Unha decisión difícil, sobre a que debemos reflexionar con datos na man

Elixir colexio

Máis dun millón de alumnos de Educación Infantil (nenos de entre tres e seis anos) asistirá por primeira vez ó colexio o vindeiro curso escolar. Deles, aproximadamente o 65% incorporarase a centros públicos ou concertados, e o resto a escolas privadas.
1 Abril de 2001
Img temap

Elixir colexio

En abril e maio, un bo número de pais deberá matricula-los seus fillos no centro que consideren máis axeitado para eles. Pero, en realidade, a posibilidade de elección non é moi ampla: no ensino público, renda familiar, proximidade do centro ó domicilio e presencia de irmáns no colexio condicionan a posibilidade de admisión e reducen, polo tanto, a marxe de manobra dos pais. E no caso das escolas privadas e concertadas a escasa dispoñibilidade de prazas en moitas delas e, sobre todo, os gastos que deben afronta-los pais (ata 400.000 pesetas por ano e alumno de Primaria nos privados e unha media de 50.000 pesetas nos concertados, fronte ás aproximadamente 15.000 pesetas que representa un centro público) serán os principais filtros de selección. Nestas cifras (calculadas por CONSUMER hai pouco máis dun ano) inclúense as custas seguintes: escolaridade, matrícula, cota de homologación, seguro escolar, enfermería, material funxible da aula, asociación de pais e material escolar e libros de texto.

De tódolos xeitos, e tanto ten que a escola sexa privada, concertada ou pública, convén que os pais a visiten persoalmente, e recompilen unha información que debe proporcionar datos e criterios relevantes de valoración: atoparana nos folletos do propio centro, ou en conversas con pais que mandan os seus fillos a ese colexio, ou a través dunha longa entrevista cos responsables do centro…

Pero iso non é todo, hai outras fontes de información. Sen irmos máis lonxe, CONSUMER reflexionou, co asesoramento de profesionais expertos en educación e de varias ANPAS (asociacións de nais e pais de alumnos) sobre os aspectos fundamentais que deben ter en conta os pais e nais que teñen que elixir colexio para os seus fillos. As conclusións deste informe serviranlles de axuda tamén ós proxenitores que desexan coñecer, cando menos aproximadamente, a calidade real que ofrece o centro ó que acoden os seus fillos a cotío.

¿Público ou privado?

A primeira decisión é optar por un centro público ou privado. Pero este dilema non procede en moitas familias: as moi superiores tarifas dos colexios privados e concertados obríganas a escolarizaren os fillos en centros públicos, independentemente de que os seus desexos fosen outros. Moitos pais, ninguén o dubida, levan os seus fillos a centros públicos por motivos (como a suposta mellor cualificación dos mestres ou a maior facilidade para que se dea a convivencia entre nenos de tódolos sectores sociais) distintos ós pecuniarios, pero é obvio que algúns os enviarían a escolas privadas ou concertadas se non supuxese un desembolso tan superior a fin de ano. Polo tanto, aspectos como o proxecto educativo do centro e os valores sociais que fomenta, a calidade do ensino ou a proximidade ó domicilio quedarán relegados a un segundo plano, xa que a primeira decisión se toma en moitas casas atendendo só a cuestións monetarias.

Envia-los nosos fillos a un centro concertado de Primaria supón, de media, máis có triple de gasto que a un colexio público. Unha cantidade que semella excesiva se se considera que as axudas públicas ós colexios concertados cobren ata un 88% do seu orzamento. Nunha escola que opera de xeito estrictamente privado (sen subvencións oficiais) as cifras dispáranse, e chegan a multiplicar por 10 o prezo dunha concertada e por 25 o dun centro público. En Secundaria, os prezos son un pouco máis elevados pero mantense a tendencia. Así e todo, pagar máis non equivale a garantir unha maior calidade de ensino para os nosos fillos: o elevado custo dos colexios concertados, e especialmente dos privados, non se ven sempre compensados por unhas prestacións académicas de maior calidade.

Nivel de formación

O nivel de formación que os alumnos dun centro escolar adquiren (independentemente da súa titularidade) está relacionado fundamentalmente coa calidade dos profesores, a xestión do colexio e a planificación das materias. Para coñecer estas cuestións esenciais, é conveniente informarse dos resultados do centro durante os últimos anos (seguindo a traxectoria de antigos alumnos, o número de estudiantes que chegou á universidade, os resultados na selectividade do centro se imparte tódalas etapas…).

E pórse en contacto con pais de nenos que leven algúns anos estudiando no centro, para descubrir se están satisfeitos coa formación que reciben. E para rematar, unha visita ós profesores que se encargarán da educación dos nosos fillos permitiranos facernos unha idea das súas actitudes didácticas, da súa experiencia e da metodoloxía pedagóxica que empregan. Cada vez é máis frecuente que os centros se sometan a sistemas de calidade outorgados por empresas externas ó centro que acreditan os parámetros de calidade do ensino que imparten. Informémonos sobre se a escola na que pensamos como posibilidade de elección dispón dalgún destes sistemas de control de calidade.

