Para tódolos petos
Deslizarse por unha ladeira nevada rodeada de bosque xa non é unha práctica elitista e minoritaria. O negocio do esquí en España goza de boa saúde e dunha crecente popularidade. O ano pasado as estacións invernais españolas recibiron a visita de cinco millóns e medio de esquiadores, un 4% máis ca na tempada 2000-2001. A esta cifra cómpre engadi-la dos deportistas que optaron polas pistas andorranas e francesas, non en van somos o segundo cliente en número das estacións de esquí do país veciño, por detrás só dos propios franceses.
Nestes dous últimos anos os investimentos nos centros invernais do noso país superan os 100 millóns de euros. Só na actual tempada 2002-03 as estacións de esquí alpino españolas investiron 32 millóns de euros en ampliaren e melloraren as súas instalacións. E é que cómpre manter a punto 29 estacións, 873 quilómetros de pistas balizadas, 330 remontes e 152 quilómetros de pistas de esquí de fondo.
Gozar desta oferta tan ampla encaixa nos máis variados poderes adquisitivos. Deslizarse pola neve durante unha fin de semana con aloxamento, forfait e seguro incluído custa entre 40 e 202 euros. Só hai que elixi-la estación e o aloxamento máis acorde coas posibilidades económicas de cada un.
Tamén se pode optar por unha escapada de ida e volta. O custo varía de novo en función da oferta da estación. Acceder ós remontes e pistas de Leitariegos, a máis barata do noso país, custa en tempada alta 11’42 euros diarios, na estación de Baqueira Beret o forfait de día ten un prezo de 33 euros. Pero iso si, a estación leonesa ofrece pouco máis de 3 quilómetros de pistas balizadas, fronte ós 87 cos que conta a estación catalana, amais dunha infraestructura e uns servicios inmellorables.
Unha tempada de estreas
Cada tempada, as estacións de esquí acometen importantes reformas co obxecto de atraeren o maior número de visitantes posible, e ofrecérenlles ós deportistas unhas instalacións óptimas para a práctica dos deportes brancos. Para a campaña que acaba de comezar, as estacións españolas de esquí investiron 32 millóns de euros en melloras de instalacións e servicios. O Pirineo catalán é o que efectuou o maior desembolso, 15 millóns de euros, seguido da Cordilleira Cantábrica, que gastou 9 millóns de euros. Aragón, as estacións do Sistema Penibético e as do Sistema Central, desembolsaron 3,8, 2,8 e 1,2 millóns de euros, respectivamente, en acondicionaren as súas instalacións. Estes investimentos permitiron que as estacións españolas sumasen 3.239 canóns de producción de neve con capacidade para innovar algo máis de 235 quilómetros sobre un total de 837 quilómetros esquiables.
A estación ilerdense de Baqueira-Beret estrea pista negra e proxectos de construcción dun aparcamento na cota 1.500 e de ampliación cara ós vales de Aneu. Port Ainé, tamén de Lleida, presenta este ano unha zona preparada para o ‘esquícross’ e ‘boardercross’, así como unha nova escola de alta montaña.
A apertura de accesos a San Isidro e Javalambre; a ampliación e remodelación de pistas en Boí Taüll Resort, Manzaneda, Candanchú, Astún, Masella, Valdezcaray e La Covatilla; a creación de novos remontes en Valgrande-Pallares, Alto Campoo, Valdezcaray e Valdesquí; a ampliación e mellora de aparcamentos en Candanchú, Port del Comte e Vallter 2000, a carón de reformas de páxinas electrónicas en Serra Nevada, La Pinilla e Formigal completan boa parte das novidades.
O contacto coa natureza que permite o esquí, xunto co exercicio físico que se realiza durante a súa práctica, reporta uns indubidables beneficios para a saúde. O aire puro da montaña contribúe á osixenación do organismo e o sol favorece a producción de vitamina D, o que prevén o raquitismo e a osteoporose. Ademais, a altura á que se practica normalmente o esquí, arredor dos 2.000 metros, incrementa o número de glóbulos vermellos e brancos, o que supón un aumento das defensas do organismo. A acción da calor e do frío activa as capas vasculares da epiderme, facilitando o seu desconxestionamento e actuando como rexenerador epitelial.
Non obstante, o esquí tamén ten os seus riscos. Unha escasa preparación física e a práctica incontrolada deste deporte pode causar danos graves e permanentes para terceiros ou para o propio esquiador. Os servicios de traumatoloxía dos hospitais reciben cada tempada esquiadores con lesións sobre todo de xeonllo, tanto a nivel de ligamentos coma de menisco e rótula. Fracturas de cúbito, radio, clavícula, cóbado, tibia e peroné, luxación de ombreiro, rotura do ligamento cubital do dedo polgar, lipotimias, hipertensións e conxuntivite son outros danos derivados da práctica do esquí.
O risco ó que se somete un esquiador, e as elevadas custas, en caso de accidente nunha pista -só o traslado desde o remonte ata un centro médico pode supor un gasto de entre 210 e 270 euros-, fai aconsellable contratar un seguro de accidentes, ben sexa a través das axencias de viaxes, das federacións ou nas propias estacións invernais.
