Plataformas de televisión dixital

Antes de contratalas, cómpre sopesar se compensan

Tres plataformas dixitais de televisión de pagamento (dúas por satélite e unha terrestre) compiten en España. CONSUMER analizou a súa oferta de canles.
1 Xaneiro de 2002
Img informe listado

Antes de contratalas, cómpre sopesar se compensan

Unha amplísima programación temática e sen cortes publicitarios é unha utopía cando o espectador senta diante da televisión convencional. O mesmo acontece cando se desexan ver acontecementos deportivos de primeira orde ou cine actual. Por iso, moitos usuarios deciden pagar por recibiren nas súas casas unha das tres plataformas dixitais de televisión que prometen unha televisión á carta chea de contidos interactivos. A cambio, hai que soporta-la instalación dunha antena parabólica (no caso de Vía Dixital e Canal Satélite Dixital), a compra dun teclado sen fíos (Quiero TV) e o pagamento mensual dunhas cotas que dous de cada tres usuarios consideran elevadas, segundo o Anuario de Televisión 2001.

A tecnoloxía dixital permite enviar por terra (ó igual cá televisión convencional) ou por satélite moitas máis canles a menor custo e con maior calidade (semellante a un DVD). Do mesmo xeito que hai televisión analóxica gratuíta (TVE, Antena 3 ou Tele 5) e de pagamento (Canal +), a televisión dixital pode emitirse en aberto ou só para os que paguen por vérena. As tres plataformas dixitais que operan en España (Canal Satélite Dixital, Vía Dixital e Quiero TV) escolleron esta vía de financiamento.

Unha das grandes vantaxes das plataformas dixitais por satélite é que chegan a onde non o fai nin a televisión tradicional nin o cable. Basta con estar dentro da área de cobertura do satélite (normalmente son continentes enteiros), dispor dunha antena parabólica orientada e dun descodificador conectado ó televisor. Ademais, a oferta de canles é tamén superior á ofrecida polas demais tecnoloxías, xa que teñen máis espacio (espectro) para enviaren canles. Canal Satélite e Vía Dixital son as dúas únicas plataformas dixitais de televisión por satélite do noso país.

Tamén por terra

No tocante á televisión dixital terrestre, pode recibirse coas antenas actuais, aínda que en moitos casos é preciso reorientalas e cambia-lo amplificador de sinal. Só Quiero TV utiliza este sistema, pero no futuro tamén emitirán así as televisións “tradicionais” (TVE, Telecinco, Antena 3, Canal +, as cadeas autonómicas e algunhas locais) e dúas novas canles: Net TV e Veo TV.

Tanto na televisión dixital terrestre coma na de satélite o usuario só recibe datos. Non pode emitir, o que implica que para utilizar moitos dos servicios interactivos que ofrecen estas plataformas ou para contratar un evento de pagamento por visión (partidos de fútbol ou películas de estrea) é imprescindible conecta-lo terminal ó teléfono (ou realizar unha chamada normal), co conseguinte gasto que isto implica. O acceso a Internet incluído na oferta de Quiero TV realízase tamén a través dunha liña telefónica, polo que todo o tempo que se estea conectado será tarificado coma unha chamada de teléfono local. Isto fai que o prezo final desta plataforma se vexa condicionado polo número de horas que o usuario pase navegando ou chateando en Internet.

A calidade de imaxe e son da televisión dixital permite aproveitar ó máximo os sistemas audiovisuais de cine na casa. Ademais, en moitas das películas emitidas pódese elixir escoitalas dobradas ou na versión orixinal, así como o idioma dos subtítulos, o que converte estas plataformas nunha excelente vía para practicar idiomas.

A liga nas tres

No caso do fútbol, as tres plataformas emiten tódolos partidos de liga de primeira división agás o das autonómicas (emítese en aberto os sábados) e o que escolle cada semana Canal +. Este último só o poden ver os usuarios de Canal Satélite que contrataran expresamente un dos paquetes de canles que inclúan Canal +. Se o usuario só desexa ve-la liga, o prezo de pagamento por visión dos partidos é semellante nos tres casos, aínda que Quiero TV é lixeiramente máis económico (10,87 euros fronte ós 11,65 euros de Vía Dixital e 11,99 euros de Canal Satélite).

A programación de Quiero TV é moi inferior á das súas dúas competidoras. Esta plataforma ofrece un único paquete limitado no que non é posible engadir nin quitar canles. A cambio, é a única que ofrece un acceso a Internet, que, se ben non permite navegar por páxinas complicadas nin garda-los contidos descargados, pode satisface-las necesidades de internautas noveis.

