Salas de parola

'Chatear' polos cóbados

1 Setembro de 2004
Img internet listado 180

'Chatear' polos cóbados

/imgs/20040901/img.internet.01.jpg
Unha das aplicacións máis populares de Internet, especialmente en España, son as salas de parola ou chatrooms, onde os internautas poden escribirse en tempo real (‘chatear’) con usuarios de todo o mundo. Fronte a outros modos de comunicarse a través da Rede, como o correo electrónico, os foros ou as listas de correo, o chat ofrece á vez a posibilidade de conversar de xeito simultáneo e instantáneo con multitude de usuarios.

Os chats fixéronse moi populares como un xeito de contactar con xente de calquera lugar do planeta, compartir afeccións ou intercambiar arquivos (cancións sobre todo), aínda que quizais o seu uso máis frecuente sexa o de tratar de establecer novas amizades ou directamente ‘ligar’, o que ás veces deriva en encontros reais.

Os programas máis populares

O sistema utilizado para as conversas en tempo real en Internet coñécese como IRC (Internet Relay Chat). Para participar nestes debates ou faladoiros só é preciso conectarse a Internet e acceder a algún dos servidores de IRC (ordenadores que xestionan os chats) repartidos por todo o mundo que albergan as canles, é dicir, as ‘habitacións’ onde os usuarios parolan.

Acceder a unha sala para parolar con outros internautas é ben sinxelo. Existen dous xeitos habituais de chatear, a través de páxinas web ou mediante a instalación de pequeno programa no ordenador como mIRC (www.mirc.com) ou Pirch (www.pirchat.com) para Windows, IRCLe (www.ircle.netmug.org) para Mac e ircII (www.eterna.com.au/ircii) para Linux. Todos se poden descargar desde Internet de maneira gratuíta. A diferenza entre acceder a través da web ou mediante un programa específico é similar á que existe entre acceder a unha conta de correo electrónico como as de Yahoo! ou Hotmail ou facelo a través dunha aplicación no ordenador como Outlook ou Mozilla Thunderbird: o web é máis lento e ofrece menos opcións, pero resulta máis sinxelo.

Sexa a través dunha páxina web (moitos portais e case tódolos sitios web das redes IRC ofrecen webchat) ou dun programa, para entrar nunha sala de parola abonda con identificarse mediante un alcume (nick) e elixir unha canle na que participar ou simplemente ler o que outros escriben. O nick é a identidade do usuario en IRC, polo que non pode haber dous iguais na mesma rede ó mesmo tempo e, nalgúns casos, pódese rexistrar para mantelo para sempre e que ninguén suplante a nosa identidade.

É relativamente doado manexarse dentro dun chat, aínda que ó neófito convenlle ollar e aprender antes de participar. Para iniciarse axiña, o mellor é preguntarlles ós compañeiros de faladoiro, acceder a canles para novatos (#irchelp, #beginner, #axuda_IRC, etc.) onde interrogar sen medo ou visitar algunha das numerosas páxinas web destinadas a destripar o mundo IRC, como por exemplo www.irchelp.org o www.ayuda-irc.net.

Millóns de habitacións

Hai milleiros de canles (grupos ou rooms, designados cun # diante) entre as que elixir, desde as creadas para debater un tema concreto (por exemplo, #psicoloxía) ou as destinadas a agrupar a usuarios da mesma zona (#barcelona) ou a mesma idade (#máis_de_30), ata as simples reunións de amigos.

Calquera pode crear unha canle, darlle o nome que desexe sempre que non exista nesa rede e impor as súas condicións: que sexa pública ou que non apareza na lista de canles, que estea moderada, só accesible a invitados, con límite de participantes, etc. O ‘operador’ da canle, con poder para non admitir ou expulsar ós compañeiros de faladoiro, identifícase cunha @ diante do seu nome. Nas canles tamén é posible establecer conversas privadas con calquera dos participantes picando sobre o seu nome.

Hai que ter en conta que existen moitas redes de chat que non están conectadas entre si, polo que os usuarios que entran a través de diferentes redes non se poden comunicar, aínda que entren á mesma canle (as redes poden compartir nomes de canles). Para chatear en español, a rede máis popular é IRC-Hispano, con preto de 4.000 canles ás que se conectan máis de medio millón de internautas cada día.

Seguridade

Lamentablemente, as redes de chat non están exentas dos perigos que asexan en Internet. Dado que é posible intercambiar arquivos a través dos chats, hai que ter o mesmo coidado que cos documentos adxuntos no email e as descargas de arquivos na web para non ser infectado por un virus. Non se deben aceptar arquivos de persoas descoñecidas e mais é recomendable protexer o ordenador cun antivirus actualizado e cun firewall (‘cortalumes’ ou programa que controla a conexión a Internet) que nos evite ataques externos.

Ás ameazas comúns a calquera aplicación conectada á Rede, nos chats cómpre engadir as derivadas da súa conexión co mundo real. Sen caer no alarmismo, si convén ser consciente de que non é posible saber quen se agacha realmente detrás do pseudónimo, que pode non ser quen di que é ou non ter as intencións que asegura que ten. Polo tanto, abonda con contemplar as precaucións habituais que se tomarían ó falar con descoñecidos (coidar os datos persoais) e andar con coidado ante a solicitude de citas fóra de Internet.

Gardar as formas

A etiqueta utilizada en calquera comunicación a través de Internet (‘netiqueta’) tamén serve para os chats (www.ayuda-irc.net/netiqueta.shtml), que ademais contan coas súas propias normas de conduta xeralmente aceptadas. Así, todo ‘ciberfalador’ sabe que se non quere ser expulsado dunha habitación de chat se debe cinguir ó tema da canle, non enviar publicidade, non berrar (utilizar maiúsculas) nin repetir frases, non abusar dos scripts (engadidos ó programa de IRC) que esborranchan a conversa con cores e ventás novas e, en xeral, cumprir as normas elementais de educación nunha conversa. Cómpre non esquecermos que detrás de cada nick hai unha persoa.

Pero ademais IRC ten unha linguaxe propia onde prima a velocidade: os textos longos amolan (máis de catro liñas é pecado) e prolifera o uso de acrónimos, as letras que fan as veces de palabras (k en lugar de que) e as ’emoticonas’ (cariñas debuxadas con signos ortográficos para representar estados de ánimo). Así e todo, os chats son un territorio aberto ós novatos, onde o normal é atopar xente disposta a axudar e nos que só prima unha máxima: “¡Sé agradable, xoga limpo e divírtete!”

/imgs/20040901/img.internet.02.jpg En español

www.irc-hispano.org
A maior rede IRC en español e unha das maiores do mundo é tamén un sitio desde onde chatear ou buscar axuda.

A primeira vez


/imgs/20040901/img.internet.03.jpg< www.ircbeginner.com

Entre as numerosas páxinas dedicadas ó novato no mundo dos chats, esta destaca especialmente pola súa gran cantidade de información, moi ben ordenada.

Buscar a canle


/imgs/20040901/img.internet.04.jpg
www.searchirc.com

Un directorio de canles agrupadas por temas no que ademais se poden facer buscas dentro de 2.059 redes IRC ordenadas alfabeticamente, por categoría ou por actividade. Localizada a canle, abonda un clic para conectarse a través de webchat ou de MIRC.