Amais de directora do Museo Arqueolóxico Nacional, vostede é arqueóloga de formación.
Si, sempre me dediquei á arqueoloxía.
Irrítalle que a figura do arqueólogo se asocie a Indiana Jones?
Dá unha imaxe totalmente falsa. Hai outra imaxe máis bonita, que é a que dá Agatha Christie. Ela estaba casada cun arqueólogo e marchou con el de escavacións durante moitos anos ao Próximo Oriente e escribiu un libro moi bonito, onde conta a realidade de como son as escavacións. E non necesitaba recorrer ás serpes.
Así que non ten o sombreiro e o látego por aquí gardado?
Non, non.
Vostede tamén traballou en escavacións, con que queda?
Prefiro traballar no museo. Hai que ter en conta que non se pode traballar no terreo durante todo o ano, é tremendamente duro.
O depósito paleontolóxico e arqueolóxico máis importante de España atópase en Atapuerca. Onde quedarán os seus achados?
Quedarán en Burgos.
Non lle dá pena?
Que lle imos facer! Así e todo, o ano pasado trouxemos Atapuerca ao Museo. Expuxemos a pedra tallada, o famoso Excalibur, e o cranio de Atapuerca.
España é un filón para os arqueólogos?
Claro, porque é unha terra moi rica, porque somos distintos, moi variados, a nosa historia é moi rica.
Que criterios se seguen para definir se unha peza é arqueolóxica ou non?
O límite márcao por unha banda a Lei de patrimonio histórico español, que define que unha peza pode considerarse arqueolóxica 100 anos despois da súa fabricación, pero sobre todo o son as pezas que son estudadas con metodoloxía arqueolóxica. Pero, por exemplo, ante unha cómoda do século XIX das que temos no museo, o noso estudo faise dende o punto de vista do historiador da arte.
Pero iso é arqueoloxía ou non?
Non necesariamente é arqueoloxía, claro.
O museo, polo tanto, acolle pezas que van máis alá do arqueolóxico.
Efectivamente.
Nun principio, este museo íase chamar Museo Central de Antigüidades, e de aí pasou a chamarse Museo Arqueolóxico Nacional, pero cando se crea, no Decreto de 1867, dise que deben ter cabida as esculturas, as pezas arqueolóxicas, os utensilios dos homes que poboaron o Globo. En realidade estábase a dar cabida a todo. Concíbese ademais como un museo que é da historia de España, pero tamén da historia doutros pobos.
A imaxe que transmite cando describe o museo é a dunha especie de caixón de xastre onde cabe un pouco de todo.
Si, hai de todo, dende obxectos do Paleolítico ata o corpiño de Isabel II, por exemplo. Temos un cofre magnífico, aínda que moi feo, onde hai 100.000 cartas de 100.000 republicanos españois que se uniron a Castelar e que o propio Castelar lle entrega ao museo como un museo de historia.
Que argumentos utilizaría para tratar de convencer a unha persoa de que paga a pena visitar este museo?
Sobre todo amosa identidades como ser humano, identidades colectivas e tamén identidades específicas. Eu estou á fronte de museos dende hai moitísimos anos e podo dicir que ao ser humano lle interesa coñecer as raíces, saber de onde vimos. Esa curiosidade é innata do ser humano. Todo está en que o museo saiba explicalo, contalo ou atraer o público.
Algunha fórmula?
Ben, as fórmulas son moitas e teñen que cruzarse. A primeira é facelo a través de exposicións atractivas e que sexan capaces de interesar. Exposicións que poden bascular entre amosar as pezas por si mesmas e enchelas das máis modernas tecnoloxías para complementalas. Iso depende das pezas, do momento, e de moitos elementos. Pero tamén hai un aspecto importantísimo que é a publicidade, e outro máis que é o traballo do propio museo entre os sectores sociais. Os museos seguen a ser espazos a onde hai moitas persoas que non acoden porque pensan que non vai con eles, porque están moi lonxe da súa casa. Eu tiven unha experiencia moi fermosa hai moitos anos. Son de Albacete e fun concelleira alí no Concello. Cando ía aos barrios moitas persoas da periferia preguntábanme: “e eu podo ir ao museo”? E a min aquilo á vez abraiábame, alertábame e doíame. Por iso, dicíame: non o estamos a facer ben. Temos que traballar con sectores sociais cos que ata agora non se traballou. É dicir, non hai que agardar a que as persoas veñan, hai que ilas buscar.
