Adestrarse e estrearse no investimento bolsista
A Bolsa atrae os aforros de miles de familias españolas. Son xa máis de oito millóns os españois que invisten parte do seu capital no mercado de valores. Só no 2007 o volume de contratación de accións na Bolsa española superou os 1,8 billóns de euros, marca histórica. Unha das alternativas en auxe para entrar no mercado de valores é constituír un club de investimento. Estes clubs están compostos por investidores afeccionados que desexan operar en Bolsa con pequenos capitais. Xubilados, estudantes, universitarios ou amas de casa fixeron os seus primeiros intentos no mercado de valores recorrendo a esta opción. Os clubs son máis interesantes en momentos como o actual, en que predomina a incerteza e a inestabilidade bolsista. Compartir coñecementos económicos e sobre o tecido empresarial entre varios socios pode resultar moi útil para atinar coas accións axeitadas e rendibilizar con éxito os aforros acumulados.
Os primeiros pasos do club
Os clubs de investimento son unha verdadeira escola de iniciación para moitos aforradores que non se atreven a entrar no mercado en solitario. Os seus membros compartirán unha carteira de valores, elixida entre todos e financiada tamén con capital común. Na repartición das ganancias, cada membro recibe unha cantidade proporcional á achega de cada socio ao patrimonio do club, que non ten por que ser idéntica.
O primeiro requisito é que os seus membros compartan a súa paixón pola Bolsa e as súas ganas de aprender as interioridades do mercado. Non fai falta, nin moito menos, ser un experto no mercado de renda variable. De feito, un dos seus obxectivos é promover a formación financeira das persoas que o compoñen. Para formar un club de investimento non fai falta máis que axuntar un pequeno capital e pórse en contacto cuns cantos amigos dispostos a aprender.
Os trámites
Para que o club de investimento teña validez xurídica deberá cumprir diversos trámites. O máis importante de todos é que deberá darse de alta na Delegación de Facenda que corresponda ao domicilio social do club, co que recibirá o seu correspondente NIF. Os clubs operan cun patrimonio propio, configurado xuridicamente como unha comunidade de bens. Así deberá figurar na Acta de Constitución que deberán redactar os socios do club. Nela, figurarán os seus datos persoais (nomes, apelidos, DNI), a súa cota de participación no capital e outros aspectos como o nome do club, o seu obxecto e domicilio social. Esta acta debe ser asinada por cada un dos socios.
Ademais, os socios do club deberán redactar uns estatutos, que serán as disposicións, pactos ou cláusulas polas que se rexerá o club. Neles deberá figurar o nome do intermediario financeiro que mediará na compravenda de valores, é dicir, unha sociedade ou axencia de valores que será a que merque e venda en nome dos socios as accións que eles desexen. Hai que ter en conta que non só estes intermediarios están autorizados a executar directamente a compravenda de accións.
Para se poderen constituír os clubs teñen que contar con cinco socios como mínimo, pero non é recomendable que supere os 50 membros. No tocante ás achegas, tanto as que se realicen ao comezo como as adicionais deberán quedar limitadas nos Estatutos. A Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), que é o organismo que vela polo correcto funcionamento da Bolsa, suxire que o importe total das achegas individuais non supere os 12.000 euros.
Por onde se empeza a investir?
Unha vez constituído o club, os seus membros poden comezar a realizar as primeiras operacións de investimento. En principio, os clubs invisten en accións, aínda que, tamén segundo a súa especialización e coñecementos, poden operar noutros produtos financeiros máis complexos, como os derivados (opcións, futuros, warrants…). O obxectivo é constituír pouco a pouco unha carteira de valores que se poderá modificar coa frecuencia que se desexe. En realidade, funcionan como un fondo de investimento en pequeno. Para decidir en que valores investir, os membros do club deberán reunirse de xeito periódico para conversar sobre a situación das bolsas, os sectores e os valores máis interesantes.
Malia a súa inexperiencia, os socios dun club si que adoitan ser persoas interesadas pola marcha da economía, lectores de prensa económica, publicacións especializadas, asistentes a seminarios… As reunións do club convértense así nun rico foro no que intercambiar información. Tamén resulta moi útil contar co testemuño e experiencia dun experto da sociedade ou axencia de valores coa que opera o club, quen, como especialista, pode ofrecer interesantes argumentos de investimento. Ao final de cada reunión, os socios deberán tomar decisións sobre os novos valores nos que investir, en cales desfacer posicións e en cales manter os cartos.
