Alimentos "light": a nova normativa gaña peso
Os produtos “light” están a réxime. A ampla oferta que acolleron os andeis dos establecementos está condenada a diminuír de forma notoria. A razón? A nova normativa optou por abandonar ambigüidades para evitar que o consumidor saia prexudicado. Por iso, só se denominan así os produtos que reduciran o contido de calorías, graxas ou azucres como mínimo un 30%. Nin sequera estará permitido que un alimento se venda acompañado da mensaxe “% sen graxa” ou equivalente. Así o di o actual Regulamento europeo 1924/2006, do 20 de decembro do 2006, sobre declaracións nutricionais e de propiedades saudables nos alimentos, que entrou en vigor o 1 de xullo de 2007.
Pero as novas condicións non regulan só as declaracións light ou expresións semellantes. Tamén contempla as declaracións relativas ao contido “alto en, baixo en, maior, menor, reducido sen, fonte de…” para o resto de nutrientes (graxas, azucres, proteínas, fibra, vitaminas e minerais) e mais os referentes ao valor enerxético; mensaxes que aparecen de modo habitual en multitude de produtos.
Unha mostra: a lexislación quere evitar que os fabricantes de lambetadas inclúan nos seus envases a mención “baixo contido en graxa” sen facer mención ao seu “alto contido en azucre”, máis propio nestes doces. Para iso establecerá os perfís nutricionais, aínda que aínda deberá agardar como máximo ata o 19 de xaneiro do 2009 para que a Comisión fixe os requisitos específicos que deberán cumprir os alimentos ou determinadas categorías de alimentos para que se poidan efectuar declaracións de propiedades saudables e as súas condicións de uso.
O obxectivo, amais de favorecer a libre circulación de produtos na UE, é facilitarlle ao consumidor a información necesaria para que poida elixir con pleno coñecemento de causa, garantía e seguridade, os produtos que lle permitan seguir unha dieta sa e equilibrada.
Cuestión de tempo
Todos os fabricantes deberán aterse ás esixencias do novo regulamento. Dende o 1 de xullo do 2007, a normativa recolle de momento unha listaxe de declaracións nutricionais que se poderán utilizar, xunto con calquera outra que poida ter o mesmo significado para o consumidor, e as súas condicións de uso. Así e todo, aínda é doado atopar nos establecementos produtos con declaracións nutricionais que non son válidas. É o caso, por exemplo, dunha conserva de atún “baixa en sal” que non inclúe na súa etiquetaxe nutricional o contido deste ingrediente, cando este dato é obrigatorio; ou un gaszpacho “baixo en calorías” que achega 35 calorías por 100 ml cando, segundo o novo regulamento, para denominarse así a achega enerxética non debería ser superior ás 20 calorías por 100 ml.
No tocante ás bebidas alcohólicas, estas non se van poder acoller a esta modalidade de “perfís nutricionais”, xa que o regulamento descarta calquera posibilidade de formular alegacións saudables neste tipo de bebidas cunha graduación superior ao 1,2%. Delas, só se poderá indicar, como dato positivo, a diminución do seu grao alcohólico ou do seu contido calorífico.
Do mesmo xeito, a Comisión debe aprobar a listaxe definitiva de declaracións de propiedades saudables consensuadas e as súas condicións antes do 31 de xaneiro do 2010. Para a adición doutras declaracións non previstas na lista deseñouse un sistema de autorización e listas específicas, como no suposto de declaracións de redución do risco de enfermidade e declaracións relativas ao desenvolvemento e a saúde dos nenos.
Etiquetaxe específica
Dende hai uns anos, a etiquetaxe e a publicidade de distintos alimentos inclúen unha variedade de declaracións sobre o beneficio extraordinario para a saúde de diversos nutrientes ou substancias engadidas, reducidas ou eliminadas do produto. Esta circunstancia inflúe na decisión de compra e, polo tanto, na inxestión total de nutrientes. O consumidor elixe estes produtos por percibir neles unha vantaxe nutricional, fisiolóxica ou en calquera outro aspecto da saúde en comparación con outros produtos similares. Pero moitos deles non contan cun consenso científico abondo que sustente as mensaxes publicitarias nin a mercadotecnia que os envolve.
Para evitar esta confusión a nova regulamentación é contundente: esíxelle ao fabricante que garanta que as substancias sobre as que efectúa a declaración teñan un efecto nutricional ou fisiolóxico beneficioso. Co fin de garantir a veracidade das declaracións, a devandita substancia debe estar incluída no produto final en cantidades abondas ou ben estar ausente ou presente nas cantidades reducidas axeitadas como para que se cause o efecto beneficioso declarado. Do mesmo xeito, esta substancia debe ser asimilable polo organismo.
Categorías das declaracións
- Declaracións nutricionais. Aquelas que afirman, suxiren ou dan a entender que un alimento contén propiedades nutricionais específicas por razón da súa achega enerxética (valor calorífico) ou polos nutrientes ou outras substancias que contén ou non contén (por exemplo, “baixo en calorías, sal ou azucre” ou “rico en vitaminas, fibra ou proteínas”).
- Declaracións de propiedades saudables. Aquelas que dan a entender que hai unha relación entre unha categoría de alimentos, un alimento ou un dos seus compoñentes e a saúde. A publicidade está chea de exemplos deste tipo de declaracións que se refiren a alimentos que, por conteren un determinado ingrediente, son bos para as defensas do organismo ou nos axudan a reforzar a nosa saúde ou a reducir o colesterol.
- Declaracións de redución do risco de enfermidade. Aquelas que afirman que o consumo dun alimento ou dun dos seus constituíntes reduce de xeito significativo un factor de risco de aparición dunha enfermidade (como anuncios ou etiquetas de alimentos que afirman que diminúe o risco de padecer isquemia coronaria ou accidentes cerebro-vasculares).