Xeramos cada vez máis lixo e non todas as cidades saben canto reciclan
A recollida e posterior tratamento dos lixos é un dos problemas que máis lles preocupa ás autoridades e aos cidadáns. Consumimos cada vez máis e a cantidade de residuos sólidos urbanos (RSU) medra de xeito imparable. Se en 1995 cada cidadán español produciu unha media de 378 quilos de refugallos ao ano, no 2003 esa cantidade elevouse ata os 502 quilos e no 2007 aumentou outro 17% ata alcanzar os 588 quilos por cidadán e ano, superando así a media europea que se sitúa arredor dos 522 quilos. Esta tendencia débese en boa medida á progresiva implantación comercial dos envases e embalaxes dun só uso que supoñen un 60% do volume do lixo que xeramos e un 33% do seu peso. Segundo os expertos europeos, se non se lle pon freo a esta cultura de “usar e guindar” poderíase chegar a 770 quilos de lixo por habitante e ano no 2020, o que esixiría aumentar tamén o gasto público necesario para recoller, transportar e tratar os residuos públicos urbanos, que na actualidade consume o 20% dos orzamentos municipais.
Para afrontar esta situación, as administracións europea, estatal, autonómica e municipal elaboraron unha longa serie de normas. A máis importante é o Plan Integrado de Residuos Urbanos, que establece como obxectivo reciclar o 70% do vidro, o 65% do papel-cartón e do 30% dos plásticos e outros envases. Non obstante, a seis anos vista do final da aplicación deste plan, a situación está lonxe de ser óptima. Nas dez cidades que lle facilitaron datos sobre reciclaxe de lixos a CONSUMER EROSKI (seis negáronse a facelo, malia a reiteración na solicitude por parte desta revista e dous só facilitaron datos sobre reciclaxe de materia orgánica), recupérase, de media, un 47% do vidro, un 44% de papel-cartón, un 37% de pilas e un 18% de envases, aínda que a situación varía moito dunha cidade a outra. Pamplona é a capital que se atopa máis preto de cumprir os obxectivos do Plan Nacional Integrado de Residuos Urbanos, xa que recicla o 53% do vidro, o 69% de papel e cartón e o 28% dos plásticos e outros envases que se guindan ao lixo.
De media, as 18 cidades estudadas xeraron o ano pasado 1,32 quilos de residuos urbanos por habitante e día, o que representa un 2% máis ca hai catro anos. Alacante, Barcelona, Bilbao, Granada, Madrid, Vitoria e Zaragoza conseguiron producir menos lixo por habitante ca no 2004.
Estas son as principais conclusións ás que chegou CONSUMER EROSKI logo de estudar os sistemas de recollida e xestión dos refugallos urbanos en 18 cidades españolas: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Córdoba, Granada, Logroño, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. A negativa das Administracións locais a proporcionar información foi máis común do habitual. Seis cidades afirmaron non disporen de datos abondos sobre a cantidade de residuos que recuperaban, Barcelona e Córdoba só deron datos do 2007 e en Málaga e Murcia esta revista non puido acadar a información solicitada.
Comprobouse que as máis das cidades estudadas contan co número de colectores de recollida selectiva mínimo esixido polo Plan Nacional Integrado de Residuos Urbanos: un recipiente de vidro por cada 500 habitantes, un de papel-cartón por cada 500 cidadáns e un de envases por cada 300 veciños. Fallou Barcelona, aínda que só facilitou datos do 2007, polo que non é posible saber se cumpría os requisitos o ano pasado. Pola súa parte, Madrid, San Sebastián e Valencia rozaron ou superaron por moi pouco a ratio esixida.
Por outra banda, a taxa por recollida e tratamento de lixos que deben pagar os cidadáns cóbrase de modo moi diferente en cada cidade, o que dificulta a súa comparación. Na maioría págase ao ano (en Sevilla e Granada é unha vez ao mes; en Bilbao é trimestral e en Logroño, semestral) e a cantidade varía en función da categoría fiscal da rúa, do consumo de auga ou do tamaño da vivenda. Así, mentres en Sevilla a cantidade mínima que se aboa é de 24 euros anuais, en Madrid pódese chegar a pagar 190 euros ao ano.
Canto lixo e de que tipo
Demasiado lixo
Aínda que o obxectivo prioritario do Plan Nacional Integrado de Residuos Urbanos é xerar cada vez menos lixo, as cifras indican que non se está a conseguir: o ano pasado recolléronse máis de cinco millóns de toneladas de residuos sólidos urbanos nas 18 cidades estudadas, case un 4% máis ca hai catro anos. Só tres deron revertido esta tendencia: Bilbao, Granada e Barcelona, que xeraron un 6,7%, un 4,3% e un 1,5% menos de lixo respectivamente. Sevilla, no extremo contrario, aumentou a cantidade de refugallos nun 16,2%, seguida de Málaga, cun 13,5% e de Logroño, cun 10,8%.
