Primeira Comuñón

Unha voda en miniatura

Unha celebración para 25 convidados pode custar entre 1.200 euros e 5.300 euros en función do menú, a indumentaria e os regalos para os pequenos protagonistas
1 Abril de 2008
Img informe listado 507

Unha voda en miniatura

A celebración social que rodea un acto de carácter relixioso como é a primeira comuñón gana terreo nun mercado que concibe este tipo de celebracións como versións a escala dunha voda no custo da vestimenta, do menú, dos regalos e mais doutros complementos. Todo iso, iso si, cun desembolso crecente para a familia e para os convidados.

As primeiras comuñóns convertéronse nun acontecemento social e un negocio redondo. Na actualidade, o custo da celebración social deste acto relixioso móvese, se se toma como referencia un xantar con 25 comensais, entre os 1.200 e os 5.300 euros, dependendo de se quen comulga por primeira vez é neno ou nena, e mais do dispendio que os seus proxenitores están dispostos a realizar. Para agasallaren aos seus fillos e fillas, moitos pais organizan, coma se se tratase dunha viaxe de noivos, unhas mini vacacións no seu parque temático favorito: Eurodisney, Terra Mítica, etc.


Princesas e mariñeiros por un día

O traxe é, sen dúbida ningunha, un dos elementos clave dese día, sobre todo no caso das nenas. De feito, a vestimenta é, xunto co banquete, o apartado máis oneroso dentro do capítulo de gastos. Dende hai uns anos, a tendencia foi evolucionando cara a un estilo cada vez máis marcado pola sinxeleza, aínda que esta non se viu reflectida nunha rebaixa dos prezos. Hoxe en día, un vestido de comuñón de organdí, o máis usual no mercado e o máis demandado, ten un prezo medio que rolda os 300-400 euros, podendo alcanzar os 800 euros, e mesmo superar esta cifra. O traxe de rúa rolda os 150-200 euros e adoita estar cosido en gasas e sedas. Amais do vestido hai que engadir os complementos: zapatos, calcetíns, enagua, adornos para o pelo, etc., que, como mínimo, supoñen un desembolso duns 90 euros.

No caso dos nenos, o traxe de chaqueta, ou de rúa, vai gañando adeptos, aínda que segue predominando o traxe de almirante ou mariñeiro. Esta tradicional indumentaria representa a solución máis económica, cun prezo que rolda os 120 euros. O de almirante é máis caro, entre 200 e 400 euros, se está confeccionado a man. Ao igual ca no caso das nenas, os complementos tamén teñen aquí a súa importancia. Zapatos, gravata, cinto ou cordóns para os traxes mariñeiros fan que a factura final chegue a superar os 600 euros.

A terceira opción, menos glamourosa pero máis práctica, é vestir “de rúa”. Neste caso, a oferta é moi ampla: pódese elixir a gusto do neno e da súa familia pantalón e americana, ou pantalón curto, camisa e chaqueta especial.

Neste apartado de gastos non se pode pasar por alto o desembolso correspondente ao vestiario dos familiares máis directos do neno ou nena. Prezos que varían segundo o estilo e as necesidades de cada membro da familia, pero que poden supor un desembolso extra próximo aos 1.000 euros.

Menú variado, e con prezos á alza

Lonxe quedaron xa as celebración das comuñóns baseadas nunha reunión familiar, polo xeral na casa dos pais do pequeno protagonista. Pero iso era antes. Na actualidade, a celebración dunha Primeira Comuñón comporta unha lista de preparativos cada vez máis próximos aos que se vinculan cunha voda.

Ao igual ca na celebración dun matrimonio, o banquete que se lles ofrece aos convidados é o que máis encarece a celebración dunha Comuñón. Se a comida se celebra nun restaurante, o prezo medio dun convite para 25 persoas rolda os 1.200 euros. Se se incrementan os pratos (aperitivos, entrantes, dous pratos e torta de pisos) ou se aposta polo marisco, o custo por comensal pode rozar tarifas propias dos menús de vodas, entre os 90 e os 120 euros. Para o protagonista do día e os seus pequenos amigos e familiares, os restaurantes adoitan preparar menús infantís máis acordes cos seus gustos, e a prezos máis reducidos (entre 20 e 30 euros).


Diversión infantil tras o banquete

Os verdadeiros protagonistas de tan festivo día son os nenos e nenas, polo que a miúdo nun mesmo restaurante celébranse varias comuñóns e dentro do prezo do menú inclúese unha actuación con pallasos ou magos, e outras distraccións para os cativos, como castelos inchables, obradoiros manuais, contacontos ou discotecas móbiles. Trátase de ter entretidos os pequenos tras o banquete, mentres os adultos gozan da sobremesa. Así e todo, hai salóns que non inclúen este servizo no menú, aínda que en moitos casos ofrecen a posibilidade de que se contrate este servizo á parte por un prezo medio de 250 euros.
Agora ben, este extra non é exclusivo dos restaurantes. De se desenvolver a celebración na casa, tamén se poden contratar distintos espectáculos de entretemento por prezos que oscilan entre 60 e 150 euros a hora. Outra opción, moito máis económica, é elixir un restaurante que dispoña de xardín ou parque infantil nas súas instalacións.

