Cámaras dixitais fotográficas

Diferencias no prezo, non na calidade

As cámaras dixitais convertéronse nunha alternativa real para os usuarios domésticos
1 Decembro de 2002

Diferencias no prezo, non na calidade

Analizáronse oito cámaras de fotos dixitais de gama media-baixa de uso doméstico con prezos moi dispares: desde os 404 euros de Canon PowerShot A40 e Nikon E2500, ós 812 euros de Canon PowerShot S30. A mellor relación calidade-prezo correspóndelle a Olympus C300 (487 euros): ofrece a maior calidade en fotografías normais e de detalle, a memoria máis ampla e unha das mellores pantallas de visualización.

As cámaras dixitais están gañando progresivamente cota de mercado fronte ás analóxicas (as tradicionais). Este novo tipo de cámaras fotográficas alcanzou xa a calidade das analóxicas, polo menos en imaxes de pequeno formato (15x10cm.). A súa maior virtude reside en que non utilizan carretes nin revelado, senón que as tomas, almacenadas nunha memoria dixital, se poden ver e peneirar ó momento nunha pequena pantalla incorporada. De seguido, as tomas que interesan transvásanse ó ordenador para velas, tratalas, envialas ou imprimilas.

Un dos criterios de calidade nunha cámara dixital é o número de píxeles activos. Cada píxel é un punto de captación de cor; polo tanto, canto maior sexa este número, maior será a resolución da imaxe: cantos máis píxeles nunha mesma superficie maior será a nitidez. Pentax Optio 330 (3,24 millóns de píxeles), Canon Power Shot S30 e Sony DSC-P71 (as dúas con 3,2 millóns de píxeles) foron as tres mostras mellor valoradas neste aspecto. Pola contra, Minolta Dimage X ofreceu o menor número de píxeles útiles, con só 1,96 millóns.

As pantallas de cristal líquido onde se ven as imaxes nada máis seren tomadas son de tres tamaños. As de Nikon, Sony, Minolta e Canon A40 alcanzan as 1,5 polgadas, as dúas de Pentax contan con 1,6 polgadas e Canon S30 e a Olympus son as máis grandes con 1,8 polgadas.

Probas de uso

Un fotógrafo profesional realizoulles fotografías normais e de detalle (macro) a diferentes obxectos baixo as mesmas condicións. Deste xeito medíronse parámetros como contraste, reproducción da cor, nitidez, luminosidade, efecto viñeta, ruídos e imperfeccións. Olympus obtivo as puntuacións máis altas en ámbolos casos (4 puntos sobre 5 en normal e 4,8 en detalle). O segundo posto foi para Canon S30, a máis cara (3,8 puntos en normal e 3,3 en detalle): Nikon E-2500, Minolta Dimage X e Pentax Optio 330 obtiveron as peores puntuacións en imaxes convencionais (3,1 puntos) e Sony DSC-P71 en modo macro (2,5 puntos). CONSUMER someteu as cámaras dixitais a unha avaliación subxectiva de tres usuarios habituais destes productos. Cada un valorou, mediante unha escala do un ó cinco, distintos aspectos relacionados co programa que manexa a cámara (claridade, utilidade dos menús…), así como o manual, posta en marcha, ergonomía e distintas probas funcionais. Tódalas cámaras foron ben valoradas, xa que, ata a que obtivo un resultado máis discreto (Sony) alcanzou 3,4 puntos sobre 5. Minolta (4 puntos), a mellor, obtivo as puntuacións máis altas en posta en marcha, claridade e utilidade dos menús, aspecto exterior, prestacións da pantalla, ergonomía (dimensións, peso e facilidade de transporte), toma de fotografías, facilidade de inserción da tarxeta de memoria, así coma no tempo de espera entre o acendido e a realización de fotografías.