Públicos, privados e concertados
  • Centros públicos Gratuítos: Imparten Educación Infantil, Primaria e Secundaria Obrigatoria (ESO). Xestiónanos o Ministerio de Educación e Cultura, os concellos, deputacións, comunidades autónomas ou padroados públicos. Se non hai prazas abondas, os pais case non teñen marxe de elección. Só se pode optar ós centros que se cingan ós criterios de admisión establecidos pola Administración. En xeral, menos alumnos por aula cós privados e concertados. A escola pública é laica: pódese elixir ou non a materia de relixión.
  • Colexios privados: Xestiónaos unha persoa, física ou xurídica, privada. A educación finánciana os pais dos alumnos, en tódolos niveis educativos. Os centros poden establecer, dentro das pautas da LOXSE, materias optativas, método de ensino, normas de funcionamento e actividades culturais escolares e extraescolares. Imparten tódolos niveis do ensino. Están autorizados a implantaren o seu ideario, sempre que respecten a Constitución e os dereitos de profesores, pais e alumnos.
  • Colexios concertados: Son centros privados que manteñen acordos coa Administración para que o diñeiro público subvencione unha boa parte do seu custo operativo. Concértase un determinado número de aulas en cada escola, aínda que a miúdo o acordo afecta á maioría das aulas do centro. Deben respectar certas normas do Ministerio de Educación e Cultura (criterios de admisión de alumnos, número máximo de estudiantes por aula, prazos de trámite de matriculación…).
    Imparten de maneira (case) gratuíta fundamentalmente Educación Primaria e ESO. Os niveis de Educación infantil xeralmente non son concertados. Pero, en tódolos niveis, os servicios complementarios (comedor, transporte, actividades extraescolares, asociación de pais e outras moitas pequenas partidas) son financiados na súa totalidade polos pais. A maioría dos concertados son colexios relixiosos que seguen o seu propio ideario na formación dos alumnos.

Idiomas estranxeiros

España aínda está atrasada con respecto ós outros países europeos no tocante ó coñecemento de idiomas estranxeiros e este é, sen dúbida, un dos grandes retos para as escolas, tanto públicas coma privadas. Aínda que en moitos centros se introduce o segundo ou terceiro idioma a idades cada vez máis precoces, as horas semanais dedicadas a esta disciplina son aínda insuficientes.
Está máis que constatado que unha persoa que estudiou un idioma estranxeiro na escola desde os 6 ata os 18 anos durante tres horas semanais ten enormes carencias para desenvolverse nesa lingua, especialmente na expresión oral. Por iso, debemos valorar moi positivamente que un centro imparta máis horas de idioma estranxeiro cás fixadas pola Administración, e que organice cursos para reforza-lo idioma fóra do horario lectivo ou que ofreza estancias (de verán ou cursos académicos completos) no estranxeiro para perfecciona-lo xa aprendido.

Idiomas en centros bilingües

Hai dous tipos de colexios privados bilingües: os que alternan o castelán con outro idioma seguindo o plan de estudios español, e os que imparten o plan de estudios oficial doutro país. Nos últimos si que se garante a aprendizaxe dun segundo idioma, pero o seu custo é elevado, e non está ó alcance de tódalas familias. Se se opta por un centro bilingüe, será interesante coñecer cántas clases se impartirán en castelán e cántas noutro idioma, a qué idade se irán introducindo estes idiomas e cál será o grao de introducción.

Filosofía, ambiente e imaxe que o centro transmite

Tan interesante como coñece-la formación académica que recibirán os estudiantes é sabe-lo medio no que se van educar. Convén pórse en contacto con pais de alumnos que leven un tempo no centro para coñece-lo contorno, e se os principios e valores que inculcan son os que desexan para os seus fillos, se a convivencia entre alumnos é boa, se o ambiente de estudio que se vive no centro é o axeitado…

A escola non só transmite coñecementos, tamén ten a función de formar persoas complementando a educación que reciben dos pais.
Pódese falar xa dunha reforma educativa neste aspecto, coa introducción dos temas transversais, ou currículo social. Trátase de favorece-la formación integral da persoa incorporando materias en educación moral e cívica como a educación para a paz, para a saúde, a educación sexual, a ambiental, a de consumo, a educación viaria… Ós pais deberíalles interesar coñecer fondamente cál é o enfoque que rexe nas aulas e cómo se traballa nelas. O mellor é falar directamente cos profesionais do centro, e pedirlles que nos describan os pormenores sobre cómo traballan este concepto do currículo social.

