Teñen menos alcohol e calorías, pero non é o mesmo light ca "sen alcohol"
A cervexa é unha bebida refrescante composta fundamentalmente de auga, malte de cebada e lúpulo e cunha graduación alcohólica relativamente baixa (as máis consumidas teñen arredor do 4,5% de alcohol, menos da metade do viño pero en ningún caso desprezable), o que constitúe un dos seus principais atractivos. Estes últimos anos, o mercado inzouse de cervexas con distinta denominación comercial e menor grao alcohólico ca as convencionais. As “sen alcohol” foron seguidas das 0,0%, que son máis do mesmo para a lexislación, aínda que conteñan aínda menos alcohol ca as “sen”; despois chegaron as cervexas light, que, amais de reduciren a súa achega calorífica rebaixan tamén a súa graduación alcohólica e quedan nunha posición intermedia entre as “sen” e as normais.
CONSUMER EROSKI levou ao laboratorio e someteu a cata 9 mostras de cervexa: catro “sen alcohol” (Buckler, Laiker, Kaliber e Cruzcampo), tres denominadas “0,0% (Free-Dam, Buckler e San Miguel) e dúaslight (Mahou e Cruzcampo). Comercialízanse en paquetes de 6 botellas de cristal de 0,25 litros, agás Mahou light, que se vende por solto en botella de cristal de 33 centílitros. Empregan, salvo San Miguel 0,0%, amais dos ingredientes básicos (auga, malte de cebada e lúpulo), millo ou arroz e aditivos. Sabido é (e así o comprobou esta análise), que o valor nutritivo da cervexa é insignificante. Non se pode considerar un alimento porque o seu contido en proteínas, carbohidratos e minerais é irrelevante para a nosa dieta, e só cabe mencionar a súa modesta achega de vitamina B9. Tamén se constatou que as diferenzas nutricionais entre estas cervexas son pouco significativas. As nove achegan, e iso si é unha vantaxe, ata dúas veces menos calorías ca un refresco non light. E é precisamente no poder enerxético onde se manifesta -se omitimos a graduación alcohólica- a maior diferenza entre as cervexas estudadas: segundo a cervexa da que se trate, achegan entre 12 e 30 calorías cada cen mililitros. Beber un litro (tres botellos) de Mahou light representa inxerir 300 calorías, mentres que a mesma cantidade de Free-Damm (catro botellos) equivale a só 120 calorías. As menos enerxéticas son as cervexas 0,0% (achegan entre 12 e 23 calorías cada cen mililitros), seguidas das “sen alcohol” (entre 21 e 24 calorías cada cen mililitros) e das light (unha achega 30 e a outra 26 calorías cada cen mililitros).
Cervexa, alcohol e prezo
As máis axeitadas para os abstemios, para os que prefiren evitar o consumo de alcohol e para quen se vai pór a conducir son as cervexas 0,0%: en dúas das tres analizadas rexistrouse menos do 0,01% en volume (vol.) e, na outra, só o 0.07%. Lembremos que as convencionais teñen entre o 4,5 e o 5% vol., e que a lexislación establece que non terán menos do 3% vol. Tamén dita que as “sen alcohol” non superarán o 1% vol. Cumpren as “sen”, xa que a graduación medida no laboratorio das catro “sen” analizadas foi dende o 0,6% vol. de Cruzcampo ata o 0,9% vol. de Laiker. As light tamén teñen menor a graduación ca as normais, pero non a reducen tanto como as “sen”, xa que quedaron en 2,4% vol. en Cruzcampo e en 3,5% vol. en Mahou. En resumo, as de menor graduación foron dúas cervexas 0,0%, San Miguel e Free-Damm, con menos do 0,01% vol., e a de maior, Mahou Light, con 3,5% vol., próxima á dunha cervexa normal.
No tocante ao prezo, as light (saen, de media, a 1,7 euros/litro) son algo máis caras ca as “sen alcohol” e ca as 0,0% (ambas as dúas custan, de media, 1,4 euros/litro), e mesmo ca as convencionais desas mesmas marcas (arredor de 1,5 euros/litro). Dúas cervexas “sen” (Laiker e Buckler) saían a menos de 1,35 euros o litro e, no outro extremo, as dúas light eran as únicas que superaban os 1,5 euros o litro.
