Novos residuos eléctricos e electrónicos

Ordenadores e teléfonos móbiles tamén se reciclan

Os residuos eléctricos e electrónicos representan xa o 4% dos desechos que se xera en Europa
1 Xaneiro de 2002

Ordenadores e teléfonos móbiles tamén se reciclan

Os residuos eléctricos e electrónicos representan xa o 4% dos refugallos que se xeran en Europa. Asumimos que algúns equipos electrónicos, como teléfonos móbiles, ordenadores, cadeas de música e outros moitos aparellos de emprego cotián se deseñaron para un período de vida útil limitado. Pero, ¿que facemos con eles se se estragan, rompen, avellentan ou, simplemente, cando desexamos cambiar a outro aparello máis moderno? Segundo un estudio realizado polo Grupo de Traballo para os Residuos Eléctricos e Electrónicos da UE, este tipo de refugallos (ordenadores e teléfonos móbiles principalmente) representa xa o 4% do lixo total en Europa e a súa eliminación estase convertendo nun serio reto.

España xera ó ano entre 100.000 e 160.000 toneladas de lixo electrónico doméstico. Se a esa cantidade se lle engaden os residuos que producen o sector da electrónica, o resto da industria e os establecementos comerciais, acádase a cifra de 200.000 toneladas de refugallos electrónicos ó ano. Se se lograse reciclar o 70% destes refugallos, poderíanse recuperar máis de 90.000 toneladas de metais, 30.000 toneladas de vidro. Ante a magnitude do problema, en 1999 a UE fixou un límite de 2,75 quilogramos por habitante e ano para o lixo electrónico doméstico que se recolla a partir do 2002, pero polo de agora ningún país europeo poderá aterse a esa cifra. Ecoloxistas e expertos concentran agora a súa atención nos refugallos grises, grupo no que gañan protagonismo ordenadores e teléfonos móbiles, xa que acabarán representando o groso dos novos residuos electrónicos.

Nova normativa

A maioría dos residuos brancos fabrícanse con metais como cadmio, chumbo, bromatos, mercurio, cromo hexavalante, baterías de chumbo, salinas ou alcalinas, etc. Moitos destes materiais son tóxicos para os seres humanos, animais e plantas -cando alcanzan determinada concentración no corpo-, ó tempo que degradan o medio natural. A Oficina Ambiental Europea, unha federación creada por cidadáns, estima que a Unión Europea xerou en 1998 uns seis millóns de toneladas de chatarra electrónica e afirma que para o ano 2004 esta cantidade se elevará a 7,4 millóns de toneladas, o que indica un aumento do 4% anual. Ademais, asegura que o 90% dos refugallos eléctricos e electrónicos se envía directamente ós vertedoiros, se queima ou abandona de calquera maneira. Por iso, o Parlamento Europeo prepara unha nova normativa que obrigará ós fabricantes de equipos eléctricos e electrónicos a se faceren cargo dos aparellos que vendan, de xeito que deberán recoller e reciclar eses productos unha vez remate a súa vida útil. Agárdase que esta medida encareza arredor dun 5% as computadoras. Ademais, a partir do 2006 prohibirase construír ordenadores e electrodomésticos que conteñan chumbo, mercurio, cadmio, cromo hexavalante e bifenís polibrominados ou éter difenil. Ademais, preténdese promover unha nova fonte de negocios, creando empresas que se dediquen a reciclar estes materiais.

Reciclaxe de metais

Os metais constitúen o núcleo principal dos residuos eléctricos e electrónicos, pero polo menos a súa reciclaxe é factible, xa que reutilizar metais permite aforra-lo seu proceso de extracción, unha das fases máis agresivas co medio natural dentro da producción deste material. Para recuperalos precísase menos enerxía (10% menos, por exemplo, no caso do cobre) e xéranse menos refugallos (potencialmente, un 98% menos) que para extraelos da natureza. Isto non significa que se deba deixar de lado a explotación de minerais virxes, senón que a reciclaxe desempeña un papel importante no desenvolvemento sustentable como productora de metais comúns e preciosos, moi útiles para xeracións vindeiras. Amais do seu significativo valor monetario, os metais reciclados posúen tamén un valor ambiental único: poden durar para sempre, o que os converte nun recurso fundamental.

