O aburrimento pódese evitar
Nas parellas que levan convivindo un certo tempo cabe a posibilidade de que a rutina cotiá converta a relación nunha inercia carente de sorpresas. Os días pasan sen que nada novo aconteza. Existe a sensación de que xa está todo dito, o sexo deixou de ser unha novidade, os silencios acaban pesando e crese ter un coñecemento exhaustivo das reaccións do outro. Sen dúbida, o aburrimento ameaza con se converter no terceiro compañeiro de viaxe.
Pero o aburrimento pódese evitar. Como emoción negativa, lévanos a percibir a vida baleira e sen sentido; como actitude persoal, conduce ó bloqueo mental e paraliza a posibilidade de emprender iniciativas para saír dunha situación rutineira. Aínda que hai persoas con tendencia a converter o aburrimento nun estado de ánimo permanente, polo xeral estar aburrido é unha sensación esporádica, relacionada coa apatía e coa pobreza de vida afectiva e social nun determinado momento. En calquera dos casos, o aburrimento anubra as perspectivas de futuro, reduce as relacións persoais e diminúe o interese polo mundo de arredor. Por iso, tórnase fundamental combatelo. Farano con menos empeño as persoas que se estableceron na rutina e nun estilo de vida ritual que, polo menos en aparencia, lles proporciona seguridade e lles evita riscos. Esta actitude individual podería prexudicar, ou beneficiar se así se quere, a esa persoa. Pero cando se vive en parella é moi posible que xere conflitos, persoais e comúns.
A relación individual co aburrimento
O aburrimento é consecuencia da motivación, ou máis ben da súa falta. Se a motivación é interior, o que move a persoa procede do seu propio interior; se é exterior, os estímulos que nos mobilizan proceden das circunstancias que nos arrodean.
Cando existe motivación interior e exterior o resultado final é positivo e as emocións gratificantes están garantidas. É pouco probable que o aburrimento pase de ser algo esporádico. Se hai motivación interior pero o contorno non favorece, o individuo móvese malia as circunstancias e cun certo grao de dificultade, pero o seu esforzo por modificar o ámbito ten moitas posibilidades de que con iso abandone a apatía. Se hai motivación desde fóra pero falta o dinamismo interno, o individuo móvese moi ó seu pesar e o movemento adoita ser de pouca calidade e curta duración. O aburrimento será un condicionante case innato.
Cando non existen nin a interior nin a exterior, a persoa cae na abulia, na apatía e na desmotivación. En definitiva, convive co aburrimento.
A relación da parella co aburrimento
Cando ambas as persoas da parella gozan de dinamismo persoal, pódese dicir que, aínda que as circunstancias repetitivas da vida en parella induzan á rutina, existe a posibilidade de que a base de comunicación e diálogo auténtico se traten de introducir variables que fagan a convivencia menos pesada.
Se un dos dous carece de dinamismo interior, convértese nun peso para a parella, que intentará tirar da outra persoa proporcionando iniciativas novas que terán poucas posibilidades de ser aceptadas. Nesa situación poden xurdir a fatiga e o desalento para emprender a busca de novidades.
No caso de que ningún dos dous posúa o entusiasmo suficiente, a vida en parella convértese por consenso tácito nunha coexistencia tolerada que se caracteriza por compartir a satisfacción das necesidades básicas para seguir vivindo dunha maneira aparentemente digna, pero evidentemente tediosa. Acontece moitas veces que, se ben se estableceu tacitamente o acordo de vivir aburridamente xuntos o resto das súas vidas, algún dos dous ou os dous buscan fóra a novidade, os estímulos que lle devolvan as ilusións e as iniciativas. Non ten por que ser un amante. Ás veces é o traballo, outras serán novas amizades non compartidas por ambos, ou a recuperación de vellas afeccións individuais, etc. É como se se experimentase, e corroborase, que a auténtica vida, polo menos a máis estimulante, está fóra da parella.
Moitas veces, cando non se atura máis o tedio, e sen producirse situacións extremas, a parella disólvese.
En primeiro lugar, ten que haber interese por combatelo, por que se suavice a rutina e se restableza o entusiasmo pola convivencia. Os escépticos adoitan ser pouco proclives ós intentos por cambiar, ben porque cando o intentaron non funcionou, ben porque non queren facer cambios na súa persoa coa escusa de que a outra tampouco vai cambiar. Para evitar o aburrimento e asegurar unha mellor calidade da convivencia cómpre:
- Modificar as actitudes interiores
- É preciso que cada un dos dous crea firmemente que “á súa idade” é posible cambiar.
- É necesario que cada cal crea na súa propia potencialidade, que moitas veces se descoñece ou non se aprecia.
- É imprescindible que cada cal crea que a outra persoa tamén é capaz de moitas cousas, aínda que ata o momento non o demostrase.
- É vital que cada un redescubra no seu interior calidades agachadas que seguramente ten e que aínda non se manifestaron.
- Pode ser tamén interesante acudir a axudas externas profesionais para apoiarse nese proceso de redescubrir a valía persoal.
- Alterar algunhas circunstancias externas
- Cómpre arriscarse a que acontezan cousas novas, probablemente non suxeitas a un control total.
- Deixar que as sorpresas teñan un papel na vida cotiá, por moi pequenas que sexan, satisfai a quen é obxecto e a quen as procura.
- Establecer novos escenarios. Visitar lugares diferentes xuntos, aínda que sexa un ó ano.
- Compartir novas relacións en actos culturais.
- Cultivar afeccións e distraccións non coñecidas.
- Para todo iso cómpre un certo grao de valentía, de perderlle o medo ó ridículo, ó control social, e aceptar a posibilidade de que algúns dos novos intentos sexan un fracaso, porque será un fracaso común.
Cando unha parella se involucra neste tipo de cambios, tanto na actitude persoal coma na modificación das circunstancias e dos hábitos, é imprescindible falar sobre o que se está intentando lograr co fin de valorar o proceso, de coñecer como o vive cada un e de estimar se cómpre rectificar ou introducir outra serie de variables. E igual que se mima o proceso conxunto, cómpre mimar a viraxe individual. Para iso, debe existir o consenso de que cada quen teña unha certa vida propia que procure unha convivencia serena. Que dúas persoas se queiran supón, entre outras moitas cousas, a habilidade para crear espazos suficientes que faciliten que a outra persoa sexa ela mesma, que teña o seu propio espazo non compartido.