A memoria, fundamental

A cantidade e tipo de memoria é outro factor crítico nunha cámara dixital. O alto prezo de cada tarxeta obriga a ter un número moi reducido delas, polo que o feito de que unha cámara ofreza de serie unha gran cantidade de memoria e un formato o máis estendido posible tórnase fundamental. No tocante ó formato da memoria, Nikon, as dúas Canon e as dúas Pentax utilizan Compactflash, o máis estendido. A cámara que máis capacidade de memoria ofrece é Olympus, ó se-la única que inclúe dúas tarxetas de memoria (16 e 32 megabytes). Sony DSC-P71, Canon Power Shot S30, Pentax Optio 230 e Optio 330 ofrecen 16 MB, mentres que as tres restantes só incorporan tarxetas de 8 MB (Nikon, Minolta e Canon Power Shot A40). Un usuario non precisa facer sempre as fotos coa maior calidade posible. A prol dunha maior autonomía (unha menor calidade ou resolución implica que entran máis fotografías na mesma tarxeta de memoria), o usuario debe poder escoller entre diferentes resolucións para adecua-la calidade final ás necesidades reais. De nada serve unha calidade excelsa se o obxectivo é publica-la instantánea nunha web. O número de graos de calidade é variable: cinco en Olympus, catro en Minolta e Pentax Optio 230, tres en Nikon, Canon S30 e A40 e Pentax Optio 330 e, para rematar, só dous en Sony.

Peso e dimensións

Minolta foi notablemente máis lixeira có resto, con só 134 gramos. As máis pesadas foron as dúas Canon, S30 (264 gr.) e A40 (262 gr.). No tocante ó tamaño, a cámara máis pequena foi Minolta (84,5x72x20 mm.), mentres que a máis voluminosa foi Olympus C-300 (117,5x66x49,5 mm.). Tódolos modelos presentaron zoom óptico e dixital. Canon Power Shot S30 é a que mellores valores obtivo en ámbolos sistemas. O zoom óptico funciona como o faría nunha cámara convencional, pero o zoom dixital convén non usalo, xa que achega os obxectos pero perden calidade de imaxe. Canon S30 e Pentax Optio 230 incorporan os dous mellores sistemas de flash. No tocante ó tipo de alimentación, tódalas cámaras inclúen baterías recargables, agás Olympus que ofrece dous xogos de pilas (recargables e non recargables) e Pentax Optio 230 e Canon A40, que só ofrecen un xogo de pilas convencionais. Os modelos de Nikon, Sony, Minolta, Canon S30, Olympus e Pentax Optio 330 presentaron, ademais, cargador de pilas. Ningunha das cámaras incorporou adaptador de corrente alterna, un accesorio moi útil cando se transfiren as imaxes ó ordenador. Para avalia-lo consumo de enerxía realizáronse fotografías con flash e mínima calidade de imaxe coas mesmas baterías ou pilas que incluían as cámaras. A de maior autonomía foi Pentax Optio 230 (205 minutos e 391 fotografías), pola súa banda, Minolta foi a cámara na que menos aguantaron as baterías (65 minutos e 126 fotografías).

Ordenador e TV

As oito cámaras únense ó ordenador doméstico para a descarga de imaxes mediante o porto USB, un dos máis veloces do mercado, que permite, ademais, conectarse sen necesidade de apagar previamente o ordenador. Nikon non ofrece a conexión coa TV e o vídeo, polo que as instantáneas non se poden ver directamente nunha pantalla de televisión. Todas contan con gravación de vídeo, disparador automático, regulación da cámara en función das condicións de luz, anti “ollos vermellos” e adaptación ás condicións de luz nocturnas. As cámaras con máis prestacións foron Sony DSC-P71 e as dúas de Canon. As oito cámaras demostraron ser correctas en garantía, información e protección ó consumidor. Nikon conta co manual mellor valorado, xa que incorpora, incluso, un vídeo explicativo. Tamén todas superaron as probas de seguridade. Para comprobar que os oito equipos resisten os golpes que se poden recibir cun uso normal, deixouse cae-la cámara desde unha altura dun metro en tres posicións distintas sobre unha superficie de madeira de carballo. Tódalas cámaras seguiron funcionando trala proba, pero a pestana da tapa da batería de Olympus C-300 e Pentax Optio 230 escachou, e Pentax Optio 330 sufriu unha pequena marca na pantalla de visualización.

