Desalgadoras

Unha alternativa, discutida, ós transvases

1 Setembro de 2004
Img medioambiente listado 259

Unha alternativa, discutida, ós transvases

/imgs/20040901/img.medioambiente.01.jpg
A desalgadura de augas procedentes do mar creou grandes expectativas na conca mediterránea, pero tamén se tornou nunha fonte de polémica. Esta tecnoloxía proponse como un medio alternativo ós discutidos transvases para acadar recursos hídricos de calidade nunha zona historicamente afectada pola escaseza de auga.

A recente derrogación do Plan Hidrolóxico Nacional, baseado no transvase de augas do Ebro, situou a desalgadura no primeiro plano informativo. Os seus defensores aseguran que o consumo enerxético destas plantas sería moi inferior ó custo da construción da infraestrutura necesaria para o transvase, e lembran que a ocupación do terreo e o desprazamento de terras serían tamén menores. Agora ben, os seus detractores subliñan o impacto ambiental que supoñen as salmoiras -residuos de auga salgada que xera este proceso de obtención de auga doce, xa que para eliminalas só cabe o seu traslado e evacuación ó mar, co que iso significa de agresión á biodiversidade mariña. Os escasos estudos de impacto ambiental dispoñibles na actualidade, informan de que os vertidos das plantas desalinizadoras causaron reducións de poboacións de peixes, mortalidade de plancto e corais no Mar Vermello, desaparición de mangleirais e anxiospermas mariñas na lagoa de Ras Hanjurah (Emiratos Árabes), e unha contaminación importante dos lodos por cobres e níquel en Key West (Florida).

Desalgadoras e consumo enerxético

Os investigadores levan anos intentando minimizar o problema do alto consumo de enerxía das desalgadoras. De feito, existe xa unha tecnoloxía para crear enerxía baseándose na propia salmoira: un dispositivo chamado PE (Intercambiador de Presión, Pressure Exchanger en inglés) transfire enerxía directamente da salmoira ó fluxo de alimentación sen os problemas de rendemento dos eixes xiratorios de alta velocidade das fábricas actuais. Se se seguise este sistema, a redución dos custos enerxéticos e económicos podería supor que por primeira vez sería posible producir auga potable a partir de auga de mar cun custo inferior por metro cúbico có obtido por outras vías (pantanos, canais, transvases). Porque ese é outro dos aspectos claves, aínda non resolto, da polémica: cal é o prezo final dun metro cúbico de auga desalgada industrialmente e cal é do procedente do transvase do Ebro?

Inconvenientes da desalinización

  • No proceso de extracción do sal da auga de mar prodúcense residuos salinos que, unha vez vertidos ó mar, danan a flora mariña ó aumentaren a salinidade das augas.
  • As complexas instalacións de osmose inversa requiren un gran consumo de electricidade.
  • As desalinizadoras instalaríanse en lugares non ocupados polas urbanizacións turísticas.
  • Como fábricas que son, teñen unha vida limitada.
  • A auga desalgada, ó parecer, podería prexudicar a agricultura. Os cítricos, por exemplo, tan abundantes na zona de Valencia e de Murcia, son moi sensibles ós minerais que contén a auga desalgada.
  • Cumpriría realizar novas e custosas obras de infraestrutura para trasladar a auga desalgada ás zonas onde é necesaria.

Vantaxes da desalinización

  • Segundo algunhas fontes, supón o 3% de ocupación de terreo e o 3% de desprazamento de terras fronte ó transvase do Ebro previsto na Lei de Plan Hidrolóxico Nacional (PHN), xa derrogado.
  • O sistema de desalinización consumiría un 30% menos de enerxía cá requirida para trasladar a auga do Ebro a Cataluña, Comunidade Valenciana, Murcia e Almería.
  • Poderíanse utilizar enerxías renovables para o funcionamento das desalgadoras, dado que en numerosas zonas do sur e do leste do país, o sol e/ou o vento abundan.

Consellos dos expertos

Os investigadores do Centre d’Estudis Avançats de Blanes -CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) informan dunha serie de medidas que cumpriría ter en conta:

  • A localización das desalgadoras debería ser en zonas onde o impacto sobre as comunidades bentónicas sexa mínimo (verter preferentemente os refugallos en fondos sen vexetación). É importante evitar baías cerradas e sistemas de gran valor ecolóxico, como as praderías de anxiospermas mariñas.
  • Os vertidos de salmoiras haberá que situalos en zonas de hidrodinamismo medio ou elevado que facilite a dispersión do sal vertido ó mar.
  • Cómpre evitar cambios que poidan afectar ós procesos de sedimentación.
  • Procurar que a auga de orixe sexa de boa calidade para minimizar o tratamento químico posterior.
  • Necesidade de investigar os distintos aspectos de impacto de salmoiras no litoral. Cómpren estudos do impacto de cada elemento do vertido por separado e tamén das súas posibles interaccións.
  • Habería que establecer cales son os límites de tolerancia das distintas comunidades bentónicas mediterráneas que se poden ver afectadas polos vertidos.

Enerxías renovables

Hai diversos factores que fan da desalgadura de auga do mar unha aplicación atraente para as enerxías renovables. Dunha banda, moitas zonas con escaseza de auga desalgada posúen un bo potencial dalgunha das devanditas enerxías, especialmente a eólica e a solar. Un factor positivo é a simultaneidade estacional entre a época de maior demanda de auga potable e a dispoñibilidade destas enerxías. En numerosas localidades costeiras e centros turísticos, a demanda de auga potable medra no verán, motivada polo grande aumento que experimenta a poboación debido ó turismo. E é precisamente no verán cando a dispoñibilidade da radiación solar é máxima. Todos estes factores motivaron que varias institucións e organismos oficiais desenvolveran, ou estean desenvolvendo, proxectos destinados a mellorar e a facer máis competitivos os sistemas de desalgadura de auga de mar que funcionan con enerxías renovables.

Como se desalga a auga de mar?

A corrente de auga do mar, despois de pasar pola planta desalinizadora, convértese nun caudal de auga doce apta para o abastecemento urbano e o regadío. O problema é que durante este proceso se xera a salmoira, residuo do que cómpre desfacerse, aínda que tamén se podería reutilizar para xerar un ecosistema salobre e mesmo para obter enerxía que realimente a fábrica desalgadora.

Hai dous procesos básicos para extraer o sal da auga: por destilación (evaporación) e por osmose inversa (fórzase a auga de mar a pasar, baixo unha alta presión, a través dunha membrana semipermeable que filtra os sales e as impurezas). Nas plantas que funcionan por destilación o vertido (a salmoira, fundamentalmente) representa de 8 a 10 veces o volume de auga depurado, mentres que nas plantas de osmose inversa este volume do residuo é menor, de 2,5 a 3 veces o volume depurado, se ben o seu contido en sales é moito maior. En ámbolos casos, o vertido inclúe algúns produtos químicos (biocidas, antiincrustantes e antiescumantes) utilizados no tratamento da auga.