Urxencias en estado salvaxe
A razón de ser dos Centros de Recuperación de Fauna Salvaxe espallados por España é traballar para devolver á natureza a aqueles animais aos que o ser humano inflixiu sufrimento e lles causou de xeito directo ou indirecto un dano que, de non se reparar, lles causará a morte. A este principio engádese outro obxectivo ao que se dedica igual esforzo: sensibilizar á sociedade de que a natureza é un patrimonio universal que se herda e que debe ser deixado en herdanza.
Os centros de Recuperación son servizos públicos, abertos en cumprimento das leis que obrigan ás institucións responsables da xestión do medio natural a dotalos de medios, persoal e infraestruturas. Están en garda as 24 horas de cada un dos 365 días do ano. A través dos teléfonos de emerxencias actívase o dispositivo para que os seus equipos se dirixan ao lugar onde se atopa o animal ferido e recollelo. No 70% das chamadas é un particular quen advirte da situación; o 30% restante corresponde a avisos de bombeiros ou axentes forestais. Ata que chegue o veterinario para se facer cargo, ao animal non se lle debe dar de beber ou comer, se intenta fuxir e corre risco de danarse máis, pode cubrirse cunha manta ou calquera peza de vestir, aínda que o idóneo é non o tocar.
Os centros funcionan como ‘pequenos hospitais’ deseñados para atender a calquera especie, e suplen as dificultades e falta de infraestrutura cun equipo moi vocacional que se apoia tamén en redes de voluntarios. O tratamento facultativo dos animais salvaxes é moi complexo. Durante todo o proceso, o veterinario debe tratar de non gañar a súa confianza para evitar crear vínculos emocionais e de dependencia: trátase dun animal salvaxe e non pode deixar de selo. Se a primeira exploración descarta o prognóstico de irrecuperable, procédese á sedación. O nivel de estrés que sofre convérteo en moi vulnerable á anestesia; así e todo, é inevitable durmilo para proceder ao diagnóstico.
Realízanse análise de sangue ad hoc (non hai medidas estándares para cada unha das especies ou subespecies), radiografías e endoscopias. Ante todo, debe tratarse de técnicas non invasivas que permitan unha recuperación o menos traumática posible. Só se é ineludible escaiolarase ou vendarase o animal, pero canto menos pegada da cura quede, máis doado será que recupere o seu estado salvaxe.
Unha vez curado, o animal precisa de varios días de rehabilitación. A súa convalecencia arranca en numerosas ocasións do paso traumático dunha cirurxía, e cómpre acadar unha recuperación física a nivel muscular, nutricional e de capacidades motoras.
O éxito de todo o proceso mídese pola capacidade do animal de reatoparse coas súas condicións innatas. Son moitas as ocasións en que hai que instalalo nun espazo de preliberdade. Os voadeiros -zonas en que a ave atopa sen dificultade lugares de pouso-, pozas onde as condicións son completamente favorables, currais onde non existen perigos naturais.
O animal demostra que ten posibilidades de sobrevivir cando cambia de actitude, é dicir, cando o seu voo, nado ou paso é agresivo, as análises descartan anemia e a súa fisionomía se amosa normalizada. Hai que aproveitar o inicio destes síntomas e non prolongar a estancia alén do necesario. Se se erra ao medir o tempo, aumenta o risco de que perda o seu instinto e sen el non sobrevivirá no seu hábitat. Hai que tratar de devolvelo san pero non artificialmente san.
En ocasións, colócanselle ao animal argolas, bandas beiradas ou radiotransmisores que, unha vez reintroducidos no medio natural, facilitan o seu seguimento e permiten comprobar a súa adaptación. Un Centro de Recuperación de Fauna medio logra darlles a alta clínica a 600 animais ao ano. Trátase de moitas especies, protexidas ou non, en perigo de extinción actual ou futuro, que son vítimas de accidentes en tendidos eléctricos e valados cinexéticos, pero a maioría sono de disparos fortuítos ou voluntarios e doutras prácticas vandálicas. Estímase que de cada 60 animais que chegan a un centro hai 6.000 nas mesmas condicións que non se atoparon. A defensa da biodiversidade e o respecto á natureza precisa de grandes palabras, pero tamén de diminutos feitos.