Non só de madeira vive o bosque
Nos últimos vinte anos, a madeira apenas subiu de prezo e os bosques madeireiros europeos, incluídos os españois, son cada vez menos competitivos. Unha das razóns que explica esta situación é que os custos de extracción son cada vez máis elevados, sobre todo en bosques de zonas montañosas nos que dificilmente se poden automatizar o proceso de obtención da madeira e o seu transporte. En bosques como os do Pireneo, a extracción de madeira é unha actividade en declive. Por paradoxal que resulte, resulta máis sinxelo e económico importar madeira doutros países que obtela dos montes máis próximos. Segundo informacións do Centro Tecnolóxico Forestal de Cataluña, nesta comunidade autónoma prodúcense anualmente 500.000 metros cúbicos de madeira e, non obstante, consúmense ata dous millóns de metros cúbicos.
A produción local xa non é rendible. Os países situados no cinto tropical, nos que se están a implantar grandes plantacións de árbores, ofrecen madeira a un prezo irrisorio con respecto aos custos europeos. Algo semellante acontece na rexión das Landas, no sueste de Francia, onde o terreo plano permitiu desenvolver grandes piñeirais madeireiros e mecanizar a extracción da madeira a prezos máis competitivos.
Árboles, madeiras e ciclos
Os bosques españois, coma os máis dos europeos, adecuáronse ás necesidades dunha sociedade cada vez máis evolucionada. O crecemento da rede telefónica, por exemplo, precisou grandes cantidades de madeira de piñeiro para facer os postes telefónicos, o que propiciou o crecemento dos piñeirais. No País Vasco, pola súa banda, numerosos piñeirais de Pinus radiata ocuparon antigas zonas deforestadas que agora xa non son útiles nin para a agricultura nin para o gando. Os piñeiros son apropiados para a reforestación porque dan medrado en condicións adversas e en chans pobres, ao contrario ca outras árbores como as aciñeiras ou os carballos, que precisan chans ricos en nutrientes. Logo de se incendiar unha destas zonas, o piñeiro rexenerarase con maior facilidade. Ademais, pode medrar illado e a pleno sol, mentres que outras especies precisan manterse ao abeiro doutras árbores. E como o seu ciclo de crecemento é máis rápido ca o do carballo ou a nogueira, moitos propietarios forestais optaron por lle dedicar parte das súas explotacións.
Estas son algunhas das razóns polas que o piñeiral se tornou no bosque madeirable por excelencia na península. Segundo o Observatorio da Certificación Forestal (PEFC), en España hai 451.331 hectáreas de piñeiros, fronte ás 6.726 hectáreas existentes de chopo, 73.278 de eucaliptos, 85.311 de faia, 97.092 de carballos e 12.965 doutras especies frondosas.
Amais da madeira de piñeiro, a produción nacional céntrase na elaboración de papel a partir do eucalipto, árbore de crecemento rápido orixinaria de Australia que se cultiva sobre todo no norte e no sueste de España, e mais na produción de madeira de faia, destinada principalmente a mobiliario e carpintaría. Tamén hai plantacións de chopo (outra árbore de crecemento rápido) para a elaboración de contrachapados e de pasta de papel, aínda que en menor cantidade. Outras madeiras son minoritarias: En Asturias hai unha pequena produción local de castiñeiro e no norte de España algunhas plantacións de nogueira, ademais de varias carballeiras de lento crecemento que, non obstante, serven de refuxio para especies ameazadas como a pita do monte ou o oso pardo.
Investir en madeira de produción local pode ser unha boa idea. Hai empresas que lle ofrecen ao consumidor a posibilidade de realizar pequenos investimentos en árbores autóctonas madeirables. Así, Madeiras Nobres do Segura ofrece unha decena de nogueiras novas por algo máis de 3.000 euros. Ao cabo de 20 anos, se a madeira resultante é de primeira calidade, o investidor pode recuperar 40.000 euros e, se é de menor calidade, 13.000 euros. Un lote de cinco castiñeiros con outras dúas árbores doutras especies véndense por 1.700 euros. Tras 25 anos do seu ciclo produtivo, o investidor pode recuperar 14.794 ou 5.794 euros, en función de se a madeira é de primeira ou de segunda calidade.
Xestionar as fragas
Segundo o último informe da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimetnación) sobre a situación das fragas do mundo no 2009, a industria forestal de Europa occidental seguirá perdendo competitividade pero desenvolveranse outros servizos forestais, sobre todo ambientais. O aumento da competencia mundial, que ocasiona a redución dos prezos dos produtos e a diminución da capacidade da industria de custear a madeira e a fibra, e mais a redución dos prezos da madeira en rolo procedente da industria forestal de Europa do Leste son os factores que van determinar que os bosques da vella Europa inicien un novo rumbo.
Entre as posibles saídas atópase o uso da biomasa con fins enerxéticos. Segundo un traballo presentado no ultimo Congreso Nacional de Medio (CONAMA), a biomasa podería dar resposta ao aumento da demanda enerxética e, ao mesmo tempo, axudaría a que os bosques madeireiros fosen máis rendibles para os propietarios.
Son numerosos os bosques madeireiros que se deixan de xestionar porque o negocio da madeira en boa parte de España non é rendible. E un bosque sen xestión, onde non se efectúa ningunha curta (clareos e claras), leva ao desenvolvemento dun bosque máis vizoso, con árbores que se debilitan pola falta de espazo e de luz e que se torna máis proclives a sufriren doenzas. Por outra banda, o risco de incendio é maior, mentres que a resistencia fronte ao vento e a neve diminúe. A biomasa, obtida a partir dos residuos da industria madeireira que non se venden como madeira, permitiríalle ao madeireiro obter un beneficio engadido.
Outra das funcións dos bosques son a conservación da paisaxe, o seu uso como distribuidor de dióxido de carbono, como zona de esparexemento e a conservación da biodiversidade. Por mor destas utilidades esíxeselles ás administracións correspondentes a busca dun maior número de ferramentas de compensación, co fin de que os propietarios aposten por esas vías que, co tempo, benefician a toda a sociedade.
Madeira e bosques certificados
Moitas das madeiras tropicais que se comercializan en Europa, como a caoba, o ipé, o sapeli ou a teca, proceden de fragas virxes ou de plantacións que substituíron as fragas virxes que foron cortadas por completo (curta rasa). Para minimizar estas situacións creouse un mecanismo de control e certificación mundial, o FSC (siglas de Forest Stewardship Council), que garante a obtención da madeira a partir dunha xestión forestal responsable. Mediante a colocación dun selo certificado infórmase o consumidor de que os produtos que adquire proceden de explotacións forestais sostibles.
A nivel europeo creouse o sistema PEFC de xestión forestal. España, que implantou o sistema PEFC no 2007, ten certificados preto dun millón de hectáreas dos case 18 millóns de hectáreas de superficie forestal arborada total. O PEFC adecúase mellor á realidade forestal europea, onde case todas as fragas se atopan en mans privadas e onde rexen dende hai tempo leis para desenvolver a xestión forestal dun xeito responsable. Sen ser perfecta, é unha situación diferente á de países tropicais onde a corrupción, a compra de terras por parte de grandes empresas e os intereses económicos inmediatos provocan a posta en práctica dunha xestión que ameaza a supervivencia das fragas virxes e da biodiversidade que albergan.