Só para algúns

Cámaras dixitais

Antes de se decantar por un determinado tipo de cámara fotográfica cómpre valorar se as novísimas cámaras dixitais, penúltima entrega dun mercado da fotografía que está en continua transformación, constitúen realmente unha opción mellor cás tradicionais
1 Abril de 2001
Img miscelanea listado 129

Cámaras dixitais

/imgs/20010401/miscelanea03.jpg
A inmediatez que lle ofrece ó usuario a tecnoloxía dixital avanza de xeito aparentemente irrefreable. Sen embargo, o sistema tradicional, cos seus carretes e negativos, mantén a súa hexemonía. Dos 76 millóns de cámaras vendidas o ano pasado no planeta, só o 12% eran dixitais. Aínda son unha opción cara se se compara coas cámaras convencionais, das que se atopan modelos de non máis de 10.000 pesetas que ofrecen unha resolución moi aceptable.

De tódolos xeitos, a brecha entre unhas e outras non para de diminuír. Xa hai cámaras dixitais de calidade por 100.000 pesetas aínda que se se opta por unha profesional, como as réflex dixitais, cómpre desembolsar por riba do medio millón de pesetas. Outro escollo é a esixencia de dispor dun ordenador para utilizalas, o que, hoxe por hoxe no noso país, non está ó alcance de toda a poboación. A tendencia é clara: as cámaras dixitais iranse impoñendo. Pero, nunha etapa de transición coma esta, o usuario fará mellor se antes de mercala sopesa qué lle ofrece cada sistema.

Cómo son as cámaras dixitais

Estas cámaras substitúen o carrete por un sensor que converte a luz en impulsos eléctricos. A imaxe fíxase nunha memoria desde a que, antes ou despois, haberá que transferila ó ordenador. O que diferencia as cámaras dixitais entre si é a calidade coa que fan as fotografías e o sistema mediante o que as gardan. Así e todo, todas coinciden en que inverteron o proceso convencional de concibi-la fotografía. O habitual era que os usuarios entregasen nas tendas de revelado os carretes e recollesen as copias en papel. Se querían introducir algunha instantánea no ordenador, debían utilizar un escáner, coa mingua de calidade que iso aínda supón. As cámaras dixitais danlle a volta ó proceso. Desde un principio crean un arquivo dixital que contén a imaxe, e que está xa listo para a súa manipulación electrónica. Se de aí o usuario desexa obter unha copia en papel, deberá facelo a través dunha impresora. Así que, neste caso, a perda de calidade prodúcese no paso ó soporte físico.

Polo de agora, prezos elevados

Á hora de escollermos unha cámara dixital cómpre reparar en que permita, cando menos, 1.280 x 960 píxeles de resolución real óptica ou, o que é o mesmo, 1,3 megapíxeles. Deste xeito pódense conseguir impresións de calidade ata os 15 x 23 cm. O adxectivo “real” cando se fala de resolución non é trivial. Se o fabricante o omite pode ser porque esa resolución non a consegue a cámara, senón un programa informático encargado de imaxinar puntos que o obxectivo non captou, o que se coñece como interpolación. É, en definitiva, unha trampa tecnolóxica trala que se pode agochar un producto de calidade mediocre.

O prezo mínimo dunha máquina con estas características anda arredor das 100.000 pesetas. Para acadar unha calidade maior, que permita imprimir copias de dimensións máis grandes sen mingua de nitidez, o óptimo é unha cámara de 1.600 x 1.200 (1,9 megapíxeles), que custa unhas 50.000 pesetas máis, ou de 2.048 x 1.531 píxeles (3,1 Megapíxeles), que custa máis de 200.000 pesetas. A partir de aí, os prezos e a calidade dispáranse, e só son útiles para usuarios profesionais. Un detalle importante é que canta máis resolución permitan, máis memoria requirirán para garda-las tomas.