Ordenadores

O ordenador gañou o seu lugar como un electrodoméstico máis do fogar e, sobre todo, das empresas, onde a súa presencia é imprescindible e aumenta imparablemente. Pero do mesmo xeito que aconteceu cos frigoríficos, televisores ou lavadoras, a vida útil dos primeiros ordenadores rematou, e os seus donos enfróntanse ó problema de qué faceren con estes aparellos cando desexan desprenderse deles. En ocasións abandónanse no propio servicio de reparacións. Así, algúns técnicos acumulan, ó seu pesar, electrodomésticos que lles confían para o seu amaño e que logo os seus propietarios non retiran. Estes aparellos abandonados, entre os que abundan ordenadores, restáuranse para lles seren doados a escolas ou institucións de interese público. Outra posibilidade para que as computadoras sobrevivan á destrucción consiste en entregalas en promocións que aceptan equipos vellos, que posteriormente se revenden a baixo prezo. Pero, sen dúbida, o circuíto coñecido como as 3R (reducir, reutilizar, reciclar) imponse. Unha maneira de reutilizar consiste en desarma-los equipos, substituí-las pezas desgastadas, pintalas e restauralas para que cumpran as expectativas dun modelo novo. Tamén os equipos usados se despezan, clasifícanse as partes aproveitables como repostos e o material restante recíclase. As partes plásticas das impresoras, por exemplo, poden chegar a transformarse na parte externa dun diskette ou ata en cubertos de plástico.

Tipos de residuos eléctricos e electrónicos

Os residuos tecnolóxicos clasifícanse en tres liñas, denominadas mediante cores.

  • Liña branca: frigoríficos, lavadoras, lavalouzas, fornos e cociñas.
  • Liña castaña: televisores, equipos de música, vídeos…
  • Liña gris: equipos informáticos (teclados, CPUs, ratos…) e teléfonos móbiles. Aínda non supoñen o groso das verteduras de tecnoloxía, pero chegarán a selo.
Teléfonos móbiles: un novo aparello na cadea de reciclaxe

Estímase que en España hai arredor de 20 millóns de teléfonos móbiles, e 3 millóns destes aparellos considéranse xa obsoletos. Ante a cantidade de residuos que os móbiles poden xerar, o pasado verán púxose en marcha a Campaña de Recollida de Móbiles en poboacións de máis de 50.000 habitantes. Instaláronse preto de 300 puntos de entrega e recollida en establecementos e servicios técnicos para conciencia-los cidadáns da necesidade de recoller e reciclar este tipo de residuos, que se incrementa sen cesar, co fin de aforrar materias primas e recursos naturais. Aínda que polo momento non hai datos oficiais sobre a aceptación desta campaña, a experiencia piloto realizada na Comunidade de Madrid entre os meses de xaneiro e xullo do 2001 promete uns resultados moi positivos: recolléronse 8 toneladas de residuos de teléfonos móbiles, uns 51.000 aparellos.

Os residuos reciclables xerados polos móbiles clasifícanse como accesorios (cargador, mans libres, antena, teclado, transformadores…) e terminais (compoñentes eléctricas, carcasas, baterías, placas de circuítos…). Trala entrega do móbil nun punto de recollida, transpórtase a unha planta de reciclaxe situada en Erandio (Biscaia), onde se lle extrae a batería, que se traslada a un xestor autorizado de residuos perigosos. Alí tamén se separan os materiais plásticos e metálicos, e despois de seren triturados, reutilízanse para fabricar outros teléfonos ou para obter materias electrónicas. Gracias a este proceso, o 95% das compoñentes dos teléfonos móbiles recíclase. Esta campaña antecede ó Plan Nacional de Residuos Electrónicos e Eléctricos que está previsto que se aprobe os primeiros meses deste mesmo ano.