Cambio cama por saco de durmir
Ocupado. Non hai prazas. Apuntarse á lista de espera. Estes son os carteis de benvida que adornarán este ano a entrada dos cámpings españois durante os meses estivais, dada a gran demanda que experimenta este sector. Este ano, nin chuvia, nin sarabia, nin temperaturas superiores aos 30 ºC pesarán tanto para moitas familias como a competitividade dos prezos do cámping fronte a hoteis ou arrendamento de autocaravanas. Segundo o Ministerio de Turismo, o ano pasado seis millóns de persoas decidiron pasar os seus días de vacacións, gozar do espazo aberto e practicar actividades ao aire libre nunha das máis de 280.000 prazas que ofrecen os cámpings españois. A opción máis económica, aloxarse en tenda de campaña, custa uns 30 euros por familia de 4 membros e día, pero estes prezos en ningún caso implican unha mingua na súa calidade ou un freo para tramitar as reclamacións convenientes ante o mal estado do cámping ou dos servizos ofertados.
Elixir con criterio e a gusto de todos
- Na elección dun cámping para gozar das vacacións familiares hai que escoitar as demandas e gustos de cada membro da familia: o desexo de que haxa unha piscina, a admisión de cans, ter unha vila preto, etc.
- A opción máis económica é aloxarse en tenda de campaña, xa que unha familia de catro membros pagaría unha media de 30 euros por día, incluída a parcela para a tenda e para o coche, cantidade á que habería que engadir outros 6 ou 7 euros en concepto de enganche eléctrico en caso de caravana ou autocaravana.
- Aloxarse nun móbil home ou nun bungalow ten un custo por noite de entre 75 e 120 euros.
Buscar a mellor situación
- Procure chegar ao cámping de día para poder examinar o terreo e determinar o lugar máis apropiado para montar a tenda. Comprobe que nos arredores non haxa obxectos cortantes, formigueiros, pólas, etc.
- Repare nas tendas que xa están instaladas e poña atención na súa orientación para saber como ten que montar a súa e evitar problemas co vento. Se vai acampar nunha área de clima frío, oriente a tenda de xeito que o sol pegue directamente na tenda ata a tardiña.
- Se quere durmir tranquilo e sen ruídos, non acampe preto dos baños nin do bar para evitar o trasfego propio dos que os visiten.
- Descarte as zonas baixas, xa que son as primeiras en anegarse ante a chuvia.
- Se lle gusta acampar preto do mar teña en conta que canto máis se achegue a el maior será a incidencia dos ventos e dos cambios de temperatura que teña que aturar.
- Non acampe preto da ribeira dos ríos por baixo que sexa o caudal, xa que as enchentes poden resultar perigosas.
- Lembre que non todas as sombras son iguais. As mellores e máis duradeiras son as que brindan as árbores de copas mestas e altura media.
A tenda, o elemento clave para acampar
- No momento de elixir a tenda de campaña teña en conta que os parámetros máis importantes son os que se refiren á calidade, ao tamaño e á facilidade de montaxe.
- No mercado atopará unha ampla variedade de tendas con complementos que o poden axudar a facer da acampada unha actividade máis confortable: ábsidas para as mochilas, soportal dianteiro, chan integrado, materiais especiais, etc.
- As tendas máis populares son as iglú. Son lixeiras, rápidas e cómodas de montar. Ademais, non inclúen os molestos mastros interiores nin a incómoda ábsida.
- Para a súa instalación elixa un terreo seco e compacto, sen herbas altas ou arbustos. Evite a area ou a pedra. As picarañas deben quedar ben cravadas, pois na area soltaríanse ao primeiro golpe de vento, mentres que na pedra dobrarían e non se cravarían.
- Limpe a conciencia o lugar onde vaia colocar a súa tenda; o seu lombo agradecerallo.
- Durante a montaxe da tenda non esqueza que os ventos e as picarañas deben gardar unha simetría o máis exacta posible. Se a tensión das paredes da tenda non é uniforme córrese o risco de que esgace a tea, e ademais non sería eficaz ante a chuvia e mais o vento.
- O vento tamén pode danar a estrutura da tenda, polo que convén protexela do impacto directo mediante algún tipo de vexetación ou algún elemento que actúe de cortaventos. Se o vento incide nun ángulo de 45 º, redúcese de xeito considerable a súa forza.
