Comezar a andar e deixarse levar, pero respectando o medio

Sendeirismo

A camiño entre deporte, paseo e viaxe, o sendeirismo é unha das actividades de lecer que máis adeptos gaña nestas datas, por combina-lo contacto directo coa natureza e un exercicio tan intenso como desexa quen o practica
1 Abril de 2001
Img medioambiente listado 117

Sendeirismo

Federacións de montaña e organizacións ecoloxistas coinciden en sinalar que se trata dunha práctica cada vez máis popular, pero que se realiza a miúdo de maneira indebida. Quen visita esporadicamente as zonas propicias para o sendeirismo non sempre se decata das agresións ás que pode someter estas paraxes naturais e esquece un dos principios básicos do sendeirismo: o respecto ó medio natural.

Tipos de sendeiros

Un sendeiro é un itinerario deseñado para visitar lugares de interese paisaxístico, cultural, turístico, histórico e social a través de camiños ou pistas. Distínguense catro tipos:

  • Sendeiros de Gran Percorrido (GP): de distancia superior ós 50 quilómetros, a súa sinalización (en penedos e árbores) é branca e vermella. Apareceron en Cataluña hai case vintecinco anos, debido á súa veciñanza con Francia, onde o proxecto avanzara moito a partir de 1945. O GP 7 -primeiro gran percorrido español- comezou a ser balizado no 1974, pero ata mediados dos oitenta non se crearon no noso país comités de sendeiros dentro das federaciónsterritoriais de montañismo.
  • Sendeiros de Pequeno Percorrido (PP): a súa distancia é de entre 10 e 50 quilómetros, e sinalízanse en branco e amarelo.
  • Sendeiros Locais: non superan os 10 quilómetros e indícanse en branco e verde.
  • Sendeiros Urbanos: circunscritos a un ámbito urbano, a súa sinalización é amarela e vermella.

O calzado, básico

O elemento básico para o sendeirismo é o calzado. Aínda que calquera calzado cómodo serve para andar por un camiño en bo estado durante un par de horas, se pretendemos facelo durante todo o día, considerando que na nosa ruta atoparemos toda clase de terreos, deberemos elixir un calzado máis axeitado. A oferta do mercado é amplísima, aínda que sempre debemos optar por un que amarre ben o nocello. Para quen pensa adquirir calzado específico para sendeirismo, o máis conveniente é consultar cun experto que o asesore sobre os tecidos de última xeración e sobre qué tipo de bota ou zapatilla de trekking se adapta mellor ás súas necesidades.

A mochila é tamén importante, aínda que para saídas dun día non se precisa nada especial: algo de comida, unha gorra, un teléfono móbil, unha botica básica de primeiros auxilios e, segundo a época do ano, unha prenda de abrigo, gafas de sol e un impermeable.

Por suposto, cómpre non esquecérmo-la auga. E se no camiño atopamos fontes (de auga potable, ¡ollo!) convén aproveitalas para beber e enche-la cantimplora, nunca se sabe ónde atoparemos outra.

Hábitos elementais

Algúns resultan decisivos para que o primeiro contacto co sendeirismo nos deixe unha boa lembranza e nos anime a repeti-la experiencia. Amais de coñecer teoricamente a ruta e estar ben equipado, hai que aprender a dosificarse. Por exemplo, non debemos afronta-la subida a un monte do Pirineo sen ter xa o hábito de andar (costa arriba) durante varias horas. No sendeirismo é esencial non esgota-las forzas e camiñar relaxado, polo que non se debe un frustrar se ó principio as pernas non responden e as pendentes se eternizan. Irase collendo resistencia e potencia ós poucos. Cómpre tamén non esquece-lo quecemento: o bo camiñante sabe que antes e despois de comezar a andar hai que efectuar estiramentos para aface-los músculos ó esforzo.

Sortea-los obstáculos

O sendeirismo non é un deporte extremo, pero require dunha técnica superior á do simple camiñar. O primeiro que debemos aprender é a mantérmo-la calma se xorde algún problema. E sairemos máis doadamente das situacións difíciles se non esquecémo-lo teléfono móbil, informámo-la nosa familia ou amigos sobre a ónde nos diriximos e se camiñamos sempre acompañados. Para atravesar un río (só se a corrente non é perigosa e a profundidade non supera o xeonllo), avánzase de pedra en pedra cun pé detrás do outro, buscando o equilibrio dinámico. Ó descender pendentes, hai que baixar mirando a pendente e chantando os talóns a cada paso para garda-lo equilibrio, e evita-las caídas ou rodar incontroladamente. Tamén para as subidas hai truco: tomalas con calma, con pasos curtos e camiñando a relanzo. É preferible evita-las zonas de silvas, arbustos espesos e matogueiras, xa que saír deles pode resultar esgotador e facer que rematemos cheos de rabuñaduras. Ademais, nestas zonas é máis doado perde-la orientación. Se nos desorientamos e non atopámo-la seguinte marca nun penedo ou árbore, teñamos en conta os puntos cardinais: o sol sae polo Leste, ponse polo Oeste e está ó Sur. A carriza das árbores proporciona outra pista: indican o Norte.