Atinar co regalo

/imgs/20080401/informe.05.jpg
Tamén nos regalos se aprecia unha evolución con respecto a hai apenas cinco anos; os cubertos de prata, biblias e bonecas de comuñón deron paso a ordenadores, aparellos de MP3, cámaras dixitais, bicicletas ou videoconsolas. Como grandes clásicos mantéñense as cruces, medallas e pulseiras de ouro co nome do menor e coa data do evento gravados, os reloxos e o xogo de bolígrafos ou plumas.

No caso dun obsequio de comuñón, o obxectivo é que perdure no tempo e na memoria dos nenos como recordo dunha data tan especial. Hai que ter en conta que eles son conscientes de que van recibir regalos, non lles importa tanto o seu prezo como o feito de acumulalos. Por iso, o desembolso a realizar depende do orzamento do que se dispoña, xa que por menos de 50 euros é posible adquirir bonecos de comuñón, reloxos, películas, videoxogos, libros, etc. Iso si, algúns regalos poden alcanzar os 1.000 euros. Non obstante, os pais cada vez llelo poñen máis doado aos convidados, xa que facilitarlles un número de conta aos convidados -como se dunha voda se tratase- ou enviarlles unha lista de regalos é unha práctica cada vez máis común.

A comuñón sen comuñón

Dende hai uns anos algunhas familias comezaron a celebrar o que denominan ‘comuñón civil’, por analoxía coas vodas civís. Trátase de realizar unha festa social similar á daquelas familias que decidiron que os fillos cumprisen con este sacramento pero, nestes casos, sen pasar pola igrexa. Aínda que minoritarias, cada vez son menos estrañas as festas civís, sen igrexa nin catequese, pero con regalos, banquete e ata traxe de comuñón para a nena ou neno homenaxeado. Trátase de non privar ao pequeno da festa nin da variedade de regalos que a maioría dos seus compañeiros da escola van ter.

Nun país no que a práctica relixiosa está a diminuír -segundo o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), en 1998 o 83% dos españois definíase como católico, mentres que no 2007 a cifra baixou ata o 77%-, os cidadáns queren festexar os momentos importantes da vida, pero non necesariamente por un motivo relixioso. É dicir, celebrar unha comuñón sen comuñón.

Como saír airoso do evento e táboa comparativa

  • Elabore un orzamento razoable, acorde coas posibilidades económicas familiares, e cíngase a el todo o posible. Evitará excesos e endebedamentos innecesarios.
  • Amais dos gastos previstos, inclúa no orzamento unha marxe para posibles engadidos.
  • Intente non deixarse influír polos reclamos publicitarios nin polo consumismo desmedido, cada vez máis hexemónico neste tipo de celebración.
  • Teña en conta que non é necesario un grande despregamento de medios para que o neno ou nena o pase ben.
  • Reduza a lista de convidados (o banquete é o apartado máis oneroso da celebración) aos máis achegados e organice con posterioridade unha festa infantil (máis económica) cos amigos do seu fillo. A fin de contas, os protagonistas da celebración son os cativos.
  • Solicite información en varios establecementos para comparar prezos e condicións, así como o horario de saída.
  • Anime o seu fillo ou filla a ir vestido “de rúa” ou recicle os traxes de familiares ou amigos, pode personalizalos con adornos novos para o pelo, no caso das nenas e con gravatas diferentes no dos nenos.
  • Reserve o banquete con antelación. Pida orzamento e contrato por escrito, con indicación do prezo por persoa, menú detallado e ofertas se as houbese.
  • Solicite menús infantís para o homenaxeado e para os convidados máis pequenos.
  • Elixa un restaurante que dispoña de xardín ou parque de xogos. Deste xeito os nenos poderán xogar e non terá que contratar un servizo de animación infantil, ao mesmo tempo que os maiores poderán gozar dunha tranquila e agradable sobremesa.
  • En caso de que a parroquia ou o salón onde vaia celebrar a cerimonia e o banquete queira impor o fotógrafo, teña en conta que a elección de quen realiza as fotos do acto depende en exclusiva do usuario que contratou o servizo, e que esa conduta incumpre a Lei de defensa da competencia. Trátase dunha cláusula imposta abusiva.
  • Unha vez seleccionado o fotógrafo, tras comprobar a calidade e prezo dos seus servizos, informe diso por escrito á igrexa e ao restaurante.
  • Se tras o banquete, ou durante este, gozan da música ou dun baile (cada vez é máis frecuente nas comuñóns), saiba que a factura se incrementará, directa ou indirectamente, polo canon que cobra a SGAE. A tarifa por acto é de 112,43 euros, sempre que os comensais sexan menos de 75. De se superar esta cantidade, o montante a pagar incrementarase en 0,45 euros por cada comensal.
  • Conserve todas as facturas, a publicidade -ten valor contractual- e o resto da documentación para efectuar reclamacións posteriores se cómpre.