A gripe: o virus recorrente
Ante o temor de que o virus atravese as portas de fogares, centros escolares e lugares de traballo, a vacina é a medida máis eficaz para previr esta enfermidade, baseada nunha infección aguda das vías respiratorias causada polo virus da influenza, de aí a súa popular abreviatura inglesa “flu”. E aínda que para esta “tempada de gripe” os expertos consultados non auguran que sexa máis virulenta ca a sufrida no 2007, a ameaza dunha pandemia, por recombinación do virus da gripe común con aviar, persiste.
A gripe maniféstase de súpeto e caracterízase pola presenza de varios síntomas que non son exclusivos dela, senón tamén de infeccións afíns, como o arrefriado común. Entre os síntomas que distinguen unha doenza doutra atópanse os seguintes:
- O arrefriado común non sempre produce febre e, de aparecer, esta non adoita ser moi alta (de 37,5 ºC ou 38º C) ao longo dun par de días. Pola contra, a gripe caracterízase por unha febre alta (de 39 ºC ou 40 ºC) que persiste durante tres ou catro días e que vai acompañada de dores musculares, pouco habituais no caso do arrefriado.
- O lagrimexo e mais a conxestión nasal son síntomas máis propios do arrefriado, mentres que a tose seca e a dor de gorxa poden aparecer en ambos os dous tipos de infeccións.
- O arrefriado común non adoita derivar en complicacións. Pola contra, a gripe debilita o estado inmunolóxico dos pacientes e abre a porta a pneumonías e infeccións agudas que, no caso dos anciáns, poden ser graves e mesmo levar á morte. As persoas con maior risco de sufriren complicacións son as maiores de 65 anos, os enfermos crónicos, as mulleres embarazadas e os nenos de curta idade.
- A vacinación é o mellor xeito de previr a gripe, aínda que non hai unha vacina específica que protexa fronte a futuras catarreiras.
Dado que os indicios de ambas as dúas infeccións son pouco específicos, non é desatinado que unha persoa deixe transcorrer as primeiras 24-48 horas dende o seu inicio tomando analxésicos e antipiréticos para alivialos e comprobar se remiten. Sempre que persistan, transcorrido ese prazo, cómpre consultar o médico, tal e como aconsellan dende a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG).
Aínda que se contemplan tres subtipos do virus causante da gripe ou influenza: A, B e C, só os dous primeiros infectan os humanos e a vacina antigripal é o método máis eficaz para se protexer deles. O virus da gripe caracterízase pola súa gran capacidade de mudar e as súas variacións implican que cada ano aparezan novos virus gripais, fronte aos que o ser humano non ten protección. Por este motivo, cámbiase de xeito periódico a composición das vacinas antigripais co obxectivo de que se poida vacinar a poboación contra a cepa do virus que se prevé que sexa a máis común en cada tempada.
Para iso, a Organización Mundial da Saúde (OMS) instaurou hai 50 anos un sistema de alerta encargado de vixiar e illar os virus da gripe circulantes no mundo. España participa neste programa mundial a través do Sistema de Vixilancia da Gripe, no que traballan os chamados ‘médicos sentinela’. Estes profesionais reciben material para tomar mostras de exsudado farínxeo cando aparecen os primeiros casos de gripe. Para iso, recollen dúas mostras ao comezo da tempada de gripe (xaneiro ou febreiro), dúas a metade do período e outras dúas cara ao final, cando parece que rematou. A partir desas mostras que se obteñen nos hospitais rexístranse as das cepas do virus que circulan cada ano.
Para esta tempada 2008-2009, a OMS realizou as súas recomendacións sobre cal debe ser a composición da vacina antigripal que se debe administrar no hemisferio norte. Esta vacina trivalente conterá as seguintes cepas do virus: a cepa análoga a A/Brisbane/59/2007 (H1N1); a cepa análoga a A/Brisbane/10/2007 (H3N2); e a cepa análoga a B/Florida/4/2006.