Se cae o neboeiro, unha das máis perigosas dificultades que presenta o monte, hai que descender ata buscar un río e seguilo, xa que sempre nos levará a unha poboación. Se nos sorprende unha tormenta eléctrica, cómpre evita-los lugares altos, e deberémonos desfacer dos obxectos de metal, amais de buscar un descampado para afastármonos das árbores. Se cae a noite, o mellor é buscar un refuxio entre as árbores e quedar quedo ata o amencer.

Sendeirismo respectuoso coa natureza

  • Non abandone nin soterre o lixo. Deposíteo nun punto de recollida. Recolla os refugallos que atope, aínda que non sexan seus.
  • Coidado co lume. Non acender cacharelas, nin sequera en lugares habilitados para isto. Leve a comida feita.
  • Respecte e coide as fontes, ríos e outros cursos de auga. Non bote neles xabón, deterxente, productos contaminantes nin residuos de ningún tipo.
  • Non converta a natureza nun taller, non cambie o aceite do seu coche nin o lave nunha quenlla.
  • Non acampe por libre. Respecte os lugares destinados para iso. Non destrúa o solo abrindo gabias ou buratos arredor da tenda: estragan o terreo e non serven para nada.
  • Marque a ruta. Se se apoiou no montículo que sinala a ruta, ou se decata de que perdeu rochas, engada unha ou dúas máis para mantelo.
  • Non arrinque flores, pólas, nin moleste a fauna. Moitos animais e plantas están protexidos pola lei, lémbreo.
  • Empregue o vehículo de motor o menos posible, úseo para desprazarse pola estrada e só o imprescindible por pistas, e se o fai circule a modo e sen saír delas. O ruído é tamén un xeito de contaminación, polo tanto, evite xerar ruído co seu vehículo. Peche portelos, enreixados, trancas, portas de cabanas, etc., que atope polo campo, para evita-lo paso de gando ou outros animais.
  • Atravese as terras de labor polos camiños e non pise o sementado.
  • Respecte os camiños. Os atallos deterioran o solo e crean lameiras que poden facer desaparece-lo sendeiro orixinal.
  • Os cans deben ir atados para que non molesten a outros camiñantes, nin asusten o gando ou outros animais.

Algunhas propostas de rutas de sendeirismo

  • Pico de Majalasna(Madrid). Esta ruta diríxese ata o primeiro dos Sete Picos. Percorre parte do Camiño Schmid e o val de Fuentefría, pasando pola pradería de Navarrulaque e os Miradores dos Poetas. Pártese dos aparcamentos de Majalvar e son precisas unhas 5 horas para percorrelo.
  • O Canón de Río Lobos (Soria). O profundo canón calcario sucado polo río Lobos é unha Gran Ruta, declarada Parque Natural. O itinerario comeza en Casarejos. Desde a aldea descéndese polo leito do regato Valderrueda ata o corazón mesmo do canón. Tárdase unhas 6 horas en culminar esta gran ruta. (Centro de Información do Parque Natural, teléfono 975 36 35 64).
  • O Bosque de Faias de Tejera Negra (Guadalaxara). Este Parque Natural atópase no recuncho noroccidental de Guadalaxara, no termo municipal de Cantalojas, poboación que serve de acceso e no que se atopa a caseta de vixilancia do Parque. Para visitalo os días de Semana Santa e fins de semana e festivos de outubro e novembro, é obrigatorio un permiso. A reserva para o día de visita obtense no teléfono 949 88 53 00.
  • Galardea (Navarra). En pleno Pirineo Occidental, os vales de Baztán, Bidasoa, Cinco Villas e Malerreka ofrécenlle ó camiñante o marco eternamente verde das praderías. Galardea é unha das moitas rutas e comeza e remata na vila de Zubieta. Os seus 13 quilómetros percórrense en tres horas e media.
  • De Riglos a La Peña, polo porto de San Román (Huesca). Travesía clásica que permite capta-la esencia do Reino dos Mallos. Une as poboacións de Riglos e La Peña nun percorrido que pasa por debaixo dos Mallos Pequenos, sube ó porto de San Román e descende á Foz de Escalete. É moi suave, pero longa: supérase un desnivel de a penas 270 metros e requírense preto de 5 horas para percorrela.
  • O Val do Jerte (Cáceres). Ruta que se debe visitar inescusablemente na primavera, para contemplar no seu esplendor a floración do millón de cerdeiras que recobren as ladeiras do Val do Jerte. O camiño iníciase no Porto de Tornavacas.

Sendeirismo en Internet