A cervexa é un produto no que as características organolépticas (sabor, formación de escuma, cor, olor) e, en definitiva, a satisfacción que lle proporcionan ao consumidor, é un dos criterios esenciais na elección. En contra do que se poida pensar na análise sensorial, a cata, non foron mellor cualificadas as cervexas dun tipo determinado nin unhas marcas se amosaron superiores ás outras; non obstante, si se pode dicir que as “sen alcohol” se valoraron algo mellor ca as 0,0% e ca as light. As máis preferidas foron tres, dúas “sen alcohol” (Buckler e Laiker) e unha light (Cruzcampo), e as menos aprezadas, unha 0,0% (Buckler) e unha light (Mahou). Cotexados os datos da análise de laboratorio e da cata, o galardón de mellor relación calidade-prezo correspóndelles por igual a dúas cervexas “sen alcohol”, Buckler e Laiker, ambas as dúas cunha graduación alcohólica inferior ao 1% vol. e as máis baratas de todo o comparativo. Se se prefire unha sen nada de alcohol, a mellor elección pode ser San Miguel, unha das máis baratas e a única sen aditivos. E se se inclina por unha cervexa light, parece mellor opción a de Cruzcampo ca a de Mahou: amais da súa menor graduación (2,4% vol., fronte a 3,5% vol.), foi mellor cualificada na cata e é algo máis barata.
Alimenta a cervexa? e táboa comparativa
Alimenta a cervexa?
A análise en laboratorio revelou o xa sabido: a cervexa é un mero refresco, máis ou menos alcohólico, que non se pode definir como fonte de nutrientes. O extracto seco, o que queda logo de eliminar a auga, representa nestas cervexas só entre o 2,7% de Mahou Light e o 5,8% de San Miguel 0,0%. O contido de proteína, ínfimo, entre o 0,2% e o 0,3% segundo as mostras. E o de hidratos de carbono (provenientes do malte da cebada, aínda que tamén pode proceder do millo ou do arroz engadidos ao produto), aínda sendo maior, xa que conteñen entre o 2,3% e o 5,4%, tampouco é relevante dende un punto de vista nutricional. As cervexas convencionais teñen arredor do 2,4% de carbohidratos. Para coñecer a cantidade de minerais das cervexas (sobre todo, potasio, fósforo, calcio, magnesio e silicio, pero sempre en pequenas cantidades) mídese o contido de cinzas: o valor obtido nas nove analizadas foi idéntico, 0,1%, e conforme á norma, xa que non se admite que superen o 0,4% de cinzas.
Se cadra, o único salientable da cervexa no terreo nutricional é que contén unha modesta cantidade (4 microgramos cada cen gramos) de ácido fólico ou de vitamina B9, que se asocia á redución do risco de anemia e de malformacións na medula espinal do feto durante o embarazo. Polo tanto, trátase dun refresco diurético (a súa achega en potasio e baixa concentración de sodio fan que aumente o volume de ouriños de quen bebe cervexa), que na súa presentación 0,0% e “sen alcohol” (menos dun 1% vol.) poden tomar, con consentimento médico, mesmo persoas hipertensas e con problemas cardíacos. Tanto as light como as “sen alcohol” e as 0,0% son aptas para dietas hipocalóricas e constitúen unha alternativa para quen gusta do sabor da cervexa convencional e non a poden ou non a deben consumir. Agora ben, nin unhas nin outras poden ser inxeridas por persoas con celiaquía (intolerancia ao glute).
Cruzcampo (Light) | Mahou (Light) | Buckler (Sen alcohol) | Laiker (Sen alcohol) | Kaliber (Sen alcohol) | |
---|---|---|---|---|---|
Denominación de venda | Cervexa light | Cervexa light | Cervexa sen alcohol | Cervexa sen alcohol | Cervexa sen alcohol |
Formato (litros) | 1,25 (6×0,25) | 0,33 | 1,25 (6×0,25) | 1,25 (6×0,25) | 1,25 (6×0,25) |
Prezo (euros/litro) | 1,62 | 1,76 | 1,33 | 1,32 | 1,41 |
Etiquetaxe | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Grao alcohólico real (% vol.)1 | 2,4 | 3,5 | 0,8 | 0,9 | 0,7 |
Extracto seco (g/100g) | 3,3 | 2,7 | 4,2 | 4,9 | 4,5 |
Proteína (g/100g) | 0,2 | 0,3 | 0,3 | 0,2 | 0,3 |
Cincentas (g/100g)2 | 0,1 | 0,1 | 0,1 | 0,1 | 0,1 |
Carbohidratos (g/100g)3 | 3,0 | 2,3 | 3,8 | 4,6 | 4,1 |