Tódalas táboas cámara a cámara en revista.consumer.es

¿Por que unha cámara dixital?

Unha cámara dixital, a diferencia dunha tradicional, non utiliza carrete, senón unha memoria na que almacena as imaxes, que non precisan revelado. Nada máis face-la fotografía pódese comprobar cómo quedou nunha pequena pantalla incorporada á propia cámara, polo que só se gardan as que o fotógrafo escolle. Á hora de se decantar por unha cámara analóxica (tradicional) ou dixital o fundamental é defini-lo uso que se lle vai dar, xa que hoxe en día a calidade das dúas para un uso doméstico é semellante.

Se se desexa unha copia en papel de tódalas fotografías, as de carrete resultan, á longa, máis económicas e sinxelas. Ademais, as analóxicas son a única opción se o usuario carece de ordenador. Unha dixital, pola contra, convén se se desexan retoca-las instantáneas directamente no ordenador, ou se é abondo con ve-las fotos na pantalla (a do PC ou da televisión). En todo caso, o usuario sempre poderá pasar ó papel as imaxes dixitais: o prezo unitario será maior có dun revelado tradicional, pero pode que resulte rendible para os que desbotan moitas tomas, xa que, cunha dixital, só se imprimen as fotografías que quedaron ben. As tendas de revelado ofrecen ofertas para o “revelado” das fotografías dixitais, que interesa sopesar tendo en conta o alto prezo do papel fotográfico e da tinta da impresora doméstica.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse 8 cámaras fotográficas dixitais de uso doméstico con prezos que van desde os 404 euros de Canon A40 e Nikon E2500 ós 812,33 euros de Canon S30.
  • Tódalas cámaras resultaron correctas en información e protección ó consumidor, seguridade eléctrica e compatibilidade electromagnética.
  • Pentax Optio 330, Sony DSC-P71 e Canon Power Shot S30 contan coa maior resolución. Olympus C-300 é a única que incorpora dúas tarxetas de memoria (16 e 32 megabytes), tres veces máis cás seguintes (Canon Power Shot S30, Sony e os dous modelos de Pentax). Todas incorporaron pantalla de visualización de entre 1,5 e 1,8 polgadas e conexión USB ó ordenador (rápida e cómoda).
  • Sony DSC-P71 destacou polo seu elevado número de prestacións (13). Tódalas cámaras poden gravar vídeo. Nikon é a única que non permite ve-las tomas directamente no televisor.
  • Minolta Dimage X destacou polo seu baixo peso e dimensións, amais de obte-la valoración máis alta en funcionalidade e ergonomía (4 puntos sobre 5). En calidade fotográfica, a mellor foi Olympus C-300, seguida de Canon Powershot S30.
  • Canon Power Shot S30, Pentax Optio 230 e Olimpus C-300 obtiveron unha valoración global de “Moi Ben”, Canon A40 e Pentax Optio 330 de “Ben”, mentres que os modelos de Nikon, Sony e Minolta acadaron o “Normal”.
  • A mellor relación calidade-prezo é Olympus C-300: amais de polo seu prezo inferior á media (486,97 euros) destacou pola súa excelente calidade fotográfica e ampla memoria.
Marca OLYMPUS CANON PENTAX PENTAX
Modelo C-300 Power Shot S30 Optio 230 Optio 330
Prezo (euros) 486,97 812,33 594,50 649,00
Información e protección ó consumidor
– Marcaxe CE Correcta Correcta Correcta Correcta
-Instruccións de uso e mantemento Correcto Correcto Correcto Correcto
– Información de seguridade Correcto Correcto Correcto Correcto
– Garantía Correcta Correcta Correcta Correcta