Se se atende á cantidade de lixo que lle corresponde a cada cidadán, os datos tampouco son alentadores. No 2004, os habitantes das 18 cidades estudadas produciron, de media, 1,29 quilos de refugallos ao día, mentres que no 2008 a cifra alcanzou 1,32 quilos, (é dicir, 481 quilos ao ano, un 2% máis). Cordobeses e sevillanos son os que máis lixo xeran por habitante: 1,52 quilos e 1,48 quilos por cidadán ao día respectivamente, a gran distancia de Zaragoza e de Vitoria, con 1,07 quilos por habitante ao día. Cómpre salientar que en seis cidades aumentou a poboación pero diminuíu a ratio de lixo per cápita (en Granada diminuíron ambas as dúas). Entre todas elas, sobresae a capital biscaíña, xa que cada bilbaíno xerou un 7% menos de lixo que hai catro anos. Séguena de preto Barcelona e Granada (cun 4% menos), Zaragoza (cun 3% menos), Vitoria e Alacante (cun 2% menos) e Madrid (con apenas un 1% menos). No lado contrario, Sevilla rexistrou un incremento do 17% e Málaga e Valladolid do 10%.
Así é a bolsa do lixo
O 88% do lixo que se xera nas 18 cidades estudadas é lixo doméstico, é dicir, recóllese nos colectores urbanos e provén de domicilios familiares, da hostalaría ou dos comercios. Segundo o Plan Nacional Integrado de Residuos Urbanos, case a metade deste lixo é materia orgánica (44%), seguida do papel e do cartón (21%), do plástico (case un 11%) e do vidro (7%), amais doutros refugallos como madeira, téxtiles ou pilas, etc (17%). Non obstante, a bolsa de lixo das 18 cidades estudadas é diferente: ten menos residuos orgánicos (28,8%), menos papel e cartón (13%), menos envases (un 7%), menos vidro (4,2%) e maior cantidade de madeira téxtiles e doutros residuos.
A maior parte deste lixo deposítase en colectores fixos situados na rúa, pero non faltan as excepcións. Oviedo conta cun sistema propio de recollida selectiva nos portais e cada vez son máis as cidades que incorporan nos barrios de recente construción e nalgunhas zonas céntricas sistemas de recollida pneumática (caixas onde os residuos son aspirados e conducidos vía subterránea ata un centro de almacenamento e retirada).
A recollida de lixo dos colectores adoita comezar entre as oito e as nove da tarde-noite e remata entre as dez e as doce da noite. Das 18 cidades incluídas no informe só Vitoria e mais A Coruña teñen un horario especial no verán que comeza unha e dúas horas máis tarde respectivamente. Os horarios nocturnos responden á necesidade de evitar as horas de maior tráfico, aínda que comportan problemas de ruídos e supoñen un maior investimento en man de obra. Nas máis das cidades, hai servizo de recollida todos os días do ano agás no Nadal e en Ano Novo, pero abundan as excepcións: en Granada non se retira o lixo os domingos nin os festivos (sempre e cando non coincidan dous consecutivos) e en Valladolid os equipos de recollida non traballan 10 días ao ano.
Pamplona: un exemplo a seguir
Un colector de vidro e un de papel-cartón por cada 500 habitantes e un de envases por cada 300 cidadáns. Eses son os obxectivos que lles impón aos concellos para o ano 2015 o Plan Nacional Integrado de Residuos Urbanos. Aínda que a media das 18 cidades estudadas cumpre con estes requisitos (1,84 colectores de envases por cada 300 habitantes, 1,30 para o vidro e 1,72 para o papel-cartón), hai algunhas que deben mellorar as súas dotacións. É o caso de Barcelona, única cidade do informe con menos colectores de vidro e papel-cartón dos esixidos, aínda que Madrid, San Sebastián e Valencia rozan a ratio ou supérana por moi pouco. En colectores de envases, só Bilbao, Córdoba, Pamplona e Sevilla chegan ao mínimo esixido dun recipiente cada 300 habitantes. Zaragoza e Granada sitúanse xusto por baixo do límite (0,93 e 0,97 colectores cada 300 cidadáns) e o resto non chegan nin sequera ao 0,80, polo que deberán facer un esforzo os vindeiros seis anos se queren cumprir a lei. O mellor despregamento, con ampla diferenza sobre os demais, é o de Pamplona e os concellos da súa comarca mancomunada, onde contan con 2,90 colectores para vidro por cada 500 persoas (a lei esixe un, pero Barcelona, por exemplo, non chega a 0,75 e en Madrid quedan en 0,95 colectores por habitante), máis de cinco para o papel (a que máis se achega é Córdoba cunha ratio de 3,56 colectores por cidadán, moi lonxe da capital catalá, onde a ratio é de 0,73) e tres para os envases. Neste último apartado, Sevilla, cunha ratio de 2,21 colectores de envases por cada 300 habitantes, e Córdoba, con 3,84, tamén cumpren a normativa amplamente, pero sobresae Madrid con nada menos que sete colectores por cada 300 habitantes, aínda que con menor capacidade que os recipientes habituais.
