Hainos baratos de tanta calidade coma os de alta cosmética
A exposición aos raios UVA (ben sexa tomando o sol, ou someténdose a unha sesión de lámpadas de bronceado) non é o único xeito de se poñer moreno. Tamén se pode acadar un bronceado natural, doado e rápido grazas ás cremas autobronceadoras. Non son unha maquillaxe que “pinte” a pel de maneira máis ou menos duradeira, senón que incorporan unha substancia que xera unha reacción nas células das capas máis externas da pel. O resultado que conseguen os autobronceadores hoxe, como comprobou esta análise, é satisfactorio e dista moito do que lograban hai anos as primeiras cremas autobronceadoras, que adoecían de dúas limitacións: o seu cheiro desagradable e penetrante e a cor alaranxada que lle procuraban á pel. A cor dourada que obteñen os autobronceadores actuais é case indistinguible do obtido das dúas maneiras máis comúns: tomar o sol e broncearse mediante a exposición ás lámpadas UVA.
Analizáronse sete autobronceadores para corpo e non aptos para o rostro, moi diferentes tanto en formato (seis deles conteñen entre 125 e 250 mililitros de produto; e un, Garnier, 400 ml) como en prezo: saen dende 14,22 euros por litro (Garnier) ata os máis de 200 euros por litro de Guerlain, Estée Lauder e Clarins.
Os catro máis baratos (Nivea, Dove, L’Oréal e Garnier) son autobronceadores progresivos e teñen menos substancia activa (dihidroxiacetona), polo que son adecuados para un uso cotián como crema hidratante que, ademais, broncea. Os tres máis caros están concibidos para un uso ocasional, e conseguen un bronceado máis rápido. A única irregularidade na etiquetaxe viuse en Estée Lauder: non indica un enderezo postal nalgún país da Unión Europea, malia que é obrigatorio facelo.
A ‘mellor relación calidade-prezo’ é L’Oréal: aprobou folgadamente os test de laboratorio e foi o que máis gustou na proba de uso. Para quen busca unha crema que broncee decontado e non repara moito no prezo (125 mililitros custan 32,6 euros), Clarins é a mellor opción. Ten unha gran calidade (a única cun “moi ben” na análise de laboratorio), se ben quedou nunha discreta posición intermedia na proba de uso con 30 consumidoras.
As cremas analizadas teñen un pH menor, máis ácido, ca o da pel sa, que anda arredor do 5,5. L’Oréal (con pH 3,9) é a mellor neste sentido, e Estée Lauder (con pH 2,9), a peor. Así e todo, na proba práctica ningunha consumidora se queixou de molestias nin comechóns. Unha crema demasiado líquida escorrega entre os dedos cando se aplica sobre a pel, pero se é demasiado espesa custa que a pel a absorba e tende a quedar adherida ao envase. Por iso a viscosidade se torna nunha característica importante de calidade nas cremas en xeral e inflúe na percepción que delas ten quen as aplica. A crema autobronceadora menos viscosa foi Nivea, con 9.500 centipoises, e a de maior viscosidade Clarins, que case multiplica por dez esa cifra.
As cremas son emulsións de auga con compoñentes oleosos. Un xeito de medir a súa calidade é obter o extracto seco, o que queda logo de eliminar a auga. Para determinalo, quentáronse as sete cremas a 105º C ata que só quedaron os aceites e outros axentes hidratantes. Estée Lauder tiña o menor extracto seco (16%), mentres que Dove foi o de maior, cun 26%.
A substancia activa que broncea é a dihidroxiacetona (DHA). Da súa cantidade depende, en teoría, o nivel de moreno e o tempo que leva acadalo. A quen busca un bronceado progresivo que lle permita manter un ton dourado durante varios meses convéñenlle produtos con baixo contido de DHA. Pola contra, a quen desexe un bronceado rápido e intenso resultaranlle máis apropiados autobronceadores cunha maior concentración desta substancia. Nivea é o que menos DHA (1,6%) ten, mentres que Guerlain (o máis caro: sae a máis de 280 euros o litro) foi o que máis DHA contiña (4,9%.) Clarins e Dove incoporan, amais de DHA, eritrulosa, unha substancia similar que tamén colorea as capas externas da pel. A normativa que regula os cosméticos identifica 26 substancias que poden provocar alerxias, polo que o seu uso se debe mencionar na etiqueta se a súa presenza supera as 10 partes por millón (ppm). O obxectivo é que as persoas alérxicas a elas os eviten. O laboratorio mediu a presenza destes 26 alérxenos nas sete mostras, e constatou que o único autobronceador sen alérxeno ningún en cantidade superior a 10 ppm era Clarins. E que tamén só un, Estée Lauder, contiña un alérxeno, Linalol (trátase dun perfume), en cantidade superior a 10 ppm sen mencionalo na súa etiqueta. No autobronceador Guerlain detectáronse dez alérxenos; en Dove, nove, e en Nivea, Garnier e L’Oréal, sete, seis e cinco respectivamente. Pero en todos eles se indicaba o seu uso cando superaban o límite de 10 ppm fixado pola norma.
