Féctalle ó organismo máis do que coidamos
Beber e comer son comportamentos asociados que se repiten a miúdo, e máis aínda en ocasións sinaladas, como as festas do nadal que xa se achegan. E entre os excesos que máis a miúdo se cometen arredor da mesa, salienta o abuso de bebidas alcohólicas. Se ben un consumo moderado ou esporádico de bebidas como cervexa, viño ou licores non entraña risco para a saúde, cando a cantidade é alta e o consumo frecuente pode intoxicar gravemente o organismo. Non en van o alcohol é, xunto co tabaco, a substancia que máis problemas de saúde lle ocasiona á poboación española de entre 15 e 65 anos, segundo os últimos datos do Plan Nacional sobre Drogas (1999-2000).
¿Como se define o alcoholismo?
A OMS (Organización Mundial da Saúde) define o alcoholismo como a inxestión cotiá de máis de 50 gramos de alcohol no caso das mulleres (10 vasos de viño ou tres whiskys) e de 70 gramos nos homes (14 vasos de viño ou catro whiskys). Estas cantidades resultan nocivas para o fígado, co paso do tempo poden provocar unha hepatopatía alcohólica, e a súa gravidade variará dependendo da cantidade de alcohol consumida, do tempo durante o que se inxeriu e a susceptibilidade individual.
Metabolismo do alcohol
A tolerancia ó alcohol varía dunha persoa a outra, depende da capacidade encimática do fígado para efectuar esa degradación. Xeralmente a muller é máis sensible ó alcohol có home. A capacidade do fígado de degrada-lo alcohol puro limítase a 7,5 gramos por hora. Mentres que o alcohol non se metaboliza circula dentro do sangue. Ademais, o seu efecto diurético contribúe á intoxicación do organismo. Fai falta unha hora para que o organismo degrade o alcohol presente nun vaso de cervexa (17,5 cl), en medio vaso de viño (6 cl) ou nun tercio de vaso de aperitivo (4 cl) tipo anís. O alcohol dilúese máis ou menos axiña no sangue en función do estado de plenitude do estómago e da presencia de graxas dentro da comida. É dicir, beber un vaso de bebida alcohólica en xaxún fai “efecto” de inmediato, mentres que co estómago cheo acontece o contrario. E canto máis elevada é a graduación do alcohol, máis axiña pasa ó sangue circulante.
Alcohol e alimentos
Alcohol e hidratos de carbono. O consumo de alcohol pode provocar unha hipoglicemia (nivel de azucre por debaixo do normal), particularmente entre os máis vulnerables, como a xente nova e persoas diabéticas, se non se acompaña de alimentos sólidos hidrocarbonados (pan, arroz, galletas…).
Alcohol e graxas. Nas persoas con predisposición xenética a hipertrigliceridemia, pódense observar taxas de triglicéridos moi altas incluso con inxestións moderadas de alcohol. Os triglicéridos normalízanse despois de 2 a 3 semanas de abstinencia.
Alcohol e vitaminas. O estado vitamínico das persoas é indiscutiblemente perturbado no alcohólico crónico.
Vitamina B1:> O alcoholismo é a causa principal da carencia de tiamina, que cursa con trastornos neurolóxicos.
Vitamina B6: A súa carencia contribúe á aparición de problemas psíquicos e neurolóxicos.
Vitamina A: En caso de intoxicación aguda pode perturba-los mecanismos de adaptación á escuridade.
Vitamina D: No alcohólico crónico presénciase unha baixada da vitamina D circulante favorecendo a aparición de osteoporose.
Alcohol e auga. A intoxicación alcohólica aguda provoca o aumento da producción de ouriños (efecto diurético), que o organismo compensa sobreestimulando o “centro da sede”. Así, para calma-la sede acábase bebendo máis, co que se cae nun círculo vicioso.
Alcohol e “calorías baleiras”
O valor calórico dunha bebida alcohólica depende directamente do seu grao de alcohol. O alcohol achega 7 kcal por gramo, pero esta fonte de enerxía non se utiliza para o traballo muscular, xa que se trata de calorías baleiras (desprovistas de nutrientes). Ademais, o alcohol consome grandes cantidades de vitaminas do grupo B para a súa degradación e sitúa o organismo ó bordo do estado de deficiencia, polo que un consumo elevado de bebidas alcohólicas desequilibra a alimentación.
A ración cotiá…
O organismo tolera sen problema un consumo moderado de alcohol. Por consumo moderado enténdese o consumo habitual de 10 a 30 gramos de alcohol ó día. Dado que as mulleres metabolizan o alcohol máis de vagar cós homes e que, como media, o seu volume corporal é menor, o límite do consumo moderado nas mulleres é de 20 gramos ó día. Unha inxestión de 20-30 gramos de alcohol correspóndese aproximadamente con 2 ou 3 bebidas alcohólicas, ben sexa unha cervexa de 330 mililitros, un vaso de viño de 80-100 mililitros ou a cantidade habitual nunha copa de bebidas espirituosas (anís, coñac, etc.).
Evidencias do efecto do alcohol sobre a saúde
enfermidade isquémica do corazón en homes e mulleres. Sen embargo, fronte a este efecto favorable, o consumo moderado de alcohol aumenta o risco de obesidade, hipertensión arterial, hipertrigliceridemia, enfermidades hepáticas, pancreatite, gastrite, cancro orofarínxeo, de esófago e de estómago, e noutra orde, o risco de sufrir accidentes de tráfico e semellantes.
¿Como coñece-la cantidade de gramos de etanol que consumimos?
O alcohol, chamado etanol ou alcohol etílico, atópase en distintas porcentaxes en cada tipo de bebida: do 0,9 ó 5% nas cervexas; do 10 ó 12% nos viños naturais e do 40 ó 50% en licores destilados. Ten unha densidade de 0,8. Isto significa que 1 centímetro cúbico de alcohol pesa 0,8 gramos. A seguinte fórmula proporciónanos en gramos a cantidade consumida de alcohol en función do volume inxerido e do grao alcohólico:
Exemplo: ¼ de litro de viño (25 cl) de 11º proporciona (11 x 0,8 x 25) / 10 = 22 g de alcohol puro.
Vaso de viño tinto – 5 g (15 cl) | Chupiño de brandy – 15 g (5 cl) |
---|---|
Vaso de viño branco – 12 g (15 cl) | Chupiño de licor – 8 g (5 cl) |
Cervexa (botellín) – 9 g (25 cl) | Chupiño de augardente – 17 g (5 cl) |
Botella de sidra – 30 g (75 cl) | Chupiño de whisky – 16 g (5 cl) |
Copa de vermouth – 21 g (15 cl) | Chupiño de xinebra – 16 g (5 cl) |