Non obstante, e a pesar da excepcionalidade que representa, a ameaza de pandemia persiste, aínda que de se detectaren casos deste tipo en humanos as mutacións do virus xurdirían primeiro nos países asiáticos e, tras saltar as alarmas no sueste de Asia, o resto contaría cuns días (entre 10 e 15) para tomar medidas en Europa. De feito, o Goberno español dispón dende maio do 2005 dun Plan Nacional de Preparación e Resposta ante unha Pandemia de Gripe, en colaboración coas comunidades autónomas, a OMS e a Unión Europea, para actuar con dilixencia nese suposto. Ademais, a Comisión Europea aprobou a primeira vacina prepandémica, Prepandix que protexe fronte ao virus H5N1.
- Nenos de máis de 6 meses.
- Maiores de 65 anos.
- Nenos e adultos con enfermidades crónicas pulmonares, cardiovasculares ou metabólicas.
- Nenos e adolescentes ata os 18 anos que reciban tratamento prolongado con ácido acetilsalicílico porque poden desenvolver síndrome de Reye (patoloxía grave que afecta o fígado) tras a gripe.
- Embarazadas a partir do segundo trimestre.
- Persoal que, por mor da súa actividade laboral, pode contraer e propagar a gripe.
- Adultos que conviven con nenos menores de 6 meses.
- Viaxeiros internacionais.
- Persoas que sufriran unha forte reacción alérxica á vacina anteriormente.
- Os alérxicos aos ovos de galiña.
- Os que contraeran a síndrome de Guillain-Barrei en menos de 6 semanas logo de recibiren a vacina antigripal.
- Os enfermos con algunha doenza moderada ou grave e febre alta, de máis de 38 ºC. Deben agardar a que desaparezan estes síntomas.
A gripe propágase por vía aérea, no momento en que unha persoa infectada expele unhas pinguiñas respiratorias ao tusir ou espirrar que recalan noutra non infectada. Non obstante, tamén se pode contaxiar ao tocar algo infectado co virus e despois levar as mans á boca, ao nariz ou aos ollos. Para evitar o contaxio entre persoas, dende a Sociedade Española de Medicina Familiar e Comunitaria (SEMFYC) e os Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades CDC recomendan o seguinte:
- Quedar na casa. Non acudir nin ao traballo, nin á escola nin a reunións sociais.
- Lavar as mans con auga e xabón. Convén usar un cepillo para limpar ben os dedos e as uñas, sempre que estean lixadas, despois de ir ao lavabo e antes de cada comida.
- Usar panos desbotables para tapar a boca e o nariz ao espirrar. Estes panos débense guinar nun recipiente pechado para evitar propagar o virus polo aire.
- Lavar ben todos os obxectos do enfermo.
- Situar o afectado nun cuarto separado do do resto de membros da familia.
- Ventilar o cuarto do enfermo coa ventá aberta varias veces ao día.
Sempre que unha persoa enferma de gripe é fundamental que faga repouso, que durma, que beba abundante líquido e que opte por unha dieta sa, eliminando hábitos nocivos como o tabaquismo e o consumo de alcohol.
- A INXESTIÓN DE LÍQUIDOS pódese realizar de varios xeitos: caldo de cebola fervida, infusións recomendadas (tomiño, menta ou eucalipto), auga mineral soa ou combinada con zume de limón ou de laranxa, ou zume de verdura licuada elaborado con ravos, allos, cebola e outros vexetais crus.
- FEBRE pódese combater con fármacos antitérmicos. Non obstante, hai que ter en conta que é un mecanismo de defensa do organismo e que, polo tanto, tampouco convén abusar destes fármacos, xa que sen eles o proceso gripal podería resolverse antes.
- AS DORES musculares e de cabeza e mais o malestar xeral pódense aliviar con analxésicos. Pero nunca se debe administrar a nenos nin a adolescentes aspirina, para evitar que, unha vez pasada a gripe, desenvolvan unha Síndrome de Reye.
- O VIRUS DA GRIPE pódese combater cos fármacos antivíricos que receite o médico, xa que serven para aliviar os síntomas, acurtar o período de enfermidade e reducir as posibilidades de contaxiar outras persoas.
Fonte: SEMFYC