Nos últimos anos, malia á súa evidente ilegalidade, proliferaron tarxetas pirata que lles permiten ós seus posuidores ver toda a programación dunha plataforma (incluídos os eventos de pagamento por visión: cine de estrea, pornografía e fútbol) pagando só o mínimo, polo que para estes usuarios o prezo de cada paquete de canles non resulta determinante. Para o resto de usuarios é indispensable sopesa-lo prezo e a calidade dos contidos adquiridos, que varía de xeito notable dun caso a outro.

Máis ca ofertas

As ofertas puntuais que inclúen un paquete de películas de estrea ou unha serie de partidos de liga non deberían ser motivo abondo para decantarse por unha plataforma. A clave para unha boa elección residirá en valorar se en cada caso concreto compensa pagar por unha programación moi segmentada e teoricamente de calidade. Nas páxinas web de cada operador ofrécese unha información detallada sobre a súa programación que o futuro usuario pode utilizar para completa-los cadros aquí amosados.

De calquera xeito, o telespectador debe ter en conta que quizais un uso intelixente do vídeo doméstico para seleccionar qué e cándo se desexa ver entre a nutrida (aínda que, demasiado a miúdo, vacua) programación das canles convencionais resulta mellor alternativa.

Canles de pagamento

CANAL SATÉLITE DIXITAL

902 155 166 / www.csatelite.es

  • Conexión: 90,15 euros (15.000 pta)
  • Descodificador: 7,99 euros (1.329 pta/mes)
  • Antena: Entre 15.000 e 20.000 pesetas (individual)
  • Prazo de instalación: Segundo demanda.
  • Cota mensual:

Paquetes opcionais

  • Pay per view*:
  • Cine de estrea: 3,75 euros (624 pta)
  • Cine X: 4,51 euros (750 pta)
  • Fútbol: 11,99 euros (1.995 pta)
  • Servicios interactivos: Tendas, previsión meteorolóxica, banca, Bolsa, xogos e deportes.

QUIERO TV

902 502 525 / www.quierotv.com

  • Conexión: 59,80 euros (9.950 pta)
  • Descodificador: 7,21 euros/mes (1.200 pta/mes).
  • Teclado sen fíos (imprescindible): 29,75 euros (4.950 pta. Pagamento único)
  • Prazo de instalación: 1 semana.
  • Cota mensual: 22,54 euros (3.750 pta)
  • 14 canles, máis de 20 programas televisivos, acceso a Internet, correo electrónico e servicios interactivos.

Paquetes opcionais: Non hai
Canles Extra: Gran Vía (cine de estrea, Champions League, feiras taurinas, eventos deportivos) e Gran Vía 2 (eventos en directo e espacios de non-ficción).

  • Pay per view*:
  • Quiero Club Cine: 2,4 euros (400 pta)
  • Quiero Club Privado (cine X): 3,61 euros (600 pta)
  • Quiero Club DTX (fútbol): 10,97 euros (1.825 pta)

Servicios interactivos: Internet, e-mail, 5 contas de correo, mensaxes a móbiles, tendas (viaxes, libros, sanidade, música, hoteis, comida a domicilio, etc.), horóscopo, finanzas, loterías, humor, xogos, deporte, meteoroloxía, concursos, etc.

VÍA DIXITAL

902 200 035 / www.via.tv

  • Conexión: 30,02 euros (4.495 pta)
  • Descodificador: Incluído na cota mensual.
  • Antena: Incluída na cota de conexión.
  • Prazo de instalación: En 3 días hábiles desde a solicitude.
  • Cota mensual: 5,98 euros (995 pta)

Paquetes Opcionais:

  • Canles á carta:
  • Canal Barça: 4,51 euros/mes (750 pta/mes)
  • Canal ludiTV (canle de xogos interactivos): 4,21 euros/mes (700 pta/mes).
  • Fútbol Total: 9,02 euros/mes (1.500 pesetas).
  • PlayBoy: para Vía Familiar 9,02 euros (1.500 pesetas). Para paquetes superiores: 5,98 euros (995 pesetas)
  • Canles extra: 30 canles de audio.

Pay per view*:

  • – Cine de estrea: 3,61 euros (600 pta)
  • – Mércores (Día do espectador): 2,40 euros (400 pta)
  • – Cine de adultos:
  • -Fútbol

Servicios interactivos: 48 servicios. Operacións bancarias, correo electrónico, mensaxes a móbiles, compra de entradas para espectáculos, información meteorolóxica, sobre estradas e voos. Concursos.

*Pagamento por visión. Prezo por película/partido ou evento.