Seguros de automóbil

As aseguradoras impoñen as súas condicións

O ano pasado recadáronse en España 1,28 billóns de pesetas en concepto de primas de seguros de automóbil, un 16% máis ca en 1999, segundo a patronal UNESPA (Unión Española de Entidades Aseguradoras e Reaseguradoras). Sen embargo, a outra cara da moeda para as aseguradoras é o billón de pesetas que aboaron no 2000 por sinistralidade, o que dá unha idea da relevancia deste tipo de póliza.
1 Abril de 2001
Img informe listado 124

As aseguradoras impoñen as súas condicións

En España, a dos automóbiles é a segunda modalidade de seguros que máis diñeiro recada cada ano, moi por riba dos seguros de enfermidade e danos varios, e por detrás tan só das pólizas de vida individuais. Por se isto non fose abondo, e aducindo o elevado índice de sinistros de circulación, as aseguradoras incrementaron as primas das pólizas un 30% no 2000 e outro 15% este ano. Ademais, endureceron as condicións dos contratos, xa que como saben que o seguro é obrigatorio, son as propias entidades as que fixan as condicións.

Ós consumidores só lles queda a opción de comparar e optar pola que consideren que lles ofrece unha mellor calidade-cobertura-prezo. CONSUMER elaborou o perfil de tres usuarios (muller de 27 anos, 5 anos de antigüidade no carné de conducir, cun Seat Ibiza; home de 20 anos, con 2 anos de carné, conductor dun Peugeot 206, e home de 50 anos, con 25 anos de carné de conducir e que desexaba asegurar un Ford Mondeo), e técnicos da revista, facéndose pasar por eses clientes ficticios, solicitaron en diversas entidades aseguradoras información sobre pólizas de seguros e tarifas para un vehículo novo. Tres son as principais conclusións que se derivan do estudio: por unha banda, os numerosos atrancos das compañías de seguros para facilitarlles información ós consumidores e a pouca claridade das súas explicacións; por outra, a disparidade de prezos, de condicións e as grandes diferencias dos paquetes pechados que ofrece cada unha, e para rematar, a negativa da gran maioría das compañías para admitir como titulares dun seguro de automóbil a algúns conductores, por seren considerados grupo de alto risco.

Xuventude e inexperiencia, unha mestura explosiva e cara

Ser menor de 25 anos, home e cun carné de conducir de antigüidade inferior ós 2 anos garante que practicamente ningunha aseguradora permita figurar a alguén con esas características como titular dunha póliza de coche, debido á alta taxa de sinistros dese grupo da poboación.

Así e todo, algunhas compañías arríscanse a asegurar ós máis novos, pero, iso si, cunhas primas que poucos petos poden pagar. Así, Allianz permite en ocasións a subscrición dunha póliza cun tomador novo e novel. No suposto formulado por CONSUMER (seguro a todo risco para un Peugeot 206 XND conducido por un mozo de 20 anos, con 2 de carné), a prima da aseguradora ascende ás 750.000 pesetas. Outra posibilidade, bastante máis económica, é solicitarlle un orzamento a Mares (empresa creada por Mapfre para atender este tipo de situacións). Esta compañía ofrece unha póliza cunha prima de 498.363 pesetas para este suposto.

Consorcio de Compensación de Seguros

Para os rexeitados polas compañías de seguros, queda unha última opción: o Consorcio de Compensación de Seguros. Non obstante, este organismo estatal só tramita o seguro de responsabilidade civil obrigatoria limitada. Cobre os danos causados a outras persoas ou cosas, pero non os propios. As garantías de indemnización no caso de sinistro están limitadas, segundo a lexislación vixente, ata 56 millóns de pesetas (336.579 euros) por víctima para os danos persoais e ata 16 millóns de pesetas (96.165 euros) por sinistro para os danos materiais. No caso de se superaren estas cifras, o gasto restante pagarao o autor dos danos.

Quen requira optar polos servicios do consorcio, debe presentar 2 documentos acreditativos remitidos por outras tantas aseguradoras nos que conste a denegación de subscrición do seguro.

Seguros tamén en Internet

O mundo dos seguros tamén irrompeu na Rede, e xa é posible solicitar orzamento e contratar unha póliza a través de axencias de seguros virtuais. Póliza.com e Segurauto.net, entre outras, comprométense a selecciona-las mellores propostas, ofrecendo a contratación on line e a tramitación de sinistros.
Outra posibilidade son as compañías tradicionais que tamén apostan por Internet. Direct Seguros, Allianz, Fénix Directo e Liña Directa Aseguradora ofrecen xa os seus servicios a través da rede, posibilitando a consulta de tarifas/orzamentos en tempo real, despois de cubrir un cuestionario. Amais de poder obter in situ un orzamento, estas aseguradoras ofrecen descontos que alcanzan ata un 6% se a contratación se realiza a través de Internet. Pero ollo: en Internet soamente aseguran a conductores con bonificacións.

