Comisións das contas correntes

Prezos moi distintos por idénticas xestións

1 Setembro de 2004
Img eco domestica listado

Prezos moi distintos por idénticas xestións

/imgs/20040901/img.ecodomestica.01.jpg
Domiciliacións de nóminas, abonos de recibos, pagamentos a prazos de préstamos e unha morea de operacións semellantes da economía de calquera fogar non serían posibles sen a apertura dunha conta corrente nunha entidade bancaria. Estas contas difiren fundamentalmente en dous aspectos das de aforro e das de pensións: o seu xuro, moi inferior -de aí que non se empreguen para aforrar, senón para facilitar transaccións económicas cotiás- e da inmediata dispoñibilidade das cantidades ingresadas nelas, ó contrario ca nos outros tipos de contas, que impiden facer uso do capital ata que vence o prazo acordado.

Pola comodidade que proporcionan na xestión doméstica, as contas correntes son o produto financeiro máis demandado, pero esa axilidade operativa ten o seu prezo, que se cobra a xeito de comisións, coma en calquera outro produto contratado cunha entidade bancaria. As comisións aplícanse en moitas das xestións realizadas a través da conta corrente e, aínda que pareza contraditorio, tamén pola ausencia de movementos ou transaccións.

Comisións máis habituais

As que máis se aplican ás contas correntes son as de mantemento de conta, as de transferencias de fondos e as de pagamentos e cobros. Son poucos os bancos e caixas que cobran comisión de cancelación. Convén sinalar, polas confusións que xeran, que deixar unha conta ‘a cero’ e cancelala son operacións distintas. No primeiro caso, malia a que non dispoñamos de saldo na conta, a relación contractual coa entidade financeira continúa. Se se cancela a conta corrente, o contrato remata. Moitos números vermellos nacen, precisamente, por non distinguir entre estes dous conceptos. Se o saldo medio da conta corrente é inferior a certa cantidade -que varía en función de cada entidade financeira- e non a cancelamos, cobrarannos a comisión de mantemento. E ó cabo de poucos anos acumularase unha pequena débeda a favor do banco ou caixa, débeda que nos sorprenderá pois considerabamos que, ó deixar ‘a cero’ a conta corrente, a relación contractual rematara.

A comisión por mantemento adoita ser anual ou semestral e a súa contía oscila notablemente: algunhas entidades piden ata 30 euros por este concepto, mentres que outras non a cobran se o saldo medio da conta é superior a certa cantidade, a miúdo 300 euros. As diferenzas son significativas tamén nas comisións por transferencias: dos 1,20 euros por movemento dalgúns bancos ou caixas de aforro, ata os 3,4 euros doutras. No tocante ó xuro, non é factor determinante para a elección: nos máis dos casos non supera o 0,01%. De aí que as contas correntes sexan contas vivas, recomendadas para depositar só as cantidades necesarias para a xestión económica máis cotiá. Se o que desexamos é obtermos rendemento dos nosos cartos, hai outros produtos bancarios máis adecuados.

Bancos e caixas Comisión de mantemento Comisión de transferencias Xuros da conta corrente
BBVA 30 euros anuais 0,30% (mínimo de 2,40 euros) máis gastos de correo (0,52 euros por movemento) 0,01%
Banco Popular Español 18 euros semestrais 2,50 euros por movemento 0,01%
Banco Santander Central Hispano Saldo medio inferior a 300 euros, 10 euros anuais
Saldo medio igual ou superior a 300 euros, 8 euros anuais
3,40 euros por movemento 0,01%
Bankinter De 15 a 45 euros anuais 0,05% (mínimo de 1,20 euros) por movemento 0,01%
Caixa Cataluña Saldo medio inferior a 300 euros, 10 euros anuais
Saldo medio igual ou superior a 300 euros, 8 euros anuais
3,40 euros por movemento ou apunte 0,01%
Caja Madrid Saldo medio inferior a 300 euros, 7 euros anuais
Saldo medio entre 300 e 600 euros, 6 euros anuais
Saldo medio superior a 600 euros, sen comisión
2,80 mínimo por movemento ou apunte 0,01%
Caja Navarra 15 euros por semestre Entre 2,40 e 3 euros 0,01%
Caja de Ahorros de Valencia Saldo medio igual ou inferior a 600 euros, 4 euros ó mes
Saldo medio superior a 600 euros, 2 euros ó mes
Mínimo 2,50 euros por movemento 0,01%
Caja de Ahorros de Sevilla Un euro ó mes, pero se o saldo medio é superior a 3.000 euros, queda exento 1,99 euros, máis 2 por mil 0,01%
Caja Galicia Saldo medio inferior a 600 euros, 6 euros cada 6 meses
Saldo medio igual ou superior a 600 euros, non se cobra comisión
Mínimo 2,47 euros por movemento 0,01%
BBK Ningunha, sempre que nos dous primeiros anos se realice algunha operación 2,4 por mil por movemento 0,01%
Kutxa 1,20 euros anuais se non se fai ningún movemento nun ano 2,10 euros, máis o 3 por mil. 0,10%
Caja Laboral 2,25 euros cada tres meses para saldos inferiores ou iguais a 300 euros. Non hai comisión para saldos superiores. Mínimo, 1,80 máis 0,27 euros por gasto de correo. Para cantidades superiores a 300 euros, 2,25 por mil máis 0,27 por gastos de correo 0,01%
  • A comisión de mantemento non inclúe a emisión de cartilla nin de tarxetas de crédito. Corresponde só ó mantemento dunha conta de aforro.
  • A comisión de transferencias corresponde ó transvase de diñeiro dunha conta corrente pertencente a outra entidade bancaria xestionada desde unha oficina.
Libres, pero previa notificación

O importe das comisións por operacións e servizos bancarios é libre e, aínda que o habitual é que pola súa escasa contía as tarifas pasen desapercibidas, deben figurar obrigatoriamente no contrato que o cliente asina cando abre unha conta corrente. Esa liberdade de prezos ten unha regulación: débese acoller á normativa sectorial básica reflectida na Orde de 12 de decembro de 1989 e á Circular 8/1990 do Banco de España, que establece que as comisións por operacións ou servizos prestados polas entidades de crédito serán as que estas fixen libremente aínda que se aproban un cambio débenllelo facer saber ós seus clientes. Entre as normas, destaca a que esixe a elaboración dun folleto de tarifas que recolla os máximos que cada entidade lles pretende aplicar ós servizos que lle presta habitualmente á súa clientela. Este folleto debe estar á disposición do público así que o verifique e rexistre o Banco de España. Esta regulación esixe tamén que o folleto e as súas modificacións cumpran unha serie de requisitos.

  • Claridade, concreción e facilidade de comprensión do seu contido.
  • Contido informativo xeral, de xeito que non se inclúan operacións, servizos ou prezos non practicados habitualmente
  • As comisións responderán a servizos efectivamente prestados ó cliente. Cando se apliquen comisións con límites legalmente taxados, o seu custo non poderá superar as tarifas máximas.