En principio, o club funciona como unha escola de aprendizaxe de todos os membros, de xeito que o máis recomendable é que se liquiden as ganancias cando todos eles estean de acordo. A liquidación iría asociada á disolución do club. Non obstante, en calquera momento e se así se recolle nos estatutos, os socios poden decidir a repartición dunha parte dos beneficios, que será sempre proporcional ás achegas realizadas por cada un deles.
A quen lle interesa formar un club de investimento
En principio, formar parte dun club de investimento interésalles a todas as persoas amantes da Bolsa que non se atreven a investir de modo individual e que estiman que se sentirían máis cómodas operando en compañía doutros. De feito, tomar decisións en conxunto permite contar con varios criterios e tamén reduce o traballo de busca da información económica que é aconsellable ter antes de lanzarse a investir nun valor.
O máis frecuente é que os clubs estean formados por estudantes de carreiras relacionadas co mundo dos negocios, como Empresariais ou Económicas, que se unen co obxectivo de poren en práctica a teoría que aprenderon nas aulas e intentar, ademais, sacar un diñeiro extra dos seus aforros. Non obstante, os clubs tamén os forman grupos de amigos, empresarios, amas de casa ou xubilados.
Fiscalidade das operacións
Non se require unha tributación especial para as operacións realizadas polos clubs de investimento. De acordo coa última reforma do IRPF, que entrou en vigor en xaneiro do 2007, as perdas e ganancias rexistradas por valores mercados a través dun club tributan do mesmo xeito ca os investimentos individuais. É dicir, hai que pagar impostos por un 18% das ganancias xeradas. O pagamento repártese proporcionalmente en función da participación que posúa cada un dos socios no club.
Como pór en marcha un club
Quizais o máis aburrido e tedioso de formar un club de investimento é todos os trámites burocráticos e administrativos que hai que realizar para inscribilo correctamente. Aquí resumimos agora os que non hai que pasar por alto:
Coa Acta de Constitución asinada (orixinal e copia) e fotocopias dos NIF dos partícipes e os Estatutos un membro do club deberá adquirir nunha delegación da Axencia Tributaria que corresponda ao domicilio social do club un impreso denominado “Modelo 036-Declaración Censal”. Despois de cubrilo debidamente, haberá que presentalo de novo na Axencia Tributaria, na sección de Censos, onde se facilitará un CIF provisional durante seis meses.
Posteriormente, na Dirección Xeral de Tributos haberá que presentar a documentación anterior e cubrir un novo impreso denominado “Modelo 600-Operacións Societarias”. Con todos os documentos selados e etiquetados haberá que volver á Axencia Tributaria na Sección de Censos para poder acceder ao CIF definitivo do Club de Investimento.
Ademais, os membros do club deberán acudir á Sociedade Reitora dunha das catro bolsas españolas (Madrid, Valencia, Barcelona ou Bilbao) para que a súa comunidade sexa incluída na base de datos de clubs, o que lles permitirá acceder a todos os beneficios establecidos para este tipo de entidades.
Vantaxes de pertenecer a un club de investimento
Amais da posibilidade de compartir coñecementos e aprender máis sobre o mercado de valores, ser membro dun destes grupos implica outra serie de vantaxes que o fan atraente fronte ao investimento de modo individual. Algunhas delas son as seguintes:
- Comisións de intermediación máis baixas: a pertenza a un club permite gozar de menores tarifas na compravenda de valores. Os “brokers” cos que traballan os clubs adoitan fixarlles honorarios máis baixos aos clubs ca aos investidores individuais, sobre todo cando realizan un alto número de operacións.
- Asesoramento gratuíto: en moitos casos, os propios intermediarios financeiros envíanlles aos clubs de investimento informes bolsistas con recomendacións de valores de xeito gratuíto.
- Cursos e seminarios: os intermediarios financeiros e as prazas bolsistas (Bolsa de Madrid, Barcelona, Valencia ou Bilbao) nas que tamén se poden rexistrar os clubs ofrecen a posibilidade de asistir a cursos e seminarios de Bolsa gratuitamente.
Nas operacións realizadas a través dun club de investimento tanto se pode gañar como perder. A bolsa non é matemática, co que ninguén pode saber con certeza cales son as accións gañadoras nun período de tempo. No caso de que o club se disolvese e a carteira estivese en perdas, os socios perderían diñeiro (cada un na proporción acorde coas achegas realizadas).
Non obstante, a idea coa que se debe crear o club é investir de cara ao longo prazo para non perder. O idóneo é permanecer no club un período de tempo amplo (a longo prazo está comprobado estatisticamente que a bolsa é o activo de investimento máis rendible). Aínda así, os socios deben saber que poden incorrer en perdas. Non obstante, se se toman varias precaucións (diversificar, apostar por valores grandes, alta rendibilidade por dividendo) pode ser máis doado reducir o perigo.