Tipos de seguro

  • Seguro a terceiros Consta da responsabilidade civil obrigatoria e voluntaria ilimitada, da defensa xurídica e da reclamación de danos.
    Vantaxes: a compañía aseguradora paga os danos materiais e persoais, xeralmente sen límite de indemnización. Desvantaxes: cando o accidente é pola nosa culpa, a póliza non cobre os danos producidos no noso propio vehículo.
  • A terceiros mellorado
    Ó non incluí-lo seguro a terceiros ningún tipo de dano producido no propio vehículo do asegurado, as entidades ofrecen a posibilidade de amplia-la cobertura da póliza máis básica engadíndolle asistencia en viaxe, rotura de cristais, roubo, incendio, accidentes dos ocupantes ou insolvencia de terceiros. Vantaxes: sen ter que pagar tanto coma nun seguro a todo risco, quedan cubertos a maioría dos puntos que sofren danos máis a miúdo. Desvantaxes: non cobre outros danos propios.
  • A todo risco
    É o seguro con maior cobertura, xa que abrangue practicamente tódolos danos propios e alleos do vehículo, independentemente de quen provocara o sinistro. En caso de perda total, as aseguradoras indemnizan o 100% do valor de novo que ten o vehículo no mercado no momento de acontece-lo sinistro sempre e cando este teña unha baixa antigüidade, xeralmente un ou dous anos. Vantaxes: os danos máis frecuentes que pode sufri-lo seu vehículo están cubertos polo seguro, aínda que o accidente o provocara vostede. Desvantaxes: o seu elevado prezo.
  • A todo risco con franquía
    Ó contratar un seguro a todo risco con franquía, o asegurado comprométese a pagar unha parte fixa dos danos ocasionados no seu vehículo. O resto págao a compañía. É un sistema no que o asegurado e a aseguradora comparten riscos. Vantaxes: O seu prezo é máis baixo ca un Todo Risco sen franquía. Recomendable para vehículos moi caros que esixen pólizas moi altas, e para usuarios pouco propensos a sufriren pequenos golpes. Desvantaxes: no caso de accidente, o asegurado sempre paga unha parte fixa dos danos polo que non é recomendable se se teñen sinistros frecuentes e de pouco dano.

Para contratar un seguro de automóbil…

  • Visite varias Compañías, compare calidade-cobertura-prezo e as vantaxes e desvantaxes de cada unha delas.
  • Lea atentamente a póliza, e non dubide en preguntar sobre os termos do contrato de seguro que descoñeza. Pida que lle expliquen as posibles interpretacións de cada cláusula. Evite cláusulas excesivamente xenéricas que permitan diferentes interpretacións.
  • Determine co asegurador, para que quede ben claro no contrato, a cobertura, o que cobre o contrato, e as exclusións, o que non cobre o contrato. Estas últimas deben estar salientadas para que poida advertilas claramente.
  • Esixa que tódalas modificacións ou engadidos do contrato de seguro sexan formalizadas por escrito. Desconfíe da información verbal.
  • Pida que consten por escrito no contrato as bonificacións ás que poida optar por non ter sinistros no período de duración do seguro. Proceda da mesma maneira ante os posibles recargos por declarar determinado número de sinistros.
  • Garde unha copia da póliza, e conserve os recibos do pagamento das primas.
  • Se contrata unha cobertura a todo risco, non esqueza declara-los accesorios e extras do coche que desexa incluír na póliza.
  • Respecte os prazos e procedementos de comunicación do sinistro.
  • Facilite todo tipo de información e colaboración sobre os feitos e circunstancias do sinistro.
  • No caso de cancelación do seguro, comuníqueo por escrito con dous meses de antelación.
  • Se é vostede propietario dunha caravana, debe asegurala cun seguro de responsabilidade civil, independentemente de que a utilice ou non. O incumprimento desta obriga supón o pagamento dunha sanción de 100.000 a 500.000 pesetas (601 a 3.005 euros).
  • Se quere sabe-los datos dun automobilista fugado, pode acudir coa matrícula contraria ó Consorcio de Compensación de Seguros.
Nova normativa do seguro

O pasado día 13 de xaneiro, foi aprobado o novo Regulamento sobre Responsabilidade Civil e Seguro na Circulación de Vehículos a Motor. Deste xeito adáptanse os seguros do automóbil á normativa europea de circulación. A partir de agora, os automobilistas que resulten accidentados terán cuberta toda a factura de asistencia sanitaria ata a total recuperación, independentemente do centro hospitalario que asista ó ferido. Outra novidade da norma é que a partir de agora os seguros cubrirán indemnizacións ás víctimas de conductores suicidas ou bébedos, ou baixo a influencia de drogas, pero mantendo as compañías o seu dereito para actuar contra o culpable.

Queda fixada por primeira vez neste seguro unha contía ilimitada para gastos sanitarios, fixando por separado as contías de danos, de bens, de custas de asistencia médica e de enterro e funeral. Ademais, tódolos conductores terán un certificado de antecedentes de sinistralidade, de maneira que as compañías aseguradoras coñezan o verdadeiro risco que asumen ó contrataren a póliza e que servirá para determina-lo prezo. O novo regulamento permite tamén o cruce de datos entre o Consorcio de Compensación de Seguros e a Dirección Xeral de Tráfico, para coñecer qué vehículos circulan sen o seguro obrigatorio, que se estima na actualidade en preto de 1,5 millóns de vehículos.

Malia a que a Automobilistas Europeos Asociados (AEA) se amosan satisfeitos co novo Regulamento e coidan que é beneficioso para os automobilistas, anunciou que recorrerá a norma perante o Tribunal Supremo, ó considerar que a exclusión de conductores falecidos ó saí-lo seu vehículo da estrada é inadmisible e lesiona gravemente os dereitos dos prexudicados neste tipo de accidentes.