Cando o seguro se desentende
Os riscos de danos causados nas persoas e nos bens por inundacións, tempestades, ciclóns ou terremotos son remotos, pero non irreais. Nestes casos o responsable de indemnizar a quen perdeu o seu fogar ou os seus bens é o ente público denominado Consorcio de Compensación de Seguros. No ano 2006, e segundo o Informe Anual do Consorcio, os sucesos extraordinarios máis habituais foron as inundacións e as tempestades ciclónicas atípicas. Rexistráronse daquela máis de 42.000 solicitudes en España en concepto de indemnizacións, o dato máis alto dende o ano 1990, a excepción de 1997 en que as solicitudes alcanzaron algo máis de 43.000 por mor da tormenta tropical Delta na Illas Canarias, e a treboadas e inundacións en Cataluña e Galicia. Agora ben, a cobertura do Consorcio non implica que se deba contratar un seguro independente, posto que xa se paga a xeito de recarga tanto nas pólizas de seguros do automóbil, de vida, de fogar ou de accidentes.
Que tipo de recargas se pagan?
Sempre que se contrata unha póliza de seguros, ao seu prezo ou prima calculado pola compañía aseguradora súmase unha recarga que paga o tomador do seguro. Estas empresas actúan como recadadoras do Consorcio ingresando ao seu favor as recargas mes a mes. Delas nútrese o Consorcio de Compensación de Seguros como ingresos principais. Así, no seguro obrigatorio dun turismo págase a cantidade fixa de 5,41 euros. En seguros de vivendas e comunidades, seguros de vida e accidentes, as tarifas do Consorcio aplícanse como porcentaxes sobre os capitais asegurados. En vivenda, un 0,9 por mil, en oficina, un 0,14 por mil, etc.
Cales son as funcións que cumpre o Consorcio de Compensación de Seguros?
O Consorcio de Compensación de Seguros é un ente publico empresarial adscrito ao Ministerio de Economía e Facenda, e as súas funcións veñen reguladas no Real Decreto Lexislativo 7/2004, do 29 de outubro. O Consorcio ofrece coberturas de diferente natureza:
- Danos sufridos polos fenómenos ou riscos extraordinarios. Distínguese entre fenómenos naturais e riscos derivados de feitos de carácter político ou social. Entre os primeiros inclúense inundacións extraordinarias, incluídos os danos causados por embate do mar, terremotos, maremotos, erupcións volcánicas, tempestade ciclónica atípica, ventos con momentos superiores a 135 km/h, tornados e caídas de corpos siderais e aerólitos. Entre os segundos, inclúense os danos causados por actos de terrorismo, rebelión, sedición, motín e tumulto popular e mais os feitos ou actuacións das Forzas Armadas ou das Forzas e Corpos de Seguridade en tempo de paz.
- Protección fronte a sinistros producidos por vehículos a persoas e bens de terceiros, sempre que o vehículo causante destes danos circule sen seguro, sexa descoñecido ou se trate dun vehículo que, aínda asegurado, sexa roubado. Nestes casos, o Consorcio pagaralle á vítima do accidente e logo reclamaralle o recobro ao causante do accidente.
- Cobertura de danos a persoas e bens cando a compañía de seguros non indemnice por situación de concurso, máis coñecida como quebra e suspensión de pagamentos.
- Protección para os vehículos con condutores rexeitados polas compañías de seguros. Como se trata dun seguro obrigatorio, o Consorcio asegurará o vehículo se o solicitante acredita o rexeitamento de polo menos dúas compañías de seguros.
Para rematar, cando se produce controversia entre o Consorcio e a aseguradora sobre quen debe correr cos gastos, será o Consorcio o responsable de cubrir os danos ás persoas e en concepto de bens perdidos ou danados. Se se determina a obriga da Compañía, esta reembolsaralle ao Consorcio a cantidade indemnizada máis os xuros legais, incrementados nun 25% desta, dende a data en que aboou a indemnización.
Por que poden as compañías rexeitar unha solicitude de seguro obrigatorio do automóbil?