Centro laico ou relixioso

A inmensa maioría dos colexios relixiosos son concertados ou privados. Os colexios relixiosos están dirixidos por unha entidade confesional e contan cun proxecto educativo propio (orientado en valores cristiáns), sempre dentro do espírito e a letra da LOXSE.

Unha parte (cada vez menor) do profesorado pertence á orde relixiosa que a dirixe. Nos colexios laicos privados, as normas de comportamento, así como o proxecto educativo, dependen do ideario que siga cada centro. Os valores morais non quedan relegados a un segundo plano, senón que se desmarcan do relixioso, polo que o alumno que o desexe pode educarse en valores relixiosos e o que non o desexe pode facelo en valores universais. O desexable (que non imprescindible) é que exista unha coherencia entre a maneira de pensar e vivir dos pais e o ideario do centro, xa que é o xeito de evitar crear confusión nos fillos.

Traxectoria e prestixio social

Unha longa historia do centro pode ser positiva porque denotaría experiencia e certa unión e continuidade dos profesores. Pero de nada serven os mellores ensinantes se cada ano se incorporan outros novos, que deberán aprende-la filosofía e metodoloxía didáctica do centro. Polo tanto, é aconsellable que unha base, o esqueleto do centro -tanto en profesores coma en xestores ou en estilos de traballo- se manteña relativamente estable, aínda que esta traxectoria resistente ó paso do tempo tamén pode carrexar unha innecesaria pervivencia de tradicións difíciles de cambiar. Esta falta de flexibilidade, polo tanto, pode ser negativa para a escola, e orixinar lentitude en procesos de cambio precisos para adaptarse ós novos tempos e metodoloxías. De aí que unha sabia combinación de estabilidade e renovación sexa a clave da calidade escolar. Cómpre lembrar que tamén os colexios atravesan ciclos, con fases mellores e outras peores. Por este motivo, e aínda que o centro goce de sona e tradición, convén visitalo e conseguir información concreta e actualizada sobre as súas prestacións.

O profesorado

A estabilidade do profesorado é fundamental na consistencia do labor educativo dun centro. E iso porque, aínda que o proxecto educativo dun colexio está por riba das ideas concretas de cada un dos ensinantes, a educación é un traballo no que o carácter persoal e a actitude dos educadores ante os nenos, e a súa disposición a incorporaren as novas fórmulas pedagóxicas, xogan un papel estratéxico. A calidade do profesorado conséguese cando se conta cun equipo conformado ó longo dos anos, que ofrece prestacións coñecidas e contrastadas suficientemente. Pero o excesivo inmobilismo dos profesores pode ser tamén un signo de rixidez, conformismo e escaseza de dinamismo.

Considérase profesorado estable a porcentaxe de docentes dun centro que traballou nel durante os últimos cinco anos. Un centro é estable neste sentido cando cando menos o 75% do seu persoal permaneceu alí durante os últimos cinco anos. En España preto do 70% dos centros cumpren este requisito.

Outra cuestión é a cualificación dos profesores. Non é doado para os pais informarse sobre a calidade profesional (titulación académica, pericia didáctica e pedagóxica, experiencia docente…), pero sempre se pode facer algo. Preguntar directamente a quen xestiona o centro é a mellor maneira de avanzar neste aspecto.

Comedor

Tódolos centros que contan con comedor cobran unha cota extra por este servicio. Nos públicos e concertados, cada comunidade autónoma estipula prezos máximos e mínimos. Os privados teñen total liberdade para estableceren as súas tarifas. Nun informe realizado por CONSUMER en novembro de 1998 constatouse que os menús dos centros públicos eran moito máis baratos cós dos privados, e mesmo algo mellores desde unha perspectiva nutricional.

O estado hixiénico-sanitario das instalacións e a calidade nutritiva do menú son as dúas cuestións esenciais que cómpre considerar. Os pais deben coñecer por adiantado o menú dos seus fillos, xa que así poderán preparar unha cea máis axeitada para eles cada día. Ademais, é preferible que os alumnos máis cativos dispoñan dun comedor á parte onde poidan xantar vixiados por adultos e teñan un menú especial con alimentos fáciles de mastigar, servidos en cantidades apropiadas. O comedor debe ser un marco no que os nenos adquiran correctos hábitos alimentarios. É importante que unha persoa vixíe que se alimentan como é debido, é dicir, que comen ensaladas, verdura, legumes, peixe e froita, precisamente o que máis lles custa e menos agrada, pero tamén o máis nutritivo e saudable. Para rematar, os pais deben saber qué alternativas teñen os nenos no intervalo de tempo desde que acaban de comer ata que entran na clase, se contan con alguén que os vixíe, se poden emprega-las instalacións (biblioteca, ximnasio…), se hai actividades alternativas…

