Acceso remoto: o ordenador con mando a distancia

Os programas para acceder a un ordenador dende outro diferente abren a porta a decenas de aplicacións útiles e enxeñosas
1 Outubro de 2008
Img internet listado 451

Acceso remoto: o ordenador con mando a distancia

/imgs/20081001/internet1.jpgO acceso remoto aos ordenadores corre parello a Internet. Dende que os terminais comezaron a se conectaren entre si, os informáticos dedicáronse a desenvolver programas para lograr a manipulación dun ordenador dende outro situado a unha distancia considerable. Unhas aplicacións moi cómodas, aínda que moi utilizadas tamén polos primeiros háckers para cometer as súas ‘fazañas’ máis renomeadas. Non obstante, é un risco que paga a pena correr pola infinidade de vantaxes que proporciona este sistema.

Ratos que se moven sós

Hoxe en día ninguén se abraia cando observa na súa oficina o movemento da frecha do rato pola súa conta por unha pantalla sen que o usuario necesite sentar fronte ao ordenador. Este movemento débese, con toda probabilidade, a que no cuarto de asistencia técnica un informático está a solucionar algunha eventualidade. Para iso emprega un programa de acceso remoto que o conecta a través da rede interna da empresa (Intranet) ao ordenador que desexa manipular. O informático traballa dende o seu ordenador, denominado ordenador ‘cliente’, conectado co resto de terminais da empresa, aos que se lles chama ordenadores ‘remotos’. Establece con eles unha comunicación selectiva a través de canles coñecidas como ‘portos’ e así pode ver na pantalla do ordenador ‘cliente’ os escritorios dos demais terminais, o que permite o seu manexo a distancia.

Pero non só os informáticos se poden beneficiar desta tecnoloxía. Calquera usuario que viaxe e non desexe levar como compañeiro toda a información do ordenador pode aproveitarse das vantaxes deste tipo de programas, xa que lle permitirán acceder e reproducir os arquivos do disco duro dende outros equipos sen maiores problemas. Son moitas e moi diversas as aplicacións que ofrecen os programas de acceso remoto, algunhas moi enxeñosas.

Discotecas, aulas e oficinas a distancia

A maioría destes programas permiten a reprodución dos arquivos multimedia do ordenador ‘remoto’ sen maiores problemas e sempre que se teña un ancho de banda abonda, como é, polo xeral, o da maioría das conexións ADSL españolas. Isto posibilita que se pode ver unha película gardada no disco duro propio no ordenador que uns amigos teñen na súa casa. Só é necesario que ambos os dous terminais teñan instalado o mesmo programa de acceso remoto.

Esta capacidade dos programas de acceso remoto para crear redes de ordenadores interconectados entre si deu lugar a outras aplicacións non tan lúdicas pero si moi interesantes. Unha delas é a educación a distancia: algunhas escolas de Estados Unidos xa incorporan o denominado ‘Netop Schools’. Trátase de aulas virtuais onde o profesor accede a distancia aos ordenadores dos seus alumnos para controlar os seus progresos, reproducir vídeos educativos e, en xeral, impartir clases a distancia.

O acceso remoto tamén é útil para aqueles profesionais que desexan adiantar traballo de oficina as fins de semana sen saíren de casa. Dende un portátil, e comodamente instalados, poden acceder ao escritorio do ordenador da oficina coma se o tivesen diante e operar con el. Non obstante, antes de efectuar o acceso deberán consultar esta decisión co informático da súa empresa, porque a miúdo os ordenadores empresariais manteñen pechados os portos de acceso para evitar incursións non desexadas.

Do mesmo xeito, os usuarios que desexen acceder ao ordenador caseiro dende a súa empresa poden atoparse co acceso pechado. O motivo é que moitas empresas limitan o acceso a Internet dos seus ordenadores para que os seus empregados non utilicen programas prohibidos (como, por exemplo, Emule).

Programas e requisitos para o acceso remoto

A maioría dos usuarios teñen ao seu alcance o acceso remoto a outro PC se usan o sistema operativo Windows XP ou Vista, Mac OS X ou calquera Linux dos últimos anos. Por exemplo, Windows incorpora a posibilidade de acceder remotamente a outros ordenadores co mesmo sistema operativo. Para iso cómpre que o ordenador ‘remoto’ teña activada a opción de ”permitir os accesos remotos” e definido un nome que o identifique. Por suposto, ambos os dous ordenadores -tanto o ‘remoto’ como o ‘cliente’- deben contar coa conexión a Internet activada. O resto de sistemas operativos traballan con sistemas similares.

Non obstante, o mercado ofrece opcións máis eficaces respecto ás ofertadas por Windows, todas elas dispoñibles en numerosos programas que circulan por Internet. Os máis renomeados son “Remote Administrator” e “Real VCN”, aínda que cómpre instalalos nos escritorios de todos os ordenadores que establecerán a conexión remota. LogMeIn, en cambio, só necesita estar instalado no ordenador ao que se desexa acceder, xa que se manexa dende o navegador do ordenador ‘cliente’, onde aparece o escritorio do ordenador ‘remoto’ para ser manipulado de maneira moi sinxela. Este modo de funcionar contempla varias vantaxes: a primeira é que se pode acceder ao equipo dende calquera ordenador conectado a Internet, sen a necesidade realizar ningún tipo de instalación, pero tamén é importante que LogMeIn permite conectar de forma transparente ordenadores con sistemas operativos diferentes: dá igual que sexa de Linux a Mac OSX ou de Windows a Linux, en todos os casos conectarse a outro ordenador é tan doado como entrar en www.logmein.com e seguir as instrucións.

Os 'outros' accesos remotos

Hai que ter en conta que non todos os tipos de acceso remoto proporcionan as mesmas vantaxes. Os programas espía e de software maligno son pequenas aplicacións que se introducen no ordenador do usuario e que abren canles de comunicación das que se valen os delincuentes informáticos para cometeren toda clase de delitos. Usan remotamente o ordenador dos internautas para enviaren anuncios lixo ou para intentaren captar as súas claves de acceso, como por exemplo, do banco. Calcúlase que un de cada tres ordenadores persoais están infectados con estes programas. Por iso é necesario que os programas antivirus e os cortalumes se manteñan sempre activados mentres se estea conectado á Rede. Ademais, débese realizar un control periódico mediante os programas detectores de espías como SpyBot e AdAware, que vixían todas as entradas ao ordenador e detectan o “software maligno”.