Axuste de contas
Se non é polas boas, polas malas. E en termos legais, reclamar cartos polas malas é facelo nun xulgado. Nunha situación como a actual, marcada por unha crecente morosidade, o Consello Xeral do Poder Xudicial prevé para este ano que as execucións hipotecarias sufrirán aumentos do 234% e que os xuízos ordinarios se incrementarán nun 29% con respecto ao 2007. Estima, ademais, que os xuízos verbais aumentarán nun 5%, mentres que os monitorios, os máis numerosos entre os contenciosos civís, se incrementarán un 76%. Ante este panorama, non está de máis coñecer os procedementos previstos pola Lei para reclamar uns cartos adiantados no seu momento ou, pola contra, para saber como actuar ante a interposición dunha demanda por parte doutros. Nestas situacións non sempre é necesaria a contratación dun avogado e procurador.
Que procedementos se poden utilizar sen avogado?
O procedemento monitorio e o verbal. A Lei de axuizamento civil prevé a posibilidade de reclamar, sen necesidade de avogado e procurador a través do proceso monitorio, cantidades de ata 30.000 euros, sempre que se reúnan os requisitos e os documentos legalmente requiridos. Está regulado nos artigos 812 a 818 da Lei de axuizamento civil do 7 de xaneiro do 2000. A mesma norma recolle a vía do procedemento verbal para contías inferiores a 900 euros, sen necesidade de tales profesionais.
Estes procesos son tan sinxelos como para non precisar avogado?
Ese é o obxectivo. Para iso pódense conseguir impresos e formularios na web do Consello Xeral do Poder Xudicial (http://www.poderjudicial.es/). Non obstante, e aínda que se inicie un procedemento monitorio sen avogado, sempre que o debedor se opoña, o procedemento converterase nun xuízo verbal ou ordinario no que o acredor si precisará a asistencia de avogado e procurador, salvo que a cantidade demandada sexa inferior a 900 euros.
Que proceso é máis recomendable, o monitorio ou o verbal?
Sempre que se cumpran os requisitos, é preferible optar polo monitorio, aínda que sempre pode finalizar nun xuízo verbal.
Que requisitos precisa o procedemento monitorio?
Un documento que recolla unha débeda monetaria vencida, esixible e líquida que debe ser inferior a 30.001 euros para que o procedemento se desenvolva sen avogado. Acompañarase de facturas, albarás de entrega, certificacións, telegramas, telefax e outros documentos que verifiquen os créditos e débedas. Nas comunidades de propietarios serven as certificacións de non pagamento das cantidades debidas en concepto de gastos comúns.
Como se desenvolve o xuízo monitorio?
- Petición ao Xulgado de primeira instancia do domicilio do debedor.
- O xuíz examina a petición e, no seu caso, dita sentenza para que compareza o moroso, non sen antes advertilo de que, se non paga ou non comparece para oporse alegando as razóns da negativa ao pagamento, se procederá ao embargo.
- Se o debedor non paga nin se opón, nace o título executivo e embargaránselle os bens.
- Se o debedor comparece e se opón en prazo, abandónase o proceso monitorio para entrar noutra canle procedimental. O escrito de oposición do demandado deberá ir asinado por avogado e procurador cando a contía sexa superior a 900 euros. Se a cantidade é apropiada para a celebración do xuízo verbal, ata 3.000 euros, procederase a celebrar unha vista. Pola contra, se o importe é superior, o demandante, no prazo dun mes, deberá presentar unha demanda polo xuízo declarativo ordinario.
Que se pode facer se se é demandado por impagamento?
Se un acredor presenta unha petición inicial de procedemento monitorio e é admitida, o xulgado requirirá de pagamento ao debedor. Unha vez recibido este requirimento, o debedor pode pagar ou comparecer ante o xulgado, mediante un escrito de oposición no que alegue os motivos polos que considera que non debe esa cantidade, en todo ou en parte. Se a débeda é superior a 900 euros, deberase acudir canto antes a un avogado, salvo que decida pagar.
Que quere dicir “en todo ou en parte”?
O debedor pode elaborar un escrito no que alegue non deber todo o reclamado, senón unha parte da cantidade solicitada.
Que acontece se o debedor non acode ao xulgado?
Pasado o prazo de vinte días sen comparecer por escrito nin pagar a débeda, o xulgado iniciará os trámites para o embargo de bens.
Calquera tipo de bens?
Non se procede ao embargo de bens inmobles cando o seu valor previsible sexa superior á cantidade debida, salvo que non houbese outros bens. Non se embargan os salarios ou pensións que non excedan do salario mínimo profesional nin o mobiliario e enxoval dunha casa. O primeiro que se busca embargar son os cartos, as contas correntes e os títulos e valores.
- Lea polo miúdo todas as comunicacións dos xulgados.
- Non deixe pasar os prazos. O tempo comeza a correr a partir do día seguinte ao que se recibe a comunicación e inclúe o día do vencemento.
- Hai que excluír deste período os días inhábiles: sábados e domingos, os días 24 e 31 de decembro, os de festa nacional, os festivos para os efectos laborais nas respectivas comunidades autónomas, e todos os días do mes de agosto.
- Sempre que presente un escrito e documentos no xulgado faga tantas copias como partes interveñan no procedemento.
- Ante calquera dúbida, calquera das partes pode acudir ao xulgado para coñecer e examinar as actuacións.
- Un monitorio iníciase coa petición inicial ao xulgado, seguida do requirimento de pagamento ao debedor.
- O debedor pode, en vinte días, pagar, oporse ou non comparecer.
- Se non paga nin comparece, pásase a executar pola vía de embargos.
- Se comparece e se opón por escrito á reclamación, sinalarase un día para celebrar unha vista se a cantidade é inferior a 3.001 euros. De ser superior, o xulgado concédelle ao acredor un prazo dun mes para presentar demanda de xuízo ordinario.
- Se transcorre este prazo sen presentar demanda de xuízo ordinario, arquívase todo e condénase en custas ao acredor.
- Aínda que é posible comezar o proceso sen avogado, ao final pode ser necesario o seu labor.