O hospital na casa
Xa non é necesario sufrir os inconvenientes de acudir acotío ao hospital porque é o hospital o que acode á casa. Non en todos os casos pero si no daquelas persoas máis vellas que viven soas, que sofren determinadas patoloxías e que teñen dificultades para acceder aos centros sanitarios. A medida que aumenta a esperanza de vida da sociedade actual, aumenta a demanda pola hospitalización domiciliaria como alternativa aos tradicionais servizos de saúde como o hospital de día, o hospital de semana, a cirurxía ambulatoria ou a unidade médica de curta estancia.
O obxectivo destes programas de asistencia médica é axudar a determinados enfermos que, por unha razón ou outra, teñen problemas de mobilidade, sen pór en perigo a súa vida e a súa seguridade, e baixo un modelo multidisciplinario que pretende ofrecerlles non só os coidados médicos necesarios senón unha maior calidade de vida. Trátase, en definitiva, dunha estratexia de atención extrahospitalaria na que caben unha gran diversidade de actividades: fomento e protección da saúde, atención primaria, prevención clínica, rehabilitación e hospitalización domiciliaria con uso de equipos especializados.
Este tipo de hospitalización personalizada no propio fogar iniciouse en Nova York en 1947 para desconxestionar as salas hospitalarias e ofrecerlle ao paciente un trato máis humano e favorable á súa recuperación. En 1951 comezou a aplicarse en Francia e na década dos sesenta espallouse ao resto dos países europeos. En España, a saturación dos centros hospitalarios e a necesidade de racionalizar o gasto impulsaron a súa posta en marcha, pero a transferencia de competencias en materia de saúde ás comunidades autónomas contribuíu a que o seu progreso sexa desigual. No País Vasco e na Comunidade Valenciana este tipo de asistencia ten un gran desenvolvemento de acordo a unha normativa vixente que regula esta prestación, pero o resto de comunidades autónomas non contan con leis específicas sobre esta iniciativa.
Bos resultados
Aínda que a hospitalización no domicilio non está exenta de polémica, os profesionais neste campo subliñan importantes vantaxes. Dende un punto de vista científico-técnico apréciase un menor número das temidas infeccións contraídas por un paciente ingresado nun centro de saúde, así como a diminución dos efectos adversos da hospitalización (fundamentalmente, menor risco de enfermidade iatroxénica, é dicir, de calquera tipo de alteración do estado do paciente producida polo médico). Ademais, prodúcense menos episodios de confusión mental e de depresión nos anciáns.
Entre as vantaxes psicosociais destaca unha mellora das relacións persoais do paciente, maior intimidade e comodidade, boa comunicación entre a familia e o persoal sanitario e asistencia máis humanizada.
Dende a óptica da xestión hospitalaria, aumenta a rotación e dispoñibilidade de camas, redúcese a permanencia hospitalaria, diminúe o orzamento, empréganse mellor os recursos dispoñibles e posibilítase a integración e a mellora das relacións entre os diversos niveis asistenciais.
Enfermidades e situacións concretas
A hospitalización domiciliaria destínase sobre todo a persoas de idade avanzada que necesitan coidados paliativos e a pacientes que sofren cancro ou outras enfermidades dexenerativas. En España, as enfermidades do aparato respiratorio, dixestivo e circulatorio son as tres patoloxías máis asociadas a este tipo de asistencia sanitaria.
Os requisitos que se esixen para formar parte dos programas de hospitalización no propio domicilio son: a aceptación voluntaria do paciente e da familia; a constatación de que o seu contorno pode asumir o coidado do paciente cun coidador informal ou ben contratando un profesional especializado; adaptación da vivenda de acordo a unhas condicións mínimas de estrutura, de xeito que non sexa un factor de risco para o enfermo e, para rematar, que a patoloxía sexa susceptible de requirir atención domiciliaria.
En xeral, dende a atención primaria valórase a idoneidade de que o paciente ingrese en programas de hospitalización domiciliaria. Non obstante, cómpre que o servizo de atención domiciliaria estea ben coordinado e integrado cos outros servizos sanitarios como o hospital, o servizo de urxencias, os servizos sociais e os de atención primaria.