A informática máis móbil
Durante anos fantasiouse cun ordenador diminuto que coubese no peto e desterrase definitivamente os seus irmáns máis vellos de sobremesa, dun ordenador realmente persoal, que viaxase co usuario e lle servise para satisfacer tódalas súas necesidades electrónicas: desde redactar unha carta a ver unha película. Sen embargo, nos albores do século XXI aínda estamos lonxe desta quimera. E é que, ¿para que substituí-los ordenadores domésticos cando se cadra chega con complementalos?
Os PDA cumpren esta función. Os asistentes dixitais persoais (PDA, en siglas inglesas), son pequenas axendas electrónicas que se manexan a través da escrita sobre a pantalla cun bolígrafo específico. A súa grande innovación reside en que, a diferencia das axendas electrónicas clásicas, non veñen cun parque pechado de programas ós que o usuario se debe cinguir, senón que se poden cargar coas aplicacións máis interesantes para el, ó igual que acontece cun ordenador doméstico. Por iso, estas axendas serven para todo o que sirvan os seus programas.
As funcións máis clásicas das PDA son as de axenda, caderno de notas e calculadora. Pero cos programas axeitados, tamén se pode escribir documentos, manexar follas de cálculo, enviar e recibir correos electrónicos, le-la prensa diaria, coñece-la posición dos astros, consultar mapas de estradas, navegar por Internet… e, por suposto, xogar.
Actualizados a cotío
A clave está en que a maioría destes programas manteñen unha fluída conversa cos seus irmáns máis vellos do ordenador doméstico. Cada vez que un PDA se enchufa co ordenador do usuario (convén facelo a cotío), os datos dos dous sincronízanse. Deste xeito, por exemplo, as citas dos dous aparellos actualízanse, documentos de Word feitos na casa pódense corrixir no autobús e cárgase a axenda electrónica coa prensa diaria para lela con tranquilidade en calquera cafetería.
A materia pendente destes aparellos é a inclusión de textos. Calquera que probara algunha vez enviar unha mensaxe curta cun teléfono móbil (máis aínda se navegou por Internet usando WAP), sabe o desesperantemente lento que resulta escribir nun dispositivo tan pequeno. Os PDAs tratan de supli-la carencia dun teclado convencional de diversos xeitos. O máis estendido é o graffiti: o usuario escribe cun lapis especial sobre a pantalla cada letra dunha maneira predefinida, así, á axenda resúltalle sinxelo discernir qué se quixo escribir.
Outras axendas optan por pequenos teclados incorporados, que, polo xeral, resultan difíciles de manexar. Para os máis esixentes, hai diminutos teclados pregables que se enganchan á parte inferior do PDA; resultan moi cómodos, aínda que algo caros. Sen embargo, aínda está lonxe a que parece a opción definitiva: que sexa posible escribir ó dictado.
O mercado dos PDAs divídese basicamente entre os que se manexan co sistema operativo de Palm (o aparello en si non ten que ser necesariamente da marca Palm para que leve este sistema operativo) e os que levan o sistema de Microsoft, Pocket PC. Os primeiros son, normalmente, máis económicos e sinxelos de utilizar. Os equipados co sistema de Microsoft, en cambio, teñen máis opcións multimedia (permiten ver vídeos e escoitar música aínda que de xeito limitado pola súa escasa memoria) pero son máis caros e gastan máis baterías. En calquera caso, en ámbolos sistemas, a diferencia dun ordenador doméstico, as PDA acéndense e apáganse nun intre e non é preciso “gardar” os cambios. Todo se almacena automaticamente.
Os híbridos
A tendencia actual é cara á integración de tódolos pequenos aparellos electrónicos que se levan enriba. E é que se non, o futuro ameaza con que non alcancen os petos para gardar tanto aparello electrónico. No mercado existen xa teléfonos que funcionan como axendas electrónicas (Nokia 9310, Ericsson R380), PDAs que funcionan como teléfono (Handspring Treo), teléfonos con reproductor de música incorporado (Siemens M-45) e reproductores de música con funcións de axenda (Apple iPod). Se a isto se engaden cámaras de fotos dixitais, GPS (sistemas de posicionamento global por satélite) e conexións sen fíos a Internet, o resultado pode ser un todo-nun electrónico con todo o necesario para a vida dixital dun usuario.
Pensa en palm
http://www.piensaenpalm.com
Completa web en español sobre os PDA. Inclúe valoracións das aplicacións máis comúns, así como trucos e manuais para sacarlles todo o rendemento posible a estes aparellos.
Proxecto Gutenberg
http://promo.net/pg
Os dereitos de autor de milleiros de libros de autores como Homero ou Poe expiraron xa. Por iso, milleiros de voluntarios se afanan en que estas xoias da literatura estean gratuitamente á disposición de quen as queira gozar. O formato no que se ofrecen (texto plano) é moi sinxelo de utilizar nunha axenda de man.
Softonic
www.softonic.com
Páxina en español que recompila programas gratuítos para as PDA, tanto Palm coma Pocket PC. As aplicacións están ben estructuradas para que as buscas sexan máis sinxelas. Tamén ofrecen listas coas últimas novidades, os programas máis demandados e os mellor valorados.
Peso e tamaño
Un PDA é para levalo sempre enriba, polo tanto, canto máis pequeno e lixeiro sexa, máis cómodo resultará.
Tipo de pantalla
Debe ser grande e cómoda de ler, non escatime.
Cor
Non é, nin moito menos, un requisito imprescindible. De feito, un PDA con pantalla a cor consome moita máis batería. Pense o uso que lle vai dar e se lle compensa este elemento.
Capacidade de expansión
Sexa previsor, quizais algún día queira engadir un módulo que converta a súa PDA nunha cámara fotográfica ou nun GPS. Ou, pode que queira engadirlle máis memoria. En calquera caso, procure que a súa PDA admita engadidos.
Sistema operativo
Escolla o sistema operativo Palm (o PDA en si non ten por qué ser desta marca) se desexa unha axenda máis económica e, normalmente, máis doada de usar. Sen embargo, decántese por Pocket PC se a cambio de gozar de funcións multimedia está disposto a un desembolso maior, gastar máis batería e só traballar con ordenadores equipados con Windows.
Conexións
Se o seu ordenador lle permite usar USB, asegúrese de que a conexión do PDA sexa a través deste porto (é máis rápido e cómodo có tradicional serie). Ademais, debe ter infravermellos. Se ten unha tarxeta wi-fi ou Bluetooth, mellor.
Tipo de baterías
Os modelos de gama máis baixa funcionan con pilas alcalinas, mentres que os de gama alta utilizan baterías de Ion-litio (poden recargarse cando o usuario desexe).