Seguridade Correcto Correcto Correcto Correcto
Compati- bilidade electro- magnética (EMC) Correcto Correcto Correcto Correcto
Características/Prestacións
– Dimensións (mm) 117,5x
66x
49,5
112x
58x
42
113,5x
63,5x
42
92x
59x
31
– Peso (g) 235,5 264,2 180,9 202,3
– Nº Pixels útiles (millóns) 3,0 3,2 2,0 3,24
– Opcións de calidade 5 3 4 3
– Tarxeta de memoria (MB) 16 + 32 16 16 16
– Tipo de tarxeta Smart-Media Compact-flash Compact-flash Compact-flash
– Pantalla de visualización LCD
(polgadas)
1,8 1,8 1,6 1,6
– USB/Jack Video TV SI / SI SI / SI SI / SI SI / SI
– Duración das baterías
(min./nº imag.)
195/374 66/127 205/391 72/142
– Distancia focal (mm) 36-100 35-105 38-114 37-111
– Apertura do iafragma real (nº “f”) 2,9-5,6 2,8-8,0 2,6-5,0 2,6-4,8
– Velocidade de obturación (s) 0,5 a 1/1000 15 a 1/1500 4 a 1/1500 15 a 1/2000
– Flash GA/T (m) 3,4 0,35-4,8/0,35-3 0,7-5/0,5-2,7 0,14-3,7/0,4-2
– Zoom óptico/dixital 2,8/10 3,2/10 3/7,5 3/4
– Accesorios subministrados 5 5 5 5
– Prestacións 10 12 10 10
Calidade fotográfica (escala 1 a 5)
– Normal 4,0 3,8 3,3 3,1
– Macro 4,8 3,3 3,3 3,0
Valoración funcional/
ergonómica (escala 1 a 5)
3,5 3,8 3,5 3,7
Valoración global Moi Ben Moi Ben Moi Ben Ben
Marca CANON MINOLTA SONY NIKON
Modelo Power Shot A40 Dimage X DSC-P71 E2500
Prezo (euros) 403,50 479,33 518,75 404,33
Información e protección ó consumidor
– Marcaxe CE Correcto Correcta Correcta Correcta
-Instruccións de uso e mantemento Correcto Correcto Correcto Correcto
– Información de seguridade Correcto Correcto Correcto Correcto
– Garantía Correcta Correcta Correcta Correcta
Seguridade Correcto Correcto Correcto Correcto
Compati- bilidade electro- magnética (EMC) Correcto Correcto Correcto Correcto
Características/Prestacións
– Dimensións (mm) 110,3x
71x
37,6
84,5x
72x
20
125x
58x
43,6
114x
59,5x
31,5
– Peso (g) 261,9 134,4 228,3 174,3
– Nº Pixels útiles (millóns) 2,0 1,96 3,2 2,0
– Opcións de calidade 3 4 2 3
– Tarxeta de memoria (MB) 8 8 16 8
– Tipo de tarxeta Compact-flash RP-SD008B MSA-16A Compact-flash
– Pantalla de visualización LCD
(polgadas)
1,5 1,5 1,5 1,5
– USB/Jack Video TV SI / SI SI / NO SI / SI SI / NO
– Duración das baterías
(min./nº imag.)
176/337 65/126 124/236 86/164
– Distancia focal (mm) 35-105 37-111 39-117 37-111
– Apertura do iafragma real (nº “f”) 2,6-4,8 2,8-3,6 2,8-5,3 2,7-4,8
– Velocidade de obturación (s) 15 a 1/1500 2 a 1/1000 No indica 2 a 1/3000
– Flash GA/T (m) 0,76-4,2/0,76-2,5 0,25-2,9/0,25-2,3 0,5-3,8/0,5-2,5 0,4-3/0,4-1,7
– Zoom óptico/dixital 2,5/7,5 3/2 3/No indica 3/4
– Accesorios subministrados 4 5 5 4
– Prestacións 12 9 13 9
Calidade fotográfica (escala 1 a 5)
– Normal 3,5 3,1 3,4 3,1
– Macro 3,3 3,2 2,5 3,3
Valoración funcional/
ergonómica (escala 1 a 5)
3,6 4,0 3,4 3,6
Valoración global Ben Normal Normal Normal

Un a un

UNHA POR UNHA

OLYMPUS C-300

  • 486,97 euros.
  • Valoración global: Moi ben.
  • A mellor relación calidade-prezo. A máis grande (117,5x66x49,5 milímetros). 5 opcións de calidade. A única con dúas tarxetas de memoria (16 e 32 megabytes). A pantalla máis grande (1,8 polgadas). Pódense ve-las fotos directamente na televisión. Con pilas recargables e non recargables. Obtivo as mellores valoracións en calidade fotográfica normal e detalle (4 e 4,8 puntos sobre 5 respectivamente).