Por uns 2 euros diarios é posible contratar un seguro que cubra o rescate en pistas, o traslado sanitario ou repatriación do asegurado e do acompañante, os gastos médicos, e tamén a asistencia en caso de accidente e avarías durante a viaxe, ou as lesións provocadas a terceiros, entre outras coberturas.
Os deportistas habituais teñen a opción de obter unha licencia federativa, que, entre outros servicios, lles ofreza asistencia sanitaria de ser preciso. En España cada Comunidade Autónoma dispón da súa federación territorial, polo que o prezo que teñen que paga-los deportistas que desexen adherirse a un destes organismos difire dun territorio a outro. Así, os federados da Comunidade Valenciana deben desembolsar 58 euros se se queren beneficiar, entre outros servicios, dunha cobertura con asistencia e rescate en pistas, traslados sanitarios ata un centro médico, os gastos médicos xerados, así como o desprazamento ó domicilio en caso de accidente e un seguro de responsabilidade civil. Federarse en Cataluña ou en Biscaia custa practicamente o mesmo, 43 e 43,70 euros, respectivamente. Sen embargo, a tarxeta que expide a federación biscaíña cobre tamén a práctica dos deportes de inverno nos Pirineos Franceses e Andorra.
As federacións tamén dispoñen de tarxetas con prezo máis reducido para adolescentes e nenos, ou tarxetas de uso limitado no tempo. É o caso da tarxeta escolar que emite a Federación de Deportes de Inverno de Biscaia, cun custo de 23 euros e unha validez do 1 de decembro ó 30 de abril, é dicir, toda a tempada.
O regulamento de funcionamento das estacións de esquí españolas recoñécelles unha serie de dereitos e obrigas, sobre todo estas últimas, ós usuarios das súas instalacións. Deste xeito, os esquiadores que poñan en perigo a súa seguridade física ou a de terceiros serán responsables de calquera consecuencia danosa que se derive da súa conducta. Tamén é responsabilidade do usuario a súa propia integridade física, tanto dentro coma fóra das pistas, esquíe ou non de maneira arriscada. As estacións tamén eluden toda responsabilidade en caso de que as condicións atmosféricas, técnicas ou de calquera outra índole, obriguen a pecha-las instalacións de remontes e/ou pistas. Nestes casos a estación non está obrigada a devolvérlle-lo importe do abono ós usuarios.
No capítulo dos dereitos que asisten ó usuario, estes limítanse a recibir información sobre as pistas en funcionamento e o estado xeral da neve no momento de apertura da Estación, a coñece-la normativa que lles é aplicable, e a gozar dunhas pistas adecuadamente acondicionadas para a práctica do esquí.
Un descenso saudable
- Cando organice unha viaxe á neve, non esqueza o seguro de accidentes. Compare prezos entre axencias de viaxes e federacións. Comprobe que o seguro que contrata cobre a actividade que vaia realizar e que inclúe os rescates fóra de pista.
- Coide que o material estea a punto, tanto se é seu coma se o alugou.
- Non esquíe por riba das súas posibilidades. Infórmese da dificultade das pistas polas que transita. Leve sempre enriba o plano de pistas, e consúlteo antes de tomar un remonte por primeira vez. Non rebase os límites e sinais. Extreme as precaucións en días de brétema ou de baixa visibilidade.
- Inscríbase nun cursiño para aprender unha técnica correcta, e así evitar adquirir vicios, que aumentan o risco de sufrir lesións. Unha clase particular dunha hora custa entre 22 e 26 euros. Un cursiño de 5 días, entre 68 e 79 euros.
- Non practique o esquí se ten febre, se padece unha insuficiencia respiratoria grave, se ten hipertensión non controlada ou sofre do corazón, xa que os esforzos realizados en altitude son máis acusados.
- Retome de maneira pausada e gradual a práctica do esquí, sobre todo se é vostede un deportista ocasional. Non esqueza que o límite do esforzo é un portal que non debe cruzar. Cando a fatiga aparece increméntase o risco de accidentes e lesións.
- Non agarde a que comece a tempada branca para pó-lo seu corpo a punto. Lanzarse ás pistas sen unha preparación física adecuada ten consecuencias: maniotas e caídas. Antes de cada xeira de esquí dedíquelle 15 minutos a quecer e estira-los seus músculos.
- Protexa a cabeza cun pucho de tecido polar. Está demostrado que o primeiro lugar por onde se perde a calor corporal é a cabeza. Non descoide a protección de orellas, nariz e mans. Son as partes do corpo con menor risco sanguíneo, e por iso, as que se conxelan máis a miúdo.
- Lembre que a neve é un espello que refracta os raios do sol. Empregue gafas con filtros UVA e UVB para impedi-la aparición da “oftalmía das neves”, unha conxuntivite aguda derivada da exposición prolongada da vista ás devanditas refraccións. Non esqueza protexer tamén a pel e os beizos cunha boa crema solar.