Este seguro é obrigatorio para o condutor pero non para as compañías de seguros. A actividade aseguradora privada réxese polo principio de liberdade de mercado, aínda que sometida á normativa reguladora da actividade aseguradora. Así que para suplir a falta de protección que se pode producir pola negativa das compañías privadas e como complemento a ela, se regula a cobertura do Consorcio de Compensación de Seguros.
Ningunha compañía quere asegurar o coche do fillo, que tramites deben seguir os pais?
As persoas con pouca antigüidade como condutores, sobre todo os menores de 25 anos, son os máis rexeitados, xunto cos que intentan asegurar motos de gran cilindrada. Aí é onde se concentra a contratación co Consorcio. Cando se solicita o seguro obrigatorio e unha entidade de seguros o denega, cómpre solicitarlle que emita por escrito un certificado da denegación. Con dous certificados de dúas aseguradoras diferentes xa pode acudir ao Consorcio, e mesmo pode realizar a xestión por teléfono tanto para solicitar o seguro obrigatorio como o voluntario.
No tocante aos riscos extraordinarios, é necesario que se declare zona catastrófica para cobrar?
Non, non é necesario. É máis, a norma di que os que pola súa magnitude e gravidade sexan cualificados polo Goberno como catástrofe ou calamidade nacional quedan fóra de cobertura polo Consorcio, aínda que esta situación non se produciu en toda a historia do Consorcio no noso país.
Como se lle reclaman estes danos ao Consorcio?
Hai que dirixirse por escrito á Delegación do Consorcio na súa comunidade ou provincia en sete días, aínda que tamén se pode tramitar a través da propia compañía de seguros. Abonda con presentar unha Folla de Comunicación do Sinistro. Pode chamar previamente o 902 22 26 65 (teléfono de atención ao asegurado). Non obstante, é importante tomar unha serie de precaucións. Por exemplo, para xustificar os danos o Consorcio enviará un perito para a súa valoración, pero en ocasións as circunstancias obrigan a unha inmediata destrución dos bens afectados. Por iso é importante sacar fotografías ou vídeos con anterioridade. Consulte a posibilidade de iniciar as reparacións antes da peritación e, en tal caso, conserve sempre orzamentos e facturas de obras.
A cobertura é total?
Non. O prexudicado debe ter en vigor unha póliza de seguros sobre os bens danados. Por outra banda, non todo o que se podería entender como fenómenos extraordinarios quedan cubertos polo Consorcio. Exclúense os danos causados polas ondas a bens somerxidos total ou parcialmente de modo permanente e danos por actuacións tumultuarias no curso de manifestacións ou folgas legais. Tampouco se cobren danos por rotura de presas, por elevación da canle freática, escorregamento de terreos ou desprendemento de rochas, non sendo que estes últimos fosen á súa vez ocasionados por unha inundación extraordinaria. Tampouco teñen cabida os danos causados polos efectos da enerxía nuclear.
Cales son os trámites para cobrar por danos por riscos extraordinarios?
O máis importante é dispor dun seguro de danos ou de accidentes persoais, aínda que sexa de modo complementario a outro tipo de seguro ou no marco dun plan de pensións e, por suposto, aboar o recibo do seguro. Terase dereito á indemnización do Consorcio unha vez que transcorran sete días dende a data de emisión da póliza. A reclamación débese presentar na Folla de Comunicación do Sinistro, xunto con:
- Fotocopia do DNI / NIF do perceptor da indemnización.
- Datos bancarios do perceptor da indemnización, con indicación do código conta cliente (20 díxitos).
- Fotocopia das condicións particulares e xerais da póliza.
- Fotocopia do recibo de pagamento de prima.
De haber danos persoais, tamén cómpre facer copia da documentación acreditativa da causa do sinistro e das lesións producidas por este.
- Certificado de defunción.
- Documentación xustificativa sobre a causa do sinistro.
- Libro de familia e testamento. En caso de que non haxa, hai que entregar a declaración de herdeiros ou acta de notoriedade.
- Liquidación do Imposto de Sucesións.