A saúde de Narciso
A personalidade do Narciso
A característica máis significativa da estrutura de personalidade narcisista é a grandiosidade: son suxeitos que se sobrevaloran, que esaxeran os seus logros e que esperan -e chegan a esixir- que se lles trate de forma exclusiva. As normas e convencións sociais non están feitas para eles senón para os demais. Por iso non dubidan en saltalas cando están seguros de que non lles traerá consecuencias e lles facilitará satisfacer as súas necesidades.
Consideran que son tan especiais e complexos que poucas persoas poden entendelos. De aí que tendan a mirar aos demais por riba do ombreiro. Pero a realidade é que son eles os que se amosan incapaces de pórse no lugar do outro, polo que non amosan ningún reparo en relacionarse de forma explotadora. Caracterízanse porque sempre piden e non senten que deban facer ou dar algo a cambio.
Paradoxalmente, a súa autoestima é voluble e precisan da valoración e do recoñecemento continuado sobre o ben que fan as cousas. Proba diso é que as amizades e a propia parella deben renderlles obediencia a través da súa gratitude e valoración, e sempre escollen a rendidos admiradores para as súas viaxes cotiás.
O patrón de conduta máis habitual do narciso tamén se concreta en que a miúdo adoitan agachar os seus sentimentos, aínda que cunha marcada tendencia a expresar rabia ou vergoña cando se lles critica ou se coñece un fracaso, mesmo a través dun contraataque feroz e destrutivo. Outro sentimento moi común neles (aínda que non o recoñezan) é a envexa: non poden aturar a aqueles que triunfaron ou que espertan a admiración dos demais, e que lles quitan -inxustamente- protagonismo.
Como son persoas que toleran moi mal a insatisfacción e os erros, déixanse levar por unha florida capacidade para a fantasía, onde esaxeran as súas capacidades e minimizan os seus defectos. Nelas sempre son os mellores e nunca fallan, pero cando a evidencia do fracaso non lles deixa outra opción que a de renderse, adoitan sentirse avergonzados e baleiros, e ata se deprimen por períodos breves, porque máis axiña ca tarde son capaces de activar as súas estratexias racionalizadoras e de recuperarse.
Esta racionalización é o seu mecanismo de defensa fronte á dor de non triunfar ou en caso de cometer unha acción inaceptable: ou ben derivan a culpa aos demais ou distorsionan a realidade mediante a construción dunha explicación alternativa a aquela que lles causa dor. «Rexeitaron o meu proxecto porque me teñen envexa» ou «porque hai intereses ocultos». No seu argumentario nunca admitirán que o seu non sexa un proxecto suficientemente bo.
É un perfil doado de atopar entre persoas ás que, durante a súa infancia e adolescencia, non se lles ensinou a cooperar, a responsabilizarse, a considerar os dereitos, intereses e o benestar dos demais, en xeral con referentes adultos con perfil similar. Os narcisos adultos séntense capacitados para todo, por iso non senten a necesidade de levar a cabo un adestramento previo, co que aumentan as posibilidades de errar. Como esta situación é moi dolorosa, refúxianse en fantasías de éxito de tal maneira que poden chegar perder o contacto coa realidade e illarse.
As persoas con este tipo de personalidade a miúdo resístense a recibir un tratamento terapéutico, agás cando as sesións adoptan un cariz de recoñecemento. Neste caso só se perpetuaría o seu patrón narcisista, xa que acudirían a terapia só polo recoñecemento obtido. As interpretacións das súas condutas lévanos a padecer unha forte tensión polos sentimentos negativos que lles xeran: teñen medo a ser descubertos nas súas debilidades e non o poden aturar, razón polo que adoitan abandonar o tratamento.
- A tendencia a buscar un culpable dos seus erros pódese contrarrestar por “efecto do modelado”: se o terapeuta ou a persoa que convive co narciso asume os erros, o paciente aprende -de alguén a quen valora en certo grao- que non é necesario sentirse incómodo por cometer pequenos fallos nin buscar culpables que reduzan o malestar.
- A través da terapia de parella ou familiar unha persoa narcisista pode aprender a negociar cos demais e a entender as súas necesidades, así como a desenvolver formas axeitadas de promover o recoñecemento da parella ou os fillos.
- Fronte á súa hipersensibilidade á avaliación e á crítica, podemos axudalo se conseguimos que afronte estas situacións de modo progresivo e graduado a través de comentarios de baixa intensidade e nun marco maior de recoñecemento («o traballo que desenvolviches foi espectacular, aínda que penso que o mellorarías aínda máis se…»), ou facendo que sexa el mesmo quen realice esa crítica sobre o seu traballo («ocórreseche algún xeito máis de mellorar?»).
- Para corrixir a súa tendencia aos pensamentos dicotómicos (ou está perfecto ou é un lixo), hai que ensinarlle a valorar o que está ben e mal. É o paso desta expresión: «a paella saíu fatal» -con independencia de quen a cociñara- á seguinte: «ten moi bo gusto, pero sóbralle sal».
- Resultan moi útiles as intervencións paradoxais que redirixen a patoloxía contra si mesma, creando un círculo sen saída: se o axudamos a que perciba o sentimento de grandeza como unha necesidade, esta entra en conflito coa súa autoimaxe de fortaleza.
Se puidésemos escoitar os pensamentos máis característicos das persoas narcisistas, atopariámonos con afirmacións que soarían así:
- “Son unha persoa moi especial”.
- “Posto que son superior, teño dereito a un trato e privilexios especiais”.
- “A min non me obrigan as regras que valen para os demais”.
- “É moi importante obter recoñecemento, eloxio e admiración”.
- “Se os demais non respectan o meu estatus, deben ser castigados”.
- “Todos deben satisfacer as miñas necesidades”.
- “É intolerable que non se me teña o debido respecto ou que non consiga aquilo ao que teño dereito”.
- “As outras persoas non merecen a admiración ou a riqueza que teñen”.
- “As persoas non teñen ningún dereito a criticarme”.
- “As miñas necesidades están por riba das de calquera outro”.
- “Só me comprenden as persoas tan intelixentes coma min”.