- Aliméntese adecuadamente antes, durante (barriñas de cereais, froitos secos, barras de chocolate…) e despois da práctica deportiva. A dieta dun esquiador debe ser rica en hidratos de carbono, que lle acheguen suficiente enerxía, que preveñan as maniotas e as cambras, e que o axuden a combate-lo frío, xa que as baixas temperaturas producen un maior desgaste enerxético corporal.
- Na montaña o aire é seco e o exercicio aumenta a transpiración, así que non esqueza hidratarse correctamente para evita-la aparición de lipotimias e hipotensións. Beba auga, zumes ou bebidas isotónicas; nunca alcohol, xa que diminúe os reflexos e aumenta a perda de calor corporal.
- Trala xornada de esquí nada mellor, xunto cun bo repouso, ca unha ducha alterna quente-fría. A calor provoca unha vasodilatación e o frío vasoconstricción, o que favorece a circulación sanguínea e a recuperación.
Normas de conducta nas pistas
- Compórtese de maneira que non poña en perigo ou prexudique ós demais.
- Esquíe de xeito controlado. Adapte a súa velocidade e xeito de esquiar á súa habilidade persoal e ás condicións xerais do terreo, neve e tempo, así como á densidade do tráfico.
- Circule de vagar nas áreas saturadas ou sitios onde a visibilidade é reducida, e especialmente nos cambios de rasante, ó remate das pistas e nos accesos ós remontes.
- Se baixa desde arriba tome a dirección que garanta a seguridade dos que se atopen debaixo de vostede.
- Se adianta a outro esquiador déixelle espacio abondo para que poida realiza-los seus propios movementos.
- Se entra na pista olle cara a arriba e cara a abaixo, asegurándose de que a pista estea despexada.
- Evite parar na pista, en lugares estreitos, perigosos ou de escasa visibilidade. En caso de caída nun destes lugares, arrédese e deixe libre a pista o máis axiña posible. Se sobe e baixa a pé fágao polo lateral da pista. Obedeza tódolos sinais e indicacións que se atopan na pista, telesquí ou preto delas. En caso de accidente, preste axuda e notifíquello, na medida das súas posibilidades, ó persoal da Estación.
- Para afronta-los primeiros descensos, o máis aconsellable é aluga-lo equipo nas propias estacións (esquís, botas, bastóns…) e pedir prestadas as prendas de abrigo (luvas, anorak, pantalóns…). O alugamento do equipo completo custa entre 12 e 23 euros diarios.
- A roupa debe ser cómoda, debe favorece-la flexibilidade do corpo, ser resistente ó frío, impermeable e transpirable. Préstelles especial atención ás luvas. Amais de serviren de abrigo, son unha boa defensa para as mans, xa que axudan a frear en caso de caída, e evitan a abrasión da neve, que pode chegar a producir fondas feridas.
- Non se abrigue en exceso, xa que ó final a roupa acaba amolando, nin vaia tampouco moi lixeiro, pois pode ser perigoso en determinadas ocasións (rozaduras co chan polas posibles caídas, queimaduras co sol, etc…).
- As gafas de sol son esenciais, xa que a neve reflicte o 85% da radiación que recibe.
- Á hora de merca-los esquís, teña en conta o seu nivel como esquiador e o uso que lles vai dar ás táboas. Se é vostede principiante, elixa táboas lixeiras, dóciles e cunha liña de cotas -anchura dos extremos e do centro do esquí- pouco acusada, para que poida facer viraxes a baixas velocidades. Se o seu nivel é medio, o máis recomendable son as táboas polivalentes, dotadas de maior resistencia, precisión, estabilidade, peso e lonxitude.
- Ó elixir unhas fixacións (que suxeitan as botas ás táboas), o seu peso, a súas idade, a súa preparación física e o seu nivel de esquí, son os factores que cómpre ter en conta. A regulación das mesmas é tamén fundamental. Confíelle esta tarefa a un profesional.
- Os bastóns deben ser lixeiros e resistentes. A súa lonxitude debe coincidir coa altura dos cóbados do esquiador, de xeito que, ó collelos ó revés, o ángulo formado polos cóbados sexa de 90º.
- Na elección das botas é fundamental a comodidade, a rixidez lateral, a elasticidade frontal ou capacidade de flexión -entre 14º e 22º- e unha correcta suxeición ó pé e ó nocello. Comprobe que a bota non lle queda grande, porque a fractura está garantida.
Estacións esquí de fondo
- Porto de La Ragua: 19 km.
- Abodi-Salazar: 33 km.
- Larra-Belagua: 30 km.
- Aransa: 32 km.
- Bornabé: 25 km.
- Guils Fontanera: 45 km.
- Lles: 28 km.
- Sant Joan de L’Erm: 50 km.
- Tuixent La Vansa: 29’7 km.
- Virós-Valferrera: 58 km.
- Pla de Négua: 20 km.
- Panticosa: 9 km.
- Fanlo del Valle del Vió: 22 km.
- Gabardito: 9 km.
- La Partacua: 40 km.
- Linza: 13 km.
- Lizara: 4 km.
- Llanos del Hospital: 30 km.
- Pineta: 8 km.
- Plateau de Beille: 65 km.
- Domaine du Chioula: 60 km.
- Etang de Lers: 35 km.
- La Tour Lafont: 15 km.