Tendo en conta todos os parámetros medidos no laboratorio, a crema de mellor calidade foi Clarins, a única que acadou un “moi ben”. O resto quedou en “ben”, salvo Estée Lauder, que mereceu un “mellorable”.
30 mulleres probaron as sete cremas durante tres días alternos sen saberen de que marca se trataba en cada caso. A mellor valoración global foi para dúas das cremas máis baratas, L’Oréal (7,4 puntos sobre 9) e Garnier (7,2 puntos sobre 9). As que menos gustaron foron Nivea (5,3 puntos), Estée Lauder (6,2 puntos), Guerlain (6,4 puntos) e Dove (6,6 puntos).
Nas sete cremas o nivel de hidratación percibido polas consumidoras que participaron na proba de uso foi semellante. Tras a primeira aplicación, apenas se detectaron diferenzas no ton de cor conseguido. Logo de dúas aplicacións, Nivea foi significativamente peor nesta prestación ca L’Oréal, Garnier, Guerlain e Clarins. Ao rematar a terceira e última aplicación, os autobronceadores con mellores resultados foron Garnier e L ‘Oréal, fronte a Nivea e Dove, que conseguiron os menos satisfactorios. En contra do que cabía esperar, os resultados en bronceado non amosaron unha relación directa coa concentración de dihidroxiacetona de cada produto: maior cantidade de DHA non significou maior capacidade de broncear. Por outra banda, as cremas autobronceadoras teñen sona de desprenderen un cheiro forte e desagradable, pero xa non a merecen. A única significativamente peor ca as demais neste aspecto foi Nivea, mentres que a maioría de consumidoras comentaron o agradable do cheiro de L ‘Oréal e Dove. No tocante á cor do produto en si, as que máis gustaron foron as de L’Oréal e Garnier, fronte aos de Clarins e Guerlain, as cores peor valoradas. Para rematar, a crema máis doada de estender foi L’Oréal, mentres que Nivea (a menos viscosa) e Guerlain (a segunda máis viscosa) foron as peores nesta función.
Se ben o resultado a simple vista é semellante, o mecanismo que fai que a pel mude de cor cando se expón ao sol ten pouco que ver co efecto das cremas autobronceadoras. Os raios ultravioleta atravesan a capa superficial da pel e estimulan a produción de melanina, un pigmento que se produce na derme, capa profunda da pel. De alí pasa á derme, o que escurece a pel. Os autobronceadores non xeran melanina, limítanse a tinguir células da pel que están a piques de eliminarse. Por iso, o seu efecto non dura máis dunha semana. O cambio de cor prodúcese cando a dihidroxiacetona (DHA), substancia activa destas cremas, se pon en contacto cos aminoácidos da pel. Estes oxídanse e producen melanoidinas, de efecto similar á melanina. As zonas con máis proteína (cóbados, xeonllos e palmas de pés e mans) tínguense de maneira máis intensa. A coloración aparece ao cabo de entre tres e seis horas e chega ao máximo un día despois da súa aplicación. Dúas ou tres aplicacións ao longo de doce horas tinguirán a pel e manterana con esa cor durante uns dez días, se ben hai autobronceadores máis rápidos e outros máis lentos. Unha cousa está clara: canto máis tempo permaneza o produto sobre a pel, máis intenso será o bronceado. É por iso que se recomenda aplicar estes cosméticos antes de deitarse.