- Se monta a tenda nas horas de máis calor, non tense demasiado os ventos, xa que a humidade nocturna produce unha forza de tensión e, se esta é excesiva, poden romper as cordas, saír fóra as picarañas ou esgazar o dobre teito.
- Axuste acotío os ventos para evitar que a tenda se deforme.
- Cando desmonte a tenda comprobe que non estea húmida e/ou sucia. Se non a garda seca acabarase estragando.
- Non varra a tenda porque o lixo raia a cobertura. Sacúdaa ben e, despois, páselle un pano suave.
Acampar con nenos
- Si acampa con nenos pequenos asegúrese de que o cámping conte cun mínimo de instalacións deportivas, salas de xogos, piscina, e actividades de animación e de tempo libre.
- Préstelles especial atención aos prezos segundo idades, xa que por norma xeral os cámpings son gratuítos para os menores de tres anos, con descontos para menores de 10.
- Non corra riscos innecesarios e evite as parcelas próximas á piscina e ao mar.
- Lembre que o lugar de veraneo é un sitio descoñecido para os nenos, polo que é necesario ter especial coidado para que non se perdan. Percorra con eles as instalacións, ensíneos a se orientaren e a identificaren os posibles riscos.
- Procure que os seus fillos non se afasten nunca da vixilancia dos maiores. É recomendable que leven canda eles algunha tarxeta de identificación co seu nome e teléfono.
Unha estancia agradable e sen problemas
- As instalacións dos cámpings deben cumprir uns requisitos mínimos: aseos diferenciados por sexos, un espazo mínimo por usuario, saídas de emerxencia iluminadas e sinalizadas, extintores, auga potable;,tratamento e evacuación de augas residuais que garanta o saneamento da utilización completa das dimensións do cámping, botica de primeiros auxilios, recollida de lixos e tarifa de prezos detallada por servizos e á vista do público, entre outros. Á disposición dos usuarios debe presentarse a información referente á súa categoría, o regulamento interno e mais as follas de reclamacións.
- Os servizos ofertados poden variar en función da súa categoría e da comunidade autónoma onde se atope.
- Como usuario hai que respectar unha serie de prohibicións, que poden comportar a expulsión de se incumpriren: facer lume, acampar con animais perigosos ou sen amarrar, non recoller os lixos e refugallos, aloxar persoas sen previo aviso e realizar actividades molestas.
- No intre de pagar esixa que lle entreguen unha factura dos servizos aboados. Serviralle como xustificante se precisa tramitar unha reclamación.
- Garde toda a documentación e publicidade que consiga sobre o establecemento.
- Se observa calquera anomalía ou dano sobre os que queira reclamar non dubide en fotografalos para dispor de probas gráficas.
- En caso de queixa ou de reclamación diríxase ao responsable do cámping para intentar solucionar o problema. Se a resposta ou solución que este lle dá non lle resulta satisfactoria, solicite a folla de reclamacións.
- Como en calquera outro establecemento, non dubide en recorrer a unha asociación de consumidores ou ao Sistema Arbitral de Consumo.
- Cámping de “luxo”. Na entrada deben amosar un cartel con catro tendas-triángulos-que indican a categoría. As parcelas contan con electricidade e hai auga quente en todos os servizos sanitarios xerais e en todas as duchas, e caixas fortes individuais.
- Cámping de 1ª. A súa placa-distintiva é de tres tendas-triángulos. Dispoñen de teléfono en cabinas individuais, auga quente en todos os servizos sanitarios xerais e no 50% das duchas, e caixas fortes individuais. A electricidade chegará a un 50-75% das parcelas e os servizos adicionais non distan moito da categoría anterior.
- Cámping de 2ª. Contan cunha placa-distintiva con dúas tendas-triángulos indicativas da categoría. A principal diferenza co anterior é a situación. Polo xeral atópanse algo máis afastados do “mellor lugar”, pero o resto dos servizos é equiparable.
- Cámping de 3ª. A súa placa distintiva correspóndese cunha tenda-triángulo. Diferéncianse en aspectos como o número de lavabos, as características do chan ou a superficie entre campistas.