CANON Power Shot S30

  • 812,33 euros
  • Valoración global: Moi ben.
  • Unha boa opción. A máis pesada (264,2 gr.). Tarxeta de memoria Compactflash de 16 megabytes. A pantalla máis grande (1,8 polgadas). Pódense ve-las fotos directamente na televisión. A distancia focal máis pequena (mellor). A máis equilibrada en abertura de diafragma e velocidade de obturación (mellor).
  • Tanto o flash teleobxectivo coma os zooms ópticos e dixitais eran os máis potentes. Segundo posto en calidade fotográfica normal e detalle (3,8 e 3,3 respectivamente sobre 5), e tamén na valoración funcional e ergonómica (3,8 sobre 5).

PENTAX Optio 230

  • 594,50 euros
  • Valoración global: Moi ben.
  • Tarxeta de memoria Compactflash de 16 megabytes. Pódense ve-las fotos directamente na televisión. As baterías máis duradeiras (205 minutos e 391 imaxes). O flash grande angular máis potente (0,7 a 5 metros). Sen cargador de pilas como accesorio.

PENTAX Optio 330

  • 649 euros
  • Valoración global: Ben.
  • A segunda máis cara. A de maior número de píxeles (3,24 millóns). Tarxeta de memoria Compactflash de 16 megabytes. Pódense ve-las fotos directamente na televisión. Mal en calidade fotográfica convencional, 3,1 puntos sobre 5.

CANON Power Shot A40

  • 403,5 euros
  • Valoración global: Ben.
  • A máis económica. Tarxeta de memoria Compactflash de 8 megabytes. A pantalla máis pequena (1,5 polgadas). Pódense ve-las fotos directamente na televisión. A distancia focal máis pequena (mellor). O zoom óptico máis limitado. Sen cargador de pilas como accesorio.

MINOLTA Dimage X

  • 479,33 euros
  • Valoración global: Normal.
  • A máis pequena e menos pesada (84x72x20 milímetros e 134,4 gr.). O menor número de píxeles (1,96 millóns). Tarxeta de memoria de 8 megabytes. Pódense ve-las fotos directamente na televisión. A pantalla máis pequena (1,5 polgadas). As baterías menos duradeiras (65 minutos e 126 imaxes). A peor equilibrada en apertura de diafragma e velocidade de obturación (peor). O de menor potencia de flash de grande angular. A de menos prestacións, xunto a Nikon, e a única que non incluíu prestacións como fotos detalle (macro) e regulación manual. A puntuación máis alta en valoración funcional e ergonómica (4 puntos sobre 5).

SONY DSC-P71

  • 518,75 euros
  • Valoración global: Normal.
  • Só dúas opcións de calidade. Tarxeta de memoria de 16 megabytes. A pantalla máis pequena (1,5 polgadas). Pódense ve-las fotos directamente na televisión. A súa distancia focal foi a máis alta (peor). A de máis prestacións. A valoración funcional e ergonómica máis discreta (3,4 puntos sobre 5). A calidade da fotografías en modo macro foi a peor valorada (2,5 puntos).

NIKON E-2500

  • 404,33 euros
  • Valoración global: Normal.
  • A segunda máis económica. Tarxeta de memoria Compactflash de 8 megabytes. A pantalla máis pequena (1,5 polgadas). Non se poden ve-las fotos directamente na televisión. O seu flash teleobxectivo foi o de menor alcance. A de menor número de prestacións. A única sen visor óptico. A peor calidade en fotografías convencionais (3,1 puntos sobre 5). O manual de instruccións de uso e mantemento mellor valorado.