O ton moreno conseguido con estas cremas é máis saudable ca o convencional: non ten os inconvenientes de tomar o sol, xa que non produce queimaduras nin propicia o melanoma ou cancro de pel. Pero non todo son vantaxes. este moreno cosmético non protexe fronte aos raios solares, é un “falso bronceado”. Outra cuestión: DHA é unha substancia natural presente no metabolismo de plantas e animais, pero reseca a pel, polo que non está indicada para persoas con peles moi secas; por iso, estes autobronceadoes conteñen substancias hidratantes. ‘Os autobronceadores non só son unha maneira rápida e cómoda de acadar un ton dourado de pel, senón que constitúen unha alternativa saudable e segura ao bronceado natural’.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
/imgs/20090501/lorealG-TZD.gif
Analizáronse sete cremas autobronceadoras, catro delas para bronceado progresivo e tres para bronceado inmediato. Saen dende os 14 euros/litro de Garnier ata os máis de 200 euros/litro de Guerlain, Estée Lauder e Clarins.- Todos conteñen dihidroxiacetona (DHA), substancia que reacciona colorando as capas externas da pel. Os produtos de bronceado progresivo teñen un contido de DHA inferior ao 2,5% e os de bronceado inmediato superior ao 4%, pero na proba práctica as consumidoras non preferiron a cor nin a intensidade acadada polos produtos con máis DHA.
- Os autobronceadores son unha alternativa sa e segura ao bronceado solar. Permiten lucir unha cor dourada sen se expor aos perniciosos efectos da radiación ultravioleta. E non se lles coñecen reaccións adversas.
- Os sete amosaron un pH inferior ao da pel. E a súa viscosidade foi moi diferente, o que inflúe, sobre todo, na dosificación do produto.
- Estée Lauder non cumpría coa normativa de etiquetaxe, ao non indicar o enderezo do fabricante e ao non advertir de que contén un composto, Linalol, que lles pode causar dano ás persoas sensibles a este alérxeno. Outros produtos incluían moitos alérxenos (ata dez) pero estaban ben etiquetados.
- Tendo en conta as probas de laboratorio, Clarins é o de maior calidade, cun “moi ben”, Estée Lauder queda en “mellorable” e o resto acada un “ben”.
- Na proba de uso con 30 consumidoras, Clarins, Garnier e L’Oréal foron as máis preferidas e Nivea a menos preferida. No máis importante, a cor que lle proporcionan á pel, destacaron como mellores Garnier e L’Oréal.
- A mellor relación calidade-prezo correspóndelle a L ‘Oréal, o autobronceador que máis gustou na proba de uso e de prezo moderado. Para quen busque unha crema que broncee axiña, sempre que estea disposto a gastar case 33 euros por un envase de 125 ml, a mellor opción é Clarins, a de maior calidade técnica, aínda que conseguise un resultado só intermedio na proba de uso.
Marca | L’oréal | Garnier | Clarins | Dove |
---|---|---|---|---|
Leite hidratante bronceado progresivo | Leite hidratante bronceado progresivo | Crema autobronceadora | Loción hidratante bronceado gradual | |
Prezo envase (euros) | 7,10 | 5,71 | 32,64 | 5,83 |
Contido neto declarado (ml) | 200 | 400 | 125 | 250 |
Tipo de pel | Peles escuras | Pel escura | Pel normal (reflexos luminosos) | |
Prezo (euros/litro) | 35,51 | 14,28 | 261,12 | 23,33 |
Etiquetaxe | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Análise físico-química | ||||
pH | 3,9 | 3,2 | 3,7 | 3,4 |
Viscosidade (cps) | 58100 | 16400 | 85100 | 41200 |
Extracto seco (%) | 25,1 | 24,7 | 23,3 | 25,8 |
Dihidroxiacetona (%) | 2,0 | 2,3 | 4,2 | 2,1 |
Eritrulosa | No | No | Sí | Sí |
Alérxenos (concentración en ppm) (1) |
|
|
Linalol (2) |
|
Calidad global | Ben | Ben | Moi ben | Ben |
Prueba de uso (del 1 al 9) | 7,4 | 7,2 | 6,5 | 6,6 |
Marca | Nivea | Guerlain | Estée Lauder |
---|---|---|---|
Loción reafirmante bronceado gradual | Autobronceador con cor | Autobronceador intenso | |
Prezo envase (euros) | 5,98 | 42,25 | 27,93 |
Contido neto declarado (ml) | 250 | 150 | 125 |
Tipo de pel | Pel normal a escura | ||
Prezo (euros/litro) | 23,93 | 281,67 | 223,44 |
Etiquetaxe | Correcto | Correcto | Incorrecto |
Análise físico-química | |||
pH | 3,6 | 3,5 | 2,9 |
Viscosidade (cps) | 9500 | 60300 | 29400 |
Extracto seco (%) | 22,2 | 21,8 | 15,7 |
Dihidroxiacetona (%) | 1,6 | 4,9 | 4,4 |
Eritrulosa | No | No | No |
Alérxenos (concentración en ppm) (1) |
|
|
|
Calidad global | Ben | Ben | Mellorable |
Prueba de uso (del 1 al 9) | 5,3 | 6,4 | 6,2 |
1. Alérxenos: A normativa obriga a indicar na etiquetaxe a presenza daqueles alérxenos en concentracións superiores a 10 ppm. Estée Lauder non indica na etiquetaxe a presenza de Linalol.