A que sectores sociais acudiría?
A min gustaríame que neste museo, que nun futuro terá unha magnífica sala de exposicións temporais, as comunidades autónomas tamén tivesen un espazo para presentaren as súas novidades ou os seus achados.
Nun museo, importa máis o que alberga ou a forma na que se amosa o seu contido?
Eu creo que os museos, e este sobre todo, ten obxectos faro que invitan os visitantes a ver outras cousas. No noso caso, este obxecto é a Dama de Elxe.
Conservación ou divulgación, con que queda?
Non teñen que estar disputadas. Eu son conservadora de museos e polo tanto a miña primeira obriga é conservar, porque a miña obriga é transmitir e porque o patrimonio histórico non pertence a unha xeración, e o seu receptor non é unha xeración senón que teñen que ser moi diversas xeracións. Non están nin deben estar disputadas, non ten por que haber puntos de fricción e menos agora mesmo.
Ata que punto hai un risco de converter o museo nun espectáculo para atraer os visitantes?
Eu non estou a favor de espectacularizar o museo.
Como se pode evitar?
Considérome unha defensora do valor dos obxectos patrimoniais. Son sinais de identidade, o que acontece é que non todo vale. Parece que estamos nunha sociedade na que todo é válido e todo é substituíble, e eu penso que non. Que un neno coñeza unha momia non é o mesmo que que coñeza unha reprodución da momia. Esperta curiosidade, pero o orixinal ademais esperta a emoción e os obxectos nun museo non deben de ser substituídos por tecnoloxías. É un problema de entendemento das relacións culturais; se unha persoa identifica e máis ou menos entende e coñece unha cultura determinada iso fórmaa e faraa ser máis receptiva ao entendemento doutras cultura, e iso é importantísimo nos tempos nos que estamos agora, e coido que os museos tamén teñen o seu papel aí. Os museos son vehículos para o coñecemento e débense converter tamén en vehículos para contribuír á formación deses tipos de actitudes. É dicir, se eu non coñezo a cultura, o que son, nunca vou estar en condicións de entender o que é ou o que representa dende un punto de vista cultural outra persoa. Por iso eu coido que os museos teñen elementos para contribuír a ese diálogo que é necesario, e máis no noso mundo actual.
Comentaba a importancia dos obxectos patrimoniais, pero neste museo hai unha reprodución da Cova de Altamira, como casa unha cousa con outra?
Fíxose no seu tempo nunhas circunstancias especiais. O Museo de Altamira daquela non existía. Non obstante, xa se creou un magnífico museo, creouse unha magnífica reprodución coa neocova e aquí visita menos xente esta cova, aínda que se converteu case nun elemento patrimonial.
Concluíuse en datas recentes a reforma do Prado, que acaparou a atención dos medios de comunicación. Cre que sería factible ter unha repercusión similar no caso da reforma que está prevista no Museo Arqueolóxico Nacional?
Espero que a teñamos, por suposto. Teremos que aprender del.
Xa tomou nota?
Si, dende logo.
Cando se fala de arqueoloxía, unha das principais cuestións é canto de obtención legal e lícita do patrimonio e canto de espolio albergan os museos. No caso do que vostede dirixe, cal é a situación?
Neste museo non pasa. Non vos podedes imaxinar o que mercou ao longo da súa historia!. Non hai espolios neste museo e é tremendamente respectuoso coas comunidades autónomas, ás que lles corresponden as competencias en arqueoloxía. Non mercamos nada que sexa dunha comunidade autónoma. Iso é un principio ético.
