Conducir con neve, xeo ou brétema
Amais da prudencia, que nunca debe faltar ó volante, hai consellos e trucos que convén aplicar ó conducir con neve, xeo ou néboa intensa.
- Evite calzado que impida un bo tacto sobre os pedais e non abuse da calefacción do coche. O exceso de calor pode producir somnolencia.
- Un arrefriado común, tan habitual nesta época, pode potencia-los efectos deteriorantes do alcohol.
- Durante o traxecto, infórmese da temperatura exterior. Se está chovendo ou hai humidade, e a temperatura non supera os 3ºC, está roldando o límite da xeada, e poden aparecer placas de xeo ou de neve.
- Evite viaxar durante a madrugada ou nas primeiras horas da mañá, que é cando hai máis posibilidades de que se forme xeo.
- Se acostuma equipa-lo seu vehículo con pneumáticos de inverno, fágao un mes antes de que caian as primeiras nevadas, porque as súas láminas se afían ó rodaren polo asfalto, e polo tanto o agarre é maior.
- A prioridade cando se circula con néboa é ver e ser visto. Empregue a luz de cruce (as ‘longas’ rebotan na propia brétema) e a antinéboa traseira, pero apáguea así que non sexa precisa para non cega-lo conductor que circula detrás de vostede.
- Reduza a velocidade en pontes, avesíos e proximidades de regatos, onde é máis probable que atope xeo.
- Pise o pedal do freo con moita suavidade para evita-lo bloqueo das rodas. Con ABS, pise o freo a fondo.
- Se perde o control, non free. Retire suavemente o pé do acelerador e procure controla-lo vehículo usando o volante.
/imgs/20021201/consejos01.jpg Se hai rodeiras feitas por outros vehículos, circule por elas. Non o faga se a capa de neve é moi alta e corre o risco de dana-los baixos do automóbil. Se non existen rodeiras, leva pneumáticos adecuados e a nevada é escasa, circule pola neve virxe, xa que a súa textura terrosa ten maior agarre.- No caso de derrapar, non free. Vire con suavidade o volante cara ó mesmo lado que se dirixiu a parte traseira do vehículo.
- Se o seu vehículo queda atascado na neve, balancéeo atrás e adiante repetidamente usando a marcha atrás e a segunda.
- Se o seu coche está aparcado e queda baixo unha capa de neve, non a quite ata o momento de movelo. Esa capa é o mellor illante fronte a temperaturas aínda máis frías.
- Se se prevé unha nevada copiosa, levante a antena o máximo posible e átelle algo rechamante para facilita-la localización do vehículo (abstéñase de facelo se o seu coche ten antena eléctrica telescópica).
Trucos infalibles
- Reposte a miúdo. Co depósito cheo o seu coche gañará en estabilidade e adherencia. E no caso de quedar inmobilizado, disporá de calefacción durante máis tempo.
- Pase unha pataca cortada polo parabrisas (interior e exterior). Por fóra, repelerá a auga; e, por dentro, evitará que o cristal se empañe.
- Un pouco de anticonxelante ou lavalouzas na auga do limpaparabrisas mellorará bastante a limpeza do cristal e, deste xeito, a visibilidade.
- Non utilice auga quente contra un parabrisas xeado, podería rompe-lo cristal. Use anticonxelante ou alcohol.
- Unha xiringa e alcohol mesturado con lavalouzas poden desconxelar axiña unha pechadura xeada.
- Un pano con alcohol tamén lle servirá para evitar que os ‘limpa’ arrastren polo cristal a graxa que zarrapican os coches.
- Os limpaparabrisas vólvense flexibles cun algodón enchoupado en bebida de cola.
- Para que o xeo non deixe pegados os limpaparabrisas ó cristal, cando aparque, vólvaos e apoie a parte metálica.