Non se debe emprender traballos que superen os nosos coñecementos
Fugas de corrente eléctrica facilmente evitables, manipulacións incorrectas de enchufes, ou cables e o afán de amañarmos nós mesmos pequenos desaguisados provocan cada ano numerosos accidentes domésticos -algúns deles moi graves- que se deben evitar seguindo unhas sinxelas pautas. Así e todo, ante a dúbida débese optar pola seguridade e contratar un profesional.
- Cando traballe nunha instalación ou en aparellos eléctricos respecte as normas de seguridade. Amais de correr perigo de morte, unha intervención desafortunada pode provocar un incendio.
- Non emprenda un traballo que supere os seus coñecementos. Solicite os servicios dun profesional.
- Antes de realizar calquera reparación desconecte a corrente eléctrica. Se despois de facelo ten dúbidas, utilice un buscapolo (detector de tensión) para comprobar que non hai unha fuga de electricidade.
- Non esqueza que o corpo humano mollado é un excelente conductor de electricidade. Manipule as instalacións e os aparellos eléctricos coas mans totalmente enxoitas. Evite estar descalzo ou cos pés húmidos.
- Comprobe que tanto os circuítos coma os aparellos eléctricos teñan conectadas as “tomas de terra”. A toma de terra é unha conexión (verde e amarela) desde o enchufe ata o chan -a terra é moi boa conductora de electricidade- que serve para descarga-la corrente que se produce por unha fuga ou un illamento deficiente. Convén conecta-los electrodomésticos potentes a enchufes con toma de terra, xa que esta toma constitúe un elemento de seguridade ante calquera fallo dun circuíto ou dun aparello.
- Cada certo tempo, prema o botón de proba do interruptor diferencial para comprobar se funciona correctamente. Este interruptor salta cando detecta fugas de corrente e tamén se coñece como salvavidas porque evita que nos electrocutemos ó tocarmos un electrodoméstico polo que se está fugando a corrente. Se non dispara é que está avariado e daquela non estará protexido. E se algún aparello dá formigo, desconécteo inmediatamente e chame a un técnico. Quizais a súa casa non dispoña de diferencial ou o que ten non sirva.
- Desenchufe os aparellos eléctricos que non use a miúdo. Desconecte tamén os electrodomésticos que vaia manipular ou limpar. Afágase a desenchufa-los aparellos tirando do enchufe illante, nunca do cable.
- Substitúa os cables estragados por outros novos. Evite empalmalos, pero se o fai, non recorra á cinta illante como recubrimento. Non só é un método pouco seguro, senón prohibido pola normativa vixente. Utilice os conectores destinados a esta función.
- Non bloquee os interruptores automáticos para que funcionen libremente no caso de fallo na instalación.
- Nunca substitúa un fusible que saltara por outro de superior intensidade.
- Non empregue grampas correntes para suxeita-los cables á parede. Poderían corta-lo illamento e establecer contacto.
- As tomas de corrente múltiples, “ladróns”, teñen unha capacidade limitada que nunca se debe exceder. Non conecte varios aparellos a un mesmo enchufe xa que o exceso de carga pode queima-lo circuíto e producir incendios. Elixa modelos altamente seguros e descarte os encadeamentos de enchufes e adaptadores.
- Lembre que a combinación de auga e electricidade fan do cuarto de baño a habitación máis perigosa da vivenda. Non instale interruptores, enchufes nin aparellos de iluminación nas proximidades da bañeira, tamén está prohibido colocar interruptores nun radio inferior a un metro.
- Se ve un enchufe deteriorado procure cambialo canto antes. Evitará que queza en exceso e provoque un curtocircuíto ou mesmo un incendio. Se está queimado, cámbieo e non volva enchufar un aparello de elevada potencia, que é a razón pola que se queima.