece algo negativo, tendemos a buscar culpables. Ata tal punto se dá esa tendencia que se poden clasifica-los tipos de personalidade segundo se reacciona ante as frustracións: quen sistematicamente se autoinculpa do que acontece, quen pensa que a culpa sempre a teñen os demais e, para rematar, quen non lle bota a culpa a ninguén, ben porque non entra a xulgar ou porque non lle outorga excesiva importancia ós contratempos que a vida nos depara.
As reaccións de autoinculpación provocan no individuo un estado de ansiedade que pode te-la súa orixe nun sistema de educación ríxido. A familia, a escola ou o medio social estiveron tradicionalmente cargados de leis e normas de conducta rexidas polo medo ó castigo. Deste xeito, fomos interiorizando paulatinamente este catálogo represivo ata que remata constituíndo parte da nosa personalidade. É coma un xuíz ou policía que levamos dentro e que actúa impoñéndose á espontaneidade da acción e do pensamento. As persoas con este sentimento de culpa énchense de obrigas aínda que estas non lle correspondan. Son extremadamente escrupulosas e esixentes á hora de se axuizaren e viven pendentes de que o castigo ou a sanción poida caer sobre elas.
Por outra banda, as reaccións que sistematicamente inculpan a outros de todo o negativo que acontece débense a que o individuo non atura a carga da propia responsabilidade cando xorden as frustracións, e diríxelles ós demais a sensación de culpa. É un xeito de liberación que os demais perciben como unha conducta agresiva, pero que revela a incapacidade do individuo para criticarse de maneira obxectiva e serena. A orixe destas conductas está en estilos de educación permisivos nos que a persoa non experimentou os límites da súa conducta nin as consecuencias dos seus erros. Acontece a miúdo en familias nas que a autoridade de pais e adultos e o respecto a unhas certas normas de convivencia foron mal ou insuficientemente traballados cos nenos e adolescentes. A educación en liberdade e responsabilidade é a nosa materia pendente.
E a actitude de reaccionar ante as malas novas non lle botando a culpa a ninguén asóciase a dous tipos de perfil: quen mantén actitudes frívolas en non lle dá importancia a nada e, por outra banda, quen demostrándose responsable e consciente, opta por non tingui-las relacións interpersoais de sentimentos de culpa para evita-la negatividade que iso carrexa.
Prexudica as relacións
Quen por sistema lles adxudica as culpas ós demais resulta tan cargante que non tarda tempo en verse illado e evitado por todo o mundo, non sendo cando ostenta poder sobre o seu contorno e é, por iso, temido, o que non favorece en absoluto as relacións sociais desa persoa poderosa. Estes individuos téñense por tan perfectos que resulta desagradable permanecer xunto a eles. Pero esta actitude -tan visible cando a protagonizan outras persoas, pode pasarnos desapercibida se somos nós quen a adoptamos. Por iso resulta útil reflexionar sobre a nosa capacidade de autocrítica, e sometérmonos á crítica allea con espírito de mellora. Defendérmonos por sistema é de pouco proveito para o noso progreso persoal e distáncianos dos demais.
No outro extremo, quen se autoinculpa dos fracasos, dos propios e alleos, sofre nas relacións sociais porque percibe ós demais como superiores ou como irresponsables. E pode rematar facéndose demasiado esixente cos demais, ó ser percibido o contorno como moralmente menos escrupuloso ca un mesmo. Para rematar, excluí-los sentimentos de culpa é case sempre positivo. Cando se produce un conflicto é improductivo procurar culpables. Se se lle bota a culpa ó outro poden acentuarse os seus sentimentos de culpa, especialmente se é máis débil, co que contribuímos a destruílo. E poden tamén darse respostas asimétricas, polo que nos veremos nun “máis do mesmo” ou no “conto de non rematar” co que chegar á solución do conflicto será moi difícil. Sempre é máis útil preguntarse qué parte de responsabilidade lle corresponde a cada un na procura de solucións (e non só na orixe do problema) e actuar de seguido en consecuencia.
Liberármonos dos sentimentos de culpa
Moitas das frustracións que orixinan os sentimentos de culpa prodúcense porque se ten unha idea da nosa capacidade ou da dos demais, que, por excesivamente optimista, non se atén ó real. Polo tanto, a primeira estratexia para combate-lo sentimento de culpa é cultiva-lo sentido da realidade, o que supón aceptar, aínda que resulte doloroso, qué e quén é cada un. Para iso, é preciso traballa-la autocrítica mediante a reflexión e tomando en consideración as observacións que nos fan as persoas que nos manifestan máis afecto e confianza. Determinaremos así as causas das situacións conflictivas para aprender dos fracasos e non volver cometer eses ou erros semellantes.
O obxectivo é dobre: o esclarecemento da situación e a desactivación do proceso de adxudicación de culpas. O intelixente e proveitoso é identificármo-los erros, recoñece-la causa, asumírmo-la responsabilidade cando nos compete e, xa despois, tomarmos medidas para rectificalos e para non volver caer na mesma pedra. Limitármonos a sentir culpa é como encadeármonos de por vida polo que aconteceu no pasado, o que conduce a un estado de ansiedade que pode derivar en depresións. Sentir culpa só resultará útil cando esta sensación poida converterse en acción. Cando se aceptan os erros sen sentir un fracaso definitivo e paralizante, o erro pode percibirse como unha oportunidade de aprendizaxe, como unha fonte de información de qué cousas van ben e cáles non. Trátase dun proceso de autoaceptación e mellora que xera autoestima, de aprender a querérmonos a partir dun diagnóstico atinado sobre as nosas accións menos logradas e as nosas posibilidades de intervir sobre elas. No tocante á culpa que podemos sentir polos erros alleos, cómpre preguntarse se un é responsable (ou en qué medida o é) das vidas dos demais.
Cada un ten o seu propio periplo vital e debe asumi-la súa responsabilidade sobre o que nesa viaxe acontece. Estes sentimentos de culpa polos demais parten do convencemento íntimo de que eles dependen de nós. É como se a partir desa vinculación se establecese unha dominación. Permitirlle á outra persoa vivi-la súa vida permítenos a cada un vivírmo-la nosa do mesmo xeito, con liberdade e responsabilidade. Quen vive ó noso redor vai desenvolverse mesmo a pesar noso, sen unha axuda, a nosa, que pode percibir como abafante. É un alivio comprobar que un non ten toda a responsabilidade no que lles aconteza ós outros, pero hai que saber asumir esa soidade que podemos sentir cando aceptamos que os demais vivan sen dependeren dos nosos xuízos e opinións.
- Identifica-los sentimentos de culpa. Analizar en qué situacións sobreveñen.
- Aceptalos como normais e pensar que son comprensibles. Ó recoñecer e aceptar estes sentimentos de culpa, resultará máis doado expresalos e combatelos.
- Expresa-los sentimentos de culpa. Falar con outras persoas (se é preciso, con profesionais) do tema pode axudar a aliviar este pernicioso sentimento.
- Analiza-las súas causas. Busca-las razóns destes sentimentos pode contribuír a facelos máis comprensibles e aceptables.
- Recoñece-los nosos propios límites.
- Aprender a deixar vivir ós demais.