Viaxar en avión
O billete…
- Ó recibi-lo seu billete: preste atención á hora límite de aceptación do voo, e asegúrese de que os datos que aparecen son correctos. E reconfirme a súa reserva no prazo establecido, se así llo advertiron na axencia de viaxes.
- Facilítelle o seu número de teléfono á axencia de viaxes ou compañía aérea, para que lle poidan comunicar calquera modificación do voo.
- O billete de avión é nominativo (só pode ser utilizado polo seu titular). Se o perde, comuníquello á oficina na que o adquiriu, para que lle fagan un duplicado ou lle reintegren o importe (menos un pequeno gravame).Fará os trámites máis doados se no momento no que o merca anota o seu número de serie e o lugar e da data de emisión.
- Conserve o billete ata o final do traxecto, xa que llo poden requirir en calquera momento do mesmo. Ademais, precisarao en caso de reclamación.
A equipaxe..
- Pida o correspondente talón ó factura-la equipaxe.
- En clase turista só permiten transportar ata 20 quilos de equipaxe por persoa, e en Primeira, 30 quilos.
- En caso de perda ou demora na entrega, comuníqueo de contado no mostrador da compañía e presente a denuncia. As indemnizacións en voos nacionais son de ata un máximo de 2.700 pesetas por quilogramo, cun límite de 54.000 pesetas por maleta perdida ou pola deterioración da equipaxe facturada ou de man. E no caso de demora na entrega da equipaxe facturada, a compensación alcanzará unha cantidade equivalente ó prezo do billete. En voos internacionais, consúltelle á aeroliña coa que viaxa.
- En previsión de futuras reclamacións, declare os obxectos de valor que transporta e considere tamén a posibilidade de aseguralos.
A viaxe…
- En voos regulares nacionais, preséntese a embarcar cando menos 30 minutos antes da hora de partida do avión, e 90 minutos antes nos internacionais.
- As compañías aéreas non responden por perdas e danos en atrasos ou cancelacións. Pero se acontece, pode solicitárlle-la devolución do importe e o pagamento da hospedaxe e da manutención.
- Se durante a viaxe, o voo se interrompe e debe facer escala, a compañía está obrigada a pór á súa disposición outro medio de transporte que o leve ó seu destino final o máis axiña posible, non sendo que vostede desexe que lle reintegren a parte do traxecto que non percorreu. Ademais, ten dereito a que lle reintegren os gastos que se derivenda súa estancia obrigada: manutención e aloxamento.
Reclamacións…
- En caso de problemas (perda da equipaxe, cancelación do voo, overbooking…), procure solucionalos primeiro co prestador do servicio de transporte. Se non chegan a un acordo, pode reclamar ante a Dirección Xeral de Aviación Civil.
- Se o problema se refire ós servicios do aeroporto, pode reclamar ante o Ente Público Aeroportos Españois e Navegación Aérea (AENA).
Overbooking...
- O overbooking (denegación de embarque a pasaxeiros pola venda dun número de billetes maior có das prazas que ten o avión) non está prohibido, pero si está regulado pola Unión Europea.
- Se vostede é víctima do overbooking, ten dereito a unha indemnización da compañía. Fixarase segundo os quilómetros que vaia percorrer, e son comúns para o conxunto da UE: en voos de ata 3.500 quilómetros, ascenderá a 150 euros (unhas 25.000 pesetas), e nos que superen esta distancia a 300 euros (preto de 50.000 pesetas). Estas compensacións poden reducirse á metade se o seguinte voo está dispoñible nun prazo de dúas e catro horas, respectivamente.
- Amais do pagamento da indemnización, a compañía está obrigada a conducilo ata o destino final no primeiro voo seguinte dispoñible. O usuario pode tamén optar polo reembolso do prezo do seu billete.
- Amais destas compensacións, pode esixirlle á compañía que se faga cargo dos gastos orixinados por unha chamada telefónica ou un fax ó punto de destino, pola comida e bebida, que debe ser suficiente en función do tempo que deba agardar, e polo aloxamento nun hotel se precisa quedar alí unha ou varias noites.