Outras informacións sobre Alimentación

ENRICA / Información individual / Menú tipo: Cardiosaudable / Fructooligosacáridos / Achega de calcio do leite de soia é similar ao da vaca / Que engorda máis, a codia ou o miolo do pan

1 Outubro de 2008
Img alimentacion

ENRICA / Información individual / Menú tipo: Cardiosaudable / Fructooligosacáridos / Achega de calcio do leite de soia é similar ao da vaca / Que engorda máis, a codia ou o miolo do pan

Actualidade:

ENRICA, Estudo de Nutrición e Risco Cardiovascular en España

A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) participa nun estudo epidemiolóxico para coñecer a prevalencia de factores de risco cardiovascular na poboación adulta española. O Estudo de Nutrición e Risco Cardiovascular en España (ENRICA) desenvolverano a compañía sanitaria Sanofi-Aventis, a Universidade Autónoma de Madrid e mais o Hospital Clínic e Provincial de Barcelona.

ENRICA permitirá complementar a información de estudos previos sobre a distribución dos factores de risco cardiovascular con novos datos sobre o tipo de alimentación e a obesidade. Para iso, está prevista unha enquisa nacional a 14.000 persoas representativas da poboación española non institucionalizada maior de 18 anos de idade, que rematará en novembro de 2009.

Información individual

Esta enquisa trata de obter a información máis completa sobre cada individuo, e para iso inclúe os seguintes ítems:

  • Consumo alimentario. Información moi detallada sobre o consumo de 827 alimentos e 184 receitas. A información obterase a partir da historia da dieta, mediante unha enquisa informatizada realizada nos fogares por persoal cualificado.
  • Medición de peso, talle, circunferencia da cintura e da cadeira. Estas medicións serven para calcular a distribución poboacional da obesidade (xeral) e da obesidade abdominal (importante factor de risco cardiovascular).
  • Factores de risco cardiovascular segundo os hábitos de vida. Como o consumo de tabaco ou de bebidas alcohólicas, a actividade física no traballo, o lecer, medios de transporte empregados, factores psicosociais.
  • Factores de risco cardiovascular de natureza biolóxica. Mediante determinacións analíticas como presión arterial; colesterolemia e perfil lipídico en sangue; marcadores de inflamación e de trombose; glicemia e hemoglobina glicosilada; creatinina en sangue e microalbuminuria como indicadores de función e dano renal; leptina e ácido úrico en sangue.

A análise de todos estes datos permitirá un coñecemento epidemiolóxico representativo sobre os principais factores de risco cardiovascular -colesterolemia, hipertensión, diabete, exercicio físico, obesidade, tabaquismo, etc.- na poboación adulta de España. Así mesmo, servirá de base para desenvolver programas máis eficaces de prevención e tratamento destes importantes problemas de saúde pública.

Menú tipo:

Cardiosaudable

  • Almorzo: Zume de pomelo e laranxa. Té aromatizado. Pan integral torrado con aceite de oliva virxe extra, tomate natural e xamón ibérico.
  • Xantar: Iogur desnatado cunha manchea de noces e abelás. Froita fresca.
  • Comida (prato combinado): Polo de curral ao forno (sen pel) con arroz integral salteado con noces e escalibada. Pan integral e froita de tempada.
  • Merenda: Mini bocadillo vexetal con queixo fresco e atún “ao natural” aliñado cunhas pingas de aceite de oliva virxe extra.
  • Cea: Ensalada con aguacate, leituga, tomate, millo e cenoria. Sardiñas ao forno con pementos vermellos. Pan integral e iogur desnatado.

O consello: Nutrientes cardioprotectores que non deben faltar da dieta cotiá: ácidos graxos omega 3 do peixe azul (tamén nas noces); ácidos graxos monoinsaturados do aceite de oliva e o aguacate; antioxidantes de froitas e hortalizas de cores variadas; magnesio de vexetais, froitos secos e cereais integrais; e calcio de lácteos desnatados, froitos secos, legumes e verduras de folla verde (o calcio nos vexetais é moi abundante, pero o organismo aprovéitao peor).

O ABC da nutrición:

Fructooligosacáridos

Os fructooligosacáridos, tamén coñecidos pola súa abreviatura FOS, son un tipo de fibra soluble composta de unidades de frutosa. Algúns vexetais como a chicoria, a alcachofa, o espárrago, a cebola, o porro, o allo ou o plátano conteñen pequenas cantidades de FOS. Aínda que o noso organismo non é capaz de dixerir estes compostos, comprobouse que serven de nutriente para as bifido bacterias intestinais, e que redunda en diversos beneficios sanitarios. A deficiencia de bifido bacterias pode ser a causa de inchazo abdominal, de dispepsias e do estrinximento que afecta a moitas persoas, polo que a achega de FOS pode ser beneficiosa. Este é o principal efecto que se lles atribúe aos FOS engadidos a diversos alimentos como lácteos, bebidas, alimentos infantís e complementos dietéticos para perder peso.

Consultorio nutricional

Teño unha nena pequena que non toma leite de vaca pero si bebe decote leite de soia enriquecido en calcio. Gustaríame saber se a achega de calcio do leite de soia é similar ao da vaca.

O batido de soia en substitución do leite de vaca é unha alternativa especialmente recomendada por pediatras e nutricionistas. É a maneira de garantir unha axeitada achega de calcio naqueles nenos que non consumen leite de vaca nin derivados, xa sexa porque non lles agrada o sabor ou porque se lles diagnosticou alerxia ou intolerancia á lactosa (azucre do leite de vaca). A bebida de soia carece de caseínas, as proteínas do leite de vaca que provocan alerxia, e de lactosa. Pero a achega de calcio está garantida, xa que a maioría de bebidas de soia están fortificadas con este mineral. En calquera caso, é aconsellable que o consumidor o comprobe na etiquetaxe. Ademais, é unha fonte excelente de aminoácidos esenciais, necesarios para o crecemento e o desenvolvemento dos nenos. Polo tanto, a calidade das proteínas é moi boa e equivalente ás do leite de vaca. O seu perfil de graxas é moi saudable, carece de colesterol e contén unha boa proporción de graxa insaturada (graxa beneficiosa).

É moi popular, cando se segue unha dieta, prescindir do pan ou comelo con moderación. Quixera saber que engorda máis, a codia ou o miolo do pan.

Hai que ter en conta que ningún alimento engorda ou adelgaza. É a cantidade que tome de cada un deles dentro do conxunto da dieta diaria o que descompensa a balanza a favor dun maior número de calorías e, polo tanto, de máis peso.

No tocante ás calorías da codia ou do miolo, cabe dicir que, a igualdade de peso entre ambos os dous, a codia, por estar deshidratada e ter menos auga, concentra máis hidratos de carbono e, polo tanto, máis calorías. Non obstante, hai que ter en conta a capacidade de absorber que ten o miolo con respecto á codia, polo que untar con miolo as salsas e os aceites dos aliños é unha maneira de sumar calorías.