Características ‘dixitais’

Amais dos elementos comúns co resto de cámaras (como a óptica, o flash e a comodidade de emprego) o formato dixital posúe as súas características propias. O visor (a pantalla que teñen os modelos de gama media e alta) permite o control real das tomas, en particular as próximas. Tamén é o lugar no que se ven as imaxes xa tomadas. Sen embargo, en condicións de forte iluminación exterior resulta difícil unha lectura correcta. Gastan moita electricidade, polo que, se non se pode apagar, a duración das baterías verase resentida.

Basicamente, hai dous sistemas de almacenamento: as tarxetas de memoria flash (nada que ver coa iluminación) e os disquetes tradicionais. A primeira opción é a máis rápida e a de maior capacidade. Na súa contra está o prezo, que, hoxe por hoxe, non permite ter varias tarxetas para usalas como carretes. Así que o usuario está obrigado a transferir cada pouco tempo as instantáneas ó equipo informático. Existen dous modelos incompatibles entre si: un que agrupa á maioría de fabricantes e outro que desenvolve Sony.

Os disquetes son máis cómodos. Pódense ler directamente no ordenador, polo que non é preciso conectar molestos cables para move-las fotos da cámara ó PC. O seu baixo prezo (arredor de 50 pesetas cada un) permite ter varios e substituílo coa mesma facilidade que os carretes convencionais. Na súa contra está a capacidade: en cada disquete só caben unhas poucas imaxes de pouca resolución. Ademais, son máis lentos á hora de grava-las imaxes e acceder a elas.

Resumindo: a maior vantaxe da fotografía dixital é a rapidez. Non se precisa tempo para revelar ou escanea-las fotos, xa que se crea directamente un arquivo de imaxe que se pode ver ó momento nun ordenador. Ademais, a maioría das cámaras inclúen unha pequena pantalla que permite visualiza-la imaxe tal e como quedou. Se non gusta o resultado pódese borrar e repetir tantas veces como sexa preciso, sen consumir carretes nin revelado: só electricidade. E as imaxes poden ser manipuladas de contado desde un ordenador e enviadas por Internet a calquera parte do mundo.

Antes de comprar unha cámara digital convén:
  • Buscar unha que funcione como a maioría das tradicionais que se manexaron. Non é práctico mercar unha que tamén grave secuencias de vídeo ou son se non se vai empregar esta función.
  • Comproba-los menús da cámara e decidir por aqueles que resulten intuitivos e fáciles de navegar. As diferencias poden ser notables.
  • Non elixir unha que só teña unha pequena pantalla para encadra-las tomas. Teñen mala visualización con luz solar, e o seu uso require unha posición incómoda. Cando menos, debería ter un visor óptico.
  • A conexión co ordenador é básica. A mellor opción é o cable USB, porque serve indistintamente para PCs con menos de cinco anos e Macintosh posteriores ó iMac. Ademais, é áxil e pódese enchufar co ordenador aceso. Se é máis antigo, é mellor decantarse polo paralelo (máis común, pero moi lento) ou o SCSI (máis rápido, pero menos habitual).
  • As cámaras dixitais deberían vir con documentación escrita. Despois de pagar preto de 200.000 pesetas, non parece axeitado obriga-lo usuario a imprimi-la documentación, se ben nalgúns casos iso podería supoñer reduci-lo consumo innecesario de papel.
  • O gasto enerxético destas cámaras dixitais é bastante alto, polo que o usuario deberá mercar un par de xogos de pilas recargables, non sendo que a cámara os inclúa ou empregue pilas de litio.
  • A maioría das impresoras de chorro de tinta actuais permiten imprimir fotografías cunha calidade aceptable. O problema é o alto prezo da tinta e o papel fotográfico. Por iso, á hora de pasalas ó papel cómpre pensar se non é máis rendible leva-las imaxes dixitais a unha tenda de fotografía que ofreza servicios de impresión.
  • Comproba-la velocidade de reproducción das imaxes xa tomadas; se non, haberá que agardar moitos segundos para ve-lo resultado do disparo fotográfico.