E iso supón un empobrecemento do museo?
Pódese mirar en positivo e en negativo. Eu quero que aquí veña o mellor das comunidades autónomas e que se amose na sala de exposicións temporais. De tódolos xeitos, as coleccións do Museo Arqueolóxico Nacional son de tal riqueza… Neste momento, 46 museos en España están a exhibir coleccións deste museo, son riquísimas. Temos ao redor dun millón e medio de bens patrimoniais, e ata agora tivemos exposto o 9%, porque o edificio é o que é.
Este museo ten case 10 veces menos visitantes ca O Prado, e iso que están preto un e outro. Xéralle envexa sa ou resignación?
Coa ampliación que fixeron agora de Moneo ampliaron 22.000 metros cadrados máis. Este Museo, en total, logo da reforma, terá 30.000. Eu son consciente de que nunca vai ter os mesmos visitantes ca O Prado, pois non ten espazo para acoller tantos visitantes. É un problema de relación matemática, nunha casa preparas a cea para 10 ou para 30 persoas, depende do grande que sexa o teu comedor. Aquí pasa o mesmo, este museo tense que conformar con algo máis de 200.000 visitantes, aínda que coido que a nosa cifra ten que saltar máis alá. Unha boa afluencia podería ser o medio millón de persoas ao ano. Non temos espazo para atender a unha cantidade maior de visitantes.
Vostede é visitante habitual de museos?
Si. Porque me gusta moito, gozo, choro vendo algunhas pezas. Hai obxectos expostos que te emocionan e que fan que che caian as bágoas de ledicia e de pracer.
Algún exemplo?
Lembro que no museo que eu dirixía antes en Albacete collín coas miñas mans un cadro de Kandinsky e chorei.
Dende esa perspectiva e dende o seu coñecemento, como conservadora de museos, que lle aconsella a unha persoa para que goce ou poida gozar dun museo?
Que vaia tranquilamente a pasear. Eu penso que o primeiro achegamento é o paseo, o paseo tranquilo, relaxado. Sen desexar querer velo todo; gozar do pracer da visión dos obxectos, do que significan, do que transmiten ou do fermosos que son, do ben que están feitos e das xoias que teñen… É ese gusto.
O seu museo favorito?
Eu teño dous museos favoritos, o Arqueolóxico Nacional e o de Albacete. No de Albacete estiven traballando 28 anos e 21 como directora, moito tempo como para esquecer un museo. Á parte destes diríache que O Prado.
Que impresión lle dan a ofertas doutros museos, como por exemplo o Guggenheim?
Eu creo que é un fenómeno especial.
Para ben ou para mal?
Eu creo que para ben porque foi bo para a cidade de Bilbao, pero tamén porque Bilbao fixo unha aposta. Coido que é unha magnífica escultura. Hai por aí un artigo dun arquitecto que di que os museos son as catedrais do século XX e XXI. Eu creo que para impresionar xa están outras cousas, os museos teñen que ser espazos para os homes, teñen que ser espazos feitos máis á escala humana. Eu prefiro un destes ca o Guggenheim.
E algún museo que se construíra recentemente a escala humana?
O Museo do Traxe, por exemplo. As salas están feitas moi a escala humana.
Pero por que estes museos son menos coñecidos e menos visitados?
Pola natureza humana. Non é moi alentador. Hai que educar tamén nese sentido. Por exemplo, o problema do Museo do Traxe é que é menos visitado polo lugar onde está. En xeral hai que ter en conta que os museos non son algo que a xente visite, as persoas van ao cine, a un restaurante…, polo tanto un museo ben situado sempre terá máis visitas ca un museo mal situado. Este museo está nun sitio precioso, pero quen queira ir ao Museo do Traxe ten que ir ver o Museo do Traxe, ten que desprazarse en coche, ou ir ata Moncloa, coller un autobús… e non é o único exemplo. O Museo de Badaxoz, por exemplo, comezou a remontar cando se revalorizou o barrio onde está situado o museo.