Instalacións

O estado das aulas, dos espacios nos que xogarán os nenos, dos aseos e, en definitiva, de tódalas instalacións polas que ó longo da xeira escolar se moven os cativos, debe ser satisfactorio. Tanto o seu estado de conservación coma as condicións de seguridade que ofrecen son aspectos nos que se deben fixa-los pais cando visitan o centro. Por suposto, canto máis completas sexan as instalacións e equipamentos, mellor formación académica e extraescolar poderán recibi-los nosos fillos. A aula de informática, o laboratorio, o ximnasio ou outras instalacións deportivas axudan a completa-la educación do neno, xa que en certas materias a práctica é imprescindible. Algunhas escolas dispoñen tamén de laboratorios de fotografía, narrativa e idiomas. Pero nalgunhas disciplinas, tan importante coma as instalacións é a existencia de monitores especializados que supervisen os alumnos durante o uso das infraestructuras.

Informática

Os nenos débense familiarizar desde pequenos co uso dos ordenadores. Algúns colexios poñen á disposición dos seus alumnos equipos informáticos para que aprendan a manexalos e poidan realizar traballos de investigación, e algúns ofrecen conexión a Internet. En moitos casos, imparten clases de informática como clases de apoio fóra do horario escolar. Convén preguntar cál é a proporción ordenadores-nenos. Nun de cada tres centros escolares españois, o alumnado non conta con ningún ordenador.

Actividades extraescolares

Canta máis variedade se ofreza, maior será a posibilidade de que o alumno acepte practicar algunha destas actividades extraescolares. Clases de música, danza, idiomas, informática, teatro, xogos, técnicas de estudio e deportes son exemplos abondo coñecidos. É conveniente coñece-los horarios, tarifas e lugares nos que se practican, amais de quén as imparte. Estas actividades son moi enriquecedoras para os máis cativos, xa que amais de aprenderen mentres se divirten, continúan en contacto cos seus compañeiros de clase, nun contexto máis relaxado e propicio para as relacións persoais. Segundo os expertos, forzalos a realizaren unha determinada actividade pode resultar contraproducente. Hai que contar sempre co punto de vista dos pequenos e, na medida do posible, atopar unha actividade que lles produza satisfacción.

Proximidade do centro

É importante na elección da escola, pero non determinante. Non debemos envia-los nosos fillos ó centro que máis nos convén a nós, senón ó máis axeitado para eles, dentro das nosas posibilidades. Moitos pais non poden leva-los seus fillos persoalmente ó colexio, pero o transporte escolar ou a proximidade do centro poden palia-lo problema. Se non está próximo ó domicilio familiar, haberá que ter en conta a compatibilidade dos horarios de fillos e pais, e se o colexio ofrece dous servicios: comedor e transporte escolar. Algúns proxenitores, por outra banda, prefiren escolas próximas para que os nenos poidan seguir convivindo fóra das clases cos seus compañeiros e sigan así en contacto directo co seu medio cotián.

O transporte escolar

Os centros informan ós pais das rutas, as paradas do servicio de transporte escolar e os horarios de recollida. Só se aboa o transporte nos centros non públicos, xa que a Administración cobre este gasto ata o final da ESO. Os concertados e privados recorren máis ó transporte cós públicos, xa que nestes a proximidade ó domicilio discrimina a admisión dos alumnos. Por seguridade, os nenos deben ir acompañados dun monitor no autobús. Os vehículos dedicados ó transporte escolar están obrigados a cumprir medidas específicas de seguridade: sinal indicativo do tipo de transporte, contar cun martelo rompecristais para casos de emerxencia e empregar un dispositivo luminoso de sinal cando os nenos entren ou saian do vehículo. Ademais, o asento do conductor debe estar protexido por unha pantalla transparente e as portas deben contar cun sistema de apertura e peche automático fóra do alcance dos nenos.

Servicio médico

A existencia ou non de servicio médico no centro non debería ser un elemento decisivo na elección dun colexio. Quizais só o sexa en escolas moi arredadas das cidades, nas que o hospital máis próximo estea a moita distancia. De todas maneiras, non deixa de ser un servicio adicional, un valor engadido ou un factor de diferenciación dos colexios privados.

Admisión nos centros públicos e privados concertados

A presentación de solicitudes para estes centros debe facerse en abril e maio. Se o centro non dispón de prazas abondas para atender tódalas solicitudes de ingreso, a elección dos alumnos débese realizar seguindo os criterios de admisión establecidos pola Administración pública. Cada vez que a familia cumpre un destes criterios súmanse determinados puntos á súa solicitude, e cantos máis puntos se alcancen, maiores posibilidades terán de obter praza no centro. É importante saber que no caso de non estar de acordo co centro asignado, só se disporá de tres días para presentar unha reclamación.