Valor enerxético (cal/100 ml) | 26 | 30 | 21 | 24 | 21 |
Acidez total (% como láctico)4 | 0,2 | 0,2 | 0,2 | 0,2 | 0,2 |
pH5 | 3,9 | 3,9 | 4,4 | 4,2 | 4,5 |
Cata (de 1 a 9) | 6,5 | 5,9 | 6,4 | 6,6 | 6 |
Cruzcampo (Sen alcohol) | San Miguel (0.0) | Free-Damm (0.0) | Buckler (0.0) | |
---|---|---|---|---|
Denominación de venda | Cervexa sen alcohol | Cervexa sen alcohol | Cervexa sen alcohol | Cervexa sen alcohol |
Formato (litros) | 1,25 (6×0,25) | 1,25 (6×0,25) | 1,25 (6×0,25) | 1,25 (6×0,25) |
Prezo (euros/litro) | 1,45 | 1,35 | 1,36 | 1,41 |
Etiquetaxe | Correcto | Correcto | Incorrecto | Correcto |
Grao alcohólico real (% vol.)1 | 0,6 | Menor que 0,01 | Menor que 0,01 | 0,07 |
Extracto seco (g/100g) | 4,6 | 5,8 | 3,0 | 4,7 |
Proteína (g/100g) | 0,3 | 0,3 | 0,2 | 0,3 |
Cincentas (g/100g)2 | 0,1 | 0,1 | 0,1 | 0,1 |
Carbohidratos (g/100g)3 | 4,2 | 5,4 | 2,7 | 4,3 |
Valor enerxético (cal/100 ml) | 22 | 23 | 12 | 19 |
Acidez total (% como láctico)4 | 0,2 | 0,2 | 0,2 | 0,2 |
pH5 | 4,3 | 4,2 | 3,6 | 4,4 |
Cata (de 1 a 9) | 6,2 | 5,4 | 6 | 5,8 |
1. Grao alcohólico: as cervexas sen alcohol deben ter menos do 1% v/v (ml de alcohol/100 ml de cervexa).
2. Cinzas: dan unha idea aproximada do contido en minerais. Máximo permitido: 0,4% en masa.
3. Carbohidratos: o máximo permitido é 7,5% en masa.
4. Acidez total: o máximo establecido pola norma é 0,3% ácido láctico.
5. pH: a norma fixa que debe de estar comprendida entre 3,5 e 5.
Un a un
cervexas "sen alcohol", 0,0% e 'light', un a un
Mahou light
- “Cervexa light”
- Botella de 33 cl. Sae 1,76 euros/litro, a máis cara de todo este comparativo. E unha das peores na cata.
- Non declara lista de ingredientes, pero tampouco a norma obriga a facelo.
- Grao alcohólico medido en laboratorio: 3,5% vol., o maior de todo o comparativo.
- É, das analizadas, a máis enerxética (achega 30 calorías cada cen mililitros, é dicir, case 100 calorías esta botella, e 300 calorías un litro desta cervexa). Aínda que apenas ten relevancia (o poder nutritivo das cervexas é moi escaso e, ademais, as diferenzas de composición entre as mostras non son significativas), é a de menor extracto seco (o que queda tras eliminar a auga: 2,7%) e carbohidratos (2,3%).
- Na cata acada 5,9 puntos, foi unha das menos preferidas e recibiu críticas por “pouca cor”.
Cruzcampo light
- “Cervexa light”
- Paquete de seis botellos de 25 cl.
- Sae a 1,62 euros/litro.
- Amais dos ingredientes propios da cervexa (auga, malte de cebada, lúpulo…), contén millo e un aditivo, o estabilizador E-405.
- Grao alcohólico medido: 2,4% vol., o triplo ca as “sen alcohol” (de media, 0,8% vol), pero a metade ca unha cervexa normal.
- Achega 26 calorías cada cen mililitros, mentres que unha cervexa normal achega 45 cal/100 ml.
- Na cata consegue 6,5 puntos: foi unha das cervexas máis preferidas de todo o comparativo, aínda que se foi criticada por “pouca cor”.
Bucker sen alcohol
- “Cervexa sen alcohol”
- Paquete de seis botellos de 25 cl.
- Sae a 1,33 euros/litro, das máis baratas.
- Unha das dúas mellores relacións calidade-prezo deste comparativo.
- Amais dos ingredientes propios da cervexa (auga, malte de cebada, lúpulo…), contén un aditivo, o estabilizador E-405.
- Grao alcohólico medido: 0,8% vol., moito menos ca as cervexas normais (entre 4,5%vol. e 5% vol.) e mesmo ca as light, que teñen entre 2,4% vol. e 3,5% vol. Se se vai conducir, convén controlar o seu consumo, e, para tomar varias, mellor as 0,0%.
- Achega 21 calorías/100 ml, a metade ca unha cervexa normal e algo menos ca unha light.
- Na cata acada 6,4 puntos: unha das máis preferidas. Gustou pola súa “cor” e “efervescencia” e non recibiu críticas. Agradoulles máis aos catadores ca a Buckler “0,0%.
Laiker sen alcohol
- “Cervexa sen alcohol”
- Paquete de seis botellos de 25 cl.
- Sae a 1,32 euros/litro, a máis barata.
- Unha das dúas mellores relacións calidade-prezo deste comparativo.
