Cesan antes se se lles presta pouca atención
Os tics, que afectan aproximadamente ó 20% dos nenos e nenas, constitúen o trastorno do movemento máis habitual na infancia. A prevalencia deste trastorno de carácter benigno é tres veces maior nos nenos ca nas nenas, se ben no tratado de Pediatría de Nelson, un dos máis prestixiosos, se afirma que non hai predilección por un sexo ou outro. Estes involuntarios movementos aparecen entre os 6 e os 10 anos, e os nenos afectados son xeralmente normais, intelixentes e sensibles, aínda que son de maior intensidade entre nenos cohibidos e tímidos. Os tics preséntanse varias veces ó día, ás veces case a cotío. Xeralmente desaparecen na adolescencia e rara vez persisten na idade adulta.
¿Que son os tics?
Pódense definir como movementos involuntarios, de curta duración, non rítmicos, bruscos e repetitivos. Quen os padece só os pode evitar se, cando percibe que vai sufrir un tic, se concentra e os controla, aínda que só se logran deter por tempo limitado. Xa que logo, moitas veces non lle dá tempo a dominalos.
A causa dos tics non se determinou aínda. Barállanse varias hipóteses, coma o exceso de dopamina (substancia química do cerebro) no organismo ou unha sensibilidade aumentada á mesma; tamén se esgrimiu a teoría dun funcionamento defectuoso dos ganglios basais no cerebro, dunha disfunción da transmisión nerviosa. A súa maior incidencia nos nenos ca nas nenas suxeriu, tamén, unha posible influencia da testosterona. As posibles causas xenéticas tamén foron obxecto de estudio, e mentres para uns o papel dos antecedentes familiares é moi discutido e non resulta relevante na orixe dos tics, para outros, que basean a súa argumentación en estudios realizados con parellas de xemelgos, o papel da herdanza é importante.
O que si parecen claras son as causas de índole psicolóxica. Atribúense os tics a factores ambientais e de aprendizaxe, sobre todo dentro da familia. Os tics agrávanse en condicións de nerviosismo, ansiedade, fatiga, irritabilidade, e aumentan na presencia de familiares e amigos íntimos, mentres que se reducen ó realizar actividades absorbentes que non producen ansiedade. Pódese dicir que os tics aumentan coa tensión, diminúen coa relaxación e desaparecen durante o sono.
Tipos de tics
- Tics motores simples: son os máis frecuentes. Dentro deste grupo chisca-los ollos, as sacudidas verticais ou horizontais da cabeza e o encollemento de ombreiros son os máis habituais, aínda que hai outros tics que afectan a brazos e pernas.
- Tics motores complexos: golpearse a si mesmo, saltar, pisar… son bastante infrecuentes.
- Tics fónicos ou vocais simples: aclara-la gorxa, gruñir, sorber polo nariz, resoprar…
- Tics fónicos ou vocais complexos: cando o neno padece tics do tipo ecolalia (repite as palabras que lle dirixen), alilalia (repite as súas propias palabras) ou coprolalia (emite palabras obscenas), pódese sospeitar que sofre o Síndrome de Tourette.
Restarlles presión ós nenos
Algúns expertos inclúen o tatexo entre os tics. Aproximadamente entre o 5% e o 10% dos nenos tatexan cando se inician na linguaxe, pero na maioría dos casos resólvese de xeito espontáneo e convén que os pais non lle dean importancia, pois os nenos perciben que algo lles ocorre e poden reaccionar con ansiedade e nerviosismo. Comprobouse estatisticamente que se os pais non lles prestan especial atención ós tics e os consideran como algo normal e pasaxeiro, a súa evolución é boa e nun prazo que xeralmente varía entre uns meses e un ano cesan sen deixar secuelas. O habitual é que desaparezan durante a adolescencia.
Poden empeorar se os pais berran e exercen presión sobre os fillos para que logren vence-lo defecto. Nese caso, o máis probable é que os tics se tornen máis frecuentes e intensos. Os pais deben tranquiliza-lo neno se este lles pregunta sobre o seu problema, deben evitarlle actividades extraescolares en exceso, axudarlle a evitar ser autocrítico e perfeccionista. É dicir, cómpre restarlles presión e todo o que lles poida xerar tensión interna.
¿Cando acudir ó pediatra?
É preferible non medicaliza-lo problema do neno, xa que se considera contraproducente todo o que o conduza a reflexionar sobre os seus tics. Así e todo, en ocasións cómpre recorrer ó pediatra e ó especialista. Estes son os sinais que aconsellan a consulta:
- Os estudios vense alterados
- Os tics interfiren coas súas amizades
- Os tics acompáñanse de ecolalia, alilalia ou coprolalia
- Acompáñanse de tose persistente
- Os tics afectan a partes do corpo que non son as habituais (cabeza, cara e ombreiros)
- A súa intensidade ou frecuencia aumentan
- A duración é superior a un ano.
Tratamento
A maioría dos casos de tics resólvense espontaneamente, pero nalgúns casos o tratamento especializado pode ser preciso. A medicación atalla o síntoma, pero non elimina a causa dos tics. Utilizáronse neurolépticos, tranquilizantes, relaxantes, etc. que resultan eficaces, pero ó abandonalos prodúcense recaídas.
Os métodos psicolóxicos e, en concreto, os de autocontrol, resultan moi útiles para os tics e o síndrome de Tourette. Unha das terapias máis importantes dentro deste tipo de tratamento constitúeo o “Procedemento de inversión do hábito”, que nun período que oscila entre dous e catro meses reduce os tics no 90% dos casos.
É unha técnica complexa que esixe gran colaboración e sobre todo gran forza de vontade, o que fai que a miúdo sexa de difícil aplicación en nenos en toda a súa amplitude, polo que algúns especialistas aplican por separado ou parcialmente os distintos compoñentes. Afortunadamente poucos nenos precisan tratamento, a gran maioría deixan de sufrir tics espontaneamente.
Un cadro moi peculiar aínda que pouco frecuente dentro dos tics constitúeo o Síndrome de Tourette, que se presenta en tódalas razas, aínda que é máis frecuente en mulleres, e caracterízase por:
- Tics motores múltiples e un ou máis tics vocais complexos (ecolalia, alilalia ou coprolalia) de xeito simultáneo ou non.
- Os tics preséntanse varias veces ó día, a xeito de vagadas, case a cotío e durante máis dun ano, e nunca hai un período superior a tres meses sen tics.
- Iníciase antes dos 18 anos.
- A miúdo hai unha deterioración notable a nivel social, dos estudios e doutras áreas da actividade cotiá do inliiduo.
- Pódense asociar outros trastornos, dos cales os máis frecuentes son obsesións e compulsións, déficit de atención, hiperactividade e trastornos da aprendizaxe.