Para os residuos perigosos ou voluminosos todas as cidades analizadas contan cunha media de entre dous e oito ecoparques (puntos limpos, deixalleries en Catalunya e garbigunes no País Vasco). Destacou o despregamento de Barcelona con 28 ecoparques e de Madrid con 20 puntos limpos.
Reciclaxe, taxas municipais e táboa comparativa
Reciclamos pouco
Cada habitante das 18 cidades analizadas xera, de media, 35 quilos de papel e cartón ao ano, 15 quilos de vidro, 13 quilos de envases e 0,10 de pilas. Pero, que proporción do lixo recollido se recicla? Non é doado sabelo xa que, ao igual que aconteceu hai catro anos, varias cidades (neste caso, Alacante, Barcelona, Granada, Málaga, Murcia e Zaragoza) indicáronlle a esta revista que carecían desa información e Córdoba só deu datos do 2007. O resto deberán facer maiores esforzos os vindeiros anos para cumprir coa lexislación. Segundo a directiva aprobada no 2008 polo Parlamento Europeo para o 2020, os países membros da UE terán que reciclar ou reutilizar polo menos o 50% do papel, do plástico e do vidro dos residuos urbanos sólidos. Os datos do Ministerio de Medio Ambiente indican que España está preto de cumprir estes obxectivos, pero nas 11 cidades que lle facilitaron información a CONSUMER EROSKI a situación non é tan positiva: recuperouse unha media do 47% de vidro, o 44% de papel-cartón e só o 18% de plásticos e envases. Trátase de proporcións lixeiramente superiores ás que se rexistraron hai catro anos e, ao igual ca daquela, a cidade referente é Pamplona, que recicla o 53% do vidro (igual ca Bilbao) e o 70% do papel-cartón (só se achega San Sebastián cun 64%).
E a materia orgánica?
O lixo orgánico pódese reciclar para producir compost, abono ou un rexenerador do terreo que contén nutrientes e oligoelementos. Para que este proceso se levase a cabo con éxito habería que implantar unha recollida selectiva xeneralizada e concienciar os cidadáns para que separasen os restos de comida e xardín (preferiblemente en bolsas tamén compostables) e que os depositasen en colectores específicos, os de cor gris ou marrón. Ademais, cumpriría crear un mercado que asegurase o destino dese compost para xardíns e parques. Non obstante, á luz dos datos recompilados por esta revista, queda moito por facer. Aínda que a maioría das cidades din dispoñer de planta de compostaxe (todas agás Granada, Málaga e Murcia, que non facilitaron os datos), moi poucas (só A Coruña, Barcelona, Córdoba, Pamplona, Valencia, Valladolid; e San Sebastián, cunha experiencia piloto) implantaron un sistema de recollida selectiva. De media, reciclan só un 18% da materia orgánica que producen, moi lonxe do 50% fixado polo Plan Nacional Integral de Residuos Urbanos. Só se achega a esta proporción Córdoba, que recupera un 43% do seu lixo orgánico.
Taxas municipais
Na maioría das cidades, a taxa de lixos cóbrase anualmente. As excepcións foron Valladolid e Málaga, que non teñen taxa de lixo como tal; Bilbao, que a cobra cada tres meses; Granada e Sevilla, que o fan unha vez ao mes e Logroño, cada seis meses. San Sebastián e Murcia aplican unha tarifa única, no resto de cidades a taxa varía en función da categoría fiscal da rúa (A Coruña, Bilbao, Córdoba, Granada, Logroño), do valor catastral da vivenda (Madrid, Pamplona) ou segundo a cantidade de auga consumida (Barcelona, Sevilla, Zaragoza). A taxa pode ser moi distinta nalgunhas cidades: en Madrid, sen ir máis lonxe, o abano vai dende 4 euros ata 190 euros ao ano. Nos últimos catro anos as taxas da maioría das cidades subiron entre un 10% e un 22%. Pero nalgunhas abaratouse (en Zaragoza diminuíu un 15%) e noutras aumentou desmesuradamente: en San Sebastián medrou un 90%. O Plan Integrado de Residuos Urbanos propón implantar unha taxa de lixo proporcional á cantidade de desfeitos urbanos xerados por cada vivenda.