As lentes de contacto tamén son unha alternativa para os máis pequenos
O uso de lentes deixou de ser un motivo de burla nas escolas. Termos como “gafotas” e “catro ollos” caeron en desuso grazas ao enxalzamento deste obxecto como complemento de moda. A variedade de modelos, prezos e cores, consonte á moda actual, inflúe tamén nos nenos. O mesmo acontece coas lentes de contacto -desbotables, de cores, para piscina…-, de uso cada día máis espallado. Segundo datos do Libro Branco da Visión en España 2006, publicado por Visión e Vida, o 15% dos nenos e nenas menores de 14 anos usa lentes ou lentes de contacto. Malia todo, un 5% da poboación de entre 0 e 14 anos non usa lentes aínda que as precise, a pesar de que un estudo realizado pola Fundación do Instituto de Ciencias Visuais de Madrid (INCIVI) conclúe que entre o 15% e o 30% do fracaso escolar se pode deber a problemas de visión.
Lentes
- Xa que o neno é o usuario das lentes, deixe que elixa a montura e respecte a súa opinión e elección.
- Cando o vexa coas lentes postos, anímeo, sorría e dígalle o guapo que está.
- Quítelle dramatismo á situación para que se sinta cómodo e seguro dende o primeiro intre.
- Se se nega a poñer lentes fágalle saber a súa importancia. Explíquelle que é o único xeito de solucionar o problema que ten na súa visión. Se aínda así non hai xeito de convencelo, pense na posibilidade, e propóñalla, de usar lentes de contacto.
- As monturas das lentes deben ser firmes e estables para evitar que caian, pero non deben apertar moito para evitar dores de cabeza. Sobre todo, asegúrese de que o neno está cómodo con elas postas.
- Se o neno necesita usar lentes grosas, é importante que a montura sexa resistente para reducir calquera risco de deformación ou posible rotura.
- Se o seu fillo é moi inquedo ou practica algún deporte, opte por unha liña deportiva: lentes con talóns de silicona antiesvaradíos nas patillas para evitar que lles caian ou que se lles chanten no caso de levaren un golpe.
- Un cordón elástico axustado ás lentes evitará que estas caian nos nenos máis activos.
- As lentes protectoras deportivas deben encaixar á perfección na cara do neno para lles proporcionaren a maior protección.
- Teña en conta que non todas as lentes se poden utilizar en todas as especialidades deportivas. As lentes que se usan para xogar ao hóckey non poden ser as mesmas ca as que se usan cando se monta en bicicleta.
- Hai unhas bisagras especiais para patillas de lentes que permiten abrir cara a fóra e dobrar os extremos sen causar danos ás monturas. Estas bisagras son moi recomendables nestes casos, xa que os máis cativos non sempre poñen as lentes con coidado e unhas bisagras deste tipo poden evitar custosas reparacións. Tamén son eficaces se o neno queda durmido.
- As lentes dos anteollos para nenos deben ser orgánicos, con algún tratamento endurecedor e antirreflexos. O material menos recomendable é o cristal por motivos de seguridade.
- Se o menor practica deporte, a mellor lente é a de policarbonato -termoplástico forte e transparente que se emprega para fabricar lentes delgadas e lixeiras-. É máis fina e segura, co que se diminúe o risco de lesións oculares no caso de que rompa. Así e todo, aínda que son moi resistentes aos impactos, adoitan raiarse con máis facilidade ca as lentes de plástico.
- Non invista máis cartos en lles pór aos cristais un tratamento anti-raias. Aínda que trate de evitalo, aos máis pequenos non hai raiado que se lles resista.
- Teña sempre á man unhas lentes de reposto, xa que, amais de que é prexudicial que utilicen lentes raiadas, a estas idades as lentes rompen máis a miúdo ca o desexable.
En idade escolar as lentes de contacto son a mellor opción se o neno ten algún tipo de complexo ou obxección ao uso dos anteollos. Non obstante, antes da idade escolar, as lentes de contacto recoméndanse principalmente por razóns médicas. Despois, o seu uso vén marcado por cuestións prácticas e estéticas. Segundo un estudo de CooperVision, o uso de lentes de contacto dende a idade pre-adolescente achega maior autoconfianza, facilita a práctica de moitas actividades con maior seguridade para os ollos e axuda a mellorar o rendemento escolar.
- Se se aprecia unha gran diferenza de visión entre os dous ollos, o neno terá maior comodidade visual.
- Nos casos nos que se requira forzar o funcionamento dos ollos vagos e corrixir fortes estrabismos.
- Para bebés operados de cataratas.
- Se desexa facer deporte, xa que protexen mellor o ollo e en raras ocasións se saen ou se perden. Por outra banda, facilitan a actividade deportiva mellorando a visión central e a periférica, e protexen o ollo da entrada de partículas.
- En nenos moi pequenos, as lentes de contacto están reservadas para casos de cataratas conxénitas ou feridas por traumatismos diagnosticados polo oftalmólogo.
- Escolla a lente en función da tolerancia e da capacidade para manexala e controlar a seguridade do ollo portador.
- As lentes ríxidas non son recomendables para a práctica de deportes pola súa maior facilidade de perda.
- As lentes de contacto desbotables son a máis adecuadas para os nenos, xa que non necesitan limparse nin desinfectarse acotío. Outras vantaxes que achegan con respecto a outro tipo de lentes é que provocan menos conxuntivite papilar e menos irritacións oculares.
- Ensínelle e anime o seu fillo a manter unha hixiene escrupulosa durante a manipulación das lentes de contacto.
- Se o neno dorme coa lente, extreme a vixilancia de calquera signo ocular de alerta.