- Amais dos ingredientes propios da cervexa (auga, malte de cebada, lúpulo…), contén millo e un aditivo, o antioxidante E-330.
- É a de máis extracto seco (o que queda tras eliminar a auga: 4,9%) das “sen “.
- Grao alcohólico medido: 0,9% vol., o maior das “sen”, pero moi inferior ao das cervexas normais (4,5% vol.) e tamén ca as light. Se se vai conducir, convén controlar o seu consumo; e, para tomar varias, mellor as 0,0%.
- Achega 24 calorías/100 ml, algo menos ca unha light; unha normal achega o dobre.
- Na cata obtén 6,6 puntos: foi unha das máis preferidas. Gustou pola súa cor e non foi criticada en ningún dos parámetros.
Kaliber sen alcohol
- “Cervexa sen alcohol”
- Paquete de seis botellos de 25 cl.
- Sae a 1,41 euros/litro.
- Amais dos ingredientes propios da cervexa (auga, malte de cebada, lúpulo…), contén millo e un aditivo, o estabilizador E-405.
- Grao alcohólico medido: 0,7% vol., moito menos ca as cervexas normais (4,5% vol.) e mesmo ca as light, que teñen entre o 2,4% vol. e o 3,5% vol. Se se vai conducir, convén controlar o seu consumo; e, para tomar varias, mellor as 0,0%.
- Achega 21 calorías cada cen mililitros, mentres que unha cervexa normal achega o dobre e unha light entre 26 e 30 cal/100ml.
- Na cata consegue 6 puntos, ocupou unha posición intermedia, gustou pola súa “cor” e non foi criticada en ningún dos parámetros.
Cruzcampo sen alcohol
- “Cervexa sen alcohol”
- Paquete de seis botellos de 25 cl.
- Sae a 1,45 euros/litro.
- Amais dos ingredientes propios da cervexa (auga, malte de cebada, lúpulo…), contén un aditivo, o estabilizador E-405.
- Grao alcohólico medido: 0,6% vol., o menor das “sen alcohol” analizadas.
- Achega 22 calorías cada cen mililitros, mentres que unha cervexa normal achega o dobre, e unha light entre 26 e 30 cal/100ml.
- Na cata acada 6,2 puntos, ocupou unha posición intermedia, gustou pola súa “cor” e non foi criticada en ningún dos parámetros.
San Miguel "0,0%"
- “Cervexa sen alcohol”
- Paquete de seis botellos de 25 cl.
- Sae a 1,35 euros/litro. Opción interesante para quen prefire unha 0,0%.
- Ingredientes: auga, malte de cebada e lúpulo.
- É a única que non engade aditivos.
- Grao alcohólico medido: <0,01% vol., case nulo.
- Na cata acadou só 5,4 puntos, pero non quedou cualificada como “menos preferida”. Gustou pola súa “cor” e “efervescencia” e non recibiu críticas criticas en ningún dos parámetros.
Free-Damm 0.0%
- “Cervexa sen alcohol”
- Paquete de seis botellos de 25 cl.
- Sae a 1,36 euros/litro.
- Etiquetaxe incorrecta: fai a declaración “só 25 kcal por botella”, que non se axusta ás aceptadas polo regulamento. E di conter fermentos, cando non están presentes no produto final.
- Amais dos ingredientes da cervexa (auga, malte de cebada, lúpulo…) di conter arroz, millo, fermento e o aditivo estabilizador E-405.
- Grao alcohólico medido: <0,01% vol., practicamente nulo.
- É a cervexa de menor poder enerxético: achega só 12 calorías cada cen mililitros, a metade -ou menos aínda- ca case todas as demais.
- Na cata recibiu 6 puntos, ocupou unha posición intermedia; gustou a súa “cor” e “efervescencia” e non foi criticada en parámetro ningún.
Buckler "0.0%"
- “Cervexa sen alcohol”
- Paquete de seis botellos de 25 cl.
- Sae a 1,41 euros/litro, a máis cara das 0,0%.
- Amais dos ingredientes da cervexa (auga, malte de cebada, lúpulo…), di conter o aditivo estabilizador E-405, e (a única que o engade) aroma.
- Grao alcohólico medido: 0,07% vol. É moi pouco, ao non chegar ao 0,1% vol. (as “sen” teñen o 0,8% vol. de media), pero é máis ca as outras dúas 0,0%, que teñen menos de 0,01% vol. Así e todo, non se considera incorrecto para unha cervexa 0,0%.
- Achega 19 calorías cada cen mililitros, mentres que unha cervexa normal achega 45 cal/100 ml e unha light entre 26 e 30 cal/100ml.
- Na cata recibiu 5,8 puntos e foi unha das que menos gustou. Agradou pola súa “cor”, pero foi criticado o seu “pouco gas”.