Un a un
Autobronceadores, un a un
L'Oréal
- Sae a 35,51 euros/litro.
- A mellor relación calidade-prezo.
- Calidade global: Ben.
- Leite de bronceado progresivo. Dos de máis extracto seco. Un dos de menos dihidroxiacetona, DHA, a substancia autobronceadora. Contén cinco alérxenos en concentración superior a 10 ppm, pero están ben indicados na etiqueta.
- Proba de uso: 7,4 puntos. O que máis lles gustou ás consumidoras, que salientaron a súa cor e perfume, que era bo de estender e mais a cor que lle proporcionaba á pel.
Garnier
- Sae a 14,28 euros/litro, o máis barato.
- Calidade global: Ben.
- Unha opción interesante.
- Leite de bronceado progresivo. Dos de pH máis baixo.
- Contén catro alérxenos nunha concentración superior a 10 ppm, pero están ben indicados na etiqueta.
- Proba de uso: 7,2 puntos. Un dos que máis gustou. As consumidoras gabaron a súa cor e perfume e mais a cor que lle proporcionou á pel.
Clarins
- Sae a 261,12 euros/litro.
- Calidade global: Moi ben, o mellor.
- Boa opción para acadar un bronceado intenso no menor tempo posible.
- Crema autobronceadora. A única en tarro e a máis viscosa. Inclúe Eritrulosa, outra substancia autobronceadora. Carece de alérxenos en concentración superior a 10 ppm.
- Proba de uso: 6,5 puntos. Gustou o seu perfume e mais a cor que lle deu á pel.
Dove
- Sae a 23,33 euros/litro, un dos máis baratos.
- Calidade global: Ben.
- Loción para bronceado gradual. O de maior extracto seco. Contén Eritrulosa, outra substancia autobronceadora. Un dos de maior número de alérxenos, 7 deles en concentración maior de 10 ppm, pero están ben indicados na etiqueta.
- Proba de uso: 6,6 puntos. Gustou o seu perfume, pero as consumidoras criticaron a cor que lle deu á pel.
Nivea
- Sae a 23,93 euros/litro, un dos máis baratos.
- Calidade global: Ben.
- Loción para bronceado gradual. O de menor viscosidade. E tamén o de menor contido en dihidroxiacetona, DHA (substancia autobronceadora). Ten catro alérxenos en concentración superior a 10 ppm, pero están ben indicados na etiqueta.
- Proba de uso: 5,3 puntos, o que menos gustou. Foi criticado por difícil de estender e non gustaron o seu perfume nin a cor que lle deu á pel.
Guerlain
- Prezo: 281,67 euros/litro, o máis caro.
- Calidade global: Ben.
- Autobronceador con cor. O único con dispensador automático. O de maior contido en dihidroxiacetona (substancia autobronceadora). Contén cinco alérxenos nunha concentración superior ás 10 ppm, pero están ben indicados.
- Proba de uso: 6,4 puntos. Gustou o seu perfume, pero non a súa cor.
Estée Lauder
- Sae a 223,44 euros/litro.
- Calidade global: Mellorable.
- Autobronceador intenso.
- Incumpre a normativa de etiquetaxe ao non incluír o enderezo do fabricante.
- O de menor pH e o de menor extracto seco. Dos que máis dihidroxiacetona, DHA (substancia autobronceadora) conteñen. Atopóuselle no laboratorio un alérxeno, Linalol (perfume), que o produto non declara na súa etiqueta, infrinxindo a súa obriga de facelo.
- Proba de uso: 6,